Facendo Cultura en Compostela desde 1961
O Galo
  • Novas
  • Actividades
    • Servizos
  • Arquivo
    • Fotográfico
    • Documental
  • Faite soci@

xornadas sobre a situación e oportunidades da economía galega 2024. a industria de transfornación ligada aos sectores produtivos.

28/1/2024

0 Comentários

 
Fotografia
Este mércores contaremos coa presenza de Edelmiro López, Gonzalo Rodríguez e o Colectivo Bidán.

 Edelmiro López Iglesias
Doutor en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Desde 1985 desenvolve a súa actividade no Departamento de Economía Aplicada da USC, onde desde 1996 é Profesor Titular. De 1999 a 2005 foi director do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA). Entre agosto de 2005 e abril de 2009 ocupou o cargo de director xeral de Desenvolvemento Rural na Xunta de Galicia. Desde 2017 é director do Departamento de Economía Aplicada da USC.
As súas liñas de investigación céntranse na economía e a política agraria, con especial atención á dinámica das estruturas agrarias e a mobilidade da terra, o desenvolvemento rural e a economía galega. Ten dirixido ou participado en máis de 30 proxectos competitivos de investigación autonómicos, estatais e internacionais. Esta traxectoria investigadora compleméntase con máis de 50 contratos e convenios con entidades privadas e institucións públicas, entre elas INLAC, Xunta de Galicia, Comisión Europea, Banco Interamericano de Desenvolvemento, IICA, Assembleia da República de Portugal e o Ministerio de Agricultura de España. Director de 10 teses de doutoramento. Ten publicados 30 artigos en revistas indexadas, 35 libros e 40 capítulos de libros.
Na actualidade é coordinador do grupo de investigación ECOAGRASOC, recoñecido como Grupo de Referencia Competitiva no Sistema Universitario Galego. Os seus intereses científicos a medio prazo céntranse na análise das políticas agrarias e de desenvolvemento rural, a mobilidade e o abandono de terras e os incendios forestais (en 2017-2018 foi membro da Comisión Técnica Independente designada pola Assembleia da República de Portugal para o estudo dos incendios neste país).

Vai falar da Industria agroalimentaria en Galiza (resumo)

O complexo agroalimentario, o conxunto formado polo sector agrario e a industria transformadora dos seus produtos, mantén un peso relevante na economía galega: con datos de 2020, xera o 5,6% do PIB e o 6,3% do emprego. Esas porcentaxes son claramente superiores á media española e europea, poñendo de manifesto a especialización de Galiza nestas actividades.
Porén, o noso complexo agroalimentario arrastra unha debilidade estrutural: continúa especializado na produción primaria, mentres que é limitado o desenvolvemento da industria transformadora. Así, en 2020 a industria só aportaba o 39,4% do VAB do complexo, porcentaxe non moi superior á do ano 2000 (35,6%). Isto contrasta cos países do entorno, onde o habitual é que o valor acrecentado na transformación das materias primas agrarias supere o da agricultura. Por cada euro de VAB da produción agraria a industria só engade aquí 65 céntimos, mentres que en España a cifra supera 1 euro e nos países máis desenvolvidos da Unión Europea alcanza 2 euros.
Esa debilidade da industria agroalimentaria ten a súa orixe en dous fenómenos: unha parte significativa da nosa produción agraria é transformada fóra de Galiza; ademais, a agroindustria galega está especializada en xeral nos derivados máis simples, que xeran un menor valor acrecentado.
O resultado final é un feito chamativo: nas tres últimas décadas Galiza rexistra unha balanza agroalimentaria deficitaria, a produción non permite cubrir o consumo interno (en forte contraste co que sucede no ámbito pesqueiro).

CURRICULUM COLECTIVO BIDAN
O Colectivo de debate enerxético Bidán está conformado por tres compañeiros: Manuel Cabarcos, Quico da Silva e Fernando Branco.
Os tres, que xa están xubilados, viven nas Pontes e, nos casos de Manuel Cabarcos e Fernando Branco a súa actividade laboral, durante décadas, estivo ligada a unha empresa do sector eléctrico e, no caso de Quico da Silva, químico de formación, foi o mundo do ensino.
Asemade os tres tiveron diversas responsabilidades, tanto a nivel local como nacional, no campo sindical, no político e no institucional que, no caso de Quico da Silva, aínda se manteñen.
Dende hai moitos anos teñen a costume de xuntarse a cotío e sempre, nas súas conversas, xurde algunha cuestión do ámbito enerxético, por iso cando se denomina ao Colectivo Bidán como de debate é por que, efectivamente, non sempre teñen unanimidade nos seus argumentos, o que lles obriga a buscar puntos comúns.
Ademais de facer un seguimento diario das modificacións legais que se dan no sector enerxético, nomeadamente o eléctrico, e de ler artigos de opinión e bibliografía sobre a esta materia, teñen por costume visitar diferentes experiencias que, sobre o sector eléctrico, se impulsan noutros puntos do Estado e manter reunións cos organismos que as xestionan.
Colaboran mensualmente co xornal Nós Diario publicando un artigo de opinión.
Dentro das propostas presentadas ao longo do tempo polo Colectivo Bidán, podemos destacar as seguintes: Tarifa Eléctrica Galega, rescate das concesións hidroeléctricas vencidas, creación dunha Empresa Pública Galega de Enerxía, modificación nos parques eólicos procurando a concesión no canto da autorización, creación dun Centro de I+D de almacenamento enerxético, etc.

Este colectivo falaranos de GALIZA NA TRASICIÓN ENERXÉTICA. RETOS E OPORTUNIDADES (resumo)

•        Unha explicación do que significa a Transición Enerxética e o seu impacto social.
•        Dependencia enerxética galega e, ao mesmo tempo, somos excedentarios en electricidade.
•        Influencia do papel da enerxía no desenvolvemento económico e social no mundo.
•        Posición de Europa á vangarda da loita contra o cambio climático ou é unha posición tamén forzada pola súa enorme dependencia enerxética.
•        Diferenzas enerxéticas entre as Comunidades Autónomas. Balance eléctrico. Comunidades consumidoras industrializadas e ricas e Comunidades xeradoras e sen apenas industria. Territorios de sacrificio.
•       Actuacións que debería desenvolver o Goberno Galego no campo enerxético, abandonando a súa condición de ser só unha xestoría.
•        Eficiencia e consumo enerxético.
•        Empresa Pública e planificación enerxética. Exemplos de Catalunya e Euskadi.
•       Rescate das concesións hidroeléctricas vencidas.
•        Tramitación dos parques eólicos como concesión no canto de autorizacións administrativas.
•        Hibridación de instalacións e mellora a utilizacións das redes de transporte eléctrico.
•        Pagos por capacidade na centrais xestionábeis de enerxía, ciclos combinados como garantía de subministro.
•        Centro de Investigación en almacenamento enerxético.
•        Tarifa Eléctrica Galega. Enerxía quilómetro 0.
•        Atallar as desigualdades sociais que vai provocar a Transición Enerxética. 
0 Comentários

xornadas sobre a situación e oportunidades da economía galega 2024. o sector pesqueiro galego.

21/1/2024

0 Comentários

 
Fotografia
O vindeiro mécores,  24 de xaneiro, celebraremos a terceira xeira das Xornadas sobre a Situación e Oportunidades da Economía Galega. Nesta ocasión contaremos coa presenza de Rosana Pérez Fernández e Xavier Aboi. Rosana falará da Situación Actual do Sector Pesqueiro Galego e Xavier fará un resumo da historia do sector nos últimos anos.

​Rosana Pérez Fernandez naceu na Pobra do Caramiñal no 1964, é técnica superior de administración e funcionaria da Consellaría de Educación.
 
CARGOS INSTITUCIONAIS:
-   Concelleira do BNG na Pobra do Caramiñal (1995-2012). Portavoz municipal (1999-2012)
-   Deputada provincial e portavoz do Grupo Provincial do BNG na Deputación da Coruña (2007-2011)
-   Deputada no Congreso dos Deputados (2012-2016)
-   Deputada no Parlamento galego (2020-2024). Portavoz de Mar
 
CARGOS ORGÁNICOS:
-  Membro do Consello Comarcal do BNG da Barbanza dende 1991, sendo a súa responsábel-        portavoz entre 1993-1996
-   Membro do Consello Nacional do BNG (1993-1996 e dende 2006 ata a actualidade)
-   Membro da Executiva Nacional do BNG: 2006-2016, coas seguintes responsabilidades:
-   Responsábel da Secretaría de Relacións Exteriores (2006-2009)
-   Responsábel da Secretaría de Comunicación (2009-2012)
-  Responsábel da Secretaría de acción institucional no Congreso dos Deputados e relacións con organización internacionais do Estado (2013-2016)
 
 OUTROS DATOS:
- Integrante activa de diversos movementos sociais: Mesa pola Normalización Lingüística” dende 1994. Asociación Cultural “A Miserela”, dende 1990 (socia fundadora). Asociación “Xurdir”, de Loita contra a Droga, dende a súa fundación (1991). De “Andaina-Revista Galega de Pensamento Feminista”, dende o ano 1996, etc.       

A súa palestra leva o seguinte título:

SITUACIÓN ACTUAL SECTOR PESQUEIRO GALEGO (resumo)
 
É o resultado dun sumatorio de políticas que converteron á que era primeira potencia pesqueira europea nunha frota envellecida e minguada en número de buques, de capacidade pesqueira, de tripulantes e en peso económico.
Na industria conserveira e transformadora, que nunha gran parte traballa con produtos importados, ten cada vez máis peso de fondos de investimento estranxeiro.
A ocupación do mar por actividades moi afastada da extractiva, como a acuicultura intensiva e a eólica mariña prevista, gañan terreo progresivamente.

En relación coa UE
A hiperregularización do sector pesqueiro proven hoxe en gran parte da UE, que mantén unha política uniformizadora e homoxeneizadora para o conxunto da frota europea, sen ter en conta a singularidade da galega.

En relación co Estado español
A centralización da maioría das competencias relacionadas co mar, a beiramar e o sector pesqueiro galego no Estado leva consigo unha histórica discriminación e o sometemento a normas ditadas fóra da nosa realidade que cómpre reverter.

En canto ás competencias propias da Xunta de Galiza
As distintas problemáticas do mar en Galiza proveñen da falla de ferramentas propias para regular a actividade marítimo-pesqueira pero tamén da falla de implicación e  vontade política e orzamentaria para facer fronte aos múltiples desafíos actuais dende as competencias das que xa dispón o Goberno galego.
 
A seguinte palestra do día será a de Xavier Aboi Pérez Naceu en Cangas do Morrazo en 1958 e iniciou a súa vida laboral nun taller do metal. A súa relación emocional co mar, dende neno, vinculouno co sector a comezos dos 80, como tripulante da mariña mercante e colaborador da Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos. A primeira experiencia que o marcou sindicalmente foi o apresamento do Cigala II, un barco de capital marinense que faenaba ao marisco en Senegal, apresado por Mauritania e cuxa axuda e apoio ás familias foi crucial para conseguir a liberación da tripulación.
No ano 88, participou da resposta social á ruptura do acordo pesqueiro UE-Marrocos que afectou aos portos do Morrazo, A Guarda e Ribeira e na folga, en Canarias, de máis de 60 días, dos tripulantes da Flota conxeladora do Banco Canario Sahariano, así como na resposta á expulsión de case 1.000 galegos que traballaban nas Plataformas do Mar do Norte da empresa Erema.
Dende os 90, foi o responsable do sector do mar primeiro na INTG e despois na CIG, converténdose no representante deste sindicato en diversos organismos como o Consello Galego de Pesca ou o ISM. Xavier Aboi pode relatar de primeira man os conflitos e o devalar do sector das últimas décadas: Namibia, folga de arrastre litoral e Gran Sol, Nafo e Guerra do Fletán, coeficientes redutores, Prestige e Nunca Máis, Conflito con Mauritania, cerco, ata a manifestación do pasado domingo, 21 de xaneiro, en defensa do noso mar, xa que é unha voz autorizada cunha vida dedicada á loita e defensa do sector pesqueiro e a xente do mar. 

GALICIA, NACIÓN MARIÑEIRA (resumo).
​
É unha evidencia que Galiza é unha nación mariñeira. Durante anos, fomos unha potencia a nivel mundial e a actividade pesqueira un motor para o país. Con todo, a partir do 12 de xuño de 1985, coa entrada do Estado Español na Comunidade Económica Europea, posterior UE, comezou un devalo que laminou a potencialidade e capacidade da pesca en Galiza co despece de barcos, a eliminación de postos de traballo en mar e terra e o declive de comarcas costeiras. Unha crise contra a que o sector impulsou multitudinarias mobilizacións sociais para defender non só o seu traballo e unha actividade económica máis, senón o modo de vida que historicamente definiu económica, social e culturalmente ao pobo galego.
A través desta intervención tratarase de facer unha radiografía da evolución do sector nas últimas décadas, dende a flota de altura (Arrastre Litoral, Gran Sol, Bacallau, Nafo, Banco Canario Sahariano e Mauritania) á flota de baixura, pasando polo marisqueo e o sector da transformación. A seguir, explicaranse as grandes ameazas coa entrada de multinacionais enerxéticas e da alimentación ultraprocesada que buscan privatizar o noso mar, expulsando del toda actividade pesqueira que nos proporciona soberanía alimentaria e, finalmente, exporanse as alternativas da CIG coas que aproveitar todas as potencialidades que aínda posúe o sector. Un alegato actual á vella reivindicación de queremos producir para poder vivir que segue dramaticamente vixente case 40 anos despois. 

0 Comentários

secor enerxético e minaría na galiza

14/1/2024

0 Comentários

 
Fotografia
O 17 de xaneiro, continuando coas Xornadas sobre a Situación e Oportunidades da Economía Galega, falará Belén Rodríguez e Marcelino Fernández Mallo na libraría Couceiro de Compostela.
Belén Rodríguez presenta unha palaestra titulada “Galiza, potencia enerxética si, pero non así!”. E  Marcelino Fernández outra que leva por título "A quen pertencen os nosos recursos?".
 
Estades convidadas todas as persoas  ata encher o local.
 
Currículo de Belén Rodríguez Fernández, ADEGA
 
En 2005 comecei o meu traballo na Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) como responsable de comunicación e coordinadora do proxecto de difusión de información ambiental “Proxecto Cerna”. Fun impulsora do primeiro espazo divulgativo radiofónico de medio ambiente e ecoloxía de Galicia, "Radio Cerna" e durante 17 anos fun editora da “Revista Cerna”. Malia ser a comunicación a miña especialidade, durante 14 anos  anos fun adquirindo responsabilidades de xestión e organización na delegación de en Lugo. En 2019 fun nomeada Secretaria Executiva de ADEGA para coordinar a actividade xeral da organización, cargo que desempeño actualmente.
 
O meu traballo ao longo destes 19 anos en ADEGA, tanto no eido da comunicación como no da dirección e xestión, permitiume contactar cun amplo número de persoas, colectivos e plataformas sociais de todos os ámbitos do país, que me achegaron unha visión completa da realidade ambiental galega, das súas problemáticas e da súa incidencia no devir da nosa historia e cultura.
 
Actualmente, e desde hai 3 anos, coordino a campaña de ADEGA fronte a invasión eólica, e desde hai 7 meses a campaña “Ti podes paralos” de recadación colectiva para o emprendemento de accións xurídicas contra o espolio eólico. Tamén participei no impulso da Coordinadora Galega Eólica Así Non na que exerzo de moderadora e voceira. Esta plataforma está conformada por máis de 200 colectivos e plataformas sociais galegas que loitan pola defensa do territorio fronte a actual invasión eólica. 

O título da súa palestra é
 
 “Galiza, potencia enerxética si, pero non así!” (resumo)
 
Comezará cunha introdución sobre o balanzo enerxético de Galiza, facendo unha especial mención á súa potencialidade como produtora de enerxía renovábel e avantaxada no cumprimento dos obxectivos climáticos. Porén, a transición cara a unha economía galega descarbonizada e sustentábel aínda está lonxe de ser unha realidade e, neste senso, indicaranse algúns dos principais retos aos que se enfronta o país.
 
Abordarase de forma específica o papel das enerxías renovábeis en Galiza e, en especial, ao actual modelo de implantación eólica e ás súas ameazas. A chamada “vaga ou invasión eólica” obrigou a reaxir o discurso ecoloxista (o galego, nomeadamente) baixo o lema “Eólica si, pero non así” ou “Eólica Así Non”, fronte a un “capitalismo verde” que enmascara tras a pantalla da emerxencia climática o seu insaciable afán depredador e espoliador dos nosos recursos naturais. Ao par, reflexionarase sobre o abandono da función pública que os gobernos galego e estatal están a protagonizar para entregarse ao servizo do lobby enerxético ata saltarse algunhas das normas máis básicas dun estado democrático.
 
Para concluír, achegarase a proposta da asociación ecoloxista ADEGA para avanzar sen máis dilación cara a unha transición ecolóxica e enerxética ordenada, ao servizo do pobo, asentada en principios de conservación e resiliencia ambiental e destinada a dotar dun futuro digno, xusto e ecolóxico ao pobo galego, tamén a través dunha economía máis sustentábel.

A palestra seguinte corre a cargo de Marcelino Fernández Mallo. Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e Master Business Administration pola Escola de Negocios suíza IMD Business School.

Foi consultor e formador independente en diversas institucións. Participou como profesor en cursos de postgrao de varias institucións e universidades.  Foi consultor de múltiples proxectos, normalmente de carácter estratéxico. Exerceu distintos postos directivos en Caixa Galicia, entre os cales merecen subliñarse a Dirección da División de Banca dixital e a Coordinación xeral para a integración da Moeda Única. Creou e desenvolveu tamén o Departamento de Estudos da entidade financeira galega e ocupou outras posición nas divisións de Planificación e Organización.
Impartiu decenas de cursos, conferencias e charlas en ámbitos universitarios e corporativos. É colaborador habitual nos medios de comunicación con artigos de análise e actualidade sobre asuntos económicos e de xestión.

Leva máis de trinta años publicando artigos de economía e management en xornais e revistas, de ámbito xeral o especialista. Entre os seus libros destacamos o  ensaio “De la Peseta al Euro”, publicado pola Editorial Pirámide (1998), “Saber Decidir: la auténtica clave del éxito (ebook)” publicado por Ed. Bookboon (2018), e “The Wrong Manager”, publicado por LID Business Media (2022).  

O seu título é:
​
"A quen pertencen os nosos recursos?" (resumo).
O sector da minaría representa arredor do 0,35 do PIB de Galicia. Malia non ser unha actividade principal, si ten unha influencia relevante en comarcas ou concellos coma Valdeorras ou O Porriño onde as producións de lousa e granito supoñen unha parte sobranceira da súa industria.

O futuro da minaría en Galicia ten que ver coas posibilidades de explotación de materias primas consideradas “fundamentais” pola Unión Europea. A UE depende absolutamente doutros países para o subministro de minerais esenciais para o desenvolvemento de tecnoloxías verdes. O obxectivo de acadar a neutralidade climática en 2050 supón unha presión para dispoñer de materias primas que cando menos cubran unha parte da demanda.

Galicia posúe xacementos de coltan, en Viana do Bolo, cobre en Touro e volframio en San Fix, que poderían ser obxecto de explotación. Ademais, habería a posibilidade de facer prospección para a explotación doutros materiais coma litio ou terras raras. Dado que o subsolo pertence ao dominio público, a súa explotación haberá ser concedida pola administración con independencia de quen sexa o propietario das terras afectadas. E isto esixe ter unha política de concesión de dereitos mineiros clara e transparente.

A Unión Europea fixa uns estándares ambientais esixentes para a explotación dos recursos naturais. A depuración das augas ou a restitución modular das terras afectadas son dous requirimentos que en calquera caso se deben ter en consideración. Mesmo cumprindo estes requisitos, a cuestión clave está no xogo das externalidades, é dicir, dos efectos colaterais de cada proxecto.

Por unha banda, deben minimizarse as externalidades negativas como a contaminación de augas e aire, o impacto paisaxístico e sobre a biodiversidade, o risco polo tratamento dos residuos ou o posible efecto nas actividades agro-gandeiras. Pola banda contraria, deberán maximizarse as externalidades positivas, isto é, as que supoñen creación sostible de emprego e desenvolvemento dunha cadea de valor. Neste sentido, o exemplo do sector eólico, no cal Galicia sofre o deterioro ambiental e paisaxístico sen impacto no desenvolvemento tecnolóxico, serve de alerta a ter en conta tamén no sector mineiro. 

0 Comentários

análise do complezo agrario galego.

9/1/2024

0 Comentários

 
Fotografia
Mañá comezan as XORNADAS 2024. SITUACIÓN E OPORTUNIDADES DA ECONOMÓA GALEGA con dúas palestras: María do Mar Pérez falaramos da Situación e perspectivas do sector agropeciario; e Xosé Antonio Meixide sobre a Estrutura e ordenación do espazo rural.
María do Mar Pérez Frá  é profesora do Departamento de Economía Aplicada, área de Economía, Socioloxía e Política Agraria desde o ano 1997. Ten unha ampla experiencia no deseño e avaliación de políticas de desenvolvemento rural, ámbito onde se centra a súa principal liña de investigación.
Neste campo, destaca a coordinación en Galicia do Programa de Desenvolvemento Rural 2007-2013 (FEADER), así como a súa tese de doutoramento relacionada coa análise e avaliación da Iniciativa LEADER en Galicia e Norte de Portugal. Durante o período 2005-2007 foi responsable da Consellería de Coordinación e Ordenación do Desenvolvemento Rural da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).
Como investigadora ou como docente realizou estancias nas Universidades de Trás-os-Montes e Alto Douro (Portugal), na Universidade Técnica de Lisboa (Portugal), no Centro de Investigación de Economía Rural-TEAGASC (Irlanda), na Universidade Federal de Viçosa (Brasil), na Universidade Nacional de Costa Rica e na Universidade Federal de Tocantins (Brasil).
Nos últimos 10 anos participou en 10 proxectos de investigación nacionais e internacionais e numerosos convenios e contratos con administracións e empresas. Dirixiu 6 teses de doutoramento, centradas na análise de diferentes procesos de desenvolvemento rural. Ademais, é autora ou coautora de 24 artigos en revistas científicas de referencia, 9 libros e capítulos de libros e máis de 40 comunicacións en congresos internacionais.

A súa palestra leva o seguinte título
​
O COMPLEXO AGRARIO GALEGO: SITUAÇOM E PERSPECTIVAS (resumo)
                                                       
Na minha exposiçom realizarei umha descriçom das principais mudanças experimentadas pola agricultura e a gandeiria galegas nas últimas quatro décadas.
É bem conhecido que o sector tem vivido um processo de intensos câmbios. Partia-se dumha agricultura tradicional, de base familiar, pouco orientada cara o mercado e que recorria em escassamedida a elementos procedentes de fora da própria unidade produtiva. Nom obstante, em poucas décadas, chegou-se a conformar um sector que continua sendo maioritariamente familiar mais que tem umha marcada especializaçom gandeira, que está integrado por unidades produtivas mui dependentes da incorporaçom de inputs e bens de capital de origem industrial e que, hoje em dia, está completamente virado cara o mercado.
Mas este intenso processo de modernizaçom arrastra problemas importantes que estám lastrando os resultados obtidos por estas unidades económicas. O grande desafio ao que deveremos de dar resposta e o acesso a terra. As granjas precisam incrementar a sua base territorial para poder rentabilizar adequadamente o grande esforço investidor realizado. O sector necessita dumha transiçom cara modelos mais extensivos que ademais de supor umha melhora económica para as famílias, vam contribuir à sustentabilidade ambiental da agricultura galega.

A segunda palestra do día corre a cargo de Xosé Antonio Meixide Fernández   que iniciou a súa andaina profesional formando parte dunha pequena explotación agropecuaria familiar.
A continuación deu o salto para a Universidade continuando cos estudos agropecuarios máis horta, xardinería, e monte posteriormente. No ano 1983 foi Oficial de 2ª non Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). Posteriormente desde os anos 1985 ata o 1989 actuou de Técnico Agrario na Cooperativa Frutagal e na empresa conserveira AROTZ S.A. e Cultinova  S.A especializadas en pequenos froitos e castaña. Compatibilizou durante estes anos actividades de experimentación e monitor de cursos do INEM.
A partires do ano 1989 pasa a ser funcionario da Consellería de Agricultura na D. X. de Montes e Industrias ata ou ano 1994. A continuación incorpórase na Sección de Ensinanzas Regradas na mesma Consellería . Incorpórase como profesor e coordinador dous cursos de Aptitude Empresarial Agraria non C.F.E.A. de Guísamo. Exerce de Asesor Técnico Forestal na Consellería do Medio Rural desde ou ano 2005 ata o ano 2009 no que se reincorpora ao C.F.E.A. de Guísamo, no que permanece ata o ano 2022. Nesta última etapa incorpórase como Xefe de Sección de Investigación l non CIAM.
Durante todo este ciclo profesional dedica moito tempo á transferencia tecnolóxica nas diferentes especialidades expostas. A destacar a súa participación en charlas, conferencias, publicacións e diferentes cursos en colaboración con organismos e entidades públicas e privadas. 

ESTRUTURA E ORDENACIÓN DO ESPAZO RURAL
 (resumo).
Desde unha visión academicista, as palabras: planificación, xestión, ordenación, etc, son moi complexas dado tamén a dificultade do medio sobre o que actuamos. Toda a poboación está no dereito de opinar, todos os colectivos profesionais están implicados, e todos temos dificultades para poder integralos. Se isto o levamos a un artigo, onde ou que podemos trasladar son pinceladas, máis complexo aínda.
Como temos esta pequena “ palestra” para escoitarnos e trasladar as nosas inquietudes, tentaremos describir os inicios dos nosos coñecementos sobre a materia, así como a problemática e posibles solucións. Os que tivemos a “sorte “ de poder coñecer o medio agrario nunha fase de transición para unha agricultura moderna ata a situación actual, podemos sacar as nosas conclusións , diferentes probablemente en función dás vivencias de cada actor. Considero que podemos opinar en común que os cambios na poboación, nas técnicas produtivas, nos usos do territorio ; temos intereses diferentes que o medio achéganos, así como nas dificultades para conservar un medio tan vulnerable coas afeccións consecuentes sobre todo ou territorio e toda a poboación . As aldeas xa non somos grupos máis ou menos aillados, adicados a sacar froitos dá terra, e con unha visión exclusiva de núcleo familiar. Tampouco somos un mundo rural que está tendo as mesmas oportunidades en todo ou territorio galego, facéndose máis palpable día a día as diferenzas . Tampouco estanse a facer bos usos dá terra tendo en conta as súas aptitudes agronómicas e a súa posición estratéxica sobre ou territorio, dando seguridade as persoas e bens. Porque nos resulta tan complicado entender cousas tan básicas que todos tiñamos gravado na nosa memoria.

0 Comentários

xornadas 2024. situación e oportunidades da economía galega.

6/1/2024

0 Comentários

 
Fotografia
0 Comentários

    Arquivos

    Junho 2025
    Maio 2025
    Abril 2025
    Março 2025
    Fevereiro 2025
    Janeiro 2025
    Dezembro 2024
    Novembro 2024
    Outubro 2024
    Setembro 2024
    Julho 2024
    Junho 2024
    Maio 2024
    Abril 2024
    Março 2024
    Fevereiro 2024
    Janeiro 2024
    Dezembro 2023
    Novembro 2023
    Outubro 2023
    Setembro 2023
    Julho 2023
    Junho 2023
    Maio 2023
    Abril 2023
    Março 2023
    Fevereiro 2023
    Janeiro 2023
    Dezembro 2022
    Novembro 2022
    Outubro 2022
    Setembro 2022
    Julho 2022
    Junho 2022
    Maio 2022
    Abril 2022
    Março 2022
    Fevereiro 2022
    Janeiro 2022
    Dezembro 2021
    Novembro 2021
    Outubro 2021
    Setembro 2021
    Julho 2021
    Junho 2021
    Maio 2021
    Abril 2021
    Março 2021
    Fevereiro 2021
    Outubro 2020
    Maio 2020
    Março 2020
    Fevereiro 2020
    Janeiro 2020
    Dezembro 2019
    Novembro 2019
    Outubro 2019
    Setembro 2019
    Julho 2019
    Junho 2019
    Maio 2019
    Abril 2019
    Março 2019
    Fevereiro 2019
    Janeiro 2019
    Dezembro 2018
    Novembro 2018
    Outubro 2018
    Setembro 2018
    Julho 2018
    Junho 2018
    Maio 2018
    Abril 2018
    Março 2018
    Fevereiro 2018

    Feed RSS

    Imagen
    Imagem
    A Deputación da Coruña colabora coa concesión de subvencións, para que sexa posíbel a organización dalgunha destas actividades.

Com tecnologia Crie um website único com modelos personalizáveis.