Facendo Cultura en Compostela desde 1961
O Galo
  • Novas
  • Actividades
    • Servizos
  • Arquivo
    • Fotográfico
    • Contacto

“Memorias do Café Derby (1929-2020)”

2/6/2022

0 Comentários

 
Imagem
VISITA GUIADA SÓ PARA PERSOAS ASOCIADAS

Visita guiada á exposición  “Memorias do Café Derby (1929-2020)”, na  Casa do Cabido, na praza das Praterías, comisariada pola historiadora Ana Castro e o xornalista e historiador Fernando Franjo, autor da investigación sobre a historia do Café.

VISITA GUIADA: “Memorias do Café Derby (1929-2020)”
Data: Venres, 11 de febreiro de 2022, ás 18.30 h.
Lugar: CASA DO CABIDO, Praza das Praterías, Santiago de Compostela.
Guiará: Fernando Franjo

 
Desde comezos do século XIX, os cafés foron lugares de reunión da elite cultural urbana. Fundado en 1929, o Café Derby axiña se converteu nun referente cultural e no  brasón da cidade de Compostela, lugar de encontro e debate de composteláns ou de persoas afincadas na cidade: Valle-Inclán, Rafael Dieste, Carlos Casares, Luís Seoane, Carlos Maside, Ricardo Carvalho Calero, Gonzalo Torrente Ballester, Manuel Colmeiro, Domingo García Sabell, Manuel María ou Castelao.
O seu fundador Avelino San Luis Vázquez vendeullo en 1934 a Ramón Barca Boullón e Manuel Domínguez Nieto, cuxa filla, Victoria Domínguez, foi propietaria e xerente desde 1989 até a súa xubilación en marzo de 2020, data que pecha definitivamente a historia do Derby.
Nun momento de transformación urbanística e social de Compostela, o Café Derby abriu nunha zona que marcaba o límite da cidade, moi perto do edificio Castromil, lugar de partida e de chegada a Santiago. Moi importantes foron os seus parladoiros até a Guerra Civil, en que foron obrigados a mudar o nome de Café Derby polo de Café Imperial, aínda que dez anos despois recupera o nome orixinario.
Os sinais de identidade do local son as cinco vidreiras de chumbo realizadas pola casa A Veneciana de Zaragoza, mais tamén destaca o zócalo de madeira de caoba, traída expresamente de Cuba, e as súas cornisas decoradas. 

Memorias do Café Derby (1929-2020) percorre a historia dun dos cafés máis emblemáticos de Compostela con libros e documentación inédita, como as imaxes do Café na súa sucursal dos pavillóns da Ferradura. A exposición presenta unha recreación do espazo orixinal, con elementos orixinais como cadeiras e mesas, lámpadas, vaixelas, garrafas, xogos de mesa e obxectos de cafetaría dos seus primeiros anos.

Guiará a visita Fernando Franjo, historiador e xornalista, autor do libro Memorias do Café Derby (1929-2020), coeditado polo Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora.

0 Comentários

UNHA ETAPA ESTELAR E CONFLITIVA DO REINO DA GALIZA de Francisco Rodríguez

2/2/2022

0 Comentários

 
Imagem
A Agrupación Cultural O Galo convídate á presentación do libro Unha etapa estelar e conflitiva do reino de Galiza, a última obra do historiador e ensaísta Francisco Rodríguez, o vindeiro mércores 9 de febreiro de 2022, ás 19.00 horas no Auditorio do Museo do Pobo Galego de Compostela.
No acto, Francisco Rodríguez, o autor, estará acompañado por María Antonia Pérez (presidenta da A.C. O Galo), Patricia Varela (presidenta da AS-PG), Rubén Cela (presidente da FGS) e Manuel Vilar (director do Museo do Pobo Galego).
O aforo é limitado polo que é imprescindíbel inscribirse indicando nome e apelidos e correo electrónico no enderezo fgs@galizasempre.gal, antes do luns 7 de febreiro de 2022.
O libro está coeditado pola Fundación Galiza Sempre e pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, unha obra necesaria para combater o descoñecemento e ignorancia colectiva dun pasado tan relevante e de esplendor para a historia da nosa nación. A obra supón o primeiro tomo de dous libros sobre a historia do reino de Galiza, unha coidada edición na que se inclúe multitude de documentación gráfica para ampliar a investigación sobre a revolta galega contra Castela na segunda metade do século XIV, que se complementará cun segundo tomo que ten previsto ver a luz ao longo deste 2022.

0 Comentários

exposición “125 anos con Nós” e proxección do documental “Ánxel Casal, a luz impresa”

1/27/2022

0 Comentários

 
Imagem
Visita guiada á exposición “125 anos con Nós” e proxección do documental “Ánxel Casal, a luz impresa”

Lugar: Biblioteca Pública Ánxel Casal. Avda. Xoán XXIII
Data e hora: MÉRCORES, 2 de febreiro de 2022 ás 17:45h
Actividade: Visita guiada á exposición “125 anos con Nós” e proxección do documental “Ánxel Casal, a luz impresa”
Interveñen: Xoán Leira, comisario de “125 anos con Nós”, realizará a visita guiada a esta mostra. E así mesmo, como director do documental “Ánxel Casal, a luz impresa”, tamén efectuará a presentación deste e respostará as preguntas que o público faga, logo de visionalo.

Aforo: 30 persoas para a visita guiada e 60 persoas para ver o documental que se proxectará mesmo a continuación de finalizar a visita guiada.
Cómpre anotarse en comunicacion@ogalo.gal indicando nome, apelidos e teléfono, antes das 12.00 horas do martes, día 01.02.2022.
Posteriormente á admisión, que será comunicada por correo electrónico,  media hora antes do comezo deste acto é preciso recoller a entrada no mostrador da Biblioteca Ánxel Casal.

A AC. O Galo de Compostela organiza esta actividade que nace impulsada por Galiza Cultura, federación á cal pertence. A mostra encargouse de levala a cabo a AC. Ánxel Casal de Arzúa, tamén integrante de Galiza Cultura, para así lembrar que a Ánxel Casal se lle debe adicar o Día das Letras Galegas. O documental está realizado e dirixido por Xoán Leira (tamén comisario da exposición e que será quen a explique), dura 45 minutos e aborda a traxectoria deste insigne persoeiro do primeiro terzo do século XX.
A mostra amosa o labor deste persoeiro que tanto colaborou para difundir a cultura galega editando libros, periódicos e revistas que hoxe son referentes, que convirteu a súa imprenta e editora situada na rúa do Vilar nun lugar de xuntanza para a intelectualidade da época, así como para universitarios preocupados pola situación politicocultural do momento, que foi alcalde republicano de Compostela e “paseado” polos fascistas.
Ánxel Casal sendo adolescente emigrou a América e logo a Burdeos. Formou parte das Irmandades de Fala e, xunto con María Miramontes, colaboraron os dous nas súas actividades especialmente no desenvolvemento do Conservatorio de Arte Galega e en poñer en funcionamento a Escola de Ensino Galego.
Con Leandro Carré Alvarellos fundou a Editorial Lar (1924) e logo a Editorial Nós (1927). Foi o editor de revistas tan senlleiras como A Nosa Terra e Nós, e de moitas das publicacións do Instituto de Estudos Galegos. Tamén grazas a el viron a luz os semanarios composteláns Claridad e Ser, ambos de tendencia esquerdista e a Asociación de Escritores Galegos (1936).
Como membro do Partido Galeguista, participou en 1933 no Pacto de Compostela, no cal se acordou a colaboración entre as forzas nacionalistas vascas, galegas e catalás e que se coñece co nome de Galeuzca. Tivo un rol moi activo na campaña polo Estatuto de Autonomía de Galicia, e en xuño de 1936 foi un dos comisionados para entregarllo ao presidente do Congreso dos Deputados.
Asemade, foi alcalde de Santiago de Compostela e vicepresidente da Deputación da Coruña. En agosto de 1936, os franquistas asasinárono.
Ánxel Casal actuou cal un “nodo” capital dentro da cultura galega do século XX; sen a súa cooperación non sairían do prelo obras fundamentais da nosa literatura. É unha figura chave dentro do sistema literario galego e, por tanto, indispensabel para o posterior desenvolvemento das nosas letras. Porén, asemade, compre lembrar que María Miramontes foi a colaboradora imprescindibel para soster economicamente as empresas culturais que abordou o seu home.
Coa visita guiada a esta mostra e coa proxección do audiovisual sobre Ánxel Casal, a AC. O Galo pretende axudar a achegar o seu labor ao gran público, así como apoiar que se lle adique o Día das Letras Galegas.


0 Comentários

Presentación libro DE COMPOSTELA AO PICO SACRO

1/19/2022

0 Comentários

 
Imagem
O próximo 28 de xaneiro presentarase o libro De Compostela ao Pico Sacro e proxectarase o video 10 anos de Alba de Gloria.
Este libro recolle as intervencións realizadas anualmente desde o ano 2011 no alto do Pico Sacro, con cadanseu texto dos once escritores e escritoras participantes na conmemoración e na leitura do texto Alba de Groria de Castelao, coas que se lembra a peregrinación que a ese lugar fixo Castelao en 1924. Publícao a Agrupación Cultural o Galo co patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello de Santiago de Compostela-

PRESENTACIÓN LIBRO: De Compostela ao Pico Sacro
Data: Venres, 28 de xaneiro de 2022, ás 19.45 h.
Lugar: MUSEO DAS PEREGRINACIÓNS. Praza das Praterías, Santiago de Compostela.
Intervirán: Xoán Carlos Garrido, coordenador
                   Marcos Maceira, coordenador
                   David Otero, autor dun dos textos
                   Mercedes Rosón, concelleira de Cultura             

As prazas son limitadas polo que, por mor da situación sanitaria do momento, cómpre que se envíe a solicitude de inscrición ao correo electrónico comunicacion@ogalo.gal  antes das 12.00 horas do xoves 27 de xaneiro de 2022, sendo imprescindíbel que cada persoa que se anote indique nese apuntamento:  nome, dous apelidos, número do DNI e teléfono, por mor das normas Covid.
A admisión será seguindo rigorosamente a orde dos correos recibidos. É obrigatoria a asistencia con máscara e mantendo as normas de seguridade contra a Covid-19.


0 Comentários

visita á exposición "Galiza, un pobo, unha selección"

1/5/2022

0 Comentários

 
Imagem
A A.C. O Galo comeza as súas actividades en 2022 cunha visita á exposición "Galiza, un pobo, unha selección" guiada polo xornalista Héctor Pena, quen realizou a coordinación dos textos. A mostra está promovida pola Plataforma Vía Galega, que integra máis de 60 colectivos sociais, culturais e deportivos, entre os que se encontra a A.C. O Galo.

Actividade: Visita á exposición "Galiza, un pobo, unha selección"
Data: Venres, 7 de xaneiro de 2022, ás 16.45 h.
Lugar: ALA SUR do MUSEO DO POBO GALEGO.
Guía da visita: HÉCTOR PENA


Fican convidados a este acto todos os socios e socias da A.C. O Galo, que poderán levar acompañantes.


Non é preciso anotarse, aínda que é obrigatoria a asistencia con máscara e mantendo as normas de seguridad contra a Covid-19.

0 Comentários

A AGRUPACIÓN CULTURAL O GALO DESÉXAVOS UN BO ANINOVO

12/28/2021

0 Comentários

 
Imagem
0 Comentários

PRESENTACIÓN do poemario A ABERTURA DA BOCA do poeta  CARLOS CALLÓN

12/23/2021

0 Comentários

 
Imagem
Continuamos as actividades coa PRESENTACIÓN DO POEMARIO A ABERTURA DA BOCA de Carlos Callón.
Data: Martes, 28 de decembro de 2021, ás 20.30 h.
Lugar: Libraría PEDREIRA / Rúa do Home Santo, nº 55 / Santiago de Compostela.
Intervirán: CARLOS CALLÓN, autor
                  SERXIO ABALO
                  JM DOPAZO

                  M. ANTONIA PÉREZ

As prazas son limitadas por mor da situación sanitaria do momento, polo que cómpre que se envíe a solicitude de inscrición ao correo electrónico comunicacion@ogalo.gal  antes das 23.00 horas do luns 27 de decembro de 2021, sendo imprescindíbel que cada persoa que se anote indique nese apuntamento:  nome, dous apelidos, número do DNI e teléfono, por mor das normas Covid.
A admisión será seguindo rigorosamente a orde dos correos recibidos. É obrigatoria a asistencia con máscara e mantendo as normas de seguridade contra a Covid-19.

O poemario de Carlos Callón relembra que no Antigo Exipto existía un ritual relixioso que recibiu o nome de “abertura da boca”, uep-rá. Con el, conseguíase que unha momia recuperase as funcións de alimentarse, comer, beber, respirar e ollar, ou ben que unha estatua cobrase vida. Carlos Callón convoca esta metáfora para se debruzar sobre unha “certa estadía nun certo inferno” e levarnos canda el polos lindes inmapeábeis dunha dor que non quere ser desterrada.

Carlos Callón e doutor en Filoloxía Galega e Portuguesa e presidente de Honra da Mesa pola Normali­zación Lingüística. Actualmente é profesor de Xeografía e Historia no Instituto Espanhol de Lisboa.  Poeta, investigador e ensaísta, publicou, entre outros, os libros Amigos e sodomitas (2011), Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez (2012) e Inscricións (2019).

0 Comentários

Visita guiada ao Arquivo e á Biblioteca da Catedral de Santiago

12/8/2021

0 Comentários

 
VISITA SÓ PARA PERSOAS SOCIAS DA AGRUPACIÓN CULTURAL O GALO
Imagem
                        VISITA GUIADA: Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago
Data: Venres, 17 de decembro de 2021, ás 16.45 horas (primeira quenda) e ás 17.45 horas (segunda quenda).
Lugar: Entrada ao Arquivo da Catedral, Praza das Pratarías, Santiago de Compostela.
Guiará: XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ SÁNCHEZ, investigador e técnico documentalista da Área de Documentación Medieval do Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago             

Na visita percorreranse as instalacións do Arquivo-Biblioteca, espazo de investigación, depósitos de fondos bibliográficos, depósitos de fondos de Arquivo, medievais e modernos, instalación da documentación orixinal e os facsímiles do Tombo A e o Códice Calixtino.

1.- As prazas están limitadas a 15 persoas por quenda e vai DIRIXIDA EXCLUSIVAMENTE A PERSOAS ASOCIADAS DA A.C. O GALO,
2.- Os socios e socias poderán inscribir un acompañante que se incluirá na lista sempre e cando haxa prazas dispoñibles despois dos asociados, por rigorosa orde de inscrición e até esgotar as prazas de cada quenda.
3.- Os socios e socias, ao inscribírense, deben indicar a quenda que solicitan (1ª quenda ás 16.45 horas ou 2ª quenda ás 17.45 horas). Porén, se optan por ir nalgunha desas quendas máis de 15 socios, os demais que sobrepasen este número, cambiaranse de quenda. O cambio para a outra quenda farase consonte a orde en que se recebiron os seus correos.
4.- Os socios e socias deberán enviar a súa solicitude ao correo electrónico comunicacion@ogalo.gal  antes das 12.00 horas do mércores 15 de decembro de 2021, sendo imprescindíbel que cada persoa que se anote indique nese apuntamento:  nome, dous apelidos, número do DNI e teléfono do propio socio ou socia e tamén eses datos da persoa acompañante.
5.- A admisión será seguindo rigorosamente a orde dos correos recibidos. É obrigatoria a asistencia con máscara e mantendo as normas de seguridad contra a Covid-19.

0 Comentários

PRESENTACIÓN DO LIBRO DE RELATOS AS FOTOS DA RETINA

12/2/2021

0 Comentários

 
Imagem
Imagem

 Presentación do libro de relatos As fotos da retina, publicado pola Editorial Medulia, da autoría da escritora Ramona Giráldez Domínguez.

OBRA: As fotos da retina
Data: Venres, 10 de decembro de 2021, ás 20.00 h.
Lugar: SALÓN DE ACTOS DO IES ROSALÍA DE CASTRO. Santiago de Compostela.
Intervirán: RAMONA GIRÁLDEZ DOMÍNGUEZ, autora

                  TANIA ARUFE, ilustracións
                   CÉSAR MORÁN, actuación musical

                   ROSA FERNÁNDEZ, presentadora              

As prazas son limitadas polo que, por mor da situación sanitaria do momento, cómpre que se envíe a solicitude de inscrición ao correo electrónico comunicacion@ogalo.gal  antes das 12.00 horas do xoves 9 de decembro de 2021, sendo imprescindíbel que cada persoa que se anote indique nese apuntamento:  nome, dous apelidos, número do DNI e teléfono, por mor das normas Covid.

A admisión será seguindo rigorosamente a orde dos correos recibidos.
É obrigatoria a asistencia con máscara e mantendo as normas de seguridad contra a Covid-19.


A escritora e poeta RAMONA GIRÁLDEZ, nacida na Cañiza, mais desde moi nena residente en Santiago de Compostela, estuda Bacharelato no IES Rosalía de Castro de Compostela. Licenciada en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC, desde 1980 exerce como profesora de Lingua e Literatura nos institutos de Vilagarcía de Arousa e Cambados e no ano 1990 trasládase ao IES Monte das Moas na Coruña, cidade en que, xa xubilada, segue a residir.
Escritora desde a súa infancia, publica en 2018 o libro de poemas Tardes de domingo, con ilustracións de Luz Arufe, cunha poesía de temática intimista, con elementos paisaxísticos que ocupan un segundo plano, ambientando o desamor e a melancolía, e con matices de saudade e desacougo.
En 2021 publica a colección de relatos As fotos da retina, ilustrado por Tania Arufe. As fotos están conformadas por un limiar e 59 relatos de anécdotas acontecidas nas súas viaxes por todo o mundo. Relatos que narran esas experiencias de viaxes que nunca aparecen nas fotos. Imaxes que, por inesperadas, cóllennos desprevidos e non chegan a materializarse nun retrato pero que, co tempo, pasan a ser inesquecibles.

A ilustradora TANIA ARUFE desde moi nena estivo interesada polas artes plásticas. Xa de pequena, cando cursaba a EXB, gañou o 1º premio nun concurso de debuxos da TVG e varios accesits noutros diversos concursos. Asistiu a academias e talleres de pintura para perfeccionar a súa técnica autodidacta. Ademais de ilustrar As fotos da retina, participou con infografías no libro La educación por escenarios e actualmente segue inmersa en novos proxectos de ilustración.  


Imagem
Imagem
CÉSAR MORÁN
O músico cantautor, escritor e profesor reformado, de orixes bercianas e mindonienses, adicouse á música, poesía, filoloxía e docencia. Fundou o grupo Agra e traballou como músico con Troula mentres formaba parte da primeira promoción de Filoloxía Galego-Portuguesa. A súa obra musical está formada polos traballos Río de son e vento (que inclúe unha excelente antoloxía da poesía galega), Haberá primavera (sobre poemas de Cunqueiro) e a súa intervención en O pobo da noite e A desaparición da neve de Manolo Rivas. Traballou como músico en Daquel abrente, encheu de beleza moitos escenarios, e musicou entre outros moitos poetas a Leiras Pulpeiro e as súas Roseiras de rosas roxas. Xa xubilado, dedícase especialmente á música.

ROSA FERNÁNDEZ SÁNCHEZ, grande lectora, é profesora de inglés no CEIP Emilia Pardo Bazán de A Coruña. Entre outras moitas actividades relacionadas coa literatura, participa en varios clubes de lectura na cidade herculina.
Imagem
0 Comentários

A LÍRICA PROFANA NOS REINOS DA GALIZA E PORTUGAL

11/24/2021

0 Comentários

 
Imagem
Unha nova actividade para este mes de decembro: a  palestra A lírica profana nos reinos de Galicia e Portugal: cando Hispania cantaba en galego, impartida por Mariña Arbor Aldea, profesora da USC.

PALESTRA: A lírica profana nos reinos de Galicia e Portugal
Data: Venres, 3 de decembro de 2021, ás 19.15 h.
Lugar: LIBRARÍA COUCEIRO, Praza de Cervantes, Santiago de Compostela.
Intervirá: MARIÑA ARBOR ALDEA, profesora da USC e investigadora              

As prazas son limitadas polo que, por mor da situación sanitaria do momento, cómpre que se envíe a solicitude de inscrición ao correo electrónico comunicacion@ogalo.gal  antes das 12.00 horas do xoves 2 de decembro de 2021, sendo imprescindíbel que cada persoa que se anote indique nese apuntamento:  nome, dous apelidos, número do DNI e teléfono, por mor das normas Covid.
A admisión será seguindo rigorosamente a orde dos correos recibidos. É obrigatoria a asistencia con máscara e mantendo as normas de seguridad contra a Covid-19.

Na palestra A lírica profana nos reinos de Galicia e Portugal: cando Hispania cantaba en galego presentaranse ao público as coordenadas políticas, sociais e culturais en que se desenvolveu a lírica profana galego-portuguesa, prestando particular atención aos reinados dos monarcas galegos Fernando II (1157-1188) e Afonso VIII (1188-1230), que ven xermolar esta poesía, escrita en galego, e ás circunstancias que propiciaron á súa propagación e difusión ás cortes de Castela e Portugal.
Unha vez presentando este panorama, mostrarase que a lírica galego-portuguesa non é un fenómeno illado, senón que nace nun contexto de prestixio político e relixioso das clases dirixentes galegas, de bonanza económica e de gran desenvolvemento das artes plásticas e da literatura, como mostran a construción do Pórtico da Gloria, a fábrica de numerosos templos románicos ou a compilación do Codex Calixtinus e da Historia Compostellana.
Finalmente, describiranse as características desta poesía, atendendo aos manuscritos que a transmitiron, aos seus xéneros principais e á música que a acompañaba. O relato destes aspectos irá acompañado de imaxes ilustrativas de cada un deles, así como da lectura de cantigas seleccionadas e da audición doutras, para que o público teña unha imaxe o máis completa posible do denominado “espectáculo trobadoresco”.



A investigadora MARIÑA ARBOR ALDEA (San Fagundo, Cea, 1973) é graduada en Filoloxía Hispánica, Licenciada e Doutora en Filoloxía Románica, Premio Extraordinario de Licenciatura, Premio Extraordinario de Doutoramento e Premio Dámaso Alonso de Investigación Filolóxica. Tras formarse na Universidade de Santiago e de realizar un bienio de posdoutoramento na Università degli Studi di Padova (Italia), regresou á USC como Investigadora Ramón y Cajal: Nesta universidade desenvolve agora o seu labor como Profesora Titular de Universidade.
Os seus traballos versan, fundamentalmente, sobre codicoloxía, crítica textual, métrica e literatura medieval, con particular atención á lírica galego-portuguesa. Entre as súas publicacións destacan as dedicadas ao Cancioneiro da Ajuda e ao Pergamiño Vindel, aquelas en que se editan autores ou textos particulares da Idade Media galega e portuguesa, as que, partindo da análise da varia lectio, extraen principios teóricos que contribúen á fixación do texto crítico das cantigas ou á definición das súas características métricas, así como as dedicadas aos estudos ecdóticos que toman a lírica medieval como obxecto e á difusión e recepción da literatura e á formación do canon. Tras realizar diversas estadías de investigación e de impartir diferentes seminarios e conferencias como profesora visitante en universidades ou centros de investigación de Italia, Portugal, EE. UU., Francia, Inglaterra, Hungría ou República Checa, a profesora Arbor Aldea mantén unha unha sólida rede de relacións no exterior, que se plasman nos seus proxectos de investigación, no seu ingreso na Xunta directiva da Asociación Convivio para el estudio de los Cancioneros, no acceso á Secretaría da prestixiosa Verba, que ocupou ata entre os anos 2011 e 2020, así como ao grupo de avaliadores de revistas do prestixio de La Corónica ou da Revista de Poética Medieval, na súa integración no equipo que elabora PhiloBiblon, dependente da Universidade de Berkeley (California), ou na súa chegada á Secretaría-Tesourería da Asociación Hispánica de Literatura Medieval, que ocupa desde 2015.
Entre as súas publicacións, ademais dunha setentena de artigos e capítulos de libros, destacan O cancioneiro de don Afonso Sanchez. Edición e estudio (2001), Cancioneiro da Ajuda [edición facsímile] (2008), Cancioneiro da Ajuda. Transcrición e notas (2015), que asinou como autora única, ou os volumes en que participa como autora e coordinadora, como Estudos de edición crítica e lírica galego-portuguesa (2010), Pergamino Vindel (2016), Transitando polas vías da lírica hispánica. A ruta dos trobadores (2020) ou Vai lavar cabelos na fontana fría. As orixes da lírica hispánica (2021). Ademais, traduciu e adaptou ao galego os volumes El canon de la literatura europea (2012) ou A lingua das cantigas. Gramática do galego-portugués (2019). Finalmente, a profesora Arbor Aldea traballa activamente no Portal Universo Cantigas (www.universocantigas.gal), de que é Investigadora Principal, xunto co Profesor Manuel Ferreiro, que ten como obxectivo a edición crítica en liña de toda a lírica medieval galego-portuguesa.

0 Comentários
<<Anterior
    Imagen

    O Galo

    Agrupación Cultural que traballa pola nosa cultura

    Arquivos

    Fevereiro 2022
    Janeiro 2022
    Dezembro 2021
    Novembro 2021
    Outubro 2021
    Setembro 2021
    Julho 2021
    Junho 2021
    Maio 2021
    Abril 2021
    Março 2021
    Fevereiro 2021
    Outubro 2020
    Maio 2020
    Março 2020
    Fevereiro 2020
    Janeiro 2020
    Dezembro 2019
    Novembro 2019
    Outubro 2019
    Setembro 2019
    Julho 2019
    Junho 2019
    Maio 2019
    Abril 2019
    Março 2019
    Fevereiro 2019
    Janeiro 2019
    Dezembro 2018
    Novembro 2018
    Outubro 2018
    Setembro 2018
    Julho 2018
    Junho 2018
    Maio 2018
    Abril 2018
    Março 2018
    Fevereiro 2018

    Categorías

    Todos

    Feed RSS

    Imagen
    Imagem

Proudly powered by Weebly