VISITA GUIADA SÓ PARA PERSOAS ASOCIADAS
Visita guiada á exposición “Memorias do Café Derby (1929-2020)”, na Casa do Cabido, na praza das Praterías, comisariada pola historiadora Ana Castro e o xornalista e historiador Fernando Franjo, autor da investigación sobre a historia do Café. VISITA GUIADA: “Memorias do Café Derby (1929-2020)” Data: Venres, 11 de febreiro de 2022, ás 18.30 h. Lugar: CASA DO CABIDO, Praza das Praterías, Santiago de Compostela. Guiará: Fernando Franjo Desde comezos do século XIX, os cafés foron lugares de reunión da elite cultural urbana. Fundado en 1929, o Café Derby axiña se converteu nun referente cultural e no brasón da cidade de Compostela, lugar de encontro e debate de composteláns ou de persoas afincadas na cidade: Valle-Inclán, Rafael Dieste, Carlos Casares, Luís Seoane, Carlos Maside, Ricardo Carvalho Calero, Gonzalo Torrente Ballester, Manuel Colmeiro, Domingo García Sabell, Manuel María ou Castelao. O seu fundador Avelino San Luis Vázquez vendeullo en 1934 a Ramón Barca Boullón e Manuel Domínguez Nieto, cuxa filla, Victoria Domínguez, foi propietaria e xerente desde 1989 até a súa xubilación en marzo de 2020, data que pecha definitivamente a historia do Derby. Nun momento de transformación urbanística e social de Compostela, o Café Derby abriu nunha zona que marcaba o límite da cidade, moi perto do edificio Castromil, lugar de partida e de chegada a Santiago. Moi importantes foron os seus parladoiros até a Guerra Civil, en que foron obrigados a mudar o nome de Café Derby polo de Café Imperial, aínda que dez anos despois recupera o nome orixinario. Os sinais de identidade do local son as cinco vidreiras de chumbo realizadas pola casa A Veneciana de Zaragoza, mais tamén destaca o zócalo de madeira de caoba, traída expresamente de Cuba, e as súas cornisas decoradas. Memorias do Café Derby (1929-2020) percorre a historia dun dos cafés máis emblemáticos de Compostela con libros e documentación inédita, como as imaxes do Café na súa sucursal dos pavillóns da Ferradura. A exposición presenta unha recreación do espazo orixinal, con elementos orixinais como cadeiras e mesas, lámpadas, vaixelas, garrafas, xogos de mesa e obxectos de cafetaría dos seus primeiros anos. Guiará a visita Fernando Franjo, historiador e xornalista, autor do libro Memorias do Café Derby (1929-2020), coeditado polo Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora. A Agrupación Cultural O Galo convídate á presentación do libro Unha etapa estelar e conflitiva do reino de Galiza, a última obra do historiador e ensaísta Francisco Rodríguez, o vindeiro mércores 9 de febreiro de 2022, ás 19.00 horas no Auditorio do Museo do Pobo Galego de Compostela.
No acto, Francisco Rodríguez, o autor, estará acompañado por María Antonia Pérez (presidenta da A.C. O Galo), Patricia Varela (presidenta da AS-PG), Rubén Cela (presidente da FGS) e Manuel Vilar (director do Museo do Pobo Galego). O aforo é limitado polo que é imprescindíbel inscribirse indicando nome e apelidos e correo electrónico no enderezo [email protected], antes do luns 7 de febreiro de 2022. O libro está coeditado pola Fundación Galiza Sempre e pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, unha obra necesaria para combater o descoñecemento e ignorancia colectiva dun pasado tan relevante e de esplendor para a historia da nosa nación. A obra supón o primeiro tomo de dous libros sobre a historia do reino de Galiza, unha coidada edición na que se inclúe multitude de documentación gráfica para ampliar a investigación sobre a revolta galega contra Castela na segunda metade do século XIV, que se complementará cun segundo tomo que ten previsto ver a luz ao longo deste 2022. |
Arquivos
Setembro 2024
A Deputación da Coruña colabora coa concesión de subvencións, para que sexa posíbel a organización dalgunha destas actividades.
|