Na palestra do mércores 15 de Novembro de 2023, ás 19:30 horas, na aula 8 da Facultade de Xeografía e Historia, X. Miguel Andrade Cernadas, falará sobre CRESCONIO E DIEGO PELÁEZ, DOUS BISPOS IRIENSES DO SÉCULO XI.
Un excomungado polo Papa. Outro, deposto e encarcerado por un rei.
Foron dous bispos poderosos, ao fronte da igrexa mais influínte e poderosa de Galiza que, en moitos aspectos, anuncian e anticipan o episcopado máis coñecido e famoso da Galiza medieval: o de Diego Xelmírez. Os dous, bispos guerreiros. Os dous, señores feudais. Os dous, protagonistas políticos de primeiro nivel e estreitamente relacionados coa monarquía. Ambos ao fronte dunha sé que comeza ser meta de peregrinacións e a ter sona internacional crecente.
Nas súas semellanzas, e nas súas diferenzas, imos centrar a nosa intervención, pois focalizarémola na vida e na obra destes dous prelados, símbolo da poderosa e influínte Galiza do século XI.