Membro do consello de dirección de Edicións Laiovento. Na actuialidade traballa no Consello da Cultura Galega.
É autor dos seguintes libros:
-Política, eleccións e fidalgos. O réxime do Estatuto Real na provincia de Lugo, 1834-1836 (Ediciós do Castro, 2004),
-O Estatuto galego durante a II República (Ediciós do Castro, 2007)
-Os irmáns de América. As pegadas da emigración do Valadouro na Habana (Laiovento, 2021).
A Revolución Galega de 1846
Nos sucesos de abril de 1846 xúntanse dúas tradicións políticas que nos axudan a albiscar na súa xusta medida estes acontecementos. O liberalismo progresista e o galeguismo provincialista que vai por a Galiza no centro da reivindicación política.
O carácter que adquiriu a revolución de 1846 implicou un salto cualitativo do soberanismo en Galiza, que agromaba cun carácter progresista e galeguista, opoñéndose á colonización do país e reivindicando a súa unidade administrativa (nunha soa provincia) tal como se constata nas proclamas da Xunta Suprema. Esta editou tres números do periódico “Revolución”. Saíu o primeiro número o 17 de abril, e nel afírmase: “Galiza arrastrando ata aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha colonia da Corte, vaise levantar desta humillación e abatemento. Esta Xunta, amiga sincera do país, consagrarase constantemente a engrandecer o antigo reino de Galiza (...) galegos contando co voso apoio logrará –a Xunta- que a nosa provincia sexa temida e respectada”.
Cómpre lembrar que este levantamento precede aos que en 1848 van abranguer gran parte de Europa, e nos que cuestión nacional e social son a bandeira de loita nas barricadas. Será a chamada Primavera dos Pobos, unha onda de revolucións populares, liberais e nacionalistas, que se espallará por toda Europa.
Todo comezou o 2 de abril cando se pronunciou en Lugo o segundo batallón do Rexemento de Zamora baixo o mando de Miguel Solís. Axiña se sumarían ao levantamento Compostela, a onde se dirixiron as tropas de Solís, e días despois fixérono tamén Pontevedra, Vigo e Tui. Mentres que as tropas con base na Coruña se convertían no centro do apoio ao goberno xunto con Ferrol e Ourense.
O 15 de abril constituíase en Compostela a Xunta Suprema do Goberno da Galiza, da que era nomeado presidente Pío Rodríguez Terrazo e secretario Antolín Faraldo. Segundo a proclama da Xunta Central Galega, de 15 de abril de 1846, con este movemento “llegará a conquista Galicia la influencia de que es merecedora, colocándose en el alto lugar a que está llamado el antiguo reino de los Suevos”.
O día 23 de abril, comezou a decisiva “batalla de Cacheiras“, nas aforas de Compostela, entre as tropas sublevadas e o poderoso exército enviado polo goberno ao mando de La Concha (seis batallóns de infantaría con 2700 soldados, artillaría e 300 cabalos). A grande superioridade das tropas de La Concha fixo inútil a resistencia dos sublevados, tiveron que retirarse cara a cidade onde disputaron palmo a palmo as rúas de Compostela, o mosteiro de San Martiño Pinario converteuse no último reduto duns 2.000 revolucionarios, até que remataron as municións.
As rúas de Compostela dan testemuña de relevantes sucesos do levantamento galego de 1846, pois foi unha das cidades protagonista dos sucesos, o lugar onde se instalou a Xunta central e onde todo rematou.