Facendo Cultura en Compostela desde 1961
O Galo
  • Novas
  • Actividades
    • Servizos
  • Arquivo
    • Fotográfico
    • Documental
  • Faite soci@

Concerto Grupo Música Antiga 1500

15/12/2022

0 Comentários

 
Foto
Programa: Vos que’m semblatz A lírica medieval galega. Precedentes e conexións
Belén Bermejo López, voz e percusión
Andrés Díaz Pazos, cítola, arpa e laúde

A lírica medieval galega, e algún precedente …

Pälestinalied Walther von der Vogelweide (c.117-c.1228)
Vos que'm semblatz dels corals amadors Gaucelm Faidit (c.1170-c.1203)
Ondas do mar de Vigo Martin Codax (S. XIII)
Ai ondas que eu vin veer Martin Codax (S. XIII)
Cantiga 218 Razon an de seeren Obradoiro Alfonso X “O Sabio” (S. XIII)
Como eu en dia de Pascoa (contrafacta) (Letra: Alfonso X “O Sabio)

… Transición …

Je vivroie liement (virelai) Guillaume de Machaut (c1300-1377)

... o que puido ser? Pezas dos cancioneiros portugueses do século XVI
​

​Porque me nao ves Joana Anónimo-Cancioneiro de Elvas, (CE)
Testou minha ventura Anónimo-CE
Yo sonhava que me ablava Anónimo-Cancioneiro de París
Perdida a esperanza- Anónimo-CE
Que he o que vejo Anónimo-CE

Notas

Como confirman recentes investigacións, no último terzo do século XII entra con forza en Galicia a corrente lírica trovadoresca, de orixe occitana. O xérmolo haberá de inzar no Reino de Galicia, e mostra diso é o fecundo labor da pléiade de poetas que chegou ata os nosos días, e que vai dar lugar, ao longo do século XIII a unha variada produción de cantigas. O programa presenta unha escolma dalgunhas pezas, profanas e sacras, do século XIII pertencentes a esta rica lírica. Acompañámola de dúas pezas, precedentes daquel repertorio, unha de orixe occitana, a tenson Vos que'm semblatz, con letra dunha trobairitz, Garsenda de Sabran (c.1180-c.1241), condesa de Provenza e con música do xograr Gauclem Faudit. A outra provén do ámbito xermánico, trátase do coñecido Pälestinalied, canción das cruzadas, do minnesänger Walther von der Vogelweide.
A gradual perda de poder político do Reino de Galicia, levou tamén a un esmorecemento daquela actividade cultural que acadara, no século XIII, unha elevadísima altura. Remataremos o programa co que podería ter sido a evolución lóxica de todo este devir histórico, establecendo un paralelismo co acontecido, no musical, noutros reinos de Europa, en concreto a través da lírica profana renacentista no viciño Portugal. Varios cancioneiros portugueses do século XVI conservan pezas escritas en portugués. Aínda que non son moitas, dentro da súa aparente sinxeleza mostran un estilo moi orixinal no contexto europeo, á vez que tremendamente refinado e evocador.
​Entre estes dous bloques do programa, e a xeito de transición, poderemos escoitar unha peza dun dos máis importantes compositores do século XIV, Guillaume de Machaut, do que se ten constancia que era non só coñecido, senón tamén escoitado na Península.
Belén Bermejo
Á idade de oito anos comeza os seus estudos de piano e solfexo co mestre santiagués José María Paredes, para continuar logo os seus estudos de piano nos conservatorios de Santiago e A Coruña, amosando sempre especial interese polo canto. Pronto entra en contacto co mundo da música antiga, da man do profesor e músico, integrante Grupo Universitario de Cámara, Miguel Ángel López Fariña. Xa durante os seus estudos universitarios toma clases de canto coa soprano Mercedes Hernández e, en 1994, entra a formar parte do grupo Martin Codax, co que gravará o disco Por que trovar é cousa en iaz…
A partir de entón, comeza un proceso de formación autodidacta, apoiada polos músicos Andrés Díaz e Víctor Blanco, cos que se introduce na estética e técnicas propias da interpretación da música medieval e renacentista. Desde 2006 é membro estable do Grupo de Música Antiga 1500 co que ten actuado en numerosos escenarios de Galicia, sur de Francia, Austria e Portugal e, en 2014, botou a andar o se propio grupo, Pres de Cambrai, co ánimo de desenvolver proxectos musicais que conxugan diferentes ámbitos artísticos e referencias musicais, froito do cal xurdiron montaxes como, O segredo do pergamiño Vindel, 100 anos de música para as cantigas de Martin Codax, Aprende a escoitar un libro: para unha lectura musical das obras da literatura ou Fóra do tempo, músicas doutrora para ouvidos contemporáneos.
Ademais da súa actividade concertística, Belén Bermejo é doutora en Dereito, especializándose no ámbito da protección xurídica do patrimonio cultural e no Dereito da Cultura, e foi profesora de Dereito Administrativo e de dereito español nas Universidades da Coruña e de Innsbruck (Austria). Ademais, dirixe a empresa Sirgo Torcendo, adicada ao desenvolvemento de proxectos musicais, expositivos e culturais, traballou tamén como como axente de importantes formacións nacionais e internacionais, do eido da música clásica e antiga e é promotora e directora artística de ciclos de concertos como o festival Espazos Sonoros, o ciclo De lugares e órganos ou o Proxecto de Catalogación dos Órganos de Galicia. Baixo o seu impulso botouse a andar o Salão Filosófico de Brión e, recentemete, vén de codirixir e producir a serie documental en catro capítulos Corpo de vento, viaxe ao corazón dos órganos galegos.
Andrés Díaz Pazos
É doutor en Ciencias Físicas, profesor de música de secundaria, músico especializado na interpretación de música antiga e recoñecido investigador e divulgador no ámbito do patrimonio científico e da organería galega. É fundador e director do Grupo de Música Antiga 1500, no que toca diversos instrumentos de vento e corda pulsada e co que leva ofrecido, desde 2005, numerosos concertos en moi diversos escenarios. Membro do grupo Martín Códax, ademais de colaborador doutras formacións como Música Doméstica, Grupo de Cámara Universitario, Resonet, Coro Ultreia, Vox Stellae, Il Combattimento ou Rosarum Flores, é fundador tamén da capela de vento dos Menestreis de 1500 e do grupo Silva de Sons. En 2008 participou, por encargo da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, no equipo de catalogación dos órganos de Galicia e, froito deses traballos, realizou diversas publicacións en revistas especializadas, sobre organería galega.
​É ademais impulsor de diversas iniciativas relacionadas coa divulgación da música antiga e a valorización do patrimonio organístico, nomeadamente a través do festival Espazos Sonoros, do ciclo O órgano da Compañía doutra maneira, organizado pola USC entre os anos 2008 e 2010, o ciclo De Lugares e Órganos ou o Salão Filosófico de Brión, nos que colabora como asesor musical.
Grupo de música antiga 1500
Trátase dunha formación vocal e instrumental dedicada á interpretación da música antiga cun repertorio que comprende desde a música composta nos séculos centrais e finais da Idade Media até a música do Renacemento e do primeiro Barroco, tomando como referente central o ano 1500, que dá nome ao grupo. As persoas que o integran contan cunha ampla traxectoria concertística, sendo membros ou colaborando asiduamente con outras formacións de ámbito nacional e internacional (Martin Codax, Resonet, Malandança, Vox Stellae, Il Combattimento, Fía na Roca, Vai Trío, Favola d’Argo, Cuarteto Alicerce, Pres de Cambrai, Silva de Sons, Ensemble Rosarum Flores Austria, VIVID Consort ou o BAUBO Collective) e levan ofrecido numerosos concertos en Galicia, España e no resto de Europa.
Na interpretación e elaboración dos diferentes programas, o grupo busca o máximo rigor histórico e conceptual, empregando nas súas interpretacións un amplo repertorio de instrumentos medievais e renacentistas. Ademais da súa actividade concertística, o grupo de Música Antiga 1500 desenvolve outro tipo de proxectos relacionados coa música, desde a súa concepción e deseño até a súa execución: bandas sonoras para audiovisuais (1500 prestou a banda sonora para a curtametraxe Cadea Perpetua ou o documental O mariscal, e a súa música ambientará o audiovisual das novas salas inauguradas no Museo do Pobo Galego), concertos, obradoiros e materiais didácticos, e actividades formativas e divulgativas para adultos.
​Desde a súa fundación, en 2005, o grupo leva ofrecido un gran número de concertos nos máis diversos escenarios de Galicia, España e Europa: Ciclo de Músicas na Compañía da USC, Ciclo de órgano de Xunqueira de Ambía, Semana Santa de Foz, Semana Santa de Ourense, Museo de Belas Artes da Coruña, Festival Espazos Sonoros, a Festa da Istoria de Ribadavia, Festival Internacional de Músicas da Itinerancia de Compostela, Música nas Ruínas de Pontevedra, Festa da Arribada de Baiona, Ciclo Monumenta, Igrexa de San Paulo de Narbona (Francia), Aste Nagusia de Bilbao, ciclo de concertos da Ribeira Sacra, As notas do pemento de Herbón, o Museo das Peregrinacións de Santiago e o TradFest de Compostela. En 2014 foi convidado para actuar na clausura das celebracións, en Compostela, do VIII centenario da peregrinación de San Francisco. Formou parte ademais, do programa do I Ciclo de órgano de Vilanova de Famalicão (Portugal), do Festival Pórtico Sonoro, do ciclo Nexos da Cidade da Cultura, do festival de Música Antiga de Loulé, no Algarve, e da edición 2021 do ciclo De Lugares e Órganos xunto ao organista Marco Aurélio Brescia e, na edición 2022 do ciclo Espazos Sonoros co proxecto Dous Mares e a colaboración da frautista e cantante Diana Baroni e o multiinstrumentista Rafael Guel. En 2017 realiza unha xira en Austria, en colaboración co grupo Rosarum Flores, actuando no ciclo de concertos de verán de Imst, así como na catedral de Innsbruck, na Hofkirche da mesma cidade e en diferentes igrexas do Camiño de Santiago do Wipptal, na fronteira con Italia. En 2020 gravou un CD para o libro Venecia abandonada, do poeta Eduardo Estévez, editado por Positivas en 2021, con músicas do Renacemento inspiradas e impresas na mítica cidade.
0 Comentários

Folclore medievalizado e subalternidade cultural NO-DO nos anos 40 e 50

10/12/2022

0 Comentários

 
Foto
Contido da palestra
O obxecto desta palestra é facer un percorrido analítico sobre o material audiovisual NO-DO –organismo cinematográfico franquista de obrigada proxección en España– que fai referencia á tradición musical galega entre as décadas dos anos 40 e 50.
A análise deste material é interesante xa que mostra como o franquismo –os seus organismos e institucións oficiais– fixeron un uso determinado da tradición musical (derivada a folclorismo) con claros intereses políticos e propagandísticos. Tanto é así, que a través das imaxes presentadas polo Noticiario Documental deste anos e que fan referencia ao musical en Galicia, poderemos ver como se proxecta o ideario franquista destes años a través dese uso específico do folclore. A investigación, polo tanto, trata de mostrar como a música ou calquera elemento cultural, é susceptible de uso polo poder no exercicio de lexitimación, mercantilización ou da construción narrativa e territorial do estado.
Do mesmo xeito que o réxime franquista non foi uniforme no tránsito dos seus cuarenta longos anos de goberno, tampouco os usos que NO-DO executou sobre as tradicións musicais dos pobos ibéricos se mantiveron estáticos dende a súa fundación no anos 40 ate a súa desaparición nos 80. A palestra trata de aportar luz arredor desta cuestión e compartir as principais conclusións da investigación con respecto aos diversos usos que se executaron sobre o folclore entre os anos 1943 e 1959. Por último, cuestionarase tamén sobre como teñen chegado eses usos a hoxe, así como as súas consecuencias culturais na autoimaxe que a Galiza ten, culturalmente, de si propiaHaz clic aquí para editar.
Beatriz Busto Miramontes
Profesora de Antropoloxía Social da USC. Licenciada en Historia e Ciencias da Música e en Antropoloxía Social e Cultural pola Universidade Autónoma de Madrid. Doutorouse con Sobresaínte “Cum Laude” en Antropoloxía Social e Cultural pola mesma universidade cunha tese doutoral titulada “La Galicia proyectada por NO-DO. La arquitectura del estereotipo cultural a partir del uso del folclore musical (1943-1981)”, investigación que se inscribe no universo teórico da Etnomusicoloxía, da Antropoloxía de Xénero, Antropoloxía Audiovisual e dos Estudos Decoloniais.
Foto
O seu percorrido investigador céntrase na construción cultural da Galiza a partir do uso do folclore musical, facendo especial fincapé no estudo do estereotipo como dispositivo narrativo do poder sobre o patrimonio  como ten impactado esa representación nos procesos de autoafirmación identitaria da sociedade galega contemporánea. É autora do libro Um pais a la gallega. Galiza no NO-DO franquista publicado por Através Editora (2021), obra coa que obtivo o Premio Follas Novas do Libro Galego 2022 na categoría de Ensaio e Investigación. É profesora na Área de Antropoloxía Social e Cultural da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela, ten participado de numerosos eventos de carácter científico así como en publicacións académicas e divulgativas coa finalidade de transferir coñecemento para a sociedade galega.
0 Comentários

Primeiros tempos da Catedral de Santiago: Proxecto arquitectónico e mensaxe figurativa

2/12/2022

0 Comentários

 
Foto
Nesta actividade organizada pola Agrupación Cultural O Galo, “descubriremos” a cabeceira da Catedral de Santiago, unha das súas partes máis descoñecidas. A súa construción realizouse nas derradeiras décadas do século XI, e nela é sinxelo achar, a pesar das reformas posteriores, un proxecto arquitectónico maduro e ambicioso. Os seus mentores e arquitectos partiron das experiencias do primeiro románico francés, das zonas de Normandía e Auvernia onde durante o século XI tiña madurado unha arquitectura de gran complexidade estrutural e espacial.
A cabeceira da catedral de Compostela, conserva boa parte da decoración escultórica orixinal nos seus capiteis interiores e exteriores. Neles as súas imaxes pétreas transmiten un contido ás veces ligado á memoria, e, outras, a maioría, revelan o seu carácter moral. Pódese dicir que nestas figuras románicas da nosa catedral, o tópico de “unha imaxe vale máis que mil palabras” convértese en máis oportuno que nunca.editar.

Victoriano Nodar

Doutor en Historia da Arte pola USC e actualmente profesor do departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo. As súas liñas de investigación xiran en torno escultura románica das vías de peregrinación, cousa que se reflicte nas súas publicacións centradas na iconografía románica en xeral e na da Catedral de Santiago, en particular.
Por outro lado, a súa actividade centrouse tamén na xestión cultural e nos últimos años traballou, ademais, como asesor en obras de restauración de diferentes monumentos do patrimonio galego: a Catedral de Santiago, colexios de Fonseca e San Xerome, claustro da Catedral de Lugo, Parque do Pasatempo de Betanzos, igrexa de San Salvador de Vilanova de Lourenzá e, a día de hoxe, no convento de Santa Clara de Pontevedra, dentro do proxecto de estudos previos á restauración e rehabilitación completa deste conxunto.
Entre as súas publicacións atópanse:
Los inicios de la Catedral Románica de Santiago: El ambicioso programa iconográfico de Diego Peláez. Colección Científica, Xunta de Galicia, Santiago, 2004.
El bestiario de la catedral de Santiago de Compostela. Espacio, función y audiencia. Biblioteca Científica del Consorcio de Santiago, 2021.
“La arquitectura del agua en la ciudad de Compostela en tiempos del arzobispo Diego Gelmírez (1100-1140) y su fortuna en Galicia.” En Perspectivas del agua: Sistemas de captación a lo largo del tiempo. De la Prehistoria al Medievo. Dyckinson, Madrid, 2019.
“Mujer, sirena, alegoría. Las metamorfosis de lo femenino en el imaginario románico de la Catedral de Santiago”, Féminas: el protagonismo de la mujer en los siglos del románico. Fundación Stª María la Real del Patrimonio Histórico, Aguilar de Campoo, 2020.
“Glosando el Pórtico de la Gloria. El bestiario soteriológico del Maestro Mateo”. Carla Varela Fernandes y Manuel Antonio Castiñeiras (cords.), Images and Liturgy in The Middles Ages Creation, Circulation and Function of Images between West and East in the Middle Ages (5th-15th centuries), Sistema Solar Crl, Ramada (Portugal), 2021.
“Alejandro, Alfonso VI y Diego Peláez: una nueva lectura para el programa iconográfico de la capilla del Salvador de la Catedral de Santiago”. En Compostellanum, volume 45, nº 3-4 (2000).
“De la Tierra Madre a la Lujuria: a propósito de un capitel de la girola de la Catedral de Santiago”. En Semata, 14 (2002), Universidade de Santiago de Compostela. 
“Sus cabelleras brillaban como plumas de pavo real: Los guerreros de Alejandro y las sirenas en un capitel de la Catedral de Santiago de Compostela”, Troianalexandrina, Anuario sobre literatura medieval de materia clásica, volume 5 (2005), Brepols Publishers. 39-61.
“Imágenes para el príncipe, imágenes para el monje: función y decoración de la cabecera de la Catedral de Santiago de Compostela”, Codex Aquilarensis vol. 27 (2011), Fundación Santa María la Real del Patrimonio Histórico, Aguilar de Campoo, 39-54.
“Una posible representación del apóstol Santiago en un capitel de la catedral de Santiago a la luz de los sermones del Liber Sancti Iacobi”, Ad Limina, volume 7 (2016), Xunta de Galicia,
“Vagina dentata: la mujer con una cabeza de león y su contexto en la catedral románica de Santiago de Compostela”, Svmma, volume 17 (2021), 20-44.
0 Comentários

    Arquivos

    Junho 2025
    Maio 2025
    Abril 2025
    Março 2025
    Fevereiro 2025
    Janeiro 2025
    Dezembro 2024
    Novembro 2024
    Outubro 2024
    Setembro 2024
    Julho 2024
    Junho 2024
    Maio 2024
    Abril 2024
    Março 2024
    Fevereiro 2024
    Janeiro 2024
    Dezembro 2023
    Novembro 2023
    Outubro 2023
    Setembro 2023
    Julho 2023
    Junho 2023
    Maio 2023
    Abril 2023
    Março 2023
    Fevereiro 2023
    Janeiro 2023
    Dezembro 2022
    Novembro 2022
    Outubro 2022
    Setembro 2022
    Julho 2022
    Junho 2022
    Maio 2022
    Abril 2022
    Março 2022
    Fevereiro 2022
    Janeiro 2022
    Dezembro 2021
    Novembro 2021
    Outubro 2021
    Setembro 2021
    Julho 2021
    Junho 2021
    Maio 2021
    Abril 2021
    Março 2021
    Fevereiro 2021
    Outubro 2020
    Maio 2020
    Março 2020
    Fevereiro 2020
    Janeiro 2020
    Dezembro 2019
    Novembro 2019
    Outubro 2019
    Setembro 2019
    Julho 2019
    Junho 2019
    Maio 2019
    Abril 2019
    Março 2019
    Fevereiro 2019
    Janeiro 2019
    Dezembro 2018
    Novembro 2018
    Outubro 2018
    Setembro 2018
    Julho 2018
    Junho 2018
    Maio 2018
    Abril 2018
    Março 2018
    Fevereiro 2018

    Feed RSS

    Imagen
    Imagem
    A Deputación da Coruña colabora coa concesión de subvencións, para que sexa posíbel a organización dalgunha destas actividades.

Com tecnologia Crie um website único com modelos personalizáveis.