Desde hai máis de dez anos, téntase que as institucións galegas fagan do 24 de febreiro o Día de Rosalía, pois Rosalía de Castro naceu a 24 de febreiro de 1837 nunha casa do Camiño Novo, no Agro das Barreiras, no daquela concello de Conxo, anexionado a Compostela en 1925.
Para reivindicarmos a institucionalización deste Día de Rosalía, a A.C. O Galo vén de publicar en colaboración co concello de Santiago o libro Espazos de Rosalía en Compostela. Un paseo por Santiago con Rosalía de Castro.
Este roteiro consta de 22 puntos relacionados coa vida e a obra da poeta, desde o lugar onde se ubicaba a casa onde naceu, no antigo concello de Conxo, até onde foi bautizada, as casas onde naceron os diferentes fillos, onde vivía cando publicou Cantares Gallegos etc...
A presentación foi o xoves, 4 de marzo de 2021, no Auditorio do Museo do Pobo Galego, en Compostela.
No acto interviñeron:
Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago
María Antonia Pérez, presidenta da A.C. O Galo
Mercedes Espiño, autora do texto.
Contamos ademais no acto coa presenza da propia Rosalía de Castro, interpretada pola actriz Tero Rodríguez, dos Quinquilláns.
Desde a Agrupación Cultural o Galo agradecemos á actriz Tero Rodríguez, dos Quinquilláns, a súa participación na presentación deste libro, así como a interpretación que fixo do poema de Vidal de Cantares Gallegos:
XXXVII.
El direitiño ô seu facer marchaba
Con paso despacioso camiñando,
E un sorrir nos seus labios s' atopaba
Qu' antroido iba dicindo ou contrabando,
Dempois con voz qu' as xentes atroaba
Foise de porta en porta perguntando:
—Deronlle aqui morcillas á Vidal?
—Aqui non!!!--Pos adiante có varal!
XXXVIII.
Asi as chousas correu un-ha por un-ha
Y ó varal inteiriño inda se via,
Con triste si non respondeu ningun-ha
De cantas en redondo requeria.
Rindos' entanto á falsa de fertun-ha
Con sonsa voz de bulra repetia:
—Deronlle aqui morcillas á Vidal?
—Aqui non!!!--Pois adiante có varal!
XXXIX.
Vidal morreu, y ó tempo foi pasando,
Braso qu' os duros mármores arrasa
Antre helados escombros enterrando
Do bon Vidal á solitaria casa.
Mais sempr' esta historiña foy quedando,
Ind' oxe mesmo por provervio pasa,
E cand' ó nome de Vidal s' invoca
Muda sole quedar mais d' un-ha boca.