No Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) gardamos e poñemos a disposición das persoas (presencialmente e no noso sitio web http://apoi.museodopobo.gal/ ) os rexistros sonoros orixinais de música tradicional galega e patrimonio oral de Galicia que alberga o Museo do Pobo Galego. Estes fondos foron recollidos por todo o país (e nas terras de emigración) a ducias de informantes, por coleccionistas e compiladores que continúan crecendo ata o día de hoxe.
Na visita do martes 16 de abril poderedes coñecer deste arquivo polo miúdo, da man da súa coordinadora. Falaremos das súas características principais, dos fondos que contén, do proceso que se segue para poñelos a dispor das persoas usuarias e poderemos ver e escoitar exemplos das pezas que alberga. Tamén visitaremos as instalacións físicas do arquivo e algún dos seus fondos senlleiros.