Facendo Cultura en Compostela desde 1961
O Galo
  • Novas
  • Actividades
    • Servizos
  • Arquivo
    • Fotográfico
    • Contacto

palestra "rosalÍa de castro diante dun pai ausente"

3/2/2020

0 Comentários

 
Imagem
Para conmemorar o 183 aniversario do nacemento da escritora Rosalía de Castro, a escritora Marga do Val impartirá a palestra "Rosalía de Castro diante dun pai ausente", o próximo xoves 5 de marzo de 2020, ás 20:30 horas, no Espazo Enocultural "Vide, vide!", na Rúa da Fonte de Santo Antonio, nº 10, en Santiago de Compostela.
Presenta o acto o profesor e investigador Luis Martul, como representante da A.C. O Galo.
Ao rematar a charla, haberá coloquio e serviranse un viño con petiscos. 

Marga Romero Lorenzo, coñecida literariamente como Marga do Val,  é actriz e autora de poesía, ensaio, novela e teatro. Licenciada en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa pola USC, desde 1995 a 2005 foi lectora de lingua e literatura galegas na universidade de Tréveris, exercendo actualmente como profesora de ensino medio. Colaborou en varias publicacións periódicas (Grial, Festa da Palabra Silenciada, A Nosa Terra, Sermos Galiza) e actualmente en Nós Diario. Desde o ano 2015 é presidenta da Asociación "Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo".
Como ensaísta ten traballado sobre Otero Pedrayo, Rafael Dieste, Carolina Otero, Lorenzo Varela, Rosalía de Castro...; como poeta a súa obra máis salientábel é "A cidade
sen roupa ao sol" (Espiral Maior, 2010), pola que recibiu o Premio da Crítica de poesía galega no ano 2010; como novelista publicou en 1997 a novela infanto xuvenil  "O prognóstico da lúa" ; como tradutora recibiu o Premio da AELG de tradución no 2011, pola súa versión de Randea do alento, de Herta Müller; en teatro publicou "Aurora Rodríguez e a súa moneca de carne"  e "Belle Otero, o corpo que fala", estreadas en 2002 polo Teatro Arte Livre.  Tamén participou en múltiples obras colectivas tanto de poesía como de ensaio, tendo presentado comunicacións en diversos congresos sobre Rosalía de Castro.




0 Comentários

ENTROIDO E IV LUPERCAIS NA EIRA DA XOANA

2/18/2020

0 Comentários

 
Imagem
Por cuarto ano consecutivo a AC O Galo participa na celebración das Lupercais na Eira da Xoana, sede da Asociación ADEGA, sita en Ramil, Concello de Agolada, a 3.5 Km do Castelo de Pambre e a 13 Km da Vila de Melide.
Celebrarémolo, como en anos anteriores, a partir das 14 horas, cun saboroso cocido de Lugo, co nomeamento da Raíña Lupa 2020, e con festa, na que, como é obrigado, teremos música.
A achega para o cocido é de 12 euros. Se prefires, podes traer o teu xantar da casa para o convivio. Se optas polo cocido –as prazas son limitadas- avisa antes do xoves, 20, ao teléfono de Pepe (659 68 33 84) ou de Marcial (616 62 73 18).
Se queres, vés disfrazado/a de loba; e se prefires vir doutra cousa, serás igualmente benvido/a. O importante é que veñas con ánimos festeiros!
0 Comentários

dereito a saber, liberdade de investigar e divulgar

2/9/2020

0 Comentários

 
Imagem
O próximo xoves, 13 de febreiro de 2020, ás 20:30 horas no Vide, Vide!, á palestra DEREITO A SABER. LIBERDADE DE INVESTIGAR E DIVULGAR a cargo de Antón Mascato, autor de  "Atila no Grove. Crónica política e Memoria da masacre (1923-1948)", publicado por Edicións Positivas. Ademais do propio autor, intervirán os historiadores Lourenzo Fernández Prieto e Carlos Méixome. A presentación corre a cargo de Suso Domínguez, como representante da AC. O Galo.
​ATILA NO GROVE. ANTÓN MASCATO. EDICIÓNS POSITIVAS
Sinopse da obra : "Atila no Grove. Crónica política e Memoria da masacre (1923-1948)" é a historia política do período máis convulso da vila do Grove, aínda que trascende a memoria local para converterse nunha crónica extrapolable a calquera outra comunidade.
O Grove, un lugar onde encontramos todas as tipoloxías do que aconteceu arredor de 1936: perseguidos, inmoladados con nocturnidade e á luz do día; sobrevivintes do seu propio asasinato; sacas colectivas, requisas e roubos; listas negras; consellos de guerra; cadeas perpetuas; fusilamentos; resistencia armada; guerrilleiros no monte; presos en campos de concentración; torturas, desafiuzamentos; rapina en sede xudicial; fuxidas colectivas en barco; agochos no monte e no mar; redadas; abatementos en aplicación da “lei de fugas”; desercións; exiliados, abusos físicos e sexuais… toda a maldade posible .
Atila no Grove é tamén unha homenaxe ao vitimario do fascismo neste porto da Arousa e unha denuncia das maneiras violentas que empregaron os perpetradores, que se completa cunha relación das vítimas e a referencia dos seus verdugos.


Referencia ao conflito xurídico polos traballos arredor da memoria do Grove.
Como xa acontecera no caso do historiador Dionisio Pereira e a familia dun falanxista de Cerdedo-Forcarei, a resultas da publicación de traballos de investigación da memoria do Grove en medios de comunicación, Antón Mascato recibiu intentos de censura de prensa e as ameazas dos fillos dun dos responsables de persecución, sinalado como tal por diversas fontes, e ao que define como o “alcalde das ditaduras”, xa que tivo ese cargo durante toda a ditadura de Primo de Rivera, no Bienio negro, e nos anos de 1940 e 1941. A mesma familia dese "alcalde" denunciou un blog no que se recollían as memorias dun militante comunista, Ramón Garrido Vidal, exiliado en Francia. Como resultas da denuncia, un xuíz ordenou a retirada do mesmo sen escoitar a outra parte a pesar de ser un dominio francés sobre o que non tiña competencias.
Vén isto a conta das enormes dificultades cando se trata de botar luz con investigacións e divulgación de obras relacionadas coa memoria local, considerando que son veciñas e veciños, os fillos e as netas, as fillas e os netos dos represores, e que moitas veces nada teñen que ver nas súas asuncións ideolóxicas cos asasinos ou represores da súa familia. Non semella ser este o caso, cando menos dos fillos e a filla do “alcalde das ditaduras” do Grove que practica a censura de prensa, a ameaza como xeito de intimidación, ou directamente a demanda xudicial para “defender o honor” de quen semella que non o tivo en vida.  En todo caso, unha das cousas a destacar na obra de Antón Mascato ten que ver coa valentía para dar non só os nomes e circunstancias políticas das vítimas, senón en incluír as referencias directas aos verdugos.
Carlos Méixome Quinteiro:  Naceu en Lalín e recastou no Carballiño. Estudou Filosofía e Ciencias da Educación na USC. Desenvolveu o seu labor profesional como profesor de historia contemporánea no ensino medio. Traballou en asuntos internacionais con varias obras publicadas como O conflito dos Balcáns; Rusia, das orixes á crise dun modelo; ou Cuba, independencia e revolución. Na súa especialidade de historia do mundo de hoxe ten publicadas obras de referencia como Textos e documentos para a Historia contemporánea de Galicia; ou Castelao, unha historia do nacionalismo galego.
Traballa na investigación e no estudo da represión franquista no sur da provincia de Pontevedra, onde reside, publicado numerosos artigos, ademais dunha obra editada co título Daquí e dacolá, follas voandeiras, na que recolle artigos e textos de temática diversa. Militou e milita en diversas organizacións do nacionalismo que van de Erga, ao BNG e de Anova a Cerna. Foi tamén o director do Instituto de Estudos Miñoráns dende a súa fundación ata hai uns poucos anos.
Lourenzo Fernández Prieto: Naceu en Ribadeo, estudou historia, sendo actualmente catedrático de Historia contemporánea da USC e investigador do grupo Histagra, especialista en historia social da violencia e principal responsable do Proxecto Nomes e Voces, que tanto labor de divulgación ten feito arredor da represión política do franquismo.  Colaborador de prensa en varios medios de comunicación, como o grupo Voz, a Cadena Ser, ou o xornal Nós, entre outros, ten unha longa bibliografía como autor, entre as que destacan os ensaios Labregos con ciencia; Facendo historia con memoria ou Informe de resultados, vítimas Galicia. En coautoría ten publicadas varias obras, entre as que mencionaremos dúas entre as últimas: Historia de la guerra civil contada por dos hermanas e Golpistas e verdugos de 1936. Historia dun pasado incómodo.
Antón Mascato:   Naceu no Grove. Editor, escritor, colaborador de prensa. Estudou Filoloxía galega na USC e desenvolveu o seu oficio no mundo da edición, sendo director de Edicións do Cumio, e na Editora NovaGaliza. Foi membro do Arquivo sonoro do Consello da Cultura; concelleiro de cultura no Grove e presidente da Asociación pola Memoria. É autor de varias obras como Paco del Riego. Unha historia da restauración cultural de Galicia; A ruta do mar de Arousa (Premio Centola de ouro, 2005); Anduriña. Cen anos de paixón; Conde Corbal. Obra gráfica (Premio Asociación Galega de Editores, 2012); As colareiras do Grove con Patricia Arias, ou As nosas chatas. Dicionario dos alcumes do Grove, en coautoría. Na actualidade redacta o Informe do Patrimonio marítimo referido á península do Grove. Despois de moitos anos de investigacións, entrevistas, visitas a hemerotecas e arquivos publica este Atila no Grove. Crónica política e Memoria da masacre (1923-1948).
0 Comentários

reivindicarmos Carvalho calero

1/19/2020

0 Comentários

 
Imagem
Para celebrarmos que este ano as Letras se adican a Ricardo Carvalho Calero, a A.C. O Galo organiza unha palestra-presentación baixo o título "Reivindicarmos Carvalho Calero", baseándose na obra colectiva “Hei de entrar no meu povo: Reivindicarmos Carvalho Calero”, Edicións Embora, 2019.
O acto contará coa presenza de dous dos autores desta obra colectiva, os profesores Bernardo Máiz Vázquez e Xosé María Dobarro Paz, acompañados de Luís Gonçález Blasco, Foz, e terá lugar o xoves 23 de xaneiro de 2020 ás 20:30 horas no local do "Vide, Vide!" na Rúa da Fonte de Santo Antonio, en Compostela. 
O profesor e investigador XOSAÉ MRÍA DOBARRO PAZ (Ferrol Vello, 1950) licenciou en Filosofía e Letras (Románicas-Español) na Universidade de Santiago en 1973 e doutorouse nas mesmas titulacións e Universidade en 1980, coa tese Alberto Camino (1820-1861): poeta galego, dirixida polo Profesor Doutor don Ricardo Carvalho Calero. Licenciou tamén en Filoloxía Hispánica (galego-portugués) en 1979.
Profesor Titular de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago en 1984, en 1993 obtivo praza de Catedrático da Universidade da Coruña.
Entre outros cargos, ocupou os de Subdirector do Colexio Universitario da Coruña (1985-1990); Vicepresidente do Claustro da USC (1987-1989); Director do Departamento de Filoloxías Francesa e Galego-Portuguesa da UDC (1990-1993) e Decano da Facultade de Filoloxía da UDC (1996-1999). Dirixiu 15 teses de doutoramento e outras tantas de licenciatura e impartiu docencia na Universidade da República Oriental del Uruguay (Montevideo), na City University of New York, na
Universidade da Habana e Universidade Estadual do Ceará (Fortaleza). Ten publicado numerosos traballos, principalmente de literatura galega contemporánea. Na actualidade é Profesor Honorario da UDC.
O profesor e historiador BERNARDO MÁIZ VÁZQUEZ (Ferrol, 1950), veciño de O Seixo, Mugardos. Licenciado en Filosofía e Letras (1973), doutor en Historia (1984), foi profesor e catedrático de ensino medio (1974-2010).
Asesor histórico de varias producións cinematográficas, é autor dunha destacada produción bibliográfica sobre historia contemporánea e patrimonio marítimo galego.
Recibiu no 2008 o Premio Didáctico da Fundación Fraguas do Museo do Pobo Galego e no ano 2010 o Premio Murguía ao Labor e Mérito Historiográficos, outorgado pola Asociación Galega de Historiadores.
A súa penúltima achega como investigador é Carvalho Calero e a política (1926-1990), na obra colectiva “Hei de entrar no meu povo: Reivindicarmos Carvalho Calero”, Edicións Embora, 2019.
É coordinador e coautor do volume "Cando fun Carballo en Ferrol, aproximación a Carvalho Calero", Club de Prensa de Ferrol-DXPL, 2020, en edición.







Esperandio a vosa asistencia, un saúdo,
A.C. O Galo
0 Comentários

palestra de Victorino pérez prieto sobre a xeración nós

1/11/2020

0 Comentários

 
Imagem
Esta palestra, complementaria á exposición "NÓS DE ONTE A HOXE: 100 ANOS DE HISTORIA", organizada pola FEDERACIÓN DE ASOCIACIÓNS CULTURAIS GALIZA CULTURA, celebrarase o próximo mércores, 15 de xaneiro de 2020, ás 20:30 horas, no Vide, Vide!!!, sito na rúa da Fonte de Santo Antonio de Compostela.

Impartida polo profesor Victorino Pérez Prieto, versará sobre a importancia e actualidade do grupo “Nós” na cultura galega: Otero Pedrayo, Risco e Castelao, tocando os seguintes puntos:

1. A xeración “Nós” é a máis senlleira das xeracións galegas. “Por eles tamén nós somos nós”.

A ela pertencen tres xigantes da cultura galega: Castelao, Otero Pedrayo e Risco. Castelao é o símbolo de Galicia, Vicente Risco o primeiro gran teórico do nacionalismo galego e Otero Pedrayo a figura intelectual máis titánica que produciu esta Terra. Só lles faltaba un mártir, e ese foi Alexandre Bóveda.
Na primeira metade do século pasado, nun contexto de agudo atraso socioeconómico e
indixencia educativo-cultural da maioría da poboación, unha minoría intelectual púxose
á fronte da rexeneración galeguizadora do país.
Os seus predecesores: As Irmandades da Fala. O Seminario de Estudos Galegos. A revista Nós foi o seu órgao de difusión e o que lles deu nome.

2. Os grandes persoeiros da xeración “Nós”:
-Ramón Cabanillas (1876-1959). O “avó” da xeración.
-Antón Losada Diéguez (1884-1929). O mentor.
-Antón Vilar Ponte (1881-1936). Xornalística e político das Irmandades da Fala.
-Florentino Cuevillas (1886-1958). O investigador das orixes da cultura galega.
-Vicente Risco (1884-1963). A obra e a cosmovisión risquiá.
-Ramón Otero Pedrayo (1888-1976). “A imaxe máis completa de Galicia” (Carballo Calero). A obra e a cosmovisión oteriana. Actualidade de Otero.
-Castelao (1886-1950). O símbolo moderno da identidade galega, o ser testemuñante, a
indignación ética. Debuxante, político e escritor. Actualidade de Castelao.

3. Carballo Calero e a xeración Nós.


O palestrante, o profesor universitario e escritos, teólogo e pensador VICTORINO PÉREZ PRIETO, é especialista en temas de cultura galega, sobre todo na Xeración “Nós” e en Prisciliano. Tamén é especialista en Raimon Panikkar, sobre quen fixo as Teses de Doutoramento en Filosofía (USC) e Teoloxía (UPSA).
Estudou Filosofía e Teoloxía en Santiago; doutorouse en Teoloxía na Universidade Pontificia de Salamanca e en Filosofía na Universidade de Santiago.
Foi moitos anos profesor de Instituto; logo deu clases nas Universidades de A Coruña e
Santiago de Compostela. Foi varios anos profesor e investigador na Universidade de San
Buenaventura-Bogotá (Colombia) e actualmente é docente na Universidade de La Salle-Madrid.
Compo conferenciante, ten impartido numerosas conferencias en Galicia, España, Italia, Colombia, México…
É membro da “Asociación de Escritores en Lingua Galega”, do “Seminario Galego de Educación para a Paz”, da “Asociación de Teólogos Juan XXIII”, de “CIRPIT” (Centro Interculturale Raimon Panikkar- Italia), de “Partenia au dela des frontières” (Francia), e doutras.
Ensaísta e publicista en revistas e xornais, foi colaborador habitual nos diarios El Progreso,
Diario de Ferrol e La Voz de Galicia. Foi director da revista Irimia e pertence ao Consello de
Redacción da revista Encrucillada. Ten colaborado noutras revistas galegas (A Nosa Terra,
Tempos, Grial, Agora de Filosofia, Terra e Tempo, Galegos...), españolas (Sal Terrae, ‘Ilu, El
Ciervo, Dialogal, Alandar...) e extranxeiras (Theologica Xaveriana-Bogotá, Actualidades
Pedagógicas-Bogotá, CIRPIT review-Milano, Complessitá-Messina...).
Publicou máis de vinte libros individuais, en galego e castelán; entre eles: A xeración Nós  (Vigo, 1988), Do teu verdor cinguido (A Coruña, 1997), Con cordas de tenrura (Vigo, 2000),
Contra a síndrome N.N.A. Unha aposta pola esperanza (Vigo, 2005); Os ríos pasan cheos de
Deus. Poesía religiosa en galego (Noia, 2007), Más allá de la fragmentación de la teología el
saber y la vida (Valencia, 2008), Dios, hombre, mundo (Barcelona, 2008), Prisciliano na
cultura galega (Vigo, 2010), Prisciliano e o priscilianismo (A Coruña, 2012), La búsqueda de
la armonía en la diversidad (Estella, 2014), Espiritualidad ecológica (Saarbrücken-Germany
2016), Diccionario panikkariano (Barcelona 2016), Prisciliano, um cristâo livre (Braga 2017).
Tamén ten colaborado en máis de corenta libros, entre os que salientan: O Ensino da lingua: por un cambio de rumo (A Coruña 1995); Manuel María (Lugo 2001), Diálogos nun camiño da
cultura Europea (A Coruña 2007), Diccionario Enciclopedia do Pensamento Galego (Vigo
2008). O Pensamento Luso-Galaico-Brasileiro 1850-2000 (Lisboa 2009), Da Galicia de Balbino á Galicia de Hoxe (Pontevedra 2011); A Religião em Movimento (Braga 2014), Galegos Universais (A Coruña 2016).


0 Comentários

Nós: "ser diferente é ser existente": audiovisual e visita guiada

1/9/2020

0 Comentários

 
O venres, 10 de xaneiro de 2020, haberá unha visita guiada á EXPOSICIÓN "NÓS DE ONTE A HOXE: 100 ANOS DE HISTORIA", comisariada polo profesor Carlos Bernárdez.
Esta exposición está organizada pola FEDERACIÓN DE ASOCIACIÓNS CULTURAIS GALIZA CULTURA e con ela conmemórase o centenario dunha iniciativa singular e decisiva na historia contemporánea da Galiza: o nacemento da revista Nós, revista de alta cultura que coloca a lingua, as artes e a ciencia galegas nun nível privilexiado de calidade, e cuxo primeiro número ve a luz o 30 de Outubro de 1920.

 A exposición leva como lema: SER DIFERENTE É SER EXISTENTE, e realiza un percurso pola significación e a obra dos principais persoeiros da Xeración Nós: VICENTE RISCO, CASTELAO, RAMÓN OTERO PEDRAIO, ÁNXEL CASAL... con atención especial, e lóxica conexión xeracional, á figura de RICARDO CARVALHO CALERO, dedicatario do próximo Día das Letras Galegas 2020, testemuña excepcional desta época e estudioso constante da obra do Grupo Nós.
O próximo venres, 10 de xaneiro de 2020, ás 18:00 horas, no Museo do Pobo Galego, onde se encontra a exposición, comezarase coa proxección do audiovisual de 7 minutos, que acompaña e completa os textos. A seguir, o profesor Carlos Bernárdez, comisario da exposición, fará unha visita guiada, que durará sobre unha hora. 
Imagem
0 Comentários

SOLSTICIO DE INVERNO NA EIRA DA XOANA, 21 DECEMBRO 2019

12/17/2019

0 Comentários

 
Imagem
SOLSTICIO DE INVERNO NA EIRA DA XOANA o sábado, 21 de decembro 
A FESTA DO SOL sen luces artificiais!!

Na festa do sol, da luz, debe haber música, por suposto; debemos papar algo especial por ser festa, faltaba máis; pero todo isto podémolo facer ao calor e coa luz agarimosa do lume. Debe ser co gasto imprescindible de enerxía e cos produtos de preto, coa música e coas palabras dos nosos xenerosos amigos e amigas que recolleron os ecos que veñen de moi lonxe e pérdense na noite dos tempos.
Festexamos o ano que nace, os días que empezan a medrar, o frío que ven reparador e preciso; celebramos o poder estar e gozar da compaña da xente boa que se achega ata a plena natureza e teremos un recordo para os nosos defuntiños, que sempre deben estar presentes.
É dicir, facemos todo o contrario da moda, da moda da lucería cegadora, da música estranxeira, dos costumes importados, da comida sofisticada, do tabú  do pasamento e do consumo desbordante. 
E así o queremos facer, porque nos peta e porque queremos que a nosa festa sexa o máis natural, ecolóxica e galega posible.
Programa da celebración do solsticio na Eira da Xoana:
17 h: preparación dos fachos, do toro de Nadal, do boneco que representa o ano vello...
18 h: saída en grupos cara ao Cotón e cara ao castelo de Pambre para despedir o sol.
19 h: música, palabra e queima do toro
20 h: cea (cada quen trae a súa comida para compartir). Degustación do doce “toro de nadal”.
21 h: visita do Apalpador e festa: teatro (Fantoches Baj), música ( Bico da Balouta, Bico do mar...)
0 Comentários

julio cortázar-galicia: documental e palestra

12/13/2019

0 Comentários

 
Imagem
A proxección do documental Julio Cortázar - Galicia, realizarase  o próximo martes 17 de decembro de 2019, ás 19:30 horas na Libraría Couceiro, sita na Praza de Cervantes (antiga Praza do Pan ou tamén Praza do Campo) en Compostela. Contamos coa presenza do seu director Juan de la Colina, que fará unha intervención, seguida de coloquio.

O documental é un achegamento ao universo galego do escritor arxentino Julio Cortázar, un dos nomes máis destacados da literatura universal, e resulta moi interesante para afondar na intensa vinculación que o autor arxentino mantivo con Galicia, así como na presenza que a nosa terra tivo na súa literatura. Estreouse en 2014 no centenario do escritor.

A base desta curtametraxe experimental son as fotografías, as cartas e outros textos sobre as viaxes que Julio Cortázar e a súa primeira muller, a escritora Aurora Bernárdez, realizaron a Galicia nos anos 1956 e 1957, cun percorrido polos lugares que visitaron. O filme apóiase en material de arquivo facilitado polo Centro Galego de Artes da Imaxe, onde están os fondos fotográficos e fílmicos de Cortázar, (depositados no ano 2006 por Aurora Bernández no CGAI, para a súa custodia e conservación), pola Fundación Juan March e pola Fundación Luís Seoane.   

Juan de la Colina é doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo, formado entre Barcelona, Madrid e Nova York. Como artista plástico, fixo exposicións e participou en feiras internacionais. Dirixiu cursos e seminarios sobre arte contemporánea, e foi docente no Instituto Europeo de Design de Madrid (1994-2002), profesor da Faculdade de Belas Artes (2002-2012), da Universidade de Vigo (2017-2019) e da Universidade da Coruña (2004-2013). Tamén realiza comisariados e deseño de mostras e catálogos para galerías de arte e institucións públicas. Desde 2005 codirixe os festivais de arte e música contemporánea ARTEC e MODULARTEC.
​
FICHA TÉCNICA do  Documental  JULIO CORTÁZAR-GALICIA     
Dirección: Juan de la Colina              Textos: Julio Cortázar
Guión: Juan de la Colina, Andrea Vázquez e Damián Varela
Dirección de fotografía: Damián Varela
Montaxe: Andrea Vázquez         Producción: miramemira
Locucións: José Luis Ducid e Silvia Penas
Actores: Mark Wiersma e Jose Luis Ducid
Colabora: Consellería de Cultura, Educación e O.U. da Xunta de Galicia


0 Comentários

roteiro feminista por compostela

12/10/2019

0 Comentários

 
Imagem
O roteiro feminista por Compostela, colofón ás Xornadas Feministas realizadas no mes de outubro e novembro de 2019, adiado por mal tempo, celebrarase este sábado 14 de decembro ás 12 .00. A cita é na Praza 8 de Marzo de Santiago.
0 Comentários

"NÓS, DE ONTE A HOXE: 100 ANOS DE HISTORIA"

12/8/2019

0 Comentários

 
Imagem
A FEDERACIÓN DE ASOCIACIÓNS CULTURAIS GALIZA CULTURA, en colaboración co MUSEO DO POBO GALEGO, inaugurará o próximo día 11 de decembro, mércores, ás 17’30 horas, no claustro do Museo citado, a Exposición NÓS DE ONTE A HOXE: 100 ANOS DE HISTORIA. 
GALIZA CULTURA conmemora así o centenario dunha iniciativa singular e decisiva na historia contemporánea da Galiza: o nacemento da revista Nós, cuxo primeiro número ve a luz o 30 de Outubro de 1920, revista de alta cultura que coloca a lingua, as artes e a ciencia galega nun nível privilexiado de calidade. Adiantámonos á celebración dunha publicación que é herdeira directa do espírito das Irmandades da Fala (1916), do renacido boletín A Nosa Terra (1917) e da I Asemblea Nacionalista de Lugo (1918), que son os seus antecedentes directos.
A exposición leva como lema: SER DIFERENTE É SER EXISTENTE, extraído do uso que del fai Vicente Risco en “Nós, os inadaptados”, e realiza un percurso pola significación e a obra dos seus principais persoeiros: VICENTE RISCO, director literario; CASTELAO, director artístico; RAMÓN OTERO PEDRAIO, ÁNXEL CASAL... e, con eles, a proxección que significou para artistas e escritores novos, así como a conexión co Seminario de Estudos Galegos (1923), outra iniciativa capital que marca o inicio dunha ciencia multidisciplinar en galego e sobre a Galiza.
É, pois, amplamente, o Grupo Nós o estudado, con atención especial e lóxica conexión xeracional, á figura de RICARDO CARVALHO CALERO, dedicatario do próximo Día das Letras Galegas 2020, testemuña excepcional desta época e estudioso constante da obra dos principais artífices do Grupo.
No acto da inauguración estarán presentes D. Xosé Regueira e D. Xurxo Couto, vicepresidente e deputado responsábel de Cultura, respectivamente, da Deputación Provincial da Coruña, que patrocina esta Exposición; D. Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego; D. Carlos L. Bernárdez, comisario da Exposición; D. Luís Martínez-Risco, presidente da Fundación Vicente Risco, colaboradora da mesma; Dª Mª Antonia Pérez, presidenta da Asociación Cultural O Galo, de Compostela, e María Pilar García Negro, presidenta da Federación Galiza Cultura. A Coral Solfa interpretará dúas pezas musicais, para pór de relevo a importancia que o Grupo e a revista concedían á arte musical no conxunto da cultura galega.
0 Comentários
<<Anterior
Seguinte>>
    Imagen

    O Galo

    Agrupación Cultural que traballa pola nosa cultura

    Arquivos

    Outubro 2020
    Maio 2020
    Março 2020
    Fevereiro 2020
    Janeiro 2020
    Dezembro 2019
    Novembro 2019
    Outubro 2019
    Setembro 2019
    Julho 2019
    Junho 2019
    Maio 2019
    Abril 2019
    Março 2019
    Fevereiro 2019
    Janeiro 2019
    Dezembro 2018
    Novembro 2018
    Outubro 2018
    Setembro 2018
    Julho 2018
    Junho 2018
    Maio 2018
    Abril 2018
    Março 2018
    Fevereiro 2018

    Categorías

    Todos

    Feed RSS

    Imagen
    Imagem

Proudly powered by Weebly