O Día Mundial da Poesía, proposto no ano 1998 pola UNESCO, foi proclamado como tal en París no ano 1999.
O texto da proclamación di, entre outras cousas, que "a poesía contribúe á diversidade creativa ao cuestionar dun xeito sempre renovado a forma en que usamos as palabras e as cousas, e os nosos modos de percibir e interpretar a realidade". Na proclama aparecen os propósitos, sendo un deles o de "restablecer o diálogo entre a poesía e as demais manifestacións artísticas como o teatro, a danza, a música e a pintura". A Agrupación Cultural O Galo quere sumarse a esta celebración con Ricardo Seixo e o Grupo Maraxe, poesía e música unidas. Agradecemos tamén ao Vide, Vide! que sempre nos acolle no seu local e nos deleita co seu lema de que "o vinho é poesia engarrafada". Ricardo Seixo, nacido en Curtis, afincado na Coruña, mestre de profesión, traballador activo no campo do asociacionismo cultural, publica en 2016 o seu primeiro libro de poesía "Ollares... no fondo da retina... na paisaxe dos afectos". No 2018 publica "Versos noctámbulos", case 50 textos de variada temática: poemas cívico-sociais e de denuncia; líricos, que manifestan os seus afectos, entre os que destacamos os adicados a súa nai, a seu pai, a volta á infancia; a evocación da paisaxe e da natureza fronte ás agresións dunha abusiva explotación dos seus recursos como Soutos, carballeiras, agras, con ríos de falar quedo que deben vivir do medo dun poder que os robotiza, e con eles a Galiza. Poemas que falan dos dereitos das mulleres, que recoñecen a súa fortaleza e a súa relevancia na sociedade galega etc... Falando do Día da Poesía, quero recalcar que para Ricardo Seixo a poesía non é só cousa de "un día", como o demostra a actividade que desde hai cinco anos se ven desenvolvendo na Asociación da Agra do Orzán: "Gosto de che ler un poema", na que, non só UN DÍA, senón durante TODO O ANO, traballan cada mes poemas dun ou dunha poeta da literatura galega, entronizando así a poesía na vida dos veciños da Agra do Orzán e da Coruña. Tal como viamos nos obxectivos da declaración da Unesco, "restablecer o diálogo entre poesía e música", Ricardo seixo leva facéndoo non desde 1999, senón toda a súa vida, desde a coordenación dos volumes de cantos tradicionais e de taberna "Polo gosto de cantar", onde se reúnen 200 cántigas galegas, e unha serie de cántigas portuguesas, que tamén non deixan de ser galegas, até a súa participación como integrante de diversas formacións musicais como Verbas Xeitosas, Tombalobos Orquestra, Os Parabéns... até a actual MARAXE, conxunto de música tradicional galega e portuguesa, que teremos o gosto de ouvir interpretando cinco temas tradicionais. Nun inesquecíbel poema, Gabriel Celaya aseguraba que "a poesía é unha arma cargada de futuro", quero rematar con tres versos de Ricardo Seixo: Cando dormen os poetas o silencio cátgase de poder e agroman os fillos do medo. Merche Espiño. 52 persoas, entre a Asociación Veciñal Agra do Orzán da Coruña e a Agrupación Cultural O Galo, formabamos o grupo que durante tres días percorremos os lugares máis interesantes de León e tivemos a posibilidade de coñecer lugares tan emblemático como San Isidoro, San Marcos ou a Catedral de León.
8 DE MARZO:
DíA INTERNACIONAL DAS MULLERES O FEMINISMO É A LOITA POLA XUSTIZA SOCIAL Implícate nesta loita todo o ano e toda a vida A Fundación Eira da Xoana e a AC. O Galo celebran este ano as III Lupercais na Eira da Xoana, situada en Ramil (A Golada), moi perto do Castelo de Pambre. A festa será o sábado 2 de marzo de 2019 e comezará ás 14h cun convivio-xantar: un bo cocido de Lugo, polo módico prezo de 12 euros. Ven e trae a cant@s amig@s desexes e, de apetecérvos, non dubidedes en acudir disfrazados. Nesta celebración elixirase a raíña Lupa de 2019 (a de 2018 foi a actriz Isabel Risco). Teremos música e baile!!! Celebra as Lupercais connosco! A festa das Lupercais (en latín "lupercalia") era unha festa que se celebraba na antiga Roma ante diem XV Kalendas Martias, o que equivale ao dia 15 de febreiro.
O seu nome deriva supostamente de "lupus" (lobo, animal que representa a Fauno Luperco) e "hircus" (macho cabrío, un animal impuro). Os "Lupercos" ou "Luperci" (amigos do lobo) eran un corpo especial de sacerdotes elixidos anualmente entre os cidadáns máis ilustres da cidade. Na súa orixe debían ser adolescentes que sobrevivían da caza e o merodeo no bosque durante o tempo da súa iniciación á idade adulta, o que por aquel entón era un tempo sagrado e transitorio en que se comportaban como lobos humanos. Reuníanse o 15 de febreiro no monte Palatino, na "Gruta do Lupercal", chamada máis tarde "Ruminal" en honra de Rómulo e Remo. Segundo a tradición foi neste lugar onde o Fauno Luperco, tomando a forma dunha loba, aleitara os xemelgos. Para honralo era para o que se facía a festa. A tradición conta que alí había unha figueira cuxas raíces detiveran a cesta en cuxo interior se atoparan os fundadores de Roma, Rómulo e Remo. O Papa Vixilio (papa entre os anos 537 e 555) desterrou esta festa, substituíndoa pola "candelaria". Pero das lupercais procede hoxe a tradición do entroido galego característico de Xinzo de Limia, Laza e Verín, onde os cigarróns, pantallas ou á xente peliqueiros azoutan con débiles fustas de coiro e golpean con tripas de porco inchadas coa man, con chocas en honra aos pastores dos que Fauno Luperco era deus. |
Arquivos
Fevereiro 2025
![]() A Deputación da Coruña colabora coa concesión de subvencións, para que sexa posíbel a organización dalgunha destas actividades.
|