A Agrupación Cultural O Galo convídate ao roteiro sobre os alcaldes e as corporacións da II República en Santiago de Compostela. Podes asistir acompañad@. Dirixe o roteiro e a introdución previa: Antonio Míguez Macho (profesor de Historia Contemporánea). Lugar: Libraría Couceiro, praza de Cervantes, realizando unha introdución previa no seu interior, para deseguido saír polas rúas da Zona Vella onde será realizado o roteiro. Data: Mércores, 10 de maio de 2023. Hora: 19:30 horas. Aconséllase chegar cuns minutos de antecedencia. A II República na Galiza A chegada da Segunda República producirase tras as eleccións municipais do 12 de abril de 1931, nas cales os candidatos republicanos triunfarán sobre os monárquicos nas principais cidades de España. En Galicia tamén tivera lugar ese triunfo maioritariamente no ámbito urbano, en concreto os candidatos republicanos triunfaron en todas as grandes cidades galegas fóra de Lugo. A batalla polo triunfo electoral tivo lugar despois dunha intensa campaña electoral, a primeira con características plenamente modernas da historia de España, cos candidatos convencidos de que se estaban xogando algo máis que a simple representación municipal. Algúns resultados son particularmente significativos deste envorco político e social que as urnas estaban a mostrar. En Santiago de Compostela, os candidatos republicanos obtiveron 19 dos 30 concelleiros nas eleccións de abril de 1931. Coa proclamación da República, o cambio de cor en todas as instancias do poder local e provincial acelerouse, algo que se intensificou aínda máis coa elección a Cortes constituíntes de xuño daquel mesmo ano. O resultado destas eleccións en Galicia outorgou unha representación maioritaria aos partidos republicanos e de esquerda, aínda que con notables diferenzas segundo as provincias. A Federación Republicana Galega (á fronte da cal estaba Santiago Casares Quiroga) ou o PSOE, foron os grandes triunfadores. Como consecuencia deste panorama electoral, por vez primeira na historia de Galicia accederon a postos de tanta relevancia social e política como alcaldes ou deputados non soamente personalidades republicanas, de esquerda e galeguistas, senón tamén simples traballadores ou labregos militantes do movemento obreiro ou que viñan de organizacións agrarias. Entre as grandes figuras políticas do período en Galicia destacaban tamén profesionais liberais e intelectuais de clases medias e altas, de ideoloxía republicana e progresista, moitos deles na contorna da ORGA, como o xa citado Santiago Casares Quiroga (quen era o propio líder da organización e a gran figura política do período en Galicia), que ocupou distintas responsabilidades ministeriais e será presidente do Goberno en 1936; ou Bibiano Fernández Ossorio e Tafall, biólogo de profesión e catedrático de Ciencias no Instituto de Pontevedra, militante tamén da ORGA, que chegou a ser alcalde de Pontevedra con vinte e oito anos á chegada da República, despois presidiu a Deputación da mesma provincia, ademais de ser deputado nas Cortes constituíntes de 1931 e de novo no ano 1936, e presidente da comisión de redacción do Estatuto de Autonomía de Galicia; Jaime Quintanilla, médico de Ferrol, deputado socialista e alcalde da súa cidade natal, Alfonso Rodríguez Castelao, médico, pero sobre todo intelectual, artista e político de Rianxo, que tamén formou inicialmente parte da alianza republicana ata a fundación do Partido Galeguista, deputado nas Constituíntes de 1931 e de novo no 36, o gran referente do nacionalismo galego. O ano 1932 estivo marcado por tres conflitos sociais en Galicia que se atopaban directa ou indirectamente condicionados por un contexto económico adverso. En xaneiro de 1932 estalou un grave enfrontamento na industria conserveira galega por causa da implantación do seguro de maternidade. No mesmo ano 1932, tiveron lugar dous graves conflitos máis, froito das restricións orzamentarias ás que se vía abocado o goberno da República por causa da crise e do inxente labor de transformación que se propuxo desde a súa chegada. Por unha banda, a paralización das obras do ferrocarril Zamora-Ourense-Santiago, que supuxo a ameaza directa de destrución de miles de postos de traballo. Por outra banda, as restricións aprobadas para a construción naval no Arsenal de Ferrol a partir do recorte orzamentario fixeron tremer a estrutura produtiva da zona. Nestes anos de circunstancias económicas tan adversas, a República puxo en marcha un amplo programa de reformas sociais e culturais. Quizá sería a preocupación pola extensión do ensino unha das máis emblemáticas, o que se concretou na posta en marcha dun novo mecanismo de formación e acceso á profesión de mestre (o chamado Plan Profesional), acompañado dunha dignificación do oficio, así como un ambicioso plan de creación de miles de escolas novas. Institucións como a Universidade de Santiago tiveron tamén no período republicano unha época de esplendor na que frutificaron esforzos que viñan desenvolvéndose desde a época restauracionista, co liderado da Institución Libre de Ensino e a Xunta de Ampliación de Estudos. A Universidade de Santiago ademais estableceu unha íntima relación neste tempo con outras institucións culturais de particular relevancia, como é o caso do Seminario de Estudos Gallego (SEG), fundado en 1923 e que viviu no período republicano a súa etapa de maior esplendor. Entre outras destacadas iniciativas, a sección de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas do Seminario Estudos Galegos (SEG) asumiu a redacción técnica do anteproxecto do primeiro Estatuto de Autonomía para Galicia. A consecución do Estatuto foi, pois, outra das grandes cuestións políticas do período republicano, cun proceso de tramitación complexo e tortuoso. Hai que destacar que aínda que a aprobación do texto atrásase ata o ano 1936, o proxecto de estatuto xa estaba elaborado e consensuado tan pronto como en 1932. Este proxecto sancionouse por unha asemblea de municipios galegos presidida polo alcalde de Santiago, Raimundo López Pol, na que contou co apoio do 77% dos concellos de Galicia. Con todo, o seguinte paso que sería o seu plebiscitación, foi frustrado ao ano seguinte por diversas cuestións políticas internas primeiro e que fixeron despois imposible a súa aprobación co cambio de signo político en Madrid tras as eleccións de novembro de 1933. A dereita que quedara moi afectada polo cambio de réxime en 1931, aprendeu a organizarse e mobilizarse, en Galicia coa creación da Unión Regional de Derechas e a nivel estatal coa fundación da CEDA. O resultado deste proceso foi un gran triunfo electoral en 1933 que cambiou de dirección política ao período. O que fixo posible a aprobación do Estatuto foi o resultado das eleccións de febreiro de 1936. Tras unha mobilización política sen parangón, os resultados electores volven marcar outro envorco político, esta vez a favor dos republicanos e esquerdistas que se presentan en coalición como Fronte Popular, aínda que con resultados distintos de novo en cada unha das provincias galegas. A clave dos bos resultados para a Fronte Popular aséntase precisamente no feito de reeditar esta coalición de republicanos, socialistas e galeguistas que dera tan bo resultado no ano 1931 e cuxa ruptura carrexara o fracaso de 1933. De novo a partir de febreiro de 1936, por tanto, e como sucedera en 1931, os postos de responsabilidade política e social en Galicia volveron estar ao alcance de simples traballadores e xentes anteriormente excluídas dese tipo de cargos polo sistema. A ese resultado, chegaron cunha base social de apoio tecida en anos de loita. Exactamente igual sucedeu coas mulleres, ás que non se lles “concedeu” o dereito de voto, senón que o gañaron pola súa mobilización en prol da igualdade. A posibilidade real de exercer cargos políticos de relevancia, non fixo senón aumentar a unión entre estes sectores e o sistema político-social, ata o punto de que a defensa da República converteuse na defensa dun mesmo e dunha mesma. Unha relación non exenta de complexidades, insurreccións, deslealdades e intentos revolucionarios, pero que se sustentaba nun proceso aparentemente imparable de integración daqueles “excluídos” e “excluídas” chegados á sociedade civil burguesa, en cidadáns dunha democracia social. Poucos días despois do que foi a derradeira experiencia democrática do período republicano en Galicia, a aprobación en plebiscito do Estatuto de Autonomía o 28 de xuño de 1936, tiña lugar un golpe de Estado que abría un período de violencia e destrución da sociedade civil que rompía con todas as lóxicas precedentes e establecía as bases da ditadura franquista. CV Antonio Míguez Macho Profesor Titular no Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela e vicedecano da Facultade de Xeografía e Historia. Forma parte do grupo de investigación Historia Agraria e Política do Mundo Rural (HISTAGRA) e do Centro de Investigación Interuniversitario en Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC).
Dentro das súas liñas de investigación sobresaen o estudo da historia dos movementos sociais e os procesos de construción da cidadanía, da memoria e o pasado traumático, con particular atención ás formas adoptadas pola violencia contra a poboación civil, as actitudes sociais contra a violencia e os procesos de transmisión memorial do pasado en perspectiva comparada. Entre as súas publicacións recentes, destacan:
Researchgate: https://www.researchgate.net/profile/Antonio-Miguez-Macho-2/3 CV: https://www.histagra.es |
Arquivos
Novembro 2024
A Deputación da Coruña colabora coa concesión de subvencións, para que sexa posíbel a organización dalgunha destas actividades.
|