A Agrupación Cultural O Galo, en colaboración coa Asociación Amigos da Ópera de Santiago de Compostela, organiza unha actividade única e exclusivamente para asociados o sábado 30 de xuño de 2018:
Visita guiada ao Pazo de Vilane, situado no concello de Antas de Ulla, e visita ás instalacións de agricultura ecolóxica deste pazo, cuxos principais produtos son os ovos de galiñas en liberdade dentro da categoría de "ovo campeiro" e as marmeladas artesanais de framboesas con 80% de froita, a maior cantidade das que están no mercado, e a de arandos, cun 75 % de froita. Tamén se elabora marmelada ecolóxica de tomate agridoce, unicamente con tomate enteiro (72%) procedente das fincas de Pazo de Vilane.
Para completar a visita ao pazo e as instalacións, celebrarase na antiga palleira do pazo, hoxe rehabilitada como auditorio e local de actos e exposicións, un Recital lírico a cargo da soprano Carmen Subrido e do guitarrista Xosé Manuel Dapena. Interpretarán cantigas populares como "Tres morillas m'enamoran en Jaén" (Cancioneiro de Palacio, s.XV/XVI) e sete poemas de Federico García Lorca.
Rematadas as visitas e o recital, haberá uns petiscos no restaurante Val, en Antas de Ulla.