Hoxe defendemos que é unha festa que nace na Idade Media, o que non quer dicir que algúns dos seus rituais ou elementos que a conforman poidan ter unha orixe anterior, mais o Entroido, como festa, ten as súas orixes no medievo e responde a un modelo de pensamento e conformación da vida segundo a moral cristiá. Polo tanto, nun contexto vital marcado polas normas cristiás, é unha festa que permite certa liberación antes de entrar nun tempo de restricións, na Coresma, coa que está relacionada.
Entendemos que non é unha festa anárquica, en todo caso é unha anarquía moi regulamentada, mais unha festa transgresora para darlle volta ao cotián. Agora a xente disfrázase ou acode a contemplar o Entroido nalgunha localidade que ten sona. Mais o Entroido non é para disfrazarse, era/é para “vestirse de Entroido”. Os que miraban, que non se integraban na festa, eran emporcallados ou sufrían algunha trasnada. Hoxe xa non é tanto así.
O Entroido de Galiza pertence a unha cultura festiva partillada na Europa occidental desde a Idade Media e o seu ciclo podía xa comezar no Nadal. Hoxe, con excepcións, redúcese aos tres días de domingo de Entroido e luns e martes de Entroido. O calendario tamén sofre mudanzas.
Hoxe o Entroido na Galiza continúa tendo presenza, nunhas zonas máis que noutras. En Xinzo de Limia, Verín ou Laza é forte e algo moi identificativo desas localidades. Noutros lugares onde tivo importancia, por exemplo na Ribeira Sacra, se enfronta agora ao grave problema do despoboamento e avellentamento que dificulta a súa supervivencia. Tamén temos que falar da súa celebración nas cidades, embora falariamos máis ben de Carnaval, de disfraces e de desfiles.
A festa do Entroido é un ritual, un ritual social en continua mudanza pois a sociedade que o celebra non permanece estática. O Entroido, como festa, tamén é un ritual en mudanza.
Actualmente desempeña o cargo de director do Museo do Pobo Galego.
É autor de diferentes artigos, capítulos de libros e publicacións sobre estes temas, así como sobre a Costa da Morte e o camiño de Santiago, especialmente o de Fisterra e Muxía, neste eido cómpre salientar Camiño de Santiago a Muxía por Brandomil, editada por Alvarellos en 2019. Neste ano, e con motivo de dedicarlle o Día das Letras Galegas a don Antonio Fraguas, editou “O ritual festivo como elemento diferenciador”, no libro Antonio Fraguas. A cultura como forma de vida, editado pola Universidade de Santiago de Compostela. Igualmente ten publicado en diferentes revistas especializadas, tanto de aquí como de fóra de Galiza, así como participado en numerosos congresos, simposios, seminarios; ademais o seu interese pola divulgación científica levouno a colaborar na prensa diaria.