O templo actual foi levantado na segunda metade do século XII sobre un primitivo cenobio.
No edificio destacan os elementos decorativos das arquivoltas dos arcos interiores, sobre todo os da porta principal, con catro anxos realzando a imaxe de SanSalvador que preside o tímpano. Parte da bóveda de canón que cobre o presbiterio está cuberta por pinturas de mediados do século XVI. Destaca no altar a figura pétrea do Salvador, do século XII.
A igrexa comunica, a través dunha porta adornada con diversas molduras, cun moi pequeno, pero precioso claustro, formado por un conxunto de columnas e arcadas.
O POBOADO MINEIRO DE FONTAO
Os primeiros que explotaron a mina de estaño de Fontao foron os ingleses na segunda metade do séc. XIX. Logo chegaron os franceses e seguiron explotando o estaño até a Segunda Guerra Mundial en que se precisou o wolframio, mineral moi abundante na zona. Moitos dos traballadores foron presos políticos que redimían co duro traballo na mina as súas penas.
Deseñou este poboado o arquitecto César Cort Gómez Tortosa, irmán de Juan Luis Cort, propietario e xefe supremo da explotación. César Cort era un arquitecto militante do mevemento moderno e xunto co pontevedrés Basilio Bas proxectaron una urbanización con todos os equipamentos á vangarda do que se facía en Europa no momento: adosados, cubertas planas, aproveitamento intelixente da luz...
O poboado inaugurouse en 1956 e só se habitou até 1974, cando se clausurou a última brecha a ceo aberto da mina. Xa o ritmo da canteira mermara moito en 1963, cando se cerraron as tres bocaminas por abandonarse a explotación baixo terra.