Facendo Cultura en Compostela desde 1961
O Galo
  • Novas
  • Actividades
    • Servizos
  • Arquivo
    • Fotográfico
    • Documental
  • Faite soci@

XORNADAS SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS 1923-1933.

15/9/2023

0 Comentários

 
O vindeiro mércores, 20 de setembro, comezarán as xornadas na libraría Couceiro de Compostela, ás 19 horas coa intervención de Miguel Anxo Seixas, X. Antón Fraga e Antón Costa Rico.
Miguel Anxo Seixas abrirá as xornadas coa palestra titulada  RECOMPILAR E CATALOGAR GALIZA.

Miguel Anxo naceu en  Arzúa o 29 de setembro de 1960. Licenciouse en Historia da Arte Moderna pola USC no 1984. No 2017  Defende a tese de doutoramento Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao. Biografía dun construtor da nación, na mesma universidade.

Publicacións: libros
1989 Celso Emilio Ferreiro 1912-1979. Unha fotobiografía: edicións Xerais de Galicia, Vigo
1990    O Camiño de Santiago: edicións Xerais de Galicia, Vigo.
1991    Álvaro Cunqueiro 1911-1981. Unha fotobiografía: edicións Xerais de Galicia, Vigo.
1998    Santiago y Galicia, Mérida: Límite Visual.
2003   Catálogo Galicia. Camiño celeste, Barcelona, editorial Lunwerg, A Coruña; Fundación Caixa Galicia. Fotografías de Xurxo Lobato.
2009  Ánxel Casal. O editor de nós, Santiago: Concello de Santiago. Terceira edición corrixida e aumentada.
2010  Imaxes de Galicia: 72 xilografías orixinais. Edición comentada de Luís Seoane, Santiago: Consello da Cultura Galega.
2012    Valentín Paz-Andrade. Fotobiografía, Sarria: Ouvimos.
2016    Luís Porteiro Garea e as Irmandades da Fala: Concello de Santiago: Concello.
2016    O humorismo gráfico de Castelao, A Coruña: ediciones Boreal.
2017  Quen fora pedra. Centenario do monumento a Rosalía na Alamenda de Santiago: Deputación da Coruña.
2019    Castelao, construtor da nación. Tomo 1: 1886-1930. Vigo: editorial Galaxia.
2020    Castelao, construtor da nación. Tomo 2: 1931-1939. Vigo: editorial Galaxia.
2021   Castelao, construtor da nación. Tomo 3: 1940-1950. Vigo: editorial Galaxia.
 
Exposicións:
1992   Coordinador xeral da exposición Galicia e América e do catálogo, Santiago: Consello da Cultura Galega.
1996 Comisario da exposición Camilo Otero e a creación do mundo. Santiago de Compostela: Fundación Caixa Galicia
2000 Comisario da exposición Castelao, 50 aniversario. Fundación Caixa Galicia / Fundación Castelao/ Museo de Pontevedra.
2004  Coordinador da exposición e do catálogo Galicia: o sorriso de Daniel, Santiago, Consello da Cultura Galega
2005    Comisario da exposición Manuel Blanco. Apostas e empostas dun fotográfo, Santiago: Fundación Caixa Galicia.
2007  Comisario da exposición Buenos Aires. Escenarios de Luís Seoane, A Coruña: Fundación Luís Seoane.
2007  Comisario da exposición O Himno: os tempos son chegados, Santiago: Xunta de Galicia.
2009  Comisario da exposición Unha mirada de antano. Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia, A Coruña: Fundación CaixaGalicia / Hispanic Society of America.
2016   Comisario da exposición Con-fío en Galicia. Vestir Galicia vestir o mundo, Santiago de Compostela: Cidade da Cultura.
2018  Comisario da exposición Castelao maxistral, Santiago de Compostela: Cidade da Cultura.

                                                 RECOMPILAR E CATALOGAR GALIZA
                                               por Miguel Anxo Seixas Seoane (resumo)
O relator fará mención os recompiladores da cultura galega desde o bieito padre Sarmiento desde 1720 ata o Seminario de Estudos Galegos. Persoas galegas e de fóra que percorreron e rexistraron nos seus escritos e debuxos aspectos de Galicia. Falará dos estudos dos galicianistas e doutros investigadores, do labor das Comisións de Monumentos, das investigacións de Murguía e doutros eruditos. Lembrará, entre as institucións, ó Museo Arqueolóxico de Santiago, á Sociedade do Folclore da Coruña, á Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, á Academia Galega. Enfocará a catalogación para a exposición de 1909, a Comisión de historia e Arqueoloxía da  Real Sociedad de Amigos del Pais de Santiago e as pescudas das Irmandades da Fala. 
Persoas e institucións que colaboran, dun xeito ou outro, a rescatar e divulgar a lingua e a cultura galega antes do SEG.

​
A continuación X. Antón Fraga, falarános sobre A APOSTA POLAS CIENCIAS NO SEG

Xosé A. Fraga Vázquez é doutor en Bioloxía e diplomado en Historia das Ciencias.
Exerceu como catedrático de Bioloxía e Xeoloxía no I.E. S. Monelos (A Coruña), do que foi director entre 2004 e 2008. Impartiu diversos cursos de doutoramento nas universidades de A Coruña, Santiago e Vigo (1995-2003).
Coordinou o Grupo de Traballo de Historia das Ciencias e das Técnicas do Seminario de Estudos Galegos, constituído en maio de 1987, dirixiu a súa revista Ingenium e o Diccionario histórico (1993, 2005). Formou parte desde 2006 ata 2017 do Consello Editorial de Llull, revista da Sociedad Española de Historia de las Ciencias, sendo tamén membro do seu consello de redacción.
Asumiu a dirección dos Museos Científicos Coruñeses no período 2008-2011. Foi director do Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega, (hoxe integrado no Álbum de Galicia, http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/) desde a súa fundación en 2011 ata 2020. Un conxunto de biografías dos/as científicos/as galegos/as ou con actividade en Galicia cun labor destacado, ofrecido de xeito gratuíto vía online co obxectivo de divulgar e poñer en valor as súas contribucións.
Académico correspondente da Real Academia Galega (2012), é membro do Comité científico da Reserva da Biosfera das Mariñas Terras do Mandeo. Numerario do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, que custodia os fondos documentais de Vítor López Seoane e Salvador de Madariaga, dirixiuno entre 2016 e 2020.
É autor de numerosas investigacións e máis de cen publicacións en revistas especializadas sobre temas relacionados coa cultura científica (educación, historia e divulgación). Os seus temas de traballo abranguen diversas cuestións, como, por exemplo, a difusión e recepción do darwinismo, o labor histórico dos naturalistas, a transformación das Ciencias Naturais desde o século XVIII, as contribucións de Alexander von Humboldt e a difusión da súa obra, o desenvolvemento de institucións científicas, o papel científico de destacados médicos, etc. Participou en diversos congresos e reunións profesionais sobre esas materias. Recentemente publicou dous libros, Xenio indomable. Roberto Nóvoa Santos (2018) e Ciencia próxima (2019). Colabora con La Opinión de A Coruña e o xornal online praza.gal coa publicación dos “episodios da cultura científica”, artigos que pretenden axudar a situar a ciencia e o seu mundo como un elemento imprescindible da nosa cultura. Foi comisario da exposición “A Junta de Ampliación de Estudios e a ciencia en Galicia” (2007, CSIC). Dirixiu a exposición producida polos Museos Científicos Coruñeses, “O asombro de Mr. Darwin”(2009). Nesa institución organizou e dirixiu a celebración do Ano Darwin (2009), así como o I Simposio de museoloxía científica (2010). En 2006 actuou como asesor da exposición “Eine Reise des Geistes: Alexander von Humboldt in Spanien”, Instituto Cervantes, 2006, en Berlin, Bremen, etc. e foi comisario da exposición “Alexander von Humboldt. Desde A Coruña para o descubrimento científico de América” (A Coruña, 2021). Con Lourenzo Fernández Prieto actuou como comisario da exposición “A Granxa Agrícola Experimental de Galicia (1888-1964)” (2011). 


                   A APOSTA POLAS CIENCIAS NATURAIS, MATEMÁTICAS E A BIOMEDICINA
                NO SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS
por Xosé A. Fraga Vázquez   (resumo)
 
O Seminario de Estudos Galegos (SEG) incorporou por vez primeira na historia do galeguismo cultural as ciencias entre os seus temas de traballo. Con esta decisión o SEG fíxose eco da crecente presenza das actividades científicas nas sociedades europeas do momento, onde a cultura científica pasara a ser un elemento chave da cultura.
A institución crearía varias seccións relacionadas coas ciencias experimentais e matemáticas: as de Ciencias, Fisioloxía e Xeoquímica. Seccións que interaccionaron con outras institucións, como –sobre todo– a propia universidade compostelá, a Junta para Ampliación de Estudios, o Observatorio astronómico de Lalín, a Misión Biolóxica de Pontevedra, a Estación de Bioloxía Mariña de Marín, etc. Ademais, foron integrantes das seccións científicas do Seminario os que publicaron os primeiros artigos técnicos de investigación científica en galego.
A sección inicial foi a de Ciencias, que dirixiu Luis Iglesias Iglesias, quen sería presidente do SEG entre 1934 e 1936. Entre os numerosos científicos que formaron parte da institución destacou a actividade do matemático e astrónomo Ramón María Aller Ulloa. Porén, Parga Pondal foi o principal activo nas áreas científicas do SEG: levou á práctica un destacado labor na creación e dirección da sección de Xeoquímica; xerou equipo de investigación; captou novos integrantes para o Seminario; impulsou a creación da sección de Fisioloxía e incorporou a tres mulleres como colaboradoras.
Para o labor científico do Seminario foi moi importante a constitución do Instituto de Estudios Regionales creado no curso 1931-32 grazas á colaboración entre o SEG e a institución universitaria, co apoio da Junta Para Ampliación de Estudios. O Instituto dispoñía de tres laboratorios, dous na Facultade de Ciencias, un asociado ao Consultorio de Pragas do Campo, dirixido por Luís Iglesias, o outro o Laboratorio de Xeoquímica, con Parga como director. Ademais, na Facultade de Farmacia creouse o Laboratorio de Bromatoloxía, dirixido por Aniceto Charro.

Para rematar a xornada,  Antón Costa Rico falarános da ESCOLA GALEGA E O SEG

Antón Costa Rico é Catedrático de Historia da Educación na Universidade de Santiago de Compostela, xubilado logo de 44 anos de exercicio docente. Con traxectoria docente e investigadora nos campos da política educativa e da historia da educación.
Incorporouse ao Grupo de Pedagoxía Freinet en España en 1974 e é un dos fundadores de Nova Escola Galega (1983), da que foi Presidente. Foi director do ICE da USC e decano da Facultade de CC. da Educación (1997-2001). Foi, logo, presidente da Sociedad Española de Historia de la Educación, a sociedade académica de referencia en España no campo da Historia da Educación. Pertence á Asociación Amis de Freinet e conta con diversa presenza académica en varios países de Europa e de Iberoamérica. Foi asesor de Cuadernos de Pedagogía desde Galicia e é membro dos consellos de redacción de Revista Galega de Educación e de Sarmiento.Revista Galego-Portuguesa de Historia da Educación, entre outras revistas académicas de Historia da Educación.
Dirixe a colección “Biblioteca de Pedagoxía” de Kalandraka Editora. Representou ao novo Seminario de Estudos Galegos durante máis de dúas décadas no Consello Escolar de Galicia. Está ligado desde mediados dos anos setenta aos ámbitos de militancia política e cultural progresista e nacionalista.
Ten numerosas publicacións de textos en prensa, revistas de difusión e académicas e monografías, e varias edicións de textos. Recibiu diversos recoñecementos, entre eles o Premio Internacional 2014 do CIRSE (Italia). Estudou e publicou diversos textos sobre o Galeguismo e a educación e sobre a nosa educación no período autonómico.
 
Entre as súas obras: O ensino en Galicia (1980), Escolas e mestres (1989), A reforma da educación (1906-1936) (1996), Informe sobre a situación e estado do sistema educativo en Galicia (1995; Dir. de Informe), Fray Martín Sarmiento. La educación de la niñez y de la juventud (en colaboración) (2002), Historia da educación e da cultura en Galicia (2004), A construción do coñecemento pedagóxico (2009), Luis Bello. Viaje por las escuelas de Galicia (2010), D´abord les enfants. Freinet y la educación en España (1926-1975) (2010). Impulsou a edición anotada e introducida en galego do texto de Dewey, Democracia e Educación, sí como dunha das obras e C. Freinet. [email protected]

             UNHA NÍTIDA REIVINDICACIÓN: A ESCOLA GALEGA, MAIS UNHA INSEGURA E
​                 INCERTA CONCRECIÓN COMO PROXECTO. 
Pon Antón Costa Rico (resumo)
 
Baixo unha perspectiva uniformista, católica e conservadora, foise afirmando no tempo da Alta Restauración o sistema educativo en Galicia, como aparato de Estado. A isto contribuíron as necesidades culturais dos reducidos sectores burgueses, urbanos e vilegos, que favoreceron a creación de colexios privados, e as daqueles sectores populares obrigados a interactuar co mercado económico que se ía impoñendo ou a emigrar a América; para o que era bo alfabetizarse.
Na alba do século XX a sociedade galega é tamén escenario de dinamismo non exento de conflitividade social, con variadas expresións e sectores intervenientes; desde os núcleos republicanos, reducidos mais activos, pasando pola consolidación de núcleos do movemento obreiro, polo agrarismo e chegando aos sectores onde se acubillaban o rexionalismo galego e o federalismo republicano, afirmados a través das Irmandades da Fala e da súa Primeira Asemblea en 1918.
Afirmarase unha dupla necesidade, a da creación de centros de formación académica e profesional, e a da súa galeguización. Necesidade sostida polo novo nacionalismo galego: no ateneo, na prensa, nos mitins e nos textos. No seu seo, algúns participantes xuntarían á necesidade de crear escolas, con prácticas galeguizadas, coa de que tales escolas fosen ademais novas no seu xeito de ser e de facer. Nesa dirección conxunta compre entender diversas prácticas escolares, que permitían que o galego respirara nunha parte das aulas que conforman o sistema educativo en Galicia nos anos 30.
Con todo, foi insegura a plasmación do que debería ser a nova Escola Galega, isto é o novo sistema educativo preciso e reclamado para Galicia. Que as Irmandades non lograran por en marcha máis que a Escola do Insiño Galego que Anxel Casal atendeu (1924-1930) ou a serodia e limitada constitución da Sección de Pedagoxía do Seminario de Estudos Galegos en 1933 son signos desta inseguridade, entre outras datos e referentes que diremos.
Tomar en conta e comprender estas limitacións e dificultades daranos hoxe unha perspectiva histórica adecuada, ao tempo de recoñecer os fíos de patrimonio e de memoria histórica que compoñen un reducido, pero valoroso, herdo para alimentar o presente reivindicativo e propositivo no que estamos comprometidos.


0 Comentários



Deixe uma resposta.

    Arquivos

    Maio 2025
    Abril 2025
    Março 2025
    Fevereiro 2025
    Janeiro 2025
    Dezembro 2024
    Novembro 2024
    Outubro 2024
    Setembro 2024
    Julho 2024
    Junho 2024
    Maio 2024
    Abril 2024
    Março 2024
    Fevereiro 2024
    Janeiro 2024
    Dezembro 2023
    Novembro 2023
    Outubro 2023
    Setembro 2023
    Julho 2023
    Junho 2023
    Maio 2023
    Abril 2023
    Março 2023
    Fevereiro 2023
    Janeiro 2023
    Dezembro 2022
    Novembro 2022
    Outubro 2022
    Setembro 2022
    Julho 2022
    Junho 2022
    Maio 2022
    Abril 2022
    Março 2022
    Fevereiro 2022
    Janeiro 2022
    Dezembro 2021
    Novembro 2021
    Outubro 2021
    Setembro 2021
    Julho 2021
    Junho 2021
    Maio 2021
    Abril 2021
    Março 2021
    Fevereiro 2021
    Outubro 2020
    Maio 2020
    Março 2020
    Fevereiro 2020
    Janeiro 2020
    Dezembro 2019
    Novembro 2019
    Outubro 2019
    Setembro 2019
    Julho 2019
    Junho 2019
    Maio 2019
    Abril 2019
    Março 2019
    Fevereiro 2019
    Janeiro 2019
    Dezembro 2018
    Novembro 2018
    Outubro 2018
    Setembro 2018
    Julho 2018
    Junho 2018
    Maio 2018
    Abril 2018
    Março 2018
    Fevereiro 2018

    Feed RSS

    Imagen
    Imagem
    A Deputación da Coruña colabora coa concesión de subvencións, para que sexa posíbel a organización dalgunha destas actividades.

Com tecnologia Crie um website único com modelos personalizáveis.