Comezaremos ás 19 horas co relatorio de Manuel Vilar titulado A ETNOGRAFÍA NO SEG. TEXTOS PARA COÑECERNOS.
Manuel Vilar Álvarez é licenciado en Xeografía e Historia e máster en Xestión de Patrimonio Cultural. O seu labor profesional desenvólvese no campo da antropoloxía e patrimonio, comisariando exposicións ou facendo traballo de campo en temas relacionados co Camiño de Santiago ou con outros aspectos do patrimonio cultural. Desde 2019 é o director do Museo do Pobo Galego.
É autor de diferentes publicacións sobre A Costa da Morte, antropoloxía e o camiño de Santiago, especialmente o de Fisterra e Muxía, salientando Camiño de Santiago a Muxía por Brandomil, editada pola Editorial Alvarellos en 2019 ou o capítulo “Analyzing Narratives about the Camino. From Claims in Support of Local Elements to the Success of the Xacobeo”, en C. Sánchez Carretero, Heritage, Pilgrimage and the Camino to Finisterre. Walking to the End of the Word. Springer, Londres 2015.
No ano 2019, e con motivo de dedicarlle o Día das Letras Galegas a don Antonio Fraguas, publicou varios artigos sobre o traballo etnográfico de Antonio Fraguas, como “O ritual festivo como elemento diferenciador”, no libro Antonio Fraguas. A cultura como forma de vida, da Universidade de Santiago de Compostela. Ten traballos sobre a emigración galega a Nova York, sobre Xaquín Lorenzo ou sobre os museos etnolóxicos como “Ethnographic museums and essentialist representations of Galician identity”, en International Journal of Iberian Studies 21.2, 2008, en colaboración con Xerardo Pereiro Pérez. O último publicado foi o ano 2022 na revista Agora, papeles de filosofía, “Museos e antropoloxía, un longo camiño de volta á casa”. Tamén é colaborador na prensa diaria.
A ETNOGRAFÍA DO SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS: TEXTOS PARA COÑECÉRMONOS
Por Manuel Vilar Álvarez (resumo)
O relatorio está dividido en cinco partes: terminoloxía, tradición, etnografía, metodoloxía e museo. A idea é demostrar que o que fixo a xente do Seminario de Estudos Galegos no campo da etnografía hoxe chamámoslle antropoloxía. Que as distintas denominacións, folclore, etnografía ou antropoloxía, responden a diferentes tradicións. O que fixeron conectaba cunha tradición que viña dos folcloristas do século XIX, mais renovaron na metodoloxía, nos temas tratados e nos obxectivos, é dicir, que actualizaron o discurso para contribuír ao coñecemento dunha sociedade e unha explicación de certas prácticas sociais, crenzas e costumes. A etnografía era un xeito de contar a historia da xente que non lle contaran a súa historia. O SEG xuntaron investigación, colección e difusión para construír un relato que puidera ser compartido socialmente. Para iso era fundamental un museo con fondos etnográficos relativos á memoria social.
Fixeron etnografía para axudar a confirmar o feito diferencial galego. Era unha antropoloxía que podemos inscribir na tradición do que George Stocking denominou da “construción da nación”.
A continuación, Mercedes Rozas falaranos sobre A ARTE EN GALIZA NOS TEMPOS DO SEG.
Mercedes Rozas é Licenciada en Xeografía e Historia, na especialidade de Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela, e membro do Padroado do Museo do Pobo Galego.
Desde os anos 80 desenvolve o seu traballo na crítica de arte: como conferenciante, en colaboracións para xornais como La Voz de Galicia e Nós Diario, así como publicacións para revistas especializadas e institucións públicas e privadas.
Foi coordinadora de exposicións de proxectos artísticos como Galicia Terra Única (1997), Xacobeo 99 (1999), Pegadas Xacobeas (1999), Xacobeo (2004), Galicia Cidade Única (2000), Capitalidades Culturais. Santiago de Compostela (2000), Galicia 1981-2001 (2001), X Aniversario da Casa de Galicia en Madrid (2002), 25 anos de Caixa Galicia en Santiago (2002), In Tempore Sueborum (2018), Figurando lembranzas (2019), Dobre Quadratura (2021).
Como comisaria ten participado nas mostras colectivas Diálogos co silencio, Camiñantes, Itinerarios artísticos, Expresións Técnicas, Guieiros, Hipervínculos, A arte da semellanza, Camiño de Volta, A paisaxe e a súa pegada ou Libros Conversos. Como comisaria de artistas individuais están mostras adicadas a Carlos Maside, Eugenio Granell, Manuel Ayaso, Quintana Martelo, Xosé Luis de Dios, Luis Gabú, Aurichu Pereira, Julia ares, Moreiras, Leopoldo Nóvoa ou Diego Vidal.
Ten colaborado con institucións como a Xunta de Galicia, Museo do Pobo Galego, Consorcio de Santiago, Afundación, Deputación de Ourense, Auditorio de Galicia, Universidade de Santiago, Museo Barjola ou Instituto Cervantes.
A ARTE NOS TEMPOS DO SEG
Por Mercedes Rozas (resumo)
Partindo da imbricación da arte na sociedade, analízase a plástica en Galicia durante a actividade do Seminario de Estudos Galegos, desde 1923, ano da súa creación, ata 1936, que por mor do golpe de estado militar a institución queda desmembrada. As continxencias históricas foron por estas datas especialmente boiantes en episodios sociais, políticos e culturais como para que os artistas da época puideran recrear as mudanzas que se estaban a producir. Con todo, a institución non é de modo expreso fundada para a causa artística, polo que está non contou cun protagonismo relevante nas actividades asociativas, agás algunha que outra exposición e, máis asiduamente, as actividades vinculadas á arqueoloxía. A participación por parte dos autores contemporáneos maniféstase máis de colaboración e adhesión. Seguindo o ronsel das creacións, o que si resulta doado é facerse unha composición de lugar das distintas estéticas que rexían naquelas circunstancias no noso país.
Diso trata esta intervención.
Neste percorrido evidénciase a persistencia dunha liña determinante conservadora que segue as pegadas do rexionalismo decimonónico, cunha figuración academicista acentuada por o folclorismo e os tópicos, así como por unha busca da identidade en consonancia coas correntes que alumaban en distintos ámbitos europeos e tamén do noso entorno, máis concretamente no País Vasco e Cataluña. Na intervención recollerase o labor de figuras transcendentais da arte de preguerra como María Corredoyra, Francisco Llorens, Asorey, Eiroa, Castelao ou Camilo Díaz Baliño.
No periplo das décadas dos vinte e trinta contemplarase tamén a influencia das vangardas en artistas máis concienciados coa modernización, facendo un paralelismo coas tendencias que se estaban a producir en Alemania e Francia. O grupo dos Renovadores, entre eles Maside, Torres e Colmeiro, son ben significativos nesta angueira estética, os tres socios ou subscritores da biblioteca.
Mentres a actividade era cada vez máis intensa, a política terzou nos ánimos da arte, tanto durante a ditadura de Primo de Rivera como durante a República, condicionando a resposta que deron os artistas. No SEG estiveron ao día do escenario que se estaba a auspiciar. Maside, Torres ou Vicente Risco, entre outros, traían novas de Madrid e dos anovadores acicates como os que propiciaba a Xeración do 27, grupo co que sintonizaban Maruxa Mallo e Arturo Souto, así como o granadino García Lorca, que en 1932 estivo en Pontevedra, Lugo e Santiago, recibido por algúns dos membros do SEG, dando conferencias e participando nas representacións teatrais de La Barraca.
Para rematar, Xosé Ramón Ermida falará de A REPRESIÓN SOBRE O SEG.