A Agrupación Cultural O Galo convídate ao primeiro roteiro do programa Coñecendo os barrios de Compostela, que decorrerá nesta ocasión pola Almáciga.
Este roteiro comentado por Elvira Cienfuegos e Xosé María Torres Reino principiará diante da Igrexa de Pastoriza, o próximo xoves 9 de marzo de 2023, ás 17:15 horas. Ficas convidad@, non sendo necesaria inscrición previa para asistir ao mesmo. Saúdos cordiais e até a próxima quinta feira. Entroido, unha festa en mudanza O Entroido é una das festas máis singulares da Galiza, cunha ampla dispersión xeográfica e variadas características e rituais. Desde a aparición dos estudos de etnografía sempre estivo presente como un referente claro da singularidade diferencial e como un xeito de explicar a idiosincrasia galega. Para os etnógrafos clásicos era unha festa que viña de tempos antigos e buscaron paralelismos na Prehistoria ou na Antigüidade, mais tamén viron a súa incrustación no calendario cristián, o que non impedía definila como unha festa pagá. Algúns dos Entroidos, como os Xenerais da Ulla, non van máis alá de segunda metade do século XIX. Hoxe defendemos que é unha festa que nace na Idade Media, o que non quer dicir que algúns dos seus rituais ou elementos que a conforman poidan ter unha orixe anterior, mais o Entroido, como festa, ten as súas orixes no medievo e responde a un modelo de pensamento e conformación da vida segundo a moral cristiá. Polo tanto, nun contexto vital marcado polas normas cristiás, é unha festa que permite certa liberación antes de entrar nun tempo de restricións, na Coresma, coa que está relacionada. Entendemos que non é unha festa anárquica, en todo caso é unha anarquía moi regulamentada, mais unha festa transgresora para darlle volta ao cotián. Agora a xente disfrázase ou acode a contemplar o Entroido nalgunha localidade que ten sona. Mais o Entroido non é para disfrazarse, era/é para “vestirse de Entroido”. Os que miraban, que non se integraban na festa, eran emporcallados ou sufrían algunha trasnada. Hoxe xa non é tanto así. O Entroido de Galiza pertence a unha cultura festiva partillada na Europa occidental desde a Idade Media e o seu ciclo podía xa comezar no Nadal. Hoxe, con excepcións, redúcese aos tres días de domingo de Entroido e luns e martes de Entroido. O calendario tamén sofre mudanzas. Hoxe o Entroido na Galiza continúa tendo presenza, nunhas zonas máis que noutras. En Xinzo de Limia, Verín ou Laza é forte e algo moi identificativo desas localidades. Noutros lugares onde tivo importancia, por exemplo na Ribeira Sacra, se enfronta agora ao grave problema do despoboamento e avellentamento que dificulta a súa supervivencia. Tamén temos que falar da súa celebración nas cidades, embora falariamos máis ben de Carnaval, de disfraces e de desfiles. A festa do Entroido é un ritual, un ritual social en continua mudanza pois a sociedade que o celebra non permanece estática. O Entroido, como festa, tamén é un ritual en mudanza. Manuel Vilar Álvarez Licenciado en Xeografía e Historia, máster en Xestión de Patrimonio Cultural e completou a súa formación en Inglaterra e EE UU. O seu labor profesional desenvólvese no campo da antropoloxía e patrimonio, comisariando exposicións, como a que se realizou en 2012 con motivo do terceiro centenario do pasamento do arquitecto Domingos Antonio de Andrade, ou a realizada no 2006 sobre a figura de Antonio Fraguas. Tamén fixo parte das equipas dos arquitectos Crecente Asociados e César Portela nos traballos de delimitación do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía, do Plano Director da Península do Cabo de Fisterra e do Plano Director do Monte de Santa Trega, así como en traballos sobre o Camiño Inglés ou o Camino Lebaniego, entre outros.
Actualmente desempeña o cargo de director do Museo do Pobo Galego. É autor de diferentes artigos, capítulos de libros e publicacións sobre estes temas, así como sobre a Costa da Morte e o camiño de Santiago, especialmente o de Fisterra e Muxía, neste eido cómpre salientar Camiño de Santiago a Muxía por Brandomil, editada por Alvarellos en 2019. Neste ano, e con motivo de dedicarlle o Día das Letras Galegas a don Antonio Fraguas, editou “O ritual festivo como elemento diferenciador”, no libro Antonio Fraguas. A cultura como forma de vida, editado pola Universidade de Santiago de Compostela. Igualmente ten publicado en diferentes revistas especializadas, tanto de aquí como de fóra de Galiza, así como participado en numerosos congresos, simposios, seminarios; ademais o seu interese pola divulgación científica levouno a colaborar na prensa diaria. A Agrupación Cultural O Galo convídate á presentación de Personaxes da Galiza medieval, un novo libro que acaba de editar e que versa sobre dez grandes figuras da nosa historia que viviron entre os séculos X e XIII. Os seus autores son:
Introdución: Doutor Francisco Rodríguez Sánchez, docente xubilado. Ildara e Rosendo: Manuel Carriedo Tejedo, docente xubilado. Cresconio e Diego Pélaez: Doutor Xosé Miguel Andrade Cernadas, profesor de historia medieval na USC. Xelmírez e Pedro Fróilaz: Doutor Xosé Manuel Sánchez Sánchez, profesor de historia medieval na USC. Estevo Fernández de Castro, Fernán Ruiz de Castro: Héitor Picallo Fontes, enxeñeiro técnico naval. Pedro Soarez de Deza e Pedro Muñiz: Doutor Francisco Rodríguez Sánchez, docente xubilado. Cant@s soci@s acudades á presentación recibiredes dous exemplares da publicación e ás tres persoas acompañantes (máximo) que poden vir con cada un de vós tamén recibirán como oferta outro exemplar. Debedes anotarvos en comunicacion@ogalo.com antes do venres 10 de febreiro de 2023, ás 16:00 horas, sinalando nome e dous apelidos de todos os asistentes. Intervirán: Xurxo Couto Rodríguez (deputado de Cultura da Deputación da Coruña), Xosé Luís Penas Corral (deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña), Daniel Lorenzo Santos (director da Fundación Catedral de Santiago), Francisco Rodríguez Sánchez (autor), Xosé Manuel Sánchez Sánchez (autor), Pilar Lueiro García e Manuel César Vila en representación da xunta directiva da Agrupación Cultural O Galo. Mini-biografía de Manuel Murguía (1833-1923) Conmemórase en 2023 o centenario do pasamento de Manuel Murguía e o cento noventa aniversario do seu nacemento. Son varios os espazos da cidade de Santiago que nos lembran a presenza desta sobranceira figura galega. Malia non nacer en Santiago, os seus primeiros anos están vencellados a esta cidade, onde o Murguía adolescente foi testemuña do levantamento de 1846 e da represión que o seguiu. Do mesmo xeito, a familia creada por Rosalía de Castro e Manuel Murguía viviu en varias rúas da cidade histórica, tales como a rúa da Conga e do Vilar, a praza do Mercado Vello ou as rúas da Senra ou de Altamira. Todas fálannos dos traballos dun home que dedicou a Galiza a súa vida, cos seus éxitos e os seus fracasos. É e que a súa vida e a súa obra abranguen multitude de aspectos. A vida de Murguía estivo moi lonxe dos estudos de Farmacia, nos que teimaba o seu pai. Por iso, en Madrid, máis que aprendiz de boticario foi aprendiz de escritor e xornalista, colaborando nos principais xornais progresistas e publicando as súas primeiras novelas e poesías. Porén, sería a súa Historia de Galicia, publicada en cinco tomos, a que lle deu sona a Murguía. Un proxecto historiográfico que transcende o puramente científico para ser alicerce do seu pensamento político: o rexionalismo galego que procuraba afirmar a identidade galega e o seu dereito ao autogoberno. Presidiu a Asociación Rexionalista Galega, con sede en Compostela, onde tamén se editaba La Patria Gallega. Eterno colaborador da prensa, o seu traballo como funcionario aliviou unha economía familiar sempre en estado precario. Aínda que non foi un empregado público modelo, sancionado en varias ocasións, como cando estivo destinado na biblioteca da Universidade de Santiago. Para os seus traballos viñeron axudas de América, pois os emigrantes galegos non esquecían o pais e axudaban os que, coma Murguía, estaban empeñados na súa restauración. As rúas de Compostela son, xa que logo, testemuñas dos traballos e dos días dun Murguía, que dedicou a súa vida á defensa e ao progreso de Galiza. Prudencio Viveiro Mogo (O Valadouro, 1974). Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (1992-1997). Grado de licenciado coa tese de licenciatura Os comezos da Administración liberal na provincia de Lugo (2000). Diploma de Estudos Avanzados no programa de doutoramento “Estudos Contemporáneos” da Universidade de Santiago de Compostela (1998-1999).
É autor dos libros Política, eleccións e fidalgos. O réxime do Estatuto Real na provincia de Lugo, 1834-1836 (Ediciós do Castro, 2004), O Estatuto galego durante a II República (Ediciós do Castro, 2007) e Os irmáns de América. As pegadas da emigración do Valadouro na Habana (Laiovento, 2021). A respecto da influencia de Manuel Murguía na historiografía galega cómpre destacar os artigos: “Cando o pasado é futuro: Historia e construción nacional na Galiza do século XIX”, en Madrygal, Revista de Estudios Gallegos, volume 12, 2009, p. 131-136. “Manuel Murguía e as utilidades políticas da historia”, en Grial, nº 229, xaneiro-marzo de 2021, p. 65-69. Membro do consello editorial de Murguía, Revista Galega de Historia. Membro do consello de dirección de Edicións Laiovento. Traballa no Consello da Cultura Galega. Para máis información sobre as publicacións de Prudencio Viveiro Mogo: http://publicacionsprudencioviveiromogo.blogspot.com/ Presentación de Amores clandestinos no renacemento: O deán Gabriel Rodríguez e María Criada17/1/2023 Son os seus autores o cuntense Héitor Picallo, autor de numerosas obras de diversa temática, e o estradés Damián Porto Rico, doutor en historia moderna e técnico documentalista no Arquivo Histórico Diocesano de Santiago. Contarase coa presenza do historiador Marcos Borrageros, membro da Asociación Cultural Vagalumes (da Estrada), colectivo que edita este ensaio, e por representantes do colectivo organizador. Segundo os autores, esta obra leva rematada unha ducia de anos, mais ningunha administración se animou a publicala, e iso que versa sobre a historia de dous personaxes ilustres da historia da Galiza: o deán Gabriel Rodríguez de Casal de Raros e a súa parella María “Criada”. Aquel, estradés de nacenza, posibelmente da freguesía de San Miguel de Moreira (da que tamén é natural Damián Porto), foi un destacado clérigo que veu ao mundo a finais do século XV e que, logo de tomar hábitos eclesiásticos, asenta durante un tempo na corte de Roma, sendo criado de varios papas, entre eles de Giovanni di Lorenzo de Medici, coñecido comunmente como León X. Deste pontífice chegaría a ser, incluso, un dos seus palafreneiros ou cabalarizos. No momento en que fica na “Cidade dos Sete Outeiros”, coinciden nela os vértices do “triángulo máxico” da máis grande xenialidade universal: Leonardo da Vinci, Raffaelo Sanzio e Michelangelo Buonarroti. A obra que se presenta non é un ensaio ao uso, pois realmente podería servir para elaborar unha novela fantástica ou un guión de cine. O citado Gabriel Rodríguez, logo de ocupar determinados beneficios curados (crego de San Mamede de Piñeiro, San Fins das Estacas e Santa María dos Baños de Cuntis), tamén consegue diversas responsabilidades tanto en Roma como na Galiza: cóengo das colexiatas de Baiona e Muros, igualmente do Cabido Diocesano de Santiago, Arcediago da Raíña (na diocese Compostelá) e Deán do Capítulo Catedralicio Lugués... Tanto é así que, alén de ser nomeado Protonotario Apostólico, estará entre os 6 eclesiásticos máis relevantes da Galiza dos anos trinta do século XVI. Porén, se a súa vida do deán Gabriel Rodríguez resulta sobradamente interesante tanto ou máis se observa a da súa parella, a lalinesa María “Criada”. Con este alcume que lle asignaron ensombrecíase a persoa de María Rodríguez de Monteagudo e Ulloa, unha muller que canda a morte do clérigo se dixo viúva e se dedicou durante uns anos ao comercio de cereais e viño ourensán, así como a prestar sumas importantes de diñeiro a distintos particulares. A súa vida, oculta entre nos palacios episcopais (e nas rúas de Compostela e Lugo), foi vinte cinco anos máis longa ca da súa “parella”. Ignórase o lugar no que repousan os restos mortais de Gabriel Rodríguez de Casal de Raros, que vivira coa súa muller nunha vivenda da Rúa Nova de Compostela, concretamente no mesmo lugar no que tempo máis tarde se instalaría o “Antigo Colexio dos Irlandeses”. Porén, María Criada resolveu dar repouso aos seus restos mortais na mesma catedral de Santiago, como así consta nalgúns documentos que os autores puideron recuperar. Amais diso, dun dos fillos desta “parella”, o cóengo Aníbal Rodríguez, tamén se conserva a súa sepultura na xirola da basílica compostelá. Amais deste persoeiro, tamén ilustre, Gabriel e María terían cando menos media ducia de fillos máis, proxenie que curiosamente sería recoñecida como froito das relacións afectivas daqueloutros. O extenso ensaio que edita Vagalumes e presenta a Agrupación O Galo, está prologado polo debuxante e escritor Grato E. Amor Moreno e deseñado por Martiño Picallo. Mais na obra tamén se ofrecen moitas historias paralelas, como a do cóengo compostelán Vasco de Ulloa, que polos anos trinta do século XVI era un dos escriptores do Arquivo Vaticano. Na Libraría Couceiro temos unha cita ineludíbel que ha conectar as terras galegas coa historia universal de Roma. Damián Porto Rico (Moreira – A Estrada, 1972) é licenciado en Xeografía e Historia pola USC. Especialízase en arquivística e biblioteconomía, motivo polo cal pasa a traballar na Fundación Camilo José Cela, logo no Arquivo Catedralicio de Tui e, na actualidade, no Arquivo Histórico Diocesano de Santiago. Alén da súa participación en Naturgalicia (colectivo que difunde o patrimonio medioambiental, histórico-artístico e cultural galegos dende a fotografía), ten publicados múltiples ensaios e artigos en revistas como Compostellanum, Quercus, A Estrada: Miscelánea Histórica e cultural, Tudae... E coautor de varias obras, entre outras: Actas do II Congreso Internacional “Historia a debate”, 3 tt. (2000); Inventario de fondos parroquiais da provincia da Coruña depositados no Arquivo Histórico Diocesano de Santiago, 3 tt. (2011, 2013 e 2014) e Catálogo de impresos del Archivo Histórico Diocesano de Santiago, 2 tt. (2017 e 2018). Mergulla a súa curiosidade en temas como as pesqueiras do río Ulla (A Estrada); a Batalla de Rande; os fondos documentais de pazos galegos, como o da Casa do Preguecido (A Estrada); nas capelanías, ermidas e obras pías da Estrada; en recursos faunísticos das terras dese municipio; arquitecturas industriais e personalidades como Juan Vermúdez de Castro, un ribeirense (A Estrada) na corte dos Austrias... Héitor Picallo Fuentes (Vila do Baño – Cuntis, 1974) é enxeñeiro técnico naval pola UDC, especializado en estruturas mariñas. Compaxina o seu traballo coa ilustración de libros e a investigación de temas diversos (cultura galega, memoria histórica e personalidades do país, entre outros). Súas son as seguintes obras: Xohán Xesús González: un precursor do soberanismo galego (2008); Coa lingua na terra (2013), Cuntis na época romana (2016); No medievo, castañas e castiñeiros como recursos económicos (2018); As letras galegas en caricatura (2020) e O escudo do Reino da Galiza: unha ollada internacional – edición non venal a cargo de Nós Diario (2020). A isto súmanselle varias obras infantís e unha ducia de títulos de coautoría. Investigacións súas ven a luz en Compostellanum, Conimbriga, Murguía, El Museo de Pontevedra, Raigame, Románico: revista de arte de amigos del románico, Tapa, Terra e Tempo... Conta cos premios de xornalismo Máximo Sar (2005) e Reimóndez Portela (2012). No eido das artes plásticas, expuxo de xeito individual ou colectivo en San Martiño Pinario, no Museo de Pontevedra, no Museo do Mar (Vigo), Mupega (Compostela), Museo Manuel Torres (Marín), Museo Valle- Inclán (A Pobra do Caramiñal) e Museo de Artes do Gravado (Ribeira). Estas dúas últimas institucións contan con obra gráfica súa.
ResumoA Catedral de Santiago de Compostela iniciada no derradeiro cuarto do século XI conserva da súa primeira etapa construtiva, boa parte da decoración escultórica orixinal nos capiteis, tanto do interior como do exterior. Son estas imaxes que contan, que transmiten un contido, unhas veces ligado á memoria, como os chamados capiteis fundacionais e noutras -a maioría- de carácter moral. Nestas figuras románicas da catedral o tópico de “unha imaxe vale máis que mil palabras” se fai máis oportuno que nunca. De feito, no conxunto de capiteis do interior do deambulatorio, un espazo inicialmente destinado á comunidade monacal de Antealtares, proxectouse un complexo programa iconográfico en que se presenta un verdadeiro speculum principis, que ten a figura do rei Afonso VI como centro. Tamén un speculum monachorum con todo un repertorio de imaxes exemplares sobre os vicios e as virtudes, cos monxes de Antealtares como principais destinatarios. Nestes exemplos de vida cristiá plasmados en relevos nos capiteis o bestiario medieval ten un especial protagonismo seguindo a tendencia das artes figurativas románicas desde o século XI. Victoriano NodarÉ doutor cum laude en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente é profesor da área de Historia da Arte do departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo. As súas liñas de investigación xiran por volta do tema da escultura románica das vías de peregrinación, con múltiples publicacións centradas na iconografía románica en xeral e na Catedral de Santiago de Compostela, en particular.
Por outro lado, a súa actividade centrouse tamén na xestión cultural sobre todo no campo das exposicións temporais. Nos últimos años traballou, ademais como asesor histórico de obras de restauración en diferentes monumentos do patrimonio galego como a Catedral de Santiago, os colexios de Fonseca e San Xerome, o claustro da Catedral de Lugo, o Parque do Pasatempo de Betanzos, a igrexa do mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lourenzá e, actualmente, no convento de Santa Clara de Pontevedra, dentro do proxecto de estudos previos á restauración e rehabilitación completa do conxunto. Publicacións destacadas: Los inicios de la Catedral Románica de Santiago: El ambicioso programa iconográfico de Diego Peláez, Colección Científica, Xunta de Galicia, Consellería de Cultura Comunicación Social e Turismo, Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, Santiago de Compostela, 2004. ISBN: 84-453-3913-3. El bestiario de la catedral de Santiago de Compostela. Espacio, función y audiencia, Biblioteca Científica del Consorcio de Santiago, Consorcio de Santiago, Andavira, Santiago de Compostela, 2021, ISBN: 978-84-124650-4-4. Andavira, ISBN: 978-84-16753-65-9 (Consorcio de Santiago). “La arquitectura del agua en la ciudad de Compostela en tiempos del arzobispo Diego Gelmírez (1100-1140) y su fortuna en Galicia”, en Perspectivas del agua: Sistemas de captación a lo largo del tiempo. De la Prehistoria al Medievo, Dyckinson, Madrid, 2019, 145-166, ISBN: 978-84-1324-400-6. “Mujer, sirena, alegoría. Las metamorfosis de lo femenino en el imaginario románico de la Catedral de Santiago de Compostela”, Féminas: el protagonismo de la mujer en los siglos del románico, Fundación Santa María la Real del Patrimonio Histórico, Aguilar de Campoo, 2020, 154-187. ISBN: 978-84-17158-25-5. “Glosando el Pórtico de la Gloria. El bestiario soteriológico del Maestro Mateo”, Carla Varela Fernandes y Manuel Antonio Castiñeiras González (cords.), Images and Liturgy in The Middles Ages Creation, Circulation and Function of Images between West and East in the Middle Ages (5th-15th centuries), Sistema Solar Crl, Ramada (Portugal), 2021, 421-459. ISBN: 978-989-8833-71-6. “Alejandro, Alfonso VI y Diego Peláez: una nueva lectura para el programa iconográfico de la capilla del Salvador de la Catedral de Santiago”, en Compostellanum, vol. 45, nº 3-4 (2000), Archidiócesis de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, 617-648. ISSN: 0573-2018. “De la Tierra Madre a la Lujuria: a propósito de un capitel de la girola de la Catedral de Santiago”, en Semata, 14 (2002), Universidade de Santiago de Compostela, Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, Santiago de Compostela, 335-347. ISSN: 1137-9669. “Sus cabelleras brillaban como plumas de pavo real: Los guerreros de Alejandro y las sirenas en un capitel de la Catedral de Santiago de Compostela”, Troianalexandrina, Anuario sobre literatura medieval de materia clásica, vol. 5 (2005), Brepols Publishers, 39-61. ISBN: 2-503-51795-1. DOI: https://doi.org/10.1484/J.TROIA.2.301955. “Imágenes para el príncipe, imágenes para el monje: función y Decoración de la cabecera de la Catedral de Santiago de Compostela”, Codex Aquilarensis vol. 27 (2011), Fundación Santa María la Real del Patrimonio Histórico, Aguilar de Campoo, 39-54. ISSN: 0214-896X. “Una posible representación del apóstol Santiago en un capitel de la catedral de Santiago de Compostela a la luz de los sermones del Liber Sancti Iacobi”, Ad Limina, vol. 7 (2016), Xunta de Galicia, SA de Xestión do Plan Xacobeo, Santiago de Compostela, 17-42. ISSN: 2171-620X. “Vagina dentata: la mujer con una cabeza de león y su contexto en la catedral románica de Santiago de Compostela”, Svmma, vol. 17 (primavera 2021), 20-44. ISSN: 2014-7023. Programa: Vos que’m semblatz A lírica medieval galega. Precedentes e conexións Belén Bermejo López, voz e percusión Andrés Díaz Pazos, cítola, arpa e laúde A lírica medieval galega, e algún precedente … Pälestinalied Walther von der Vogelweide (c.117-c.1228) Vos que'm semblatz dels corals amadors Gaucelm Faidit (c.1170-c.1203) Ondas do mar de Vigo Martin Codax (S. XIII) Ai ondas que eu vin veer Martin Codax (S. XIII) Cantiga 218 Razon an de seeren Obradoiro Alfonso X “O Sabio” (S. XIII) Como eu en dia de Pascoa (contrafacta) (Letra: Alfonso X “O Sabio) … Transición … Je vivroie liement (virelai) Guillaume de Machaut (c1300-1377) ... o que puido ser? Pezas dos cancioneiros portugueses do século XVI Porque me nao ves Joana Anónimo-Cancioneiro de Elvas, (CE) Testou minha ventura Anónimo-CE Yo sonhava que me ablava Anónimo-Cancioneiro de París Perdida a esperanza- Anónimo-CE Que he o que vejo Anónimo-CE Notas Como confirman recentes investigacións, no último terzo do século XII entra con forza en Galicia a corrente lírica trovadoresca, de orixe occitana. O xérmolo haberá de inzar no Reino de Galicia, e mostra diso é o fecundo labor da pléiade de poetas que chegou ata os nosos días, e que vai dar lugar, ao longo do século XIII a unha variada produción de cantigas. O programa presenta unha escolma dalgunhas pezas, profanas e sacras, do século XIII pertencentes a esta rica lírica. Acompañámola de dúas pezas, precedentes daquel repertorio, unha de orixe occitana, a tenson Vos que'm semblatz, con letra dunha trobairitz, Garsenda de Sabran (c.1180-c.1241), condesa de Provenza e con música do xograr Gauclem Faudit. A outra provén do ámbito xermánico, trátase do coñecido Pälestinalied, canción das cruzadas, do minnesänger Walther von der Vogelweide. A gradual perda de poder político do Reino de Galicia, levou tamén a un esmorecemento daquela actividade cultural que acadara, no século XIII, unha elevadísima altura. Remataremos o programa co que podería ter sido a evolución lóxica de todo este devir histórico, establecendo un paralelismo co acontecido, no musical, noutros reinos de Europa, en concreto a través da lírica profana renacentista no viciño Portugal. Varios cancioneiros portugueses do século XVI conservan pezas escritas en portugués. Aínda que non son moitas, dentro da súa aparente sinxeleza mostran un estilo moi orixinal no contexto europeo, á vez que tremendamente refinado e evocador. Entre estes dous bloques do programa, e a xeito de transición, poderemos escoitar unha peza dun dos máis importantes compositores do século XIV, Guillaume de Machaut, do que se ten constancia que era non só coñecido, senón tamén escoitado na Península. Belén Bermejo Á idade de oito anos comeza os seus estudos de piano e solfexo co mestre santiagués José María Paredes, para continuar logo os seus estudos de piano nos conservatorios de Santiago e A Coruña, amosando sempre especial interese polo canto. Pronto entra en contacto co mundo da música antiga, da man do profesor e músico, integrante Grupo Universitario de Cámara, Miguel Ángel López Fariña. Xa durante os seus estudos universitarios toma clases de canto coa soprano Mercedes Hernández e, en 1994, entra a formar parte do grupo Martin Codax, co que gravará o disco Por que trovar é cousa en iaz… A partir de entón, comeza un proceso de formación autodidacta, apoiada polos músicos Andrés Díaz e Víctor Blanco, cos que se introduce na estética e técnicas propias da interpretación da música medieval e renacentista. Desde 2006 é membro estable do Grupo de Música Antiga 1500 co que ten actuado en numerosos escenarios de Galicia, sur de Francia, Austria e Portugal e, en 2014, botou a andar o se propio grupo, Pres de Cambrai, co ánimo de desenvolver proxectos musicais que conxugan diferentes ámbitos artísticos e referencias musicais, froito do cal xurdiron montaxes como, O segredo do pergamiño Vindel, 100 anos de música para as cantigas de Martin Codax, Aprende a escoitar un libro: para unha lectura musical das obras da literatura ou Fóra do tempo, músicas doutrora para ouvidos contemporáneos. Ademais da súa actividade concertística, Belén Bermejo é doutora en Dereito, especializándose no ámbito da protección xurídica do patrimonio cultural e no Dereito da Cultura, e foi profesora de Dereito Administrativo e de dereito español nas Universidades da Coruña e de Innsbruck (Austria). Ademais, dirixe a empresa Sirgo Torcendo, adicada ao desenvolvemento de proxectos musicais, expositivos e culturais, traballou tamén como como axente de importantes formacións nacionais e internacionais, do eido da música clásica e antiga e é promotora e directora artística de ciclos de concertos como o festival Espazos Sonoros, o ciclo De lugares e órganos ou o Proxecto de Catalogación dos Órganos de Galicia. Baixo o seu impulso botouse a andar o Salão Filosófico de Brión e, recentemete, vén de codirixir e producir a serie documental en catro capítulos Corpo de vento, viaxe ao corazón dos órganos galegos. Andrés Díaz Pazos É doutor en Ciencias Físicas, profesor de música de secundaria, músico especializado na interpretación de música antiga e recoñecido investigador e divulgador no ámbito do patrimonio científico e da organería galega. É fundador e director do Grupo de Música Antiga 1500, no que toca diversos instrumentos de vento e corda pulsada e co que leva ofrecido, desde 2005, numerosos concertos en moi diversos escenarios. Membro do grupo Martín Códax, ademais de colaborador doutras formacións como Música Doméstica, Grupo de Cámara Universitario, Resonet, Coro Ultreia, Vox Stellae, Il Combattimento ou Rosarum Flores, é fundador tamén da capela de vento dos Menestreis de 1500 e do grupo Silva de Sons. En 2008 participou, por encargo da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, no equipo de catalogación dos órganos de Galicia e, froito deses traballos, realizou diversas publicacións en revistas especializadas, sobre organería galega. É ademais impulsor de diversas iniciativas relacionadas coa divulgación da música antiga e a valorización do patrimonio organístico, nomeadamente a través do festival Espazos Sonoros, do ciclo O órgano da Compañía doutra maneira, organizado pola USC entre os anos 2008 e 2010, o ciclo De Lugares e Órganos ou o Salão Filosófico de Brión, nos que colabora como asesor musical. Grupo de música antiga 1500 Trátase dunha formación vocal e instrumental dedicada á interpretación da música antiga cun repertorio que comprende desde a música composta nos séculos centrais e finais da Idade Media até a música do Renacemento e do primeiro Barroco, tomando como referente central o ano 1500, que dá nome ao grupo. As persoas que o integran contan cunha ampla traxectoria concertística, sendo membros ou colaborando asiduamente con outras formacións de ámbito nacional e internacional (Martin Codax, Resonet, Malandança, Vox Stellae, Il Combattimento, Fía na Roca, Vai Trío, Favola d’Argo, Cuarteto Alicerce, Pres de Cambrai, Silva de Sons, Ensemble Rosarum Flores Austria, VIVID Consort ou o BAUBO Collective) e levan ofrecido numerosos concertos en Galicia, España e no resto de Europa.
Na interpretación e elaboración dos diferentes programas, o grupo busca o máximo rigor histórico e conceptual, empregando nas súas interpretacións un amplo repertorio de instrumentos medievais e renacentistas. Ademais da súa actividade concertística, o grupo de Música Antiga 1500 desenvolve outro tipo de proxectos relacionados coa música, desde a súa concepción e deseño até a súa execución: bandas sonoras para audiovisuais (1500 prestou a banda sonora para a curtametraxe Cadea Perpetua ou o documental O mariscal, e a súa música ambientará o audiovisual das novas salas inauguradas no Museo do Pobo Galego), concertos, obradoiros e materiais didácticos, e actividades formativas e divulgativas para adultos. Desde a súa fundación, en 2005, o grupo leva ofrecido un gran número de concertos nos máis diversos escenarios de Galicia, España e Europa: Ciclo de Músicas na Compañía da USC, Ciclo de órgano de Xunqueira de Ambía, Semana Santa de Foz, Semana Santa de Ourense, Museo de Belas Artes da Coruña, Festival Espazos Sonoros, a Festa da Istoria de Ribadavia, Festival Internacional de Músicas da Itinerancia de Compostela, Música nas Ruínas de Pontevedra, Festa da Arribada de Baiona, Ciclo Monumenta, Igrexa de San Paulo de Narbona (Francia), Aste Nagusia de Bilbao, ciclo de concertos da Ribeira Sacra, As notas do pemento de Herbón, o Museo das Peregrinacións de Santiago e o TradFest de Compostela. En 2014 foi convidado para actuar na clausura das celebracións, en Compostela, do VIII centenario da peregrinación de San Francisco. Formou parte ademais, do programa do I Ciclo de órgano de Vilanova de Famalicão (Portugal), do Festival Pórtico Sonoro, do ciclo Nexos da Cidade da Cultura, do festival de Música Antiga de Loulé, no Algarve, e da edición 2021 do ciclo De Lugares e Órganos xunto ao organista Marco Aurélio Brescia e, na edición 2022 do ciclo Espazos Sonoros co proxecto Dous Mares e a colaboración da frautista e cantante Diana Baroni e o multiinstrumentista Rafael Guel. En 2017 realiza unha xira en Austria, en colaboración co grupo Rosarum Flores, actuando no ciclo de concertos de verán de Imst, así como na catedral de Innsbruck, na Hofkirche da mesma cidade e en diferentes igrexas do Camiño de Santiago do Wipptal, na fronteira con Italia. En 2020 gravou un CD para o libro Venecia abandonada, do poeta Eduardo Estévez, editado por Positivas en 2021, con músicas do Renacemento inspiradas e impresas na mítica cidade. |
O GaloAgrupación Cultural que traballa pola nosa cultura Arquivos
Maio 2024
A Deputación da Coruña colabora coa concesión de subvencións, para que sexa posíbel a organización dalgunha destas actividades.
|