Uxío-Breogán Diéguez (Madrid, 1978). Doutor en Historia pola Universitat de Barcelona. Profesor da Universidade da Coruña, na que é director da Cátedra de Memoria Histórica. Cofundador e director de Murguía, Revista Galega de Historia desde 2003. Presidente entre 2001 e 2011 da Asociación Galega de Historiadores, así como presidente desde 2011 do Instituto Galego de Historia. Membro da Fundación Moncho Reboiras e da Fundación Alexandre Bóveda. Impulsor xunto a Xosé Estévez do Galeusca Historia no 2008.
Ten dirixido, guionizado e asesorado varios documentarios, como Alexandre Böveda. Capitán noso (2003) ou A Fazaña da Liberdade (2013), así como comisariado varias exposición, como Alexandre Bóveda: da vida e do compromiso (2011) ou Nunca Máis. A rebelión dun pobo (2012).
É autor de numerosos libros, como entre outros A Asemblea de Concellos de Galiza Pro-Estatuto (FAB, 2002), Álvaro de las Casas. Biografía e Documentos (Galaxia, 2003), Alexandre Bóveda nos seus documentos (Difusora de Ideas, 2010) e Nacionalismo galego aquén e alén mar, 1936-1975 (Laiovento, 2015), así como impulsor e coautor de obras colectivas sobre historia política, como entre outras Nationalism on the Iberian Peninsula During the Early 20th Century (University of Nevada, 2021) e A Transición en Galiza, recentemente publicada en Laiovento.
O SEG E O SEU COMPROMISO POLÍTICO CON GALIZA
Por Uxío-Breogán Diéguez (resumo)
O profesor Uxío-Breogán Diéguez centrará a súa disertación no compromiso político do Seminario de Estudos Galegos (tanto dos seus integrantes, como do SEG en canto institución). Destacando que o Seminario de Estudos Galegos vinculouse, desde o seu nacemento, ao proxecto político das Irmandades da Fala e logo do Partido Galeguista. Neste sentido, o SEG realizou un labor de suma importancia en favor da Autonomía de Galiza, dando lugar a un concienciudo traballo de investigación que desembocou na edición do "Anteproyeito de Estatuto de Galiza", en maio de 1931.
A continuación, Aurora Marca falaranos sobre AS MULLERES NO SEG.
Aurora Marco. Ensaísta. Licenciouse na USC en 1970 con Premio Extraordinario, doutorouse en Filosofía e Letras en 1978 e xubilouse en 2014, tras 44 anos de docencia, como catedrática de Didáctica da Lingua e a Lit. Galega na Faculdade de CC da Educación de Compostela. No desempeño da súa carreira profesional foi secretaria e directora do Departamento de Didáctica da Lingua e a Literatura da USC, e secretaria e presidenta da “Sociedad Española de Didáctica de la Lengua y la Literatura”.
No campo da investigación é autora dunha vintena de libros –biografías, estudos e edicións críticas sobre diferentes autores e autoras, libros de carácter interdisciplinar– e de numerosos artigos sobre temática diversa. Editora de varios volumes e colaboradora de obras colectivas, desenvolve unha intensa actividade como conferenciante.
Da súa extensa obra salientan: Ramón Otero Pedrayo. Prosa miúda (1988); Ramón Otero Pedrayo. Teatro ignorado (1991); Foula e ronsel. Os anos xuvenís de Carvalho Calero (1992); Avilés de Taramancos. Un francotirador da fermosura (2003); Ramiro Paz Carbajal. Unha vida segada pola barbarie (2003); Áurea Lorenzo Abeijón. Queixas (2004).
Nos últimos trinta anos centrouse preferentemente nas investigacións de xénero. Entre 1994 e 2000 fixo parte do grupo NOMBRA, Comisión Asesora sobre Linguaxe do “Instituto de la Mujer”, grupo apoiado na súa creación pola Comisión Española de UNESCO, formado por sete especialistas en distintos campos do coñecemento que investigaron as relacións entre lingua e xénero e deron á luz diferentes publicacións. E, en calidade de investigadora, integrou o Consello pola Memoria da Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia no período 2006-2009.
Ao tempo comezou coa recuperación da traxectoria das mulleres galegas e, de maneira especial, das represaliadas: As precursoras (1993); Mulleres e educación en Galiza. Vidas de mestras (2002); Dicionario de mulleres galegas (2007); Mulleres na guerrilla antifranquista galega (2011); Mª Teresa Alvajar. Memorias dunha republicana (2012); Elas (2015); Irmandiñas (2020); Carmiña Sierra. A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos (2023), recén saído do prelo.
Guionista e produtora de tres documentais de Memoria Histórica dirixidos polo seu fillo, o realizador Pablo Ces: As silenciadas (2011), que obtivo dous premios de Dereitos Humanos e o Mestre Mateo (2012), entre outros; “Miracielo”. Vida e morte de Manuel Ponte Pedreira (2011) e Concha Castroviejo. Arelas de liberdade, Premio Xohana Torres de Ensaio e Creación audiovisual (2018).
Pola súa obra ensaística foi galardoada con numerosos premios: “Tomás Barros” de Investigación Teatral (1991); “Ánxel Fole” de Ensaio literario (1992), polo libro dedicado a Carvalho Calero; “Luís Tilve” de Investigación e Divulgación Histórica (2012) pola investigación sobre as guerrilleiras antifranquistas // Premio "Mulleres en Acción" (2015) // Premio "Galiza Mártir" (2016) // Premio "Mártires da Liberdade” (2017) // Premio “Follas Novas” do Libro Galego (2021) e Premio “Baltar Feijóo” (2022), ambos por Irmandiñas.
En 2014 foi nomeada Republicana de Honra pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e, no 2021, pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza. A plataforma de crítica literaria feminista A Sega nomeouna Señora das Letras en 2023.
Mulleres no Seminario de Estudos Galegos
Por Aurora Marco (resumo)
Desde que se produciu a entrada oficial das mulleres nas universidades, en 1910, e até a fundación do Seminario de Estudos Galegos (SEG), en 1923, foron moi poucas as mulleres que pisaron os claustros universitarios. Lembremos as irmás Elisa e Jimena Fernández de la Vega, primeiras estudantes de Medicina entre 1913 e 1919, que tiveron que soportar a incomprensión dos compañeiros e, inclusive, dalgúns profesores no seu paso pola facultade. Por esta razón, non resulta nada extraño que a presenza feminina no Seminario de Estudos Galegos (SEG) fose case testemuñal porque na década de 1920 foron poucas as que ingresaron na Universidade de Santiago (USC) e o Seminario, como é sabido, foi unha entidade ligada á USC.
A lembrar a presenza feminina no SEG dedícaremos a intervención na táboa redonda, para salientar que as poucas “seminaristas” activas foron sobre todo as do mundo das Letras e a Pedagoxía, menos as das carreiras de Ciencias, Medicina ou Farmacia –socias protectoras houbo algunhas máis–. En todos os casos, as súas vidas e accións ficaron silenciadas, sen fixar, ausentes do discurso oficial e do ensino académico, excluídas da historia. Porén, as pegadas da súa presenza na sociedade ficaron esparexidas por diferentes fontes, e na memoria oral familiar; fontes que houbo que ir respigando con paciencia para lles dedicar un capítulo no noso libro Irmandiñas (Laiovento, 2020) ou para elaborar a monografía que vimos de publicar en Alvarellos, Carmiña Sierra. A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos.
Nomes para a lembranza serán: Carmiña Sierra, Luísa Cuesta, Pura Lorenzana, Josefa Iglesias Vilarelle, Sara Leirós Fernández, María Corredoira, Dolores Salgado e Amparo Arango.
Para rematar, X. Ramón Pena falará sobre OS NOVOS CONTRA OS AVELLENTADOS. A LITERATURA DE NOSO NA XEIRA DE SEG.
Xosé Ramón Pena (Betanzos, 1956). Tras pasar a súa infancia e adolescencia na súa terra natal e na Coruña, lenciouse en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela, pola que é Doutor en Filoloxía Románica. Exerceu a docencia nas universidades de Vigo e California (Santa Bárbara) e traballou como catedrático de lingua e literatura galega no IES Santa Irene (Vigo) ata a súa xubilación. Na actualidade continúa o seu labor académico na UNED.
Gañador do Premio Xerais (19877), do Premio Losada Diéguez (1988 e 2017), do Fervenzas Literarias (2015) e do Premio da Crítica Galicia (Investigación, 2015), colaboro, e colaborar, en xornais e revistas; mantén unha columna semanal no xornal Faro de Vigo, onde dirixiu -na actualidade continúa como asesor literario- o suplemento cultural “Faro da Cultura”. Foi asmade director da colección “Biblioteca das Letras Galegas” de Edicións Xerais.
O seu labor como escritor ocupa os espazos do ensaio e da historia da literatura galega así como da prosa de ficción. Np primeiro deles é autor de títulos como Manuel Antonio e a vangarda (1996), Historia da literatura medieval galego-portuguesa (1922), Estudos sobre Os Eoas de Eduardo Pondal (2005, con Manuel Forcadela), Martín Codax e os xograres do mar de Vigo (2017) así como os catro volumes (2013-2019) que conforman a súa Historia da literatura galega. Así mesmo é autor das edicións de Na noite estrelecida (R.Cabanillas, 1988), Poesía galega completa de R. Cabanillas (2005, con X.Mª Dobarro) No desterro (R. Cabanillas, 2010) e Obra poética de F. Delgado Gurriarán (2022).
Polo que se refire á súa produción como prosista de ficción, vén ser o autor de títulos como Para despois do adeus (1987), Paixóns privadas (1991), A era de Acuario (1997), Fado de princesa (2005), A batalla do paraíso triste (2008), Como en Alxeria (2012), Todas as vidas (2020) e En tempo de desconto (2022). Varios destes volumes están traducidos ao castelán e ao portugués.
OS NOVOS CONTRA OS AVELLENTADOS. A LITERATURA DE NOSO NA XEIRA DE SEG
Por X. Ramón Pena (resumo)
Veu constituíndo -e aínda continúa a selo en certa medida- un lugar común nos estudos arredor da literatura galega considerar o grupo, ou máis habitualmente xeración, Nós como non só o episodio máis importante e decisivo, senón mesmo (case) o único, a destacar no decurso das letras de noso na xeira que vai desde a fundación das Irmandades da Fala (1916) deica o inicio da Guerra Civil (1936). Xa que logo, episodios como as vangardas poéticas -pero así mesmo noutros ámbitos da literatura de ficción-, se ben que abordados polos analistas, deveñen secundarios e, en todo caso, suxeitos sempre ao mestrado “incuestionábel e incuestionado” dos membros de Nós os cales, en efecto, buscaron “orientar”, “inspeccionar”..., “guiar” o grupo dos “novos” que comezaban a plantear a posibilidade doutras estéticas e perspectivas.
A común pertenza dos uns e mais dos outros ao que ben podemos cualificar como a atmosfera do nacionalismo galego determinou, daquela, que as desputas e controversias se levasen a termo, en ocasións e por así expresalo, “con sordina”. Porén, o certo é que tal debate si existiu e que aquel suposto “mestrado” ou “xefatura” dos “maiores” si foi discutido e, en consecuencia, ha de ser matizado e/ou corrixido. Sen dúbida, o tempo da creación do Seminario de Estudos Galegos conforma un momento central dentro desta xeira na cal, e fronte outra vez á historiografia clásica, a desputa estética e aqueloutra de carácter ideolóxico-político van da man.