Facendo Cultura en Compostela desde 1961
O Galo
  • Novas
  • Actividades
    • Servizos
  • Arquivo
    • Fotográfico
    • Documental
  • Faite soci@

xoán xesús González: o canteiro de sebil

24/11/2019

0 Comentários

 
Imagem
"O canteiro de Sebil" é un documental sobre a polifacética figura de Xoán Xesús González, o canteiro de Sebil, quen, polos seus propios esforzos, chegou a ser mestre, avogado, xornalista, escritor, político, intelectual...

Canteiro de oficio, mestre e xornalista, foi pioneiro en intuír que o marxismo podía contribuír a explicar a opresión nacional de Galiza. Fundador de xornais como Amañecer -voceiro da Unión Socialista Galega, o partido que entre 1932 e 1933 avanzou a síntese de socialismo e galeguismo- ou El País Gallego -na rúa entre 1927 e 1931-, sempre adscrito ás esquerdas -pasou polo PSOE, Izquierda Republicana ou Vanguardia de Izquierda Republicana-, encabezou o chamado Terzo de Calo, grupo de obreiros armados que intentou defender a legalidade republicana en Compostela tras o golpe de Estado de Franco.

O 12 de setembro de 1936, o fascismo español, levantado en armas, asasinaba a Xoán Xesús González, canda a outros compañeiros, nas tapias do cemiterio de Boisaca.
Neste documental recupérase a memoria e difúndese a figura dun home honesto, humilde, un veciño dunha aldea galega perseguido e asasinado por combater con dignidade a barbarie do fascismo español. 

O canteiro de Sebil é “unha ollada comunal” arredor de González. Un traballo producido por Quinteiro do Umia. Nel, entrevistas a historiadores e biógrafos altérnanse con reconstrucións dramáticas e a presenza de familiares de González e mesmo de quen o coñeceu en persoa.
O Leo tamén comparece cunha estremecida versión en galego de The Partisan, popularizada no seu día por Leonard Cohen. 


0 Comentários

SON DE GALICIA: O CANTO E A MÚSICA (DA ÉPOCA DAS IRMANDADES A HOXE)

24/11/2019

0 Comentários

 
Imagem
"Son de Galicia" é una proposta do Consello da Cultura Galega coa fin de divulgar o importante papel que tiveron os coros galegos no desenvolvemento da cultura galega no século XX, baseándose nos coros tradicionais e históricos de Galicia: Toxos e Froles (Ferrol, 1914), Cántigas da Terra (A Coruña, 1916), Coral De Ruada (Ourense, 1918) y Cantigas e Agarimos (Santiago de Compostela, 1921).
Na exposición amósanse os diferentes aspectos que conforman o riquísimo mundo do folclore tradicional en distintos paineis de fotos e en vitrinas onde se mostran diversos documentos e obxectos: publicacións, manuscritos, fotografías, instrumentos, partituras, vestimenta, esbozos de decorados, recortes de prensa, videos....
Os contidos viran arredor de diferentes temas: os precedentes (Aires da Terra de Pontevedra); as actividades musicais e a recuperación da música tradicional, o teatro, as artes escénicas, o baile e a coreografía; a vestimenta, a cenografía e o deseño; o labor filantrópico e benéfico; a proxección exterior; o compromiso con Galicia e a súa identidade...
0 Comentários

a aviación na provincia da coruña (1900-1936): palestra de xerardo rodríguez arias

14/11/2019

0 Comentários

 
Imagem
"A AVIACIÓN NA PROVINCIA DA CORUÑA 1900-1936" é o título da palestra que impartirá Xerardo Rodríguez Arias o martes 26 de novembro de 2019 no Espazo Enocultural VIDE, VIDE!!! de Compostela.
O conferenciante ingresou no ano 1972 no Corpo Especial de Controladores da Circulación Aérea. No ano 1994 foi nomeado xefe de división do Centro de Control da Área Terminal do Noroeste, cargo que ocupou durante 10  anos. Actualmente está xubilado e adícase a investigar o pasado aeronáutico.

Os núcleos sobre os que xira a palestra "A aviación na provincia da Coruña" son os seguintes:
1.- Primeiras sociedades aeronáuticas na Península.
2.- Os primeiros voos en Galiza. Aviadores galegos.
3.- Proxecto liña aérea trasatlántica Galiza-EE.UU.
4.- Na procura de terreos axeitados para aeródromos.
5.- Creación aeroportos nacionais.
6.- Primeiros proxectos de liñas aéreas comerciais.
7.- Na procura dun campo de aviación naprovincia da Coruña.
 
Xerardo Rodríguez Arias publicou
Cen anos de aviación en Compostela (2018), un minucioso traballo de investigación sobre o aeroporto de Lavacolla, no que se tocan temas como as demostracións dos globos aerostáticos contratados polos compostelanos para animar as festas; o primeiro voo en Compostela en 1912 por parte do aviador francés Maurice Poumet, que aterrizou nos campos de Boisaca; a xestación do aeroporto en 1932  da man dos seus impulsores Portela e Pena; a inauguración da primeira pista de Lavacolla en xullo de 1935 e a construción da primeira terminal de pasaxeiros en 1953, promovida en parte polo Cardeal Fernando Quiroga Palacios, daquela arcebispo de Santiago, de cara á celebración do Ano Santo Compostelano, para rematar na nova terminal de Lavacolla.

0 Comentários

encontro poético con medos romero

14/11/2019

0 Comentários

 
Imagem
O mércores día 20.11.2019, ás 19:30h na libraría Couceiro de Compostela, a poeta Medos Romero impartirá una palestra que se intitula: "Memoria e vivencias: encontro poético con Medos Romero". Explicará a súa evolución poética, recitará poemas "inspirados" en feitos relacionados coa guerra civil, coa cuestión feminina e coa natuleza e, para rematarmos o acto, dialogará co público.

Medos Romero nace en As Pontes en 1959). Actualmente reside en Valdoviño.
Diplomada en Enfermería pola Universidade de Santiago de Compostela, traballa como
enfermeira no Centro de Saúde das Pontes.
Poeta e narradora, acadou o Premio de Poesía Miguel González Garcés en 2006.
Entre a súa obra poética cómpre destacar Lenzo das madrugadas, A seitura dos tristes, O pozo da ferida, Do corpo e a súa ausencia, A ansia do lóstrego.
Dubido se matei a Lena e O trevo da sorte son os seus dous últimos títulos en narrativa.
Esencialmente poeta, a súa poesía vai desde a vivencia gozosa e o entendemento coa Natureza nas altas terras do Eume até o sufrimento. Vai da tenrura á dureza. A terra, as mulleres, a dor e a beleza constitúen os eixos fundamentais da súa obra.
Medos Romero é unha das voces poéticas máis persoais, imposíbel de encadrar nalgún grupo xeracional ou literario.
0 Comentários

TERRAS  de  ARZÚA,  MELIDE  e  TOQUES        NATUREZA, CULTURA POPULAR, MEMORIA HISTÓRICA

8/11/2019

0 Comentários

 
Imagem








































A AC. O Galo organiza unha visita guiada para o sábado 16 – 11 – 2019:  TERRAS  de  ARZÚA,  MELIDE  e  TOQUES: Natureza, Cultura Popular, Memoria Histórica,  á que vos convida a ti e as túas amizades.
  
TERRAS  de  ARZÚA,  MELIDE  e  TOQUES
        NATUREZA, CULTURA POPULAR, MEMORIA HISTÓRICA
                                             Sábado, 16.11.2019


 TODOS OS PARTICIPANTES DEBERÁN ANOTARSE NO CORREO ELECTRÓNICO  comunicacion@ogalo.gal E INDICAR SE LEVAN COCHE E TEÑEN PRAZAS DISPOÑIBLES OU SE NON LEVAN COCHE E PRECISAN TRANSPORTE 
NO PAZO DE BRANDESO NON ESTÁ PERMITIDO FACER FOTOGRAFÍAS

PROGRAMA:                    
09:00h: Xuntanza dos coches na rúa Valle Inclán de Santiago, a carón do Museo de Arte Contemporánea; desde este lugar sairán cara Arzúa todos os coches xuntos. 
As persoas que vaian directamente a Arzúa  e, por tanto, sen acudir ao punto de encontro da rúa Valle Inclán, deberán seguir as indicacións do punto 2.

09:50h: Visita guiada á Fonte Santa da capela do mesmo nome situada uns 4 km antes do pazo de Brandeso. Celso Magarinhos explicaranos as lendas que existen sobre esta fonte milagreira e persoas de ADEGA falarannos da carballeira. A continuación visitaremos un muíño de maquía e o seu muiñeiro, Xosé Conde, faranos unha demostración da moenda.
 11:15h: Visita guiada polo profesor da USC, doutor Juan Varela Durán, ao pazo de Brandeso (nel desenvólvese a novela Sonata de Otoño, de Ramón del Valle-Inclán). Persoas de ADEGA falarannos das plantas e das árbores do seus xardíns e da finca lindeira.
 13h: Visita guiada a Stª María de Melide. Explicacións a cargo de Xosé Antonio Vicente, coidador desta igrexa románica que conserva pinturas da época medieval.
 14:15: Xantar (optativo) en Raxería Ramos, Avda. de Lugo, nº 44. Melide, teléfono 981-507667.
15:30h: Saída nos coches desde a Raxería Ramos para a fervenza de Toques
 16:30h: Baixada a pé dos 3 km que levan ata a fervenza. Persoas de ADEGA explicarannos a flora e vexetación do treito polo cal camiñaremos.
 17:30h: Desprazarémonos nos coches desde a fervenza ata S. Antoniño (6 km)
 18h: Visita guiada á igrexiña altomedieval de S. Antoniño de Toques. As explicacións deste monumento correrán a cargo dun/ha integrante da AC. O Galo e as do seu contorno natural a cargo de membros de ADEGA. Ao rematar  regrésase a Santiago de Compostela.
CONSIDERACIÓNS A TER EN CONTA:     
1.      Este roteiro faise en coches privados e, como é norma na AC. O Galo, os seus socios teñen preferencia, para a asignación das prazas nos coches. 
Poden anotarse persoas con coche ou sen coche. Quen teña no seu coche prazas libres a disposición doutras persoas, agradecemos que o comuniquen canto antes ao teléfono 659-683384. A quen leve o coche, pagaráselle a viaxe de ida e volta; neste caso, e desde Compostela, serán un total de 6 euros por persoa e, de ir no coche 4 ocupantes máis condutor/a, serán un total de 5 euros por persoa.
2.  As persoas que vaian directamente, en Arzúa collerán a estrada que vai cara á Vila de Cruces, a uns 4 km, moi pouco antes do letreiro indicador que pon Brandeso, collerán unha pista á esquerda e a uns 250 m xa atopan a capela, o muíño e a Fonte Santa. 
3.   Cadaquén pode xantar pola súa conta onde considere. Pero cómpre que estea na Raxería Ramos ás 15:30 h, para saír cara á fervenza e S. Antoniño. 
4.   O menú na Raxería Ramos (tanto o vexetariano como o que ten carne) custa 11 euros por persoa,  que se pagan ao entrar no comedor. Para xantar nela, o mesmo que para unicamente anotarse á visita guiada, hai que escribir un correo electrónico a  comunicacion@ogalo.gal  antes do 14 de novembro de 2019 ás 18h, especificando:
3A  No caso de non xantar co grupo: Nome, apelidos, correo electrónico e número de teléfono de tod@s cant@s acudan á visita guiada sen ir xantar á Raxería Ramos.
3B  No caso de si xantar na Raxería co grupo, indicaredes nome, apelidos, correo electrónico e número de teléfono e indicaredes a sobremesa e o primeiro prato elixido do menú con carne. De optar polo menú vexetariano, cómpre que digades cal das sobremesas escolledes.
3C  Tamén debedes avisar con anterioridade ao día 15.11.2019 antes das 15h. se, despois de estar anotad@s, non ides vir ao xantar.
5.  Os menú CUSTA 11 (ONCE) EUROS e inclúe:
MENÚ CON CARNE (11 EUROS): Auga, viño ribeiro, refrescos, pan e
1º PRATO: A elixir entre empanada de touciño entrefrebado con queixo  ou macarróns con cogumelos. Cómpre escoller un ou outro.
2ª PRATO: Raxo e churrasco de porco con ensalada (as 3 cousas)
SOBREMESA: A elixir unha entre as seguintes: flan feito na casa ou torta que mercan fóra (de chocolate, de queixo ou torta xeada)
MENÚ PARA VEXETARIANOS (11 EUROS):  Auga, viño ribeiro, refrescos, pan e
   1º PRATO: Macarróns con cogumelos.                2ª PRATO: Ensalada variada
   SOBREMESA: A elixir unha entre as seguintes: flan feito na casa ou  torta que mercan fóra (de chocolate, de queixo ou torta xeada)
6.  Rogamos que vos apuntedes canto antes en: comunicación@ogalo.gal precisando se ides xantar ou non co grupo, que menú escolledes e cal dos dous primeiros pratos, isto último no caso de preferir o que leva carne. Tamén que nos informedes se ides directamente para a Fonte Santa, lugar onde comezamos ás 09:50h esta visita guiada-roteiro. E lembrade que imos a unha zona fría e que andaremos polo campo, malia a que imos por terreo chan ou costa abaixo.



0 Comentários

CENTENARIO DA ii ASEMBLEA DAS IRMANDADES DA FALA EN COMPOSTELA: 1919-2019

7/11/2019

0 Comentários

 
Para celebrarmos o centenario da II Asemblea das Irmandades da Fala, na Libraría Couceiro, o mércores 13 de novembro ás 19.30 horas, o profesor e doutor Emilio Xosé Ínsua disertará sobre esta efeméride. 
A conferencia xirará arredor do contexto, desenvolvemento e significado da segunda Asemblea Nacionalista, celebrada polas Irmandades da Fala en Compostela en novembro de 1919, hai agora exactamente cen anos. Repasaranse os debates afrontados, as figuras máis sobranceiras participantes e as conclusións adoptadas, con algunhas reflexións desde a perspectiva que nos brinda o tempo histórico transcorrido desde entón.​
Imagem
Emilio Xosé Ínsua López (Viveiro, 1967) é doutor en Filoloxía Galega pola USC e profesor de Lingua Galega e Literatura no IES A Basella, de Vilanova de Arousa.
Fai parte dos consellos de redacción das revistas Aulas Libres (STEG), Nova Ardentía (Culturmar) e Revista Galega de Educación (Nova Escola Galega).
Mantén na rede o blog “A ínsua do Ínsua”, escribe acotío no Heraldo de Vivero e ten colaborado coas actividades e publicacións da Real Academia Galega, do Consello da Cultura Galega e de múltiplas asociacións culturais de todo o país.
Participou na confección de varios libros de texto para o Consorcio Editorial Galego e preparou a edición da obra inédita de Prados Ledesma e García Dóriga, así como de varias pezas teatrais de Antón Villar Ponte.
Publicou os libros de poesía Devalar das esperas (1995) e Acontece ás veces a ternura (2005), este último galardoado co premio Prados Ledesma do Concello de Viveiro.
Obtivo diversos premios de investigación, como o Irmandiños de Moeche (1996), o Ramón Piñeiro de Ensaio Breve (2004) e o Ánxel Fole (2002 e 2009). Tamén foi distinguido co premio Ramón Cabanillas polas librarías de Cambados (2008) e co premio do Libro Galego na modalidade de ensaio en 2019.
En colaboración co actual cronista oficial de Viveiro escribiu os volumes O primeiro Antón Villar Ponte (2003) e Maruja Mallo, de prometedora pioneira a artista universal (2010).
É autor, entre outros estudos, das monografías Sobre ‘O Mariscal’ de Cabanillas e Villar Ponte (2005); Antón Villar Ponte e a Academia Galega (2006); Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo) (2010); A nosa Terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931) (2016); Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte (2017), en colaboración con Xurxo Martínez González; Xosé María Díaz Castro, poeta en formación (2017) e O escritor viveirense Xoán Pla Zubiri (1874-1936) (2017).



​Haz clic aquí para editar.
0 Comentários
    Imagen

    O Galo

    Agrupación Cultural que traballa pola nosa cultura

    Arquivos

    Março 2023
    Fevereiro 2023
    Janeiro 2023
    Dezembro 2022
    Novembro 2022
    Outubro 2022
    Setembro 2022
    Julho 2022
    Junho 2022
    Maio 2022
    Abril 2022
    Março 2022
    Fevereiro 2022
    Janeiro 2022
    Dezembro 2021
    Novembro 2021
    Outubro 2021
    Setembro 2021
    Julho 2021
    Junho 2021
    Maio 2021
    Abril 2021
    Março 2021
    Fevereiro 2021
    Outubro 2020
    Maio 2020
    Março 2020
    Fevereiro 2020
    Janeiro 2020
    Dezembro 2019
    Novembro 2019
    Outubro 2019
    Setembro 2019
    Julho 2019
    Junho 2019
    Maio 2019
    Abril 2019
    Março 2019
    Fevereiro 2019
    Janeiro 2019
    Dezembro 2018
    Novembro 2018
    Outubro 2018
    Setembro 2018
    Julho 2018
    Junho 2018
    Maio 2018
    Abril 2018
    Março 2018
    Fevereiro 2018

    Feed RSS

    Imagen
    Imagem

Com tecnologia Crie um website único com modelos personalizáveis.