Lugar: Centro Sociocultural de Santa Marta.
Data e hora: sábado, 27 de xuño, ás 19h.
|
A AC. O Galo, como membro da Rede Cultural da Lusofonía, convídavos á representación da peza teatral CAMBEDO 1946, que corre a cargo do grupo portugués Teatro de Balugas. Nela escenifícase a acollida de guerrilleiros galegos pol@s habitantes desa aldea e o bombardeo que a aviación franquista efectuou sobre ela, malia a oficialmente ser territorio luso. Entrada libre até encher.
Lugar: Centro Sociocultural de Santa Marta. Data e hora: sábado, 27 de xuño, ás 19h.
0 Comentários
O vindeiro xoves, 18 de xuño, ás 19:15h., no oratorio S. Felipe Neri (edifico de S. Martiño Pinario. Éntrase pola porta do museo), para clausurar o ciclo Iconografía e Arquitectura na Catedral de Santiago de Compostela, s. XI-XV, a Catedrática de Historia da Arte na USC Marta Cendón impartirá a palestra “O gótico na catedral de Santiago”. O Acto rematará cunha visita guiada por esta profesora ao interior da catedral. Deste xeito completaremos o que antes nos explicou e amosou en imaxes durante a súa palestra. A entrada é libre até encher o local.
O GÓTICO NA CATEDRAL DE SANTIAGO Con frecuencia, os estudos sobre a catedral compostelá centráronse na fábrica románica, ou ben, no Barroco, omitindo os aspectos referentes ás realizacións durante o Gótico. Iso vén motivado, alén de por a brillantez das obras dos devanditos períodos, pola perda que sufriron as construcións realizadas na parte final do medievo, enmascaradas, en boa parte, tras as transformacións posteriores. Hai una serie de obras xa góticas, que continúan os presupostos dos talleres mateinos, como reflicten os restos do panteón rexio ou a imaxe do apóstolo que preside o altar maior. Xunto a elas comeza a desenvolverse un gótico próximo ao que desde Francia calara nas catedrais máis relevantes de Castela, como Burgos, Toledo e sobre todo León, e que cronoloxicamente coincide co arcebispado de D. Xoán Arias (1238-1266). Tamén cabe destacar as obras realizadas en relación con outros arcebispos como o dominico francés D. Berenguel de Landoira (1317-1330), D. Lope de Mendoza (1400-1445), membro dunha das liñaxes mais destacadas na Castela da época, pechando o gótico a actividade desenvolvida polo dous primeiros Fonseca, en especial D. Afonso de Fonseca e Acevedo (1464-1507). Realmente o que se levou a cabo durante o Gótico, foron remodelacións de certas zonas, como a cabeceira, o pazo episcopal, o claustro, diversas fortificacións e, sobre todo, capelas privadas vinculadas ao mecenado de arcebispos, nobres ou burgueses que trataban de ser lembrados polas súas contribucións á catedral. MARTA CENDÓN FERNÁNDEZ é Catedrática de Historia da Arte na USC. Realizou a tese de doutoramento sobre Iconografía funeraria do bispo na Castela dos Trastámara. Entre os seus libros destaca A catedral de Tui en época medieval. Así mesmo, publicou diversos artigos e capítulos de libros sobre a catedral de Tui, a imaxe da nobreza na Idade Media galega, a escultura funeraria de bispos, e outros temas enmarcados sempre no medievo: a idea da morte, e aspectos iconográficos vinculados coa natureza, a vida cotiá, a muller, peregrinación, haxiografía, e devocións. articipou en múltiples congresos, cursos e simposios en España, Portugal, Francia, Marrocos, Brasil, Uruguai e Arxentina. Por outra banda, foi membro de diversos proxectos de investigación sobre temas tan variados como as catedrais galegas na Idade Media ou “Lexitimación do poder, correntes relixiosas e prácticas de piedade na coroa de Castela, séculos XII-XV”. En 2021 coordinou o proxecto titulado “Santiago taumaturgo: textos e imaxes”, dentro dos “Proxectos de investigación, difusión e didáctica sobre ou camiño de Santiago e as peregrinacións”. É membro de diferentes grupos de investigación e comisións: IACOBUS, CISPAC, Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia. É Presidenta do “Instituto de estudos tudenses”, membro da Real e Pontificia Academia Auriense Mindoniense de San Rosendo, así como da Société Nationale des Antiquaires de France como «correspondant étranger ». “Portais historiados da catedral de Santiago” é a seguinte palestra do ciclo Iconografía e Arquitectura na Catedral de Santiago de Compostela, s. XI-XV, organizado pola nosa asociación. A entrada é libre até encher o local.
Esta palestra será impartida por Manuel Antonio Castiñeiras González, catedrático de Historia da Arte Medieval na Universitat Autònoma de Barcelona O Acto rematará cunha visita de 15 minutos, guiada por este profesor ao interior da catedral compostelá. Deste xeito completaremos o que antes nos explicou e amosou en imaxes durante a súa palestra. Día, hora e duración: martes, 9 de xuño, ás 19:15h. Aprox. 95 minutos. Lugar: No Salón de Actos do Museo do Pobo Galego Manuel Castiñeiras é actualmente catedrático de Historia da Arte Medieval na Universitat Autònoma de Barcelona, onde traballa como docente e investigador desde 2010, e presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago desde 2022. Anteriormente foi conservador e xefe da Colección de Arte Románica do Museu Nacional d’Art de Catalunya (Barcelona) (2005-2010), así como profesor titular de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela (1997-2005). Entre os seu méritos internacionais, cómpre salientar que foi Visiting Professor no Department of History of Art da University of Pennsylvania (EE. UU) (2012) e na Pontificia Universidade Católica de Goiás (Brasil) (PUC Goiás, 2024, 2026), Foi tamén Fellow da Japan Society for the Promotion of Science (JSPS) na Nagasaki Junshin Catholic University (Xapón) (2012), e Samuel H. Kress Senior Fellow no Center for Advanced Study in the Visual Arts (CASVA) na National Gallery de Washington (EE. UU), durante o ano académico 2017-2018. É un recoñecido estudoso da arte románica, tanto no ámbito peninsular como en Europa, con importantes traballos sobre monumentos senlleiros como a catedral de Santiago, Ripoll, Conques, Cremona, etc. Nos últimos anos expandiu o seu campo de estudo a temas do Mediterráneo Medieval, a peregrinación a Terra Santa e os contactos con Bizancio, con importantes estudos sobre os códices iluminados bizantinos conservados en España. Entre as súas publicacións destaca: El calendario medieval hispano, 1996; El Pórtico de la Gloria, 1999; A vieira en Compostela, a insignia da peregrinación xacobea, Santiago, 2007; Galicia e os Camiños de Santiago, Xunta de Galicia, 2016, reed. 2025). Foi comisario de grandes exposicións internacionais como: O románico e o Mediterráneo. Cataluña, Toulouse e Pisa, 1120-1180, MNAC, 2008; Compostela e Europa. A historia de Diego Xelmírez, París, Roma, Santiago, 2010, e Sant Pere de Rodes i el Mestre de Cabestany. La creació d’un mite, MNAC, 2026. Os portais historiados da catedral de Santiago -a desparecida Porta Francíxena e a Porta das Praterías-, que foron levados a cabo entre 1101 e 1111/1112, constitúen a máxima expresión da que ten sido chamada “arte xelmiriana”. Estas fachadas esculturadas compostelás supuxeron un gran salto cara a diante con respecto ás experiencias previas dos obradoiros activos no Camiño de Santiago a finais do século XI e constitúen un punto de referencia ineludible da arte europe daqueles tempos. Tanto a Porta Francíxena como Praterías son froito do obradoiro internacional que entón traballaba en Compostela grazas, en parte, ás viaxes emprendidas polo bispo Diego Xelmírez en 1100 e 1105 por terras galas e italianas, que facilitaron tanto a contratación de artistas como o acceso privilexiado a modelos. Compostela converteuse así nun centro creativo e internacional do románico pleno, no que se coñecían as novidades que se estaban a levar a cabo na Porta Miègeville de Tolosa (1100-1105), no Portal Occidental de Conques (ca. 1100), en Cluny III, na catedral de Módena (1099-1106) e mesmo na Roma papal do renacemento paleocristián. De feito, moitas das peculiaridades tipolóxicas (porta bífora con relevos), temáticas (apostolados, teofanías, repertorios profanos) e programáticas (exaltación da vita apostolica, condena dos vicios) das fachadas compostelás derivan de monumentos galos. Do mesmo modo, a experiencia italiana de Xelmírez e os seus acompañantes está na base do uso das imaxes como “escritura para iletrados”, o gusto pola narración e a cita á tradición paleocristià romana. Como resultado, as fachadas compostelás desenvolveron uns programas figurativos e iconográficos de tipo orixinal e vangardista, nos que se sintetizaban as diversas experiencias derivadas da arte dos camiños de peregrinación e se facía explícita a adherencia de Compostela á emerxente arte da reforma greogriana. O xoves, 21 de maio, ás 19:15h.. no oratorio S. Felipe Neri (edifico de S. Martiño Pinario. Éntrase pola porta do museo), continuando co ciclo Iconografía e Arquitectura na Catedral de Santiago de Compostela, s. XI-XV, teremos a palestra O MESTRE MATEO: O GRANDE ARTISTA DA CATEDRAL impartida por Ramón Yzquierdo Peiró. O Acto rematará cunha visita guiada ao interior da catedral compostelá de 15 minutos. A entrada é libre até encher o local.
Ramón Yzquierdo Peiró É o Director Técnico do Museo Catedral de Santiago, do que previamente foi Conservador. Doutor en Historia da Arte e Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade compostelá, conta con mestrados e postgrados en xestión cultural, museoloxía, interpretación do patrimonio e conservación de bens culturais. Asemade, completou a súa formación con bolsas e estancias de investigación no Ministerio de Cultura, Xunta de Galicia e Deputación da Coruña. Entre outras, foi Comisario da exposición Mestre Mateo, celebrada no Museo Nacional del Prado e, na actualidade ocúpase do proxecto expositivo sobre a catedral de Santiago que se desenvolverá proximamente no Meadows Museum de Dallas. Director de numerosos proxectos culturais, entre os que destacan: O Panteón Real de Compostela; Historia Pinxit: espazos temas e personaxes na pintura da catedral compostelá; Bernardo II e a memoria da Compostela medieval e Mestre Mateo: o grande artista da catedral compostelá. A súa actividade investigadora céntrase, fundamentalmente, no estudo dos fondos artísticos da catedral, sendo autor de numerosas publicacións, artigos científicos e divulgativos, capítulos de libros e monografías. O MESTRE MATEO: O GRANDE ARTISTA DA CATEDRAL Tras a decisiva intervención realizada baixo a dirección de Diego Xelmírez, a construción da catedral románica viviu un período de certa retardación debida a causas diversas. En febreiro de 1168, o rei Fernando II asinou en Compostela un privilexio polo cal concedía ao Mestre Mateo unha xenerosa pensión vitalicia pola dirección das obras da catedral. Este documento, hoxe conservado no Arquivo catedralicio supón o punto de partida ao proxecto mateán. Mateo debeu culminar, primeiramente, o corpo lonxitudinal da catedral, tal e como evidencian o cambio estilístico que se aprecia nos capiteis das naves e a tribuna nos seus últimos tramos e, tamén, recentes estudos sobre os procesos construtivos da catedral. De seguido, Mateo afrontou o pechamento occidental da catedral co Pórtico da Gloria, estruturado en tres niveis en altura salvando a pendente do terreo cunha novidosa Cripta, que inicia o relato de contido apocalíptico e salvífico do conxunto. No nártice, orixinalmente aberto cara o exterior mediante un gran arco e unha fachada hoxe perdida, plasmou a historia da humanidade, culminada no final dos tempos coa segunda vida de Cristo. Toda este relato culmina na tribuna situada sobre o Pórtico, onde a clave da bóveda central, co Año de Deus, estaba permanentemente iluminada seguindo novamente o Apocalipse. Xunto co conxunto do Pórtico, hoxe moi alterado por intervencións posteriores que afectaron sobre todo á súa fachada exterior e á policromía, o proxecto do Mestre Mateo tamén incluíu a construción dun gran coro en granito policromado que ocupou os catro primeiros da nave central da catedral. O coro, destinado aos cóengos de Santiago, formaba parte do programa iconográfico dun proxecto unitario. O Mestre Mateo representaríase a si mesmo na imaxe axeonllada do reverso do baseamento do parteluz do Pórtico, o popularmente coñecido como Santo dos Croques, nun recoñecemento ao labor do artífice pouco habitual na súa época; e completaría o seu proxecto, ademais, coa colocación sobre o altar xelmiriano da imaxe sedente do Apóstolo que presidiría a solemne consagración da catedral compostelá o 21 de abril de 1211. Tras a decisiva intervención realizada baixo a dirección de Diego Xelmírez, a construción da catedral románica viviu un período de certa retardación debida a causas diversas. En febreiro de 1168, o rei Fernando II asinou en Compostela un privilexio polo cal concedía ao Mestre Mateo unha xenerosa pensión vitalicia pola dirección das obras da catedral. Este documento, hoxe conservado no Arquivo catedralicio supón o punto de partida ao proxecto mateán. Mateo debeu culminar, primeiramente, o corpo lonxitudinal da catedral, tal e como evidencian o cambio estilístico que se aprecia nos capiteis das naves e a tribuna nos seus últimos tramos e, tamén, recentes estudos sobre os procesos construtivos da catedral. De seguido, Mateo afrontou o pechamento occidental da catedral co Pórtico da Gloria, estruturado en tres niveis en altura salvando a pendente do terreo cunha novidosa Cripta, que inicia o relato de contido apocalíptico e salvífico do conxunto. No nártice, orixinalmente aberto cara o exterior mediante un gran arco e unha fachada hoxe perdida, plasmou a historia da humanidade, culminada no final dos tempos coa segunda vida de Cristo. Toda este relato culmina na tribuna situada sobre o Pórtico, onde a clave da bóveda central, co Año de Deus, estaba permanentemente iluminada seguindo novamente o Apocalipse. Xunto co conxunto do Pórtico, hoxe moi alterado por intervencións posteriores que afectaron sobre todo á súa fachada exterior e á policromía, o proxecto do Mestre Mateo tamén incluíu a construción dun gran coro en granito policromado que ocupou os catro primeiros da nave central da catedral. O coro, destinado aos cóengos de Santiago, formaba parte do programa iconográfico dun proxecto unitario. O Mestre Mateo se representaría a si mesmo na imaxe axeonllada do reverso do baseamento do parteluz do Pórtico, o popularmente coñecido como Santo dos Croques, nun recoñecemento ao labor do artífice pouco habitual na súa época; e completaría o seu proxecto, ademais, coa colocación sobre o altar xelmiriano da imaxe sedente do Apóstolo que presidiría a solemne consagración da catedral compostelá o 21 de abril de 1211. A AC. O Galo convídate a ti e ás túas amizades a celebrar a Festa da Bretaña en Santiago de Compostela!
Terá lugar o vindeiro Sábado 16 de maio no CSC Maruxa e Coralia 12:00 : Proxección da curta-metraxe “ Retornar Bretaña” da Asociación Cultural Vagalumes (30 minutos) e coloquio (Entrada libre até completar aforo). 13:00 Concerto na Praza de Salvador Parga cos músicos Bieito Romero (Frauta traveseira), Marcos Aguiar (Guitarra), Migui Ocampo (Bodhran) e foliada libre. Agardamos que participes O xoves, 7 de maio, ás 20:00h. no Espazo Enocultural Vide-Vide (Rúa Fonte de Stº Antonio nº 10) a AC. O Galo organiza a palestra SINDICALISMO E MUDANZA SOCIAL EN COMPOSTELA. Entrada libre até encher.
O conferenciante,Eliseo Fernández, é Licenciado en Documentación pola Univeresidade da Coruña. Ten traballado como bibliotecario e na actualidade é técnico no Archivo Intermedio Militar Noroeste. Investigador especializado na historia do movemento obreiro e do anarquismo en Galicia. Sobre a historia do movemento obreiro e do anarquismo ten publicados os libros “José López Bouza: do anarquismo ao republicanismo”, “Obreirismo ferrolán”, “Psiquiatría, corrupción e loita de clases: a folga do manicomio de Conxo en 1933”. Ademáis ten publicado tamén en colaboración con Dionísio Pereira as obras “O anarquismo na Galiza: apuntes para unha enciclopedia”, “O movemento libertario en Galicia (1936-1976)”, “Nacionalismo e anarquismo na Galiza (1840-1940)”, “A primeira resistencia armada ao golpe militar na Galiza (1936-1940)” e “Mulleres libertarias na Galiza: 1891-1976)”. Foi membro do Comité Científico do Congreso da Memoria (Narón, 2003) e do Congreso da Guerrilla (A Coruña, 2009), integrante do Consello Asesor do Proxecto de Investigación Interuniversitario “As vítimas, os nomes, as voces, os lugares” e foi presidente do Ateneo Ferrolán entre 2014 e 2016. Sinopse Desde finais do século XIX a clase traballadora compostelá emprendera un proceso de organización sindical e actividade reivindicativa. Ese roteiro consolidouse a partir da década de 1910 e tivo certo protagonismo na denuncia da represión nos sucesos de Nebra-Porto do Son en 1916 e na folga xeral unitaria de agosto de 1917. O sindicalismo de clase foi así conformándose como o sector popular numericamente máis potente e mellor organizado de Compostela a súa bisbarra. O sindicalismo compostelán estaba na década de 1920 plenamente consolidado e as sociedades obreiras agrupaban aos traballadores e traballadoras de cada oficio, en que convivían militantes de diversas ideoloxías (anarquistas, socialistas, comunistas, republicanos ou galeguistas). Aos poucos o anarcosindicalismo foi converténdose na tendencia maioritaria do sindicalismo compostelán, até o ponto de que as organizacións obreiras da cidade agrupando a máis dun milleiro de traballadores e traballadoras participaron no artellamento da Confederación Regional Galaica da CNT en 1922. A represión que seguiu ao golpe militar de Primo de Rivera minguou a forza sindical, aínda que a súa consistencia fixo que durante os anos 1925 e 1926 asumira unha posición central no anarcosindicalismo galego, como sede do Comité da CRG e lugar de publicación do seu voceiro “Solidaridad Obrera”. A ditadura rematou por impedir a publicación do xornal, suspender a actividade das sociedades de canteiros e peóns, e levou ao cárcere aos militantes máis destacados. O presitxio acadado polos sindicatos anarcosindicalistas na oposición á ditadura facilitou o seu renacemento a partir de 1930. E a reactivación da súa actividade repercutiu na vitoria electoral das esquerdas nas eleccións municipais. Nun novo período de maiores liberdades o sindicalismo compostelán creceu numericamente e liderou algúns dos acontecementos máis relevantes da época. Foi o caso da folga xeral pola paralización das obras do ferrocarril Zamora-Ourense no verán de 1931, coa efémera proclamación da República Galega o 27 de xuño de 1931. En 1932 os sindicatos da CNT chegaron a ter 1500 persoas afiliadas e a súa influencia estendeuse a localidades próximas como Negreira, Padrón ou Pontecesures. En paralelo producíase un incremento de conflitividade, con paros xerais dun día en xaneiro de 1932, catro en marzo de 1932 pola paralización das obras do ferrocarril, e tres en xuño en solidariedade cos traballadores do naval de Ferrol. Tamén en 1933 a cidade ficou paralizada dous días en maio de 1933 protestando pola lei de orde pública, sete días en outubro en solidariedade cos traballadores e traballadoras do manicomio de Conxo e cinco días en decembro pola folga insurrecional da CNT. O paréntese do Bienio Negro significou unha alteración total do panorama, mais aínda así o sindicalismo local foi quen secundar o movemento de outubro de 1934. Unha e outra vez os sindicatos demostraran a súa capacidade para intervir na vida local e promover melloras para as clases populares, tendo como ferramenta destacada a folga xeral. Mais tamén o día a día da organización sindical conseguía melloras salariais, redución de xornada, maior seguridade laboral, dignificación do papel da mulleres e máis capacidade de decisión das clases populares. Foi por iso que as forzas da dereita conspiraron para rematar co incremento do poder popular, dando un golpe de estado e mantendo unha ditadura por máis de 40 anos, coa finalidade de borrar calquera rastro de todo aquilo. A AC. O Galo organiza o roteiro A PEGADA DA REVOLUCIÓN GALEGA EN COMPOSTELA guiado por Henrique del Río Otero e amenizado pola compañía de teatro Os Quinquilláns, composta por Lucho Penabade e Tero Rodríguez.
Neste roteiro circular, percorreremos guiados por Henrique del Río os lugares emblemáticos relacionados coa Revolución Galega en Compostela: Praza de San Martiño, Pazo de Fonseca, Alameda, San Fiz de Solovio, Praza de Cervantes, Paza de San Martiño. Para asistir compre anotarse en [email protected] antes do 24 de abril ás 14h. poñendo nome e apelidos das persoas que desexen vir. Mandaremos un correo de confirmación no caso de ter praza. Data e hora: sábado, 25 de abril de 2026, ás 11.30h. Tempo de duración previsto de 1hora e 20 minutos. Lugar de inicio: Praza de San Martiño Pinario. Percorrido 1.500 metros. Con este roteiro queremos contribuír a recuperar unha parte da nosa memoria colectiva máis silenciada, co fin de proxectar no presente a dignidade e sacrificio de pasadas xeracións que, dun xeito ou doutro, deron a súa vida pola causa da liberdade de Galiza e a construción dunha sociedade máis xusta. Henrique del Río Otero. Licenciado en Ciencias Políticas pola USC. Especialista na figura de Antolín Faraldo e a Revolución de 1846, tema sobre os que publicado "200 anos de Antolín Faraldo" na colección de efemérides da Fundación Galiza Sempre e "Antolín Faraldo, un precursor do feminismo galego" e "E se Aben Humeya levou a Faraldo a Granada" no Anuario Brigantino. A AC. O Galo organiza unha conversa entre Duarte Correa e Anxo Louzao sobre O IMPERIALISMO NO SÉCULO XXI. Entrada libre até encher.
Duarte Correa, autor do libro que acaba de publicar Tempo Galiza , e Anxo Louzao falarán sobre o imperialismo no mundo de hoxe, nun contexto no que, a cada pouco, un novo acontecemento nos sobresalta e bota por terra certezas que eran presentadas como inamovíbeis. Terá lugar o vindeiro xoves, 16 de abril, ás 20:30h. no Espazo Enocultural Vide-Vide (Rúa Fonte de Stº Antonio nº 10, Santiago). Agardamos que participes no coloquio que se celebrará deseguido. Duarte Correa Piñeiro: Vigo (1966). Diplomado en EXB e Licenciado en Xeografía e Historia; profesor de Ensino Secundario no IES Ramón Cabanillas de Cambados. Militante nacionalista desde moi novo, foi membro da Executiva Nacional da CIG-Ensino. Desde hai décadas, centra boa parte do seu labor intelectual na análise xeopolítica e nas relacións internacionais. É colaborador habitual en diversas publicacións galegas e internacionais, nas que aborda cuestións como o imperialismo contemporáneo, os conflitos globais, a evolución do sistema internacional e os procesos de loita dos pobos pola súa soberanía. A súa actividade inclúe tamén a participación como relator convidado en seminarios, congresos e actividades formativas desenvolvidas en distintos países, contribuíndo ao debate crítico sobre os grandes desafíos do mundo actual. Coautor dos libros Galiza: Poboación e Industria e O estudantado sae á rúa. ERGA no movemento estudantil galego; autor do caderno 50 Aniversario de ERGA (1972-2022). No pasado mes de febreiro publicouse o seu libro O imperialismo no século XXI, no que analiza o imperialismo actual e o papel da OTAN como instrumento dos Estados Unidos para soster unha hexemonía en declive, a chamada autonomía estratéxica da Unión Europea e o aumento do gasto militar. O Imperialismo no século XXI O Imperialismo no século XXI do profesor e analista internacional Duarte Correa Piñeiro, e editado por Tempo Galiza, recupera o estudo do imperialismo, un fenómeno que condiciona o devir da humanidade na idade contemporánea desde hai máis de 150 anos. Unha lectura necesaria para comprendermos o mundo de hoxe. Nun contexto no que, a cada pouco, un novo acontecemento nos sobresalta e bota por terra certezas que eran presentadas como inamovíbeis. A obra busca desmontar mitos, como o de que o imperialismo é algo do pasado ou algo que non está relacionado coa evolución do sistema capitalista, e ao tempo abrir a mirada a outras realidades das que apenas se fala, nas que diferentes países tecen alianzas para construír relacións internacionais baseadas no diálogo e na cooperación, fronte á lóxica da imposición que é intrínseca á hexemonía imperialista. Segundo o autor, o imperialismo é un fenómeno que non desapareceu coa globalización, senón que se adaptou ás novas dinámicas do capitalismo mundial moldeando moitos dos procesos económicos e xeopolíticos do século XXI, e nesa adaptación foi dando cada vez maior importancia á ideoloxía como conformadora dunha orde social que favoreza o seu obxectivo final, que non é outro que a concentración de riqueza por parte dunha minoría. Partindo da conceptualización do termo procede a unha análise do seu funcionamento e dos seus efectos, fuxindo dunha visión economicista do fenómeno afondando nos elementos políticos e ideolóxicos que teñen sido fundamentais para manter a hexemonía da principal potencia imperialista, os Estados Unidos. Analiza o papel dos distintos instrumentos, con unha especial atención ao papel da OTAN como instrumento dos Estados Unidos para soster unha hexemonía en declive. Ademais, examina a chamada autonomía estratéxica da Unión Europea e o aumento do gasto militar, revelando que se oculta tras estes discursos. A obra que consta de 19 capítulos, cen notas a pé de páxina e unha ampla bibliografía, estrutúrase en catro partes. Na primeira, ademais de marcar o obxectivo fundamental da obra, desmontar a idea de que vivimos no mellor dos mundos posíbeis defende que, hoxe máis ca nunca, a alternativa ao imperialismo pasa pola defensa da soberanía dos pobos; caracterízase o fenómeno imperialista na idade contemporánea, partindo de autores como Lenin, Eric Hobswam ou Samir Amin na súa análise do eurocentrismo como substrato intelectual do fenómeno imperialista, enfrontando este á súa antítese, o nacionalismo como manifestación netamente anti-imperialista. Na segunda abórdase especialmente o proceso que levou aos EUA despois da IIª Guerra Mundial a converterse na potencia imperialista hexemónica, e desentráñanse os instrumentos e mecanismos dos que se ten dotado para manter o seu poder. Na terceira, analízase a actualidade en diversos marcos xeográficos, a caracterización de Rusia e China e o debate sobre se estamos diante de potencias imperialistas ou non, e a actual fase da guerra de Ucraína e o xenocidio palestino. A cuarta, parte da constatación de que nun momento de mudanza de época prodúcense múltiples movementos que obrigan a afinar constantemente as conclusións das análises sobre as perspectivas de futuro, debido á tentativa por parte de quen ve quebrar a súa hexemonía por recuperala, e os movementos opostos de quen defenden un funcionamento do mundo tanto no ámbito económico, como no das relacións comerciais e políticas que non teña como eixo central a imposición. A existencia de diversas alianzas tanto rexionais como globais que tentan tecer unhas relacións en base a criterios de recoñecemento e cooperación, e un chamamento á necesidade dun rearmamento ideolóxico da esquerda do norte global que defenda a necesidade de construír unha sociedade alternativa que parta do dereito de todo pobo a construír o seu propio futuro. O vindeiro 9 de abril, ás 19:15, no Oratorio San Felipe Neri, terá lugar a segunda palestra do ciclo Iconografía e Arquitectura na Catedral de Santiago de Compostela, s. XI-XV, organizado pola nosa asociación. A entrada é libre até encher.
A palestra "Capiteis románicos da Catedral de Santiago", será impartida por Victoriano Nodar e rematará cunha visita de 25 minutos, guiada por este prof. de historia da arte da UVigo, ao interior da catedral compostelá. Deste xeito completaremos o que antes nos explicou e amosou en imaxes durante a súa palestra. Día, hora e duración: xoves, 9 de abril, ás 19:15h. Aprox. 95 minutos. Lugar: No oratorio S. Felipe Neri (edifico de S. Martiño Pinario. Éntrase pola porta do museo, situada entre a praza da Inmaculada e a rúa da Moeda Vella). Capiteis románicos da Catedral de Santiago Un dos aspectos da catedral románica de Santiago de Compostela que máis frecuentemente pasa desapercibido ós visitantes son os centos de capiteis que coronan as columnas acaroadas a muros, piares, portas e fiestras do interior do templo. Estes foron concebidos con unha evidente función tectónica, de recibir os empuxes dos arcos que sosteñén. Ademáis, cumplen tamén, como en todo edificio medieval, una importante función decorativa, de dignificar o espazo sacro. Ademáis, a estas funcións, que poderiamos denominar primixenias, temos que engadir unha manifesta función comunicativa que se fai patente sobre todo nos capiteis figurados. O proxecto de catedral de Santiago entra así de cheo nunha tendencia xeral do románico europeo no que o capitel pasa de ser un elemento puramente decorativo para converterse nun soporte privilexiado para a figuración e por ende, en medio de comunicación para o dogma dunha Igrexa que estaba sumida nun profundo proceso de reforma espiritual e institucional. Ademáis, a través dos capiteis da Catedral podemos facer un percorrido polas diferentes tendencias estilísticas que se suceden no tempo no románico europeo dende o século XI ata o XIII. Con isto a obra da Catedral demostra a súa capacidade de estar sempre á vangarda das tendencias artísticas europeas pero tamén de ser un importante foco creador de modelos e dun estilo que logo se expandirá por Galicia e incluso máis alá das nosas fronteiras. Victoriano Nodar Victoriano Nodar é doutor cum laude en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente é profesor da área de Historia da Arte do departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo. As súas liñas de investigación xiran en torno ó tema da escultura románica das vías de peregrinación, con múltiples publicacións centradas na iconografía románica en xeral e na Catedral de Santiago de Compostela, en particular. Por outro lado, a súa actividade centrouse tamén na xestión cultural sobre todo no campo das exposicións temporais. Nos últimos años traballou, ademais como asesor histórico de obras de restauración en diferentes monumentos do patrimonio galego como a Catedral de Santiago, os colexios de Fonseca e San Xerome, o claustro da Catedral de Lugo, o Parque do Pasatempo de Betanzos, a igrexa do mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lourenzá e, actualmente, no convento de Santa Clara de Pontevedra, dentro do proxecto de estudos previos á restauración e rehabilitación completa do conxunto. Actualmente está a coordinar xunto con R. Yzquierdo Peiró diferentes proxectos de investigación e difusión arredor do conxunto monumental románico de Santa María de Sar. Neste sentido, destacan o proxecto de reconstrución virtual da igrexa no século XIII e, máis recentemente, "Bernardo II. A memoria da Compostela medieval" arredor da figura deste arcebispo compostelán enterrado nun magnífico sepulcro de 1240 na colexiata de Sar. A palestra que inaugura o ciclo Iconografía e Arquitectura na Catedral de Santiago de Compostela, s. XI-XV, organizado pola nosa asociación é a titulada "A Arquitectura románica da Catedral de Santiago", será impartida por David Chao e rematará cunha visita de 25 minutos, guiada por este prof. doutor de arte medieval da USC, ao interior da catedral compostelá. Deste xeito completaremos o que antes nos explicou e amosou en imaxes durante a súa palestra.
Día, hora e duración: Mércores, 25 de marzo, ás 19:15h. Aprox. 95 minutos. Lugar: No oratorio S. Felipe Neri (edifico de S. Martiño Pinario. Éntrase pola porta do museo, situada entre a praza da Inmaculada e a rúa da Moeda Vella. DAVID CHAO CASTRO (O Carballiño, 1974) é Doutor en Historia da Arte pola USC, coa tese "Iconografía regia en la Castilla de los Trastámara" no ano 2005. Bolseiro FPU entre 1999 e 2001. Realizou estadías de investigación no Arquivo Histórico Nacional e no Instituto de Historia do CSIC en Madrid, na Universidade Bordeaux III, no CNRS de París e na Universidade de Lisboa. Desde 2001 é profesor do Departamento de Historia da Arte da USC, sendo na actualidade profesor Contratado Doutor. As súas liñas de investigación oriéntanse á Historia da Arte Medieval, con especial interese pola iconografía rexia baixomedieval, e o románico e gótico de Galicia, atendendo a cuestións de lexitimación, devoción, liturxia e promoción. Autor de numerosas publicacións entre libros, capítulos, artigos en diversas revistas, fichas catalográficas e publicacións breves; tamén de conferencias, relatorios e comunicacións en congresos e simposios, estatais e internacionais. Participou en varios proxectos de investigación. Participa en grupos de traballo de carácter patrimonial polos estudos previos e seguimento dos proxectos de conservación e restauración de obras, varios deles relacionados coa Catedral de Santiago nos últimos anos. A ARQUITECTURA ROMÁNICA DA CATEDRAL DE SANTIAGO DE COMPOSTELA Comezada cara 1075, a catedral románica de Santiago de Compostela foi concibida para substituír á vella basílica prerrománica de Afonso III na custodia do vello mausoleo cos restos do apóstolo e os seus dous discípulos, Teodoro e Atanasio. A súa monumentalidade foi prevista desde a súa primeira fase construtiva, desenvolvida polos mestres Bernardo o vello e Roberto baixo o episcopado de Diego Peláez. A partires de 1092 as obras xa continuarían baixo a dirección do mestre Esteban (ata 1100), alongándose polas décadas seguintes, cando ocupou a cátedra o bispo-arcebispo Diego Xelmírez (1100-1140). E desde 1168 o proxecto do remate occidental sería modificado e dirixido polo mestre Mateo, responsable da magnificencia do Pórtico da Gloria. Deste xeito, en 1211 puido levarse a cabo a solemne consagración daquela catedral iniciada algo máis de 135 anos atrás, celebrando a terminación dun monumental "relicario" pétreo co que sublimar a meta sagrada; ao fin e ao cabo tratábase do santuario de peregrinación máis importante do Medievo europeo. Nesta ocasión fixaremos unha detida atención na propia fábrica catedralicia, de maneira complementaria á documentación conservada. Porque o propio edificio é quen de transmitirnos a súa esencia compositiva, o seu valor iconográfico e a súa finalidade espiritual, Ao tempo, nesta análise levaremos a cabo as pertinentes comparacións con outras igrexas tradicionalmente consideradas modélicas, como Sainte-Foy de Conques ou Saint-Sernin de Toulouse, entre outras. En calquera caso, por riba de cuestións formais e estruturais, interesaranos abordar o espazo arquitectónico desde a óptica funcional, cerimonial e litúrxica, e en cuxa configuración se detecta unha profunda carga simbólica. De tal maneira que poida ser entendida a catedral románica de Santiago como a resposta material a unhas necesidades cultuais e devocionais. Pero tamén coma o sublime artefacto pétreo chamado a suscitar a admiración duns fieis e peregrinos que, tras un longo e dificultoso camiño, achaban os anhelados restos do apóstolo Santiago custodiados por semellante marco edilicio. Como ben sinalou cara a 1130 o anónimo autor do Libro V do Codex Calixtinus: "Nesta igrexa, en fin, non se atopa ningunha greta nin defecto; está admirablemente construída, é grande, espazosa, clara, de convinte tamaño, proporcionada en anchura, lonxitude e altura, de admirable e inefable fábrica, e está edificada dobremente, como un pazo real. Quen por arriba vai a través das naves da tribuna, aínda que suba triste anímase e alégrase ao ver a espléndida beleza deste templo". |
Arquivos
Outubro 2026
A Deputación da Coruña colabora coa concesión de subvencións, para que sexa posíbel a organización dalgunha destas actividades.
|