FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN
Nace en Vilamartín de Valdeorras no 1903. Debido ao traballo de seu pai mora en varias vilas de fóra das nosas lindes e estuda dereito en Valladolid. En 1928 retorna a Galiza, empeza a traballar nun bufete de avogados e a publicar en diferentes revistas, entre elas en A Nosa Terra, e fará parte da Irmandade Galeguista de Valdeorras e en 1933 do Partido Galeguista. Por outra banda, un ano despois edita en NÓS o poemario Bebedeira que acada unha boa acollida entre a crítica.
En 1936 fuxe cruzando a raia seca e no Porto embarca como polisón nun buque rumbo Bordeos. Logo vai a París e a comezos de 1938 a Barcelona, onde se alista no exército republicano, coincide con Castelao, actúa como secretario de propaganda do Partido Galeguista e colabora en Nueva Galicia con poemas de combativos. Asemade formou parte da equipa que, en contacto con organizacións norteamericanas, deseñou planos para achanzar as penalidades dos galegos que se verían obrigados a saír para o exilio.
En 1939, pasou os Perineos e xunto con Valenzuela, Pla e Isla, traballou para tirar os galegos dos campos de concentración onde foran confinados polo goberno francés. A continuación foi un dos case 22.500 republicanos que se refuxiaron en México, e alí foi un dos delegados do SERE, integrante dunha estancia agraria de explotacións colectiva posta en funcionamento ao abeiro das reformas de Lázaro Cárdenas, e logo xa na capital desempeñou diferentes oficios. Participou na creación do Ateneo de Galiza, do Fogar Galego, de Irmandade Galeguista e da revista Saudade. En 1943, está na constitución da Alianza Nazonal-Galega (1943) e de Galicia, o seu voceiro, así como de responsábel do coidado da edición do Cancioneiro de loita galega, que recolle poemas dedicados os galeguistas asasinados polo franquismo.
Con López Durán negociou e redactou o pacto Galeuzca (1944) e en calidade de representante do Partido Galeguista participou nas reunións previas ás Cortes da II República que tiveron lugar na cidade de México en 1945. Tamén foi delegado do Consello de Galiza nese país.
Finalizada a II Guerra Mundial, vendo a posición de non intervención dos Países Aliados no que di ao derrocamento do franquismo, e na liña doutros partidos da Península, o Partido Galeguista baixa a súa actividade política. E el, por motivos laborais, trasládase a Guadalajara, aínda que continúa en contacto cos seus correlixionarios residentes no México DF, apoiando os seus proxectos político-culturais e loitando pola conservación e “pureza” da nosa lingua. Despois, na década de 1950, participa na constitución do Padroado da Cultura Galega (1953), organización con fortes vínculos coa revista Vieiros (1959), e dirixe a segunda andaina da revista Saudade.
Florencio González Gurriarán en 1946, gaña, xunto con Luís Tobío e Plácido R. Castro, o certame de traducións de poemas ingleses e franceses ao galego, organizado pola Federación de Sociedades Galegas de Buenos Aires, que tempo despois se publicou. E o seu segundo poemario, Galicia infinda sae do prelo case 20 anos máis tarde, en 1963. Na década de sesenta veu tres veces a Galiza , dúas para ver as posibilidades de revitalizar o Partido Galeguista. Xa en 1981 publicou aquí Cantarenas e en 1986 O soño do guieiro e en 1986 morreu en California. Este ano 2022 foi o autor escollido para dedicarlle o Día das Letras Galegas.
MIRO VILLAR. Cee, 1965.
Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada coa tese A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e estudo. É profesor de lingua e literatura galega. E como poeta publicou Ausencias pretéritas (1992), 42 décimas de febre (1994), Abecedario da desolación (1997, premio Tívoli-Europa 1998), Equinoccio de primavera (1998, Gameleiros (Xerais, 2002, co fotógrafo Manuel Álvarez), As crebas (2011, premio Concello de Carral, 2010) e Breizh (2012). Poemas seus foron traducidos a varios idiomas en Il cammino di Santiago. La giovane poesía d'europa nel 1997.
Publicou literatura infantil e xuvenil: Carlota, a marmota (2000), Carlota e a bota perdida (2003) e Carlota e a gaivota patiamarela (2006). Tamén O nariz de Fiz (2009), A cobiza do verme Noel (2011), Rebelión na charca (2012) e A pantasma da casa da Matanza (Premio Ánxel Casal da AGE, 2013). Recibiu en 1985 e 1987 o premio de relato curto Modesto R. Figueiredo Padroado Pedrón de Ouro por “Augas de silencio” e “Verbas cruzadas con Amaranta” e a Curuxa Literaria do Museo do Humor de Fene.
Como ensaísta é autor de Antón Zapata García. Biografía dun poeta emigrado ao servizo da II República (2009) e de varias edicións críticas ou comentadas, como a Antoloxía poética de Gonzalo López Abente (1995), Unha lectura de O soño sulagado (1998), Roberto Blanco Torres. Orballo da medianoite (Xerais, 1998), A poesía galega de Xervasio Paz Lestón (1998), A señardade no puño de Alexandre Cribeiro (2004), A roseira da soidade de Antón Zapata García (2005), Poesía galega completa e textos en prosa de Emilio Álvarez Blázquez (2005), Ser auga, darse en auga. Antoloxía poética de Bernardino Graña (2010), Bretemada de Gonzalo López Abente (2011) e Obra poética completa de Gonzalo López Abente (2013).
A súa bitácora persoal crebas.gal, foi premio da AELG mellor blogue literario no 2012.