Facendo Cultura en Compostela desde 1961
O Galo
  • Novas
  • Actividades
    • Servizos
  • Arquivo
    • Fotográfico
    • Documental
  • Faite soci@

presentación do libro "personaxes da galiza medieval ii"

29/3/2024

2 Comentários

 
Fotografia
Asociación Agrupación Cultural O Galo
           Santiago de Compostela
 
Con Personaxes da Galiza Medieval II, continúa a serie de libros que a AC. O Galo de Santiago ten programado editar sobre homes e mulleres que desempeñaron na nosa Terra un rol relevante, entre os séculos VI e XV.

A altísima demanda que acadaron os tres libros anteriores, por un lado, reforza a nosa convicción no devezo que sente parte do noso pobo por coñecer a súa historia e de que é grande a conciencia sobre a ocultación e deturpación que sufriu canto sucedeu aquí ao longo dos séculos. E, por outro, a gran solicitación que recibimos destes estudos divulgativos, acentúa a nosa crenza de que se está a converter nunha esixencia social, o feito de poder informarse, o mais imparcialmente posible, do que ocorreu en Galiza durante máis de quince centurias e non soamente na etapa medieval.

Ás razóns dese nada inocente escurantismo e omisión xa nos referimos nos limiares dos volumes anteriores. Neste, non o repetimos. Pola contra, si engadimos que as grandes empresas e institucións ao seu servizo, mediante  o uso da globalización e do neoliberalismo, insisten nese proceder nada obxectivo que empurrou con forza a burguesía do século XIX pero, no século XXI, os herdeiros seus turran por el anovando as estratexias, co fin de seguir a desprezar a nosa identidade e de perpetuar a visión do noso pasado (e o doutros pobos) conforme ás súas ambicións económico-políticas. Sen embargo, no que en concreto atangue ao eido da pescuda, agora desde a nosa asociación, voltamos a teimar en que os investigadores deben contar con recursos pecuniarios que lles permitan investigar utilizando tamén documentos custodiados en bibliotecas e arquivos europeos, en especial de Portugal, Inglaterra, Francia e o Vaticano.

Coa elección destes personaxes do medievo, pretendemos dar a coñecer a capacidade de decisión e de intervención na política peninsular que acadou o reino de Galiza. Arelamos achegar ao gran público as figuras de sobranceiros aristócratas do noso reino, que defenderon (ou intentaron aumentar) as súas facendas e propiedades, enfrontándose polas armas a outros nobres, ou incluso a reis, que ambicionaban acrecentar o seu poder a costa dos señoríos máis prósperos da nosa Terra. Era este un xeito que habitualmente empregaba a nobreza e a monarquía, para afianzarse no goberno dos seus inestábeis territorios, e para impoñernos aquí disposicións foráneas ditadas baixo criterios de uniformidade financeira, administrativa, cultural ou litúrxico-relixiosa.

Coa edición desta sucesión de libros tamén pretendemos que a nosa xente saiba, ou non esqueza, que bastantes monarcas de Galiza e de León (e algún de Portugal) casaron con mulleres da nosa nobreza, pola forza económica e demográfica que posuía Galiza e que numerosos homes da nosa máis alta fidalguía ocuparon na corte (entón itinerante) os postos de máis alto rango. Asemade, procuramos lembrar os vencellos entre as actuais Portugal e Galiza, que houbo señores feudais da “Galiza do Norte” con grandes dominios nestas, hoxe, dúas nacións e que algúns deles contemplaron ou apoiaron unha unión lusogalaica fronte á dominación de Castela.

Reinterpretar a tradición e a historia constitúe algo básico para activar, asentar e modernizar a identidade e os comportamentos dos pobos. Pero compre considerar que esa reinterpretación é un constructo operativo que carrexa unha transformación das mentalidades e das actuacións das xentes e que, por tanto, debe facerse baixo a luz das distintas análises que se efectuaron sobre o xa acontecido, sopesando as conclusións do anterior e baixo da luz do poliédrico prisma da contemporaneidade. A isto engádese que a realización dese cambio conceptual supón aceptar a interactividade que se xera entre a herdanza, os principios (códigos culturais, horizontes de expectativas, “préstamos”, etc.) que teñen os membros da estrutura social que os reinterpreta. E, asemade, supón admitir ou tolerar as consecuencias da vertente material e instrumental que comportan cando se plasman en realidades. Por riba, dentro do proceso de “relectura” hai que asumir que o antedito convirte aos signos, ás construcións e ás “representacións” físicas ou mentais de etapas pretéritas, en motores e condicionantes para a vivencia individual e colectiva do momento e para a edificación do futuro que están a producir e erguer as persoas implicadas nesa reinterpretación da tradición e da historia.

Igualmente, para materializar o deseño de difusión sociocultural do que forma parte este proxecto, na AC. O Galo temos presente que na Grecia clásica considerábase a anamnese como un exercicio intencionado de rememoración cognitiva e de práctica aplicativa. A nosa asociación, tanto con esta como con outras publicacións, usa o que este concepto posúe de instrumental, con moita mesura e tino e súmalle todo o que aporta de positivo a chamada “memoria obrigante”. Así, ao igual que nos libros precedentes, este ten como destinatarias ás moitas persoas que case ignoran a historia de Galiza. Por desgracia, isto abrangue a mulleres e homes de todo o abano de idades e profesións, pois o sistema educativo, aínda hoxe en día, segue a omitila.

Subliñamos que non resultou nada doado escolmar os personaxes de entre bastantes outros que tamén poderían formar parte deste achegamento á Idade Media na antiga Gallaecia, e sinalamos que tratamos de controlar a subxectividade. A escolla levámola a cabo tendo en conta que o seu modo de obrar responde aos intereses e á ideoloxía da clase dirixente do intervalo de anos que se fixaron para este volume.

Elixímolos porque a historiografía seguidora do goticismo e do liberalismo afrancesado do s. XIX, do Instituto de Estudios Históricos de Madrid, e marcada por unha concepción monolítica e centralista do Estado español, silenciou o seu proceder. E a isto adicionamos que os  escollimos, sendo moi conscientes de que, malia as súas “fazañas”, a situación do pobo, o gran protagonista da historia, era a típica da época feudal.

A introdución desta monografía pertence a Francisco Rodríguez Sánchez e os textos sobre a raíña Dona Sancha, Fernando e Vermudo Peres de Trava, o arcebispo Bernardo II, Paio Gómez Chariño, Afonso Soares de Deza, Pedro Fernández de Castro e Fernando Ruis de Castro, tamén son da autoría de especialistas no período escollido: Xosé Miguel Andrade Cernadas, Manuel Carreido Tejedo, Alexandre Peres Vigo, Héitor Picallo Fontes e Xosé Manoel Sánchez Sánchez. E neste punto precisamos, que na escrita dos capítulos que lles correspondeu a cada un deles, respectamos a escolla ortográfica de cada quen.
​
A Asociación Agrupación Cultural O Galo, amosa o seu agradecemento atod@s cant@s nos axudan neste proxecto. E á Exma. Deputación da Coruña, pola súa contribución para sacar do prelo Personaxes da Galiza Medieval II e difundilo de balde entre toda a cidadanía.
 
2 Comentários

presentación do libro "autogoberno e sistemas de financiamento. o papel da nación galega"

17/3/2024

0 Comentários

 
Fotografia
Díaz Díaz, Xosé   (Biobibliografía)​

Nado en Ferrol (1944), traballou en Astano desde os 14 anos no taller de Maquinaria, no Departamento de Proxectos, e finalmente, como Economista no Departamento de Orzamentos, Planificación e Control de Custos. Tamén foi membro do Comité de Empresa, e do Consello de administración da empresa.
Responsábel do sector naval da INTG e da CIG, encabezou a delegación da INTG que levou a cabo as negociacións en Madrid en 1984 sobre a re-estruturación do sector naval galego e español, sendo o autor da única alternativa presentada («Posicionamiento sobre el “PROYECTO DE BASES para la reconversión naval” y Programa alternativo» (1984) na negociación co goberno central, e da «Ponencia Base para as Xornadas Técnicas para a defensa da c.n. Galega» (1985) á que se presentaron diferentes Comunicacións polos partidos políticos galegos (agás o PSG-PSOE), os sindicatos, así como outras organizacións relacionadas co sector naval, cuxa defensa provocou numerosas mobilizacións de todo tipo, entre elas, dúas folgas xerais galegas. No ano 1990, a Consellería de Industria lle publicou como libro o «Informe sobre a Construción Naval (CXTG)» do que foi autor, e serviu como base para unhas xornadas técnicas que reuniron a representantes de todo o conglomerado de actividades que conforman o sector naval, así como das conclusións que delas se derivou.  
Deputado do BNG nas lexislaturas V e VI. Portavoz das áreas de industria, enerxía e asuntos europeos. Membro entre outras Comisións, da de Economía, da que exerceu de presidente da mesma na V lexislatura, xusto cando estaba a se negociar o sistema de financiamento 2002-2008. En xeral, esta presenza no Parlamento obrigouno a profundar na cuestión político-económica das políticas públicas, publicando numerosos informes e documentos sobre estas cuestións, uns poucos deles publicados na Revista «Terra e Tempo», e na súa páxina dixital («Cadernos»), e en libros colectivos da Fundación «Galiza Sempre» e da Fundación «Moncho Reboiras». No ano 2016, Sermos Galiza S.A. editou o seu traballo «As contas que nos contan. As balanzas fiscais como ideoloxía re-centralizadora», como continuación do seu traballo de 2008 «A Miseria da Solidariedade. As Balanzas Fiscais españolistas».
0 Comentários

OS REIS E AS RAÍÑAS DA GALIZA.PRESENTACIÓN DO LIBRO.

13/3/2024

0 Comentários

 
Fotografia
O sábado vindeiro, 16 de marzo, ás 12 h. na Libraría Couceiro, Alexandre Peres e Héitor Picallo presentarán o seu libro OS REIS E AS RAÍÑAS DE GALIZA, acompañados por Simón R. Doubleday.
0 Comentários

MULLERES E PRECARIEDADE: A ESCRAVITUDE NO SÉCULO XXI

4/3/2024

0 Comentários

 
Fotografia
Mulleres e precariedade: a escravitude no século XXI
 No actual contexto de aumento da pobreza laboral e social, ter un traballo non significa acadar os ingresos precisos para atender as necesidades básicas para unha vida digna, como alimentación, enerxía ou vivenda. E esta situación padécena dun xeito máis directo e máis profundo as mulleres. Sobre todo porque partían xa dunha base na que a norma era a precariedade máis absoluta: maiores taxas de temporalidade e parcialidade, menores salarios, peores condicións... Algo que empeora con cada reforma laboral que entra en vigor.
As mulleres incorporáronse ao mercado laboral en traballos que xa viñan facendo de xeito constante no fogar: coidados, limpeza, administración...  Eses sectores continúan a estar ocupados maioritariamente por mulleres e son, aínda a día de hoxe, os máis precarios. Porque esas tarefas “de mulleres” nunca foron valoradas e seguen sen estalo na actualidade.
Por iso, en pleno século XXI a precariedade e a pobreza teñen cara de muller.
 
Susana Méndez (Punxín, 1975). Enfermeira de profesión, desde moi nova comezou a traballar sindicalmente na Confederación Intersindical Galega. Foi delegada e Presidenta da Xunta de Persoal do Hospital Comarcal Valdeorras, posteriormente Secretaria de Organización da Federación de Saúde da CIG. Actualmente é Secretaria Confederal de Organización da central sindical nacionalista.
Activista en defensa da lingua, foi Vicepresidenta e Secretaria Xeral da Mesa pola Normalización Lingüística.
É Licenciada en Antropoloxía Social e Cultural e Especialista Universitaria en Relacións Laborais.
Participa desde hai anos no movemento feminista galego, formando parte da Marcha Mundial das Mulleres e de Galegas8M no seu momento.
0 Comentários

    Arquivos

    Junho 2025
    Maio 2025
    Abril 2025
    Março 2025
    Fevereiro 2025
    Janeiro 2025
    Dezembro 2024
    Novembro 2024
    Outubro 2024
    Setembro 2024
    Julho 2024
    Junho 2024
    Maio 2024
    Abril 2024
    Março 2024
    Fevereiro 2024
    Janeiro 2024
    Dezembro 2023
    Novembro 2023
    Outubro 2023
    Setembro 2023
    Julho 2023
    Junho 2023
    Maio 2023
    Abril 2023
    Março 2023
    Fevereiro 2023
    Janeiro 2023
    Dezembro 2022
    Novembro 2022
    Outubro 2022
    Setembro 2022
    Julho 2022
    Junho 2022
    Maio 2022
    Abril 2022
    Março 2022
    Fevereiro 2022
    Janeiro 2022
    Dezembro 2021
    Novembro 2021
    Outubro 2021
    Setembro 2021
    Julho 2021
    Junho 2021
    Maio 2021
    Abril 2021
    Março 2021
    Fevereiro 2021
    Outubro 2020
    Maio 2020
    Março 2020
    Fevereiro 2020
    Janeiro 2020
    Dezembro 2019
    Novembro 2019
    Outubro 2019
    Setembro 2019
    Julho 2019
    Junho 2019
    Maio 2019
    Abril 2019
    Março 2019
    Fevereiro 2019
    Janeiro 2019
    Dezembro 2018
    Novembro 2018
    Outubro 2018
    Setembro 2018
    Julho 2018
    Junho 2018
    Maio 2018
    Abril 2018
    Março 2018
    Fevereiro 2018

    Feed RSS

    Imagen
    Imagem
    A Deputación da Coruña colabora coa concesión de subvencións, para que sexa posíbel a organización dalgunha destas actividades.

Com tecnologia Crie um website único com modelos personalizáveis.