Facendo Cultura en Compostela desde 1961
O Galo
  • Novas
  • Actividades
    • Servizos
  • Arquivo
    • Fotográfico
    • Contacto
  • Faite soci@

VIII Convívio da Cultura Galega, sábado 2 de outubro de 2021, na Casa Museo da Fundación Manuel María, Outeiro de Rei

22/9/2021

0 Comentários

 
A.C. O Galo, xunto con outras asociacións culturais, forma parte da Federación Galiza Cultura, convidávos a participar na celebración do VIII Convívio da Cultura Galega o vindeiro sábado 2 de outubro de 2021, nas instalacións e contorna da Casa Museo da Fundación Manuel María, Outeiro de Rei (https://maps.app.goo.gl/p9Us3m3m7K6TgCBN8).
PARA ASISTIR:
1.- O desprazamento a Outeiro de Rei corre a cargo de cada persoa asistente.
2.- Cadaquén debe levar a súa propia comida.
3.- Para a participación nesta actividade é necesario, pola situación sanitaria, anotarse previamente no correo electrónico comunicacion@ogalo.gal, achegando nome, apelidos, asociación á que se pertence ou persoas ás que acompaña e número de teléfono de contacto, antes das 12 horas do domingo 26 de setembro de 2021.

Programa para a  xornada en Outeiro de Rei:

- 11.15 h, chegada e recepción das persoas asistentes. Reunión de representantes e xuntas directivas das entidades culturais de Galiza Cultura.
- 11.30 h (as persoas socias e acompañantes das asociacións e persoas de outras asociacións convidadas): Roteiro pola contorna do río Miño. Para a participación neste roteiro é necesario, pola situación sanitaria, anotarse previamente no correo electrónico comunicacion@ogalo.gal, achegando nome, apelidos, asociación á que se pertence ou persoas ás que acompaña e número de teléfono de contacto, antes das 12 horas do domingo 26 de setembro de 2021

- 13.30 h, ofrenda floral a Manuel María.

- 14.00 h, xantar de convivio na horta da Casa-Museo (cada quen levará a súa propia comida).

- 16.00 h, Compartir traballos, rendibilizar esforzos. Espazo para que cada entidade lle transmita brevemente ás demais algún traballo ou experiencia na que desexa que participen (unha publicación propia que desexa presentar en outros lugares, un roteiro ao que quere convidar ás demais entidades...). Comunicade, por favor, se queredes presentar algo para distribuírmos o tempo.

- 17.00 h, actuación musical de Jasper.

- 18.00 h, despedida.

Imagem
0 Comentários

MANUEL COLMEIRO (1919-1939). ARTE EN TEMPOS DE DESACOUGO

3/9/2021

0 Comentários

 
Imagem
NUEL COLMEIRO (1919-1939), ARTE EN TEMPOS DE DESACOUGO
Manuel Colmeiro (1901-1999) é un pintor que ocupa un papel de primeira liña na renovación da arte galega, en especial nos anos anteriores á Guerra Civil e durante o conflito. Colmeiro compartía coa xeración de artistas galegos coñecidos como Os Novos unha actitude ética e estética e unha común estratexia rexeneradora: tratábase de fertilizar a linguaxe da modernidade, adquirida co coñecemento da arte internacional, coa sabedoría autóctona e movido por unha vontade evidente de intervención social.

Sobre todo a finais dos vinte e na década dos trinta, a súa arte reflicte a toma de consciencia perante a inestabilidade social e política. A expresión desta inquietude toma forma nun realismo que compatibiliza a tradición da arte galega románica, barroca e popular e a inspiración na vida real. Dominan os temas inspirados no mundo obreiro e agrario tratados cunha visión de carácter social, de clase.
A Guerra Civil vai marcar un punto de inflexión vital e artístico en Colmeiro. As obras realizadas durante os anos da contenda, primeiro en Galicia e despois no exilio na Arxentina, manifestan con precisión a conmoción vital que supuxo o conflito e tamén a toma de postura, que tivera xa un claro precedente nas súas obras de temática social de finais dos vinte; todas indican un reforzamento do compromiso ético.
Carlos L. Bernárdez

TEXTO CURATORIAL
MANUEL COLMEIRO (1919-1939), ARTE EN TEMPOS DE DESACOUGO
ARTE EN TEMPOS DE DESACOUGO. COMPROMISO E IDENTIDADE NA OBRA DE MANUEL COLMEIRO (1919-1939)

“A humanidade que, outrora, con Homero, era un obxecto de contemplación para os deuses no Olimpo, é agora obxecto de autocontemplación. A súa autoalienación atinxiu un grao tal que lle permite asistir á súa propia destrución como a un pracer estético de primeiro plano. É isto o que pasa coa estética da política, practicada polo fascismo. O comunismo respóndelle coa politización da arte”.

“A obra de arte na era da súa reprodutibilidade técnica”, Walter Benjamin1.

En 1935, no seu coñecido ensaio A obra de arte na era da súa reprodutibilidade técnica, Walter Benjamin situaba nun primeiro plano a diferenza na concepción estética entre fascismo e comunismo, nun momento de intenso combate social, ideolóxico e cultural. Para o filósofo alemán o comunismo era unha “politización da estética” e o fascismo unha “estetización da política”, o que o levaba a apostar por unha arte que tivese como misión defender a mudanza social, nitidamente contraposta á “alienación” destrutiva do fascismo. Neste campo de batalla cultural estaba boa parte da arte europea e americana desta altura e tamén unha tenza importante da arte galega dos anos vinte e trinta, nomeadamente o grupo d'Os Novos, con artistas como Carlos Maside, Arturo Souto, Manuel Torres, Laxeiro ou Manuel Colmeiro.
Concretamente, Manuel Colmeiro (1901-1999) foi desde os anos vinte un dos esteos desta nova pintura galega. Neste contexto, a súa obra fixo del un dos protagonistas fundamentais da particular versión dos realismos de entreguerras que se crea en Galicia.
O futuro pintor viviu a súa infancia entre as aldeas de Chapa –onde naceu– e San Fiz de Margaride, ambas no concello de Silleda, lugares sempre presentes na súa vida e de onde veñen os elementos que determinarán a súa personalidade, que para o noso pintor estaban no clima, na luz, na paisaxe e nas persoas concretas. Aos doce anos abandona ese mundo augural para se reunir cos seus pais que emigraran para Buenos Aires anos antes.
Na capital arxentina, por tanto, tornouse pintor, xa que viviu alí até 1926. Da realidade rural da infancia galega o futuro artista pasa a un Buenos Aires marcado polo desexo de modernización no campo cultural.
O grupo de artistas co que se forma Colmeiro, entre os que destaca o seu amigo Demetrio Urruchúa, é o de pintores figurativos que adaptan, con peculiaridades locais, a arte internacional, o que dá lugar á creación dunha pintura de observación e crítica social que terá en Raquel Forner, Antonio Berni, Lino Enea Spilimbergo, Juan Carlos Castagnino e Demetrio Urruchúa algúns dos nomes sobranceiros. Cos catro últimos compartirá Colmeiro, xa de volta á Arxentina exiliado nos anos corenta, a aventura do Taller de Arte Mural.
O pintor galego traballa, xa que logo, nun ambiente de forte inquedanza cultural e de preocupacións políticas, estéticas e filosóficas. Estamos a comezos dos vinte, nos anos inmediatamente posteriores á Revolución Rusa, e a influencia marxista tórnase evidente. Colmeiro e os seus amigos, Urruchúa, José Planas Casas e Pompeyo Audivert, inclínanse cara o movemento soviético, sen excluíren a admiración polo sindicalismo anarquista. Ao noso pintor esta preocupación social mesmo o leva a entrar a traballar nunha fábrica de zapatos porque, como el mesmo afirmou, estaba movido por intensas preocupacións sociais e quería ver o funcionamento dos sindicatos obreiros.
O resultado deste labor será un tipo de obras en que agroma a ideoloxía progresista do pintor, marcadas pola temática portuaria, con escenas de barcos e traballadores (Porto de Buenos Aires, 1924; Traballadores en Buenos Aires [xornada de traballo] ca. 1922; Traballadores do porto, 1925). Este tema estaba a ser popularizado por pintores porteños como Benito Quinquela Martín e sería levado a unha poética achegada á Nova Obxectividade por Horacio Coppola nas súas fotografías da década dos trinta, onde reproduce escenas do porto en que capta o valor plástico dos fragmentos da vida e dos obxectos da actividade laboral.
En 1926 Colmeiro regresa a Galicia e a súa plena dedicación á pintura dará os seus primeiros froitos nestes anos, cando é bolseiro da Deputación de Pontevedra entre 1928 e 1930 e realiza en Vigo a súa primeira mostra (Sala do Faro de Vigo, 1928). As estadías en Madrid e Barcelona e a súa ligazón ao contexto cultural e artístico galego van consolidar nesta altura a proxección do seu traballo. As exposicións nas cidades galegas, en Barcelona, Madrid, Bilbao e Lisboa dan fe deste positivo proceso, que o pon en sintonía co ambiente do Arte Nuevo, a modalidade ecléctica da modernidade que se dá a coñecer en España desde a creación da Sociedad de Artistas Ibéricos (1925).
Mais a súa referencia contextual é nitidamente galega. Colmeiro traballa en total sintonía coa “Nova Xeración Galega” –tamén chamada “Xeración do 25”–, a dos novecentistas na literatura galega e d´Os Novos nas artes plásticas, con eles comparte iniciativas como a Barraca Resol, realizada en Santiago en 1933, e colabora en publicacións como Universitarios, Yunque ou Ser, revistas ben representativas dos posicionamentos culturais e políticos da súa xeración, e noutras de colaboracións interxeracionais como a fundamental revista Nós.
Sobre todo a finais dos vinte e nos trinta, a súa arte reflicte a intensa consciencia perante a inestabilidade social e política. A expresión desta inquietude –que non coñece fronteiras nesa altura– toma forma nun realismo que combina a tradición da arte galega románica, barroca e popular e a inspiración na vida real.
Cómpre lembrarmos que esta actitude se insire de modo natural nos discursos culturais coevos, nunha época turbulenta e complexa no que atinxe ao ámbito político e artístico, onde se confrontan, frecuentemente de xeito paradoxal, tradición e modernidade. Estamos nun tempo en que pensadores como Benjamin, Adorno ou Lukács reflexionan largamente sobre aspectos estéticos, e non se achegan a eles desde o reducionismo de consideralos síntomas ou reflexos da realidade social e política. O seu interese xira ao redor da identificación das formas artísticas que serían quen de produciren novas formas políticas. Tratábase dun debate que era simultaneamente ético e estético e que situaba o artista no centro, e solicitaba del respostas ás incertezas dese tempo desacougante. Cabía aos creadores determinar se optaren por unha arte comprometida supuña a renuncia a unha arte autónoma, e viceversa; ou se era posíbel conciliar nunha mesma praxe compromiso e autonomía.
Nestas coordenadas, na arte de Colmeiro domina o tema agrario e popular desde unha visión de carácter social. Destacan os seus cadros pola solidez das figuras robustas, dunha dignidade balizada por un esquematismo intenso (Campesiños, 1928). O peso dos séculos de traballo escuro e de forza inflexíbel é magnificado nas curvaturas dos corpos, signos do movemento obrigado polo labor agrario, iconografía común con Courbet (Sen título [A morte], 1928), Millet (Campesinas, 1928), Van Gogh ou o Malévich neoprimitivista e cézanniano de comezos da década dos dez, con quen Colmeiro comparte afinidades. Esta conexión eslava, por certo, foi lucidamente intuída por Álvaro Cunqueiro que nunha conferencia de 1933 di: “Colmeiro é, ademáis, un pintor eslavo (…) Galiza, eu díxeno en prosa moza, é unha cativa Rusia verde”2.
En Vagón (1930) a carga social é aínda máis explícita ao situarnos nun transporte de terceira clase, mais a diferenza do tratamento destes asuntos na pintura finisecular, Colmeiro excede o simple ollar de compaixón e adopta unha posición que o liga directamente cos actores do drama, cos que comparte unha vontade de transformación social. A pintura lembra o tema do famoso cadro de Daumier O vagón de terceira (1862). A semellante concepción responden obras como Mineiros (1929) ou A morte (1928) –con operarios vítimas en accidente laboral–, onde as analoxías coa temática da fronte da arte3 antifascista internacional é manifesta.
O artista, no seu tratamento das figuras, está máis interesado no rol dos seus personaxes que no seu carácter específico. A muller, a Mater Gallaeciae, é neste sentido un valor referencial, como se pode ver na Maternidade [Muller con neno] (1931). As representacións femininas de Colmeiro teñen un sentido arquetípico profundo (Dúas mulleres, 1931), que tamén aparece nas mulleres de Maside, Laxeiro e Seoane. O ideal, o símbolo de Galicia, é, daquela, unha muller labrega –como as virxes esculpidas da arte popular e medieval–, representación que ten semellanzas coa que recolle para a súa arte, por exemplo, Malévich en Ucraína e Rusia.
No paisaxismo Colmeiro desenvolve un proceso de estilización, produto da contemplación estética da realidade. Este aspecto é ben evidente en paisaxes realizadas nos anos trinta, das que son exemplos non alleos á carga social a serie de acuarelas de Bilbao (1933) ou escenas de labores agrarios como A malla (1930), pintura de ecos produtivistas e dunha volumetría de rexa modernidade. En xeral, son traballos que amosan influencias diversas, mais coa indubidábel pegada do paisaxismo postimpresionista.
Alén diso, Colmeiro, na súa procura estilística, vai tamén ás fontes clasicistas, aspecto fundamental para entendermos a construción e o equilibrio das súas escenas de figuras. Son obras que transmiten unha consciencia da condición moderna, en que percibimos que o clasicismo non é unha simple volta ao pasado senón unha reformulación do ideal clásico peneirado por unha percepción moi achegada á identidade galega, moitas veces inequivocamente ligadas ao contexto social como nos proxectos de mural –non levados nunca ás paredes– para Santiago de Compostela de 1931. Nestas obras as fontes cézannianas son fundamentais, e de aí aprende o noso pintor a maneira de situar a figura na paisaxe. A esta lección permanecerá sempre fiel e será alicerce das súas fecundas e sutís variacións formais.
A Guerra Civil vai marcar un punto de inflexión vital e artístico en Colmeiro, coa marcha ao exilio para Buenos Aires, a súa cidade de formación. Os traballos realizados durante os anos do conflito e os primeiros tempos de exilio manifestan con precisión o abalo vital que supuxo esta situación e, igualmente, a toma de postura, que tivera xa un claro precedente nas súas pinturas de temática social de finais dos vinte: todo indica un reforzamento do compromiso ético.
Ademais, este tipo de obras encaixan nun contexto internacional onde nos anos da Guerra Civil Española xorde toda unha iconografía investida dunha significación tensa, de “mal agoiro”4. Trátase dun tipo de imaxes comprometidas, ás veces premonitorias, que se explican, en boa medida, polo contexto político dos anos trinta, co ascenso dos fascismos. Moitos creadores traducen con violencia a dor e a resistencia, os masacres e os asasinatos de civís indefensos, e iso, independentemente da súa nacionalidade o da súa lealdade política, velaí os exemplos de artistas tan variados como Philip Guston, David Smith, Pablo Picasso, George Grosz, André Masson, Raquel Forner ou David Alfaro Siqueiros. Nestes anos nas artes multiplícanse as metáforas e alegorías para evocaren a ameaza –consumada na Guerra Civil– que pairaba sobre Europa.
No caso concreto de Colmeiro, a xestualidade das obras, o dramatismo dos rostros e o saudoso das expresións falan do pesadelo, do desacougo, da morte e do sombrizo mundo que lle tocou vivir. A súa visión da guerra, como a doutros artistas galegos: Castelao, Federico Rivas, Arturo Souto, Luís Seoane, Uxío Souto, Cándido Fernández Mazas, está marcada pola denuncia da represión e os asasinatos como motivo nuclear e dá tamén protagonismo á defensa da legalidade republicana e dos valores identitarios destruídos polos sublevados.
Este primeiro tema é dominante na obra de Manuel Colmeiro, que realiza xa desde o momento de inicio da guerra tintas de denuncia dos masacres, algunhas datadas no mesmo 1936, antes de embarcar para a Arxentina nos últimos días de decembro do mesmo ano. Desde alí vai participar graficamente en publicacións do bando republicano, como a revista Nova Galiza, que dirixiron primeiro Castelao e despois Rafael Dieste na Barcelona de 1937 e 1938 e tamén, como o caso de Luís Seoane, en publicacións antifascistas que se editan en Buenos Aires, como testemuñan as súas colaboracións e a presenza intensa a comezos do anos corenta en Galicia, publicación da Federación de Sociedades Galegas.
Cando Colmeiro chega á Arxentina, nos primeiros días de 1937, non se instala nun ámbito alleo á súa experiencia, ben pola contra, o noso pintor tiña establecido todo un mundo de relacións nos anos vinte que facilita a súa integración no tecido cultural porteño, mais combina esta inserción cunha fidelidade fonda á cultura do exilio republicano, en especial do galego.
Nos primeiros anos, unha parte das propostas creativas de Colmeiro van estar moi achegadas ás doutros artistas que traballaban na Arxentina desde perspectivas sociais antifascistas. Nesta liña debemos entender as colaboracións en libros e revistas que, durante o conflito, teñen un contido e unha intencionalidade ligada á loita antifranquista como o volume colectivo Homenaje de escritores y artistas a García Lorca (1937). Noutros libros ilustrados, como a reedición do poemario de Manuel Antonio De catro a catro, algúns debuxos recollen variacións do tema do afogado, que ten orixe na represión da Guerra Civil.
En concreto, Colmeiro realiza unha serie de tintas e debuxos en que explicitamente o tema é a represión brutal. Para eles parte dunha iconografía que lembra as piedades relixiosas envoltas no ar goyesco dos Desastres de la Guerra. De cote, as formas figurativas nacen dun universo onírico, dun simbolismo esencial: maternidade, muller/home, familia, vaca... unidos á violencia que destrúe ese universo equilibrado de comuñón coa Terra (en maiúscula na tradición galeguista).
As súas pinturas deste período presentan trazos máis expresionistas que as anteriores ao conflito e reflicten a pegada da violencia, e converte as súas características composicións, como acontece coas escenas de familia nun contexto rural, en representacións do sufrimento. Colmeiro utiliza motivos que proceden da súa obra anterior, como as maternidades, coa nai sufridora que protexe un naipelo rodeada do home e/ou fillo mortos. Estas escenas serven para traduciren os padecementos do pobo e favoreceren unha reacción afectiva a respecto das vítimas da traxedia.
Ben representativas destas actitudes son as tintas intituladas “Terror en Galicia” (1936), coa posta en escena dunha ou varias mulleres que recollen cadáveres dunha fosa común, que lembran a tradicional iconografía relixiosa das piedades. Por medio destas citas Colmeiro establece unha analoxía entre as dúas referencias (morte de Cristo/asasinatos da Guerra Civil), o que dota á súa imaxe dun sentido máis universal. A metáfora asimila o corpo de Cristo, morto por salvar a humanidade, cos homes inmolados pola defensa da liberdade.
Mais o que domina nestes debuxos de guerra é a presenza de nais e fillos como vítimas vivas da represión. Colmeiro utiliza a figura da nai para condensar a dor xorda fronte o asasinato, que coincide, por exemplo, co apelo picassiano do Guernica, do mesmo ano –1937– que moitas das obras de guerra do noso pintor.
Nalgúns debuxos o amoreamento de cadáveres trae o eco do gravado de Goya Enterrar y callar (Desastres de la Guerra), como se pode ver, entre outros en Terror en Galicia (1936). Porén, Colmeiro resitúa este motivo en contextos que serven para denunciar prácticas de represión características do bando fascista, como unha ringleira de “paseados” ou un masacre nun contexto familiar.
O pintor galego céntrase nas vítimas, elide os asasinos, que case nunca aparecen e cando o fan (Proxecto de mural, 1937; Fusilamento, 1936) son figuras de costas que se afastan da escena do crime ou siluetas maquinais en segundo plano, en nova referencia goyesca (El 3 de mayo en Madrid: los fusilamientos en la montaña del Príncipe Pío, 1814).
Noutros traballos, como Traxedia (1937) ou Surrealismo (escena de guerra) (1937-1938), carga de onirismo as escenas de asasinato con coincidencias formais con fórmulas surrealistas que crearon unha imaxe particular da Guerra Civil.
Desde o punto de vista temático estas obras non fan máis que reafirmar a identificación de Colmeiro cos problemas que afectan á liberdade, á identidade e á clase. O artista comprende o seu tempo e sintoniza con el cun entendemento intelectual, político e emotivo. Como outros creadores que nesa altura participan nunha fronte da arte contra os fascismos, Colmeiro semella querer mostrar que a aparencia do mundo e dos seres concretos que son vítimas del é ideolóxica; que a aparencia visíbel reflicte unha realidade obscena que precisa ser desenmascarada para poder ser derrotada.
Elaboradas nunha linguaxe que oscila entre o realismo social e certos ecos surreais, que será ben común na arte de guerra no bando republicano, estas obras renovan, adaptadas á nova situación, a ligazón entre o mundo intelectual republicano e galeguista e o mundo popular, representado agora nas figuras dos paseados, das mulleres e das crianzas vítimas da guerra. Froito destas imaxes resultaba unha visión global da Galicia popular aldraxada, auténtica mártir dun fascismo concibido, entre outras cousas, como freo ao proxecto de hexemonía política do nacionalismo e o republicanismo que a arte de artistas como Colmeiro representaba. De aí o ton épico que formula a súa iconografía, que mantén vivas as imaxes do seu tempo, un tempo desacougante e “ameazador”5, marcado polas gabias do crime e as trincheiras da resistencia, entre as que, a pesar da derrota, tamén se conserva e se fai real a esperanza e a dignidade individual e colectiva.

Carlos L. Bernárdez
1Walter Benjamin, “A obra de arte na era da sua reprodutibilidade técnica”, en Sobre Arte, Linguagem e Política, Relógio d'água, Lisboa, 1992, p. 113. Adaptación da cita para galego.
2Miguel Anxo Seixas Seoane (edición), “Conferencia inédita de Álvaro Cunqueiro dita en Ourense o 13 de xuño de 1933”, A Trabe de Ouro, nº 115, 2020, p. 155.
3Permítome remitir sobre esta cuestión a Carlos L. Bernárdez, Fronte da arte. A arte galega no contexto europeo dos anos trinta, Edicións Laiovento, Santiago de Compostela, 2020.
4Constance Naubert-Tiser, “Le charnier”, en Jean Clair, Les années 1930. La fabrique de “l´Homme nouveau”, Éditions Gallimard/Musée de beaux-arts du Canada, Ottawa, 2008, p. 303.
5Suzanne Pagé, Années 30 en Europe. Le temps menaçant, 1929-1939, Musée d’Art moderne de la Ville de Paris, París, 1997.



0 Comentários

ALBA DE GRORIA DE CASTELAO NO CUMIO DO PICO SACRO. 2021

18/7/2021

0 Comentários

 
Imagem
"Pico Sagro, Pico Sagro, sáname do mal que eu trago" (Oración "panteísta” moi aquelada para o que ocorre hoxe en día, que se lle reza ao Pico Sacro cal se fose un deus. A igrexa católica tamén a cristianizou).
 
    LECTURA DO ALBA DE GRORIA DE CASTELAO  
                                CUMIO  DO  PICO SACRO  
                                SÁBADO, 24 de XULLO de 2021, ás 12:00h  
 
As AC. O Galo e AC. Vagalumes, ambas as dúas integrantes da Federación Galiza Cultura (FGC), realizan este acto desde que en 2011 conmemoraron o 125 aniversario de Castelao, quen acudiu até o Pico Sacro no 1924 e, xa refuxiado en Arxentina, simbolicamente voltou a el cando escribiu o Alba de Groria. O cartaz deste ano 2021 reproduce a fotografía que tiraron como lembranza Castelao e o grupo cando a súa peregrinación ao Pico Sacro.  
Como desde hai unha década e sempre o sábado antes do Día da Patria Galega, subiremos de novo ao sagrado Mons Illicinus, o vindeiro sábado 24 de xullo de 2021, ás 12:00h, para ler no seu cumio ese precioso texto. Porén, pospoñemos para tempos mellores a celebración do décimo aniversario da subida e lectura do Alba de Groria.  
Cómpre gardar as normas que se requiren nestes tempos de pandemia, polo que non acudirán outras asociacións da FGC, nin o grupo de gaiteiros, non haberá a actuación musical vocal e/ou instrumental, anulouse o recital de poemas e restrínxese o número de participantes, como xa ocurriu en 2020.  
 
2021:  Programa e horario aproximado 
 
12:00h.  Concentración no aparcadoiro. Desde alí comezaremos a subir o último tramo do monte até chegar á capela de San Sebastián. 
12:30h.  Na capela, o investigador Héitor Picallo lerá o texto que escribiu ex professo para este acto e despois subirase ao curuto.  
Na capela, o grupo dividirase en dúas partes: quen queira sobe ao Pico e quen queira agardará na capela, onde tamén leremos o Alba de Groria. 
13:00h.  Izarase a nosa bandeira na rocha que coroa o Pico Sacro, lerase o Alba de Groria, cántase o himno e logo baixaremos cara ao camiño que conduce ás covas. 
13:45h.    As persoas que baixan xuntaranse no cruce coas que quedaron na capela de San Sebastián, para irmos até as covas do Pico Sacro. Héitor Picallo explicará as súas posíbeis orixes e as lendas que se conservan sobre elas.  
15:00h.   Xantar-convivio nas táboas das illas ou ínsuas de Gres, formadas polo río Ulla ao seu paso por Gres (pretísimo da ponte de Ponte Ledesma). En caso de choiva, iremos a un sitio a cuberto: 
  1. Cada quen traerá da casa a comida, bebida e as ferramentas para xantar.   
  2. Quen teña mesa e cadeiras portátiles, por favor, que as leve. Así estaremos máis separados. 
  3. Traede bañador, pois o Ulla forma unha vaira apta para o baño. 
     Despois de xantar (e bañarnos) efectuaremos unha visita guiada a 
  1. Ponte medieval de Ponte Ledesma (con explicacións de Héitor Picallo).
  2. Fonte da capela de Santiaguiño, situada no camiño de Santiago da Ruta da Prata. Nela ollaremos dúas esculturas do Mestre Mateo que pertenceron ao antigo coro pétreo da catedral de Santiago. 

    De seguido voltaremos nos coches en que nos desprazamos para facer esta actividade. Recomendamos que neles vaian un máximo de 4 persoas coa mascariña posta e as fiestras abertas. E, por favor, dicídenos se alguén ten prazas libres pois pode haber xente que non conta con vehículo. Agradécemolo.  

    Esta é unha ACTIVIDADE SÓ PARA PERSOAS ASOCIADAS pois tentamos ser un grupo tan pequeno como o do ano pasado. Cómpre anotarse en comunicacion@ogalo.gal antes do 22.07.2021 ás 22h., indicando nome, dous apelidos, número do DI, teléfono e correo electrónico.  Esíxeno as normas sanitarias. 

    Saúdos cordiais 

    AC. O Galo 
0 Comentários

VISITA GUIADA AO espazos mateanos da catedral de compostela, 2  de xullo de 2021

29/6/2021

0 Comentários

 
Unha nova visita ao Pórtico da Gloria e aos espazos mateanos da Catedral de Compostela, guiada polo director do Museo da Catedral, Ramón Yzquierdo Peiró.

DATA.-  Venres, 2 de xullo de 2021 ás 17:05 h  
LUGAR.-  Porta da Cripta do Pórtico da Gloria (Praza do Obradoiro). Santiago de Compostela.
GUÍA.-  Ramón Yzquierdo Peiró, director do Museo da Catedral.

A visita comeza desde a porta da Cripta do Pórtico da Gloria (Praza do Obradoiro), para subir logo ao Pórtico a través da escada interior e rematando no espazo Mestre Mateo, no Pazo de Xelmírez.

ACTIVIDADE DIRIXIDA UNICAMENTE A PERSOAS SOCIAS DA A.C. O GALO

É obrigatoria a asistencia con máscara e mantendo as normas de seguridad contra a Covid-19

Imagem
Imagem
Unha imaxe case descoñecida: Santiago a cabalo no cumio do órgano da Catedral.
Imagem
Altar maior da catedral.

Imagem
Santiago a cabalo no altar maior da Catedral.

Imagem
Espectacular anxo no altar maior da Catedral.
0 Comentários

VISITA GUIADA AO PÓRTICO DA GLORIA, 25 de xuño de 2021

15/6/2021

0 Comentários

 
A nosa asociación continúa as súas actividades cunha visita ao Pórtico da Gloria e aos espazos mateanos da Catedral de Compostela, guiada polo director do Museo da Catedral, Ramón Yzquierdo Peiró.

DATA.-  Venres, 25 de xuño de 2021 ás 17:15 h  
LUGAR.-  Porta da Cripta do Pórtico da Gloria (Praza do Obradoiro). Santiago de Compostela.
GUÍA.-  Ramón Yzquierdo Peiró, director do Museo da Catedral.

A visita comeza desde a porta da Cripta do Pórtico da Gloria (Praza do Obradoiro), para subir logo ao Pórtico a través da escada interior e rematando no espazo Mestre Mateo, no Pazo de Xelmírez.

ACTIVIDADE DIRIXIDA UNICAMENTE A PERSOAS SOCIAS DA A.C. O GALO

É obrigatoria a asistencia con máscara e mantendo as normas de seguridad contra a Covid-19.

Imagem
Ramón Yzquierdo (Santiago, 1972). Licenciouse en Xeografía e Historia, especializado en Historia da Arte na Universidade Compostelana. Mentres realizaba o Doutoramento, participou no  proxecto Terra Única do Xacobeo e nos veráns colaboraba co Museo da Catedral. Estivo tres anos en Madrid cunha bolsa do Ministerio de Cultura e no ano 2004 retornou ao Museo catedralicio.  Desde o ano 2009, ao profesionalizarse a xestión cultural da Catedral, asume o  cargo de director técnico do Museo da catedral, cargo que segue a ocupar na actualidade.
0 Comentários

8 M. Día das mulleres. Carteis nas coleccións do Museo do Pobo Galego

14/6/2021

0 Comentários

 
Imagem
Visita guiada á mostra comisariada pola biblioteca do Museo do Pobo Galego:


Título: "8 M. Día das mulleres. Carteis nas coleccións do Museo do Pobo Galego"
Lugar: Museo do Pobo Galego.  Costa de San Domingos, s/n, Santiago de Compostela
Data e horas: Martes, 22 de xuño de 2021. A primeira quenda ás 12:30h e a segunda ás 17:30h.
Guías: Persoal da biblioteca da Museo do Pobo Galego

A exposición amosa unha colección de corenta cartaces que se acompañan doutros folletos, pegatinas e outros materiais que  fan referencia ao 8 de marzo e que permiten ollar a evolución do cartelismo adicado a difundir a celebración dese día, desde os anos 80 do século XX ata comezos do século XXI.

Para asistir a esta visita guiada:
  1.  Cómpre  anotarse en comunicacion@ogalo.gal, antes do domingo 20 de xuño ás 16 horas, sendo imprescindíbel que cada persoa indique o nome, dous apelidos, número de DNI e número de teléfono por mor das normas COVID. 
  2. Ao anotárense, indicarase a preferencia pola primeira ou pola segunda quenda. De non formular a petición, irán no grupo que lles corresponda consonte a orde de anotación.
  3.  Cada persoa socia pode vir acompañada dunha persoa non socia, da que cómpre indicar tamén o nome, dous apelidos, número de DNI e número de teléfono por mor das normas COVID.  
  4. É obrigatoria a asistencia con máscara e mantendo as normas de seguridad contra a Covid-19.


0 Comentários

CATAS NA MEMORIA. A PERSECUCIÓN FRANQUISTA NO VAL MIÑOR

1/6/2021

0 Comentários

 
Imagem
Unha nova actividade, un debate arredor das investigacións sobre a violencia fascista após a sublevación militar franquista, ademais da presentación do libro Catas na memoria. A persecución franquista no Val de Miñor, de Carlos Méixome, editado por Edicións Laiovento, vai ter lugar:

Data: Mércores, 9 de xuño, ás 19.30 h.
Lugar:  Museo das Peregrinacións. Praza das Praterías. Santiago de Compostela.
Participan: Bieito Iglesias, profesor e escritor,
                     Antón Mascato, editor e historiador,
                     Prudencio Viveiro, historiador,
                     Carlos Méixome, autor e historiador.


CATAS NA MEMORIA. A PERSECUCIÓN FRANQUISTA NO VAL MIÑOR
"Durante anos a memoria, como un fío de Ariadna, andou a turrar de min. Xurdindo en intranscendentes conversas de boa veciñanza, nas lecturas de libros de amigos ou entre saloucos agoniados polo fogar ausente, profundando a sensación de inxustiza que comete un estado autoproclamado democrático coa cidadanía perseguida por un réxime que concentrou e expandiu todas as perversións do século pasado.
Agora, co pouso do tempo, refago, reelaboro escritos sobre a persecución franquista no Val de Miñor esbozados en momentos de intensa actividade memorialista, consciente de que o labor non só non está esgotado, senón que a memoria aínda non virou en historia" (Por Carlos Méixome)

 CARLOS MÉIXOME
 Aínda que dezán de nacenza  (Lalín, 1954), sendo un cativo levárono para O Carballiño. O oficio profesoral, impartindo Xeografía e Historia, levouno a asentarse en Vigo e despois no Val de Miñor.  Estudou Filosofía e Ciencias de Educación en Compostela. Participou, dende novo, no activismo político e cultural nacionalista. Foi colaborador do Instituto Galego de Estudos Internacionais (IGADI) publicando traballos sobre a ex Iugoeslavia, Cuba, ou Rusia... En 1999 participou na fundación do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) do que foi o seu director ata 2015. Ten publicado sobre cuestións de historia contemporánea. Dende 2014 mantén o blog Pé do Galiñeiro.
Dende 2005 ten desenvolvido unha ampla actividade memorialista arredor da persecución franquista no Val de Miñor e desenvolvido unha serie de investigacións sobre a mesma en toda a área sur da provincia de Pontevedra. É autor de varias obras entre as que destacan: "Textos e documentos para a Historia contemporánea de Galicia"; "Castelao. Unha historia do nacionalismo galego" ou "Daquí ou dacolá" .

Imagem
0 Comentários

ESPAZOS RESTAURADOS NA CATEDRAL DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

1/6/2021

0 Comentários

 
Imagem
Visita aos Espazos restaurados da Catedral de Compostela, guiada polo director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo Santos. Visitaranse e explicaranse as partes da Catedral que veñen de ser restauradas (o Retablo da Capela maior e demais espazos).

Data: Luns, 7 de xuño de 2021 ás 17.15 horas.

Lugar:  Praza das Praterías. Santiago de Compostela.

Interveñen: Daniel Lorenzo Santos, director da Fundación Catedral.

A actividade vai dirixida única e exclusivamente a persoas asociadas á A.C. O Galo.
É obrigatoria a asistencia con máscara e mantendo as normas de seguridad contra a Covid-19.

Daniel Lorenzo Santos (A Pobra do Caramiñal, 1963) é o director da Fundación Catedral e do seu museo, presidente da Comisión de Cultura e Arte da catedral e cóengo fabriqueiro (cóengo encargado de administrar os fondos destinados á conservación e mantemento dunha igrexa), membro da Real Academia Galega de Belas Artes como académico de arqueoloxía e museoloxía cun discurso de ingreso titulado “Soños e proxectos sobre o Museo Catedral”.
0 Comentários

Galiza: arte e compromiso 1919 / 1939

15/5/2021

0 Comentários

 
Imagem
Palestra e proxección de pintura  Galiza: arte e compromiso 1919 / 1939  impartida polo profesor Carlos López Bernárdez.

Data: Xoves, 20 de maio de 2021 ás 19.30 horas

Lugar: Museo das Peregrinacións, Praza das Praterías. Santiago de Compostela.

Interveñen: Carlos López Bernárdez, profesor e historiador da arte galega

Por mor da situación sanitaria do momento, as prazas son limitadas polo que se prega que enviedes a solicitude de inscrición ao correo electrónico comunicacion@ogalo.gal  antes das 12.00 horas do mércores 19 de maio  de 2021, sendo imprescindíbel que cada persoa que se anote indique nese apuntamento:  nome, dous apelidos, número do DNI e teléfono, por mor das normas Covid.

A admisión será seguindo rigorosamente a orde dos correos recibidos e terán preferencia as persoas asociadas á AC. O Galo. 

É obrigatoria a asistencia con máscara e mantendo as normas de seguridad contra a Covid-19.

CARLOS LÓPEZ BERNÁRDEZ
Nace en Vigo en 1958. É historiador de arte e profesor de lingua e literatura galegas, ensaísta de temas artísticos e literarios e comisario de exposicións, colabora habitualmente en diversos xornais e revistas.  
    No ámbito da análise cultural traballa en dúas liñas fundamentais: 1ª, os estudos da literatura galega do século XX con especial atención aos movementos de vangarda; 2ª, a historia da arte, orientada á construción de análises, nomeadamente sobre a arte galega.
    Entre os seus libros destacan Bestiario en pedra. Animais fantásticos na arte medieval galega, con Xosé Ramón Mariño Ferro (2004); Breve historia da arte galega (2005); Maruja Mallo, a pintura da nova muller (2010); Do idilio á diáspora. Modernidade e compromiso na pintura galega de Castelao a Seoane (2011); Un pintor que sabía o que facía. Achegas á obra pictórica de Luís Seoane (2016), Identidade e universalidade. Lecturas de pintura galega (2018) e Fronte da arte. A arte galega no contexto euopea dos anos trinta (2020).
    No ámbito dos estudos literarios publicou, entre outros, De catro a catro de Manuel Antonio (1991); A emoción da Terra. Poesía de Vicente Risco (1994); Cincuenta anos de poesía galega II (1994); Romanceiro en lingua galega, con X. R. Mariño Ferro (2002) e as edicións literarias da Poesía galega de Lorenzo Varela (1990); Fírgoas de Manuel Luís Acuña, con Ramón Nicolás (1992); Obra dramática de Ramón Cabanillas, con Manuel F. Vieites (1996); A pega rabilonga. Os ruíns de Xosé María Álvarez Blázquez (2008) e Samos de Ramón Cabanillas (2009).
    Na actualidade desenvolve a crítica de arte nos suplementos Faro da cultura do xornal Faro de Vigo e Sermos de Nós Diario.


0 Comentários

Ricardo Carvalho Calero. Tempo DE esperanza

2/5/2021

0 Comentários

 

Tempo de esperanza (Carvalho Calero na súa propia voz),  extractos da entrevista realizada en 1989 por francisco salinas portugal, profesor da UDC e membro da asociación socio-pedagóxica galega.

Imagem
Con presentación e posterior coloquio dirixido por Francisco Rodríguez Sánchez, proxectarase o audiovisual de 35 minutos de duración Tempo de esperanza (Carvalho Calero na súa propia voz),  extractos da entrevista que no ano 1989 lle realizou o profesor da UDC Francisco salinas portugal a Ricardo Carvalho Calero. 

Data: Martes, 11 de maio de 2021 ás 19.30 horas
Lugar: Museo das Peregrinacións, Praza das Praterías. Santiago de Compostela.
Interveñen: Francisco Rodríguez, historiador e estudoso de Carvalho Calero, coeditor da actual versión da entrevista realizada a Carvalho.

Por mor da situación sanitaria do momento, as prazas son limitadas polo que se prega que enviedes a solicitude de inscrición ao correo electrónico comunicacion@ogalo.gal  antes das 12.00 horas do xoves 6 de maio  de 2021, sendo imprescindíbel que cada persoa que se anote indique nese apuntamento:  nome, dous apelidos, número do DNI e teléfono, por mor das normas Covid.

A admisión será seguindo rigorosamente a orde dos correos recibidos e terán preferencia as persoas asociadas á AC. O Galo.
É obrigatoria a asistencia con máscara e mantendo as normas de seguridad contra a Covid-19.
O audiovisual recolle a entrevista de Francisco Salinas, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, ao profesor en 1989.O propósito do vídeo en 1989 era a súa divulgación no ensino non universitario, mais entón aparecía só unha pequena parte das máis de tres horas de gravación. A entrevista completa foi obxecto dun libro en 1991 e unha copia da conversa quedou en depósito no Centro Galego de Artes da Imaxe.

En 2020, os profesores Xoán Costa e Francisco Rodríguez recuperaron o material e realizaron unha nova versión, centrada na resposta de Carvalho, “na súa propia voz”, arredor de 20 temas de interese.

0 Comentários
<<Anterior
Seguinte>>
    Imagen

    O Galo

    Agrupación Cultural que traballa pola nosa cultura

    Arquivos

    Junho 2022
    Maio 2022
    Fevereiro 2022
    Janeiro 2022
    Dezembro 2021
    Novembro 2021
    Outubro 2021
    Setembro 2021
    Julho 2021
    Junho 2021
    Maio 2021
    Abril 2021
    Março 2021
    Fevereiro 2021
    Outubro 2020
    Maio 2020
    Março 2020
    Fevereiro 2020
    Janeiro 2020
    Dezembro 2019
    Novembro 2019
    Outubro 2019
    Setembro 2019
    Julho 2019
    Junho 2019
    Maio 2019
    Abril 2019
    Março 2019
    Fevereiro 2019
    Janeiro 2019
    Dezembro 2018
    Novembro 2018
    Outubro 2018
    Setembro 2018
    Julho 2018
    Junho 2018
    Maio 2018
    Abril 2018
    Março 2018
    Fevereiro 2018

    Haz clic aquí para editar.

    Categorías

    Todos

    Feed RSS

    Imagen
    Imagem

Proudly powered by Weebly