Son varios os espazos da cidade de Santiago que nos lembran a presenza desta sobranceira figura galega. Malia non nacer en Santiago, os seus primeiros anos están vencellados a esta cidade, onde o Murguía adolescente foi testemuña do levantamento de 1846 e da represión que o seguiu.
Do mesmo xeito, a familia creada por Rosalía de Castro e Manuel Murguía viviu en varias rúas da cidade histórica, tales como a rúa da Conga e do Vilar, a praza do Mercado Vello ou as rúas da Senra ou de Altamira. Todas fálannos dos traballos dun home que dedicou a Galiza a súa vida, cos seus éxitos e os seus fracasos.
É e que a súa vida e a súa obra abranguen multitude de aspectos. A vida de Murguía estivo moi lonxe dos estudos de Farmacia, nos que teimaba o seu pai. Por iso, en Madrid, máis que aprendiz de boticario foi aprendiz de escritor e xornalista, colaborando nos principais xornais progresistas e publicando as súas primeiras novelas e poesías.
Porén, sería a súa Historia de Galicia, publicada en cinco tomos, a que lle deu sona a Murguía. Un proxecto historiográfico que transcende o puramente científico para ser alicerce do seu pensamento político: o rexionalismo galego que procuraba afirmar a identidade galega e o seu dereito ao autogoberno. Presidiu a Asociación Rexionalista Galega, con sede en Compostela, onde tamén se editaba La Patria Gallega.
Eterno colaborador da prensa, o seu traballo como funcionario aliviou unha economía familiar sempre en estado precario. Aínda que non foi un empregado público modelo, sancionado en varias ocasións, como cando estivo destinado na biblioteca da Universidade de Santiago.
Para os seus traballos viñeron axudas de América, pois os emigrantes galegos non esquecían o pais e axudaban os que, coma Murguía, estaban empeñados na súa restauración.
As rúas de Compostela son, xa que logo, testemuñas dos traballos e dos días dun Murguía, que dedicou a súa vida á defensa e ao progreso de Galiza.
É autor dos libros Política, eleccións e fidalgos. O réxime do Estatuto Real na provincia de Lugo, 1834-1836 (Ediciós do Castro, 2004), O Estatuto galego durante a II República (Ediciós do Castro, 2007) e Os irmáns de América. As pegadas da emigración do Valadouro na Habana (Laiovento, 2021).
A respecto da influencia de Manuel Murguía na historiografía galega cómpre destacar os artigos: “Cando o pasado é futuro: Historia e construción nacional na Galiza do século XIX”, en Madrygal, Revista de Estudios Gallegos, volume 12, 2009, p. 131-136. “Manuel Murguía e as utilidades políticas da historia”, en Grial, nº 229, xaneiro-marzo de 2021, p. 65-69.
Membro do consello editorial de Murguía, Revista Galega de Historia.
Membro do consello de dirección de Edicións Laiovento.
Traballa no Consello da Cultura Galega.
Para máis información sobre as publicacións de Prudencio Viveiro Mogo:
http://publicacionsprudencioviveiromogo.blogspot.com/