Presentación do libro de relatos As fotos da retina, publicado pola Editorial Medulia, da autoría da escritora Ramona Giráldez Domínguez.
OBRA: As fotos da retina
Data: Venres, 10 de decembro de 2021, ás 20.00 h.
Lugar: SALÓN DE ACTOS DO IES ROSALÍA DE CASTRO. Santiago de Compostela.
Intervirán: RAMONA GIRÁLDEZ DOMÍNGUEZ, autora
TANIA ARUFE, ilustracións
CÉSAR MORÁN, actuación musical
ROSA FERNÁNDEZ, presentadora
As prazas son limitadas polo que, por mor da situación sanitaria do momento, cómpre que se envíe a solicitude de inscrición ao correo electrónico [email protected] antes das 12.00 horas do xoves 9 de decembro de 2021, sendo imprescindíbel que cada persoa que se anote indique nese apuntamento: nome, dous apelidos, número do DNI e teléfono, por mor das normas Covid.
A admisión será seguindo rigorosamente a orde dos correos recibidos.
É obrigatoria a asistencia con máscara e mantendo as normas de seguridad contra a Covid-19.
A escritora e poeta RAMONA GIRÁLDEZ, nacida na Cañiza, mais desde moi nena residente en Santiago de Compostela, estuda Bacharelato no IES Rosalía de Castro de Compostela. Licenciada en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC, desde 1980 exerce como profesora de Lingua e Literatura nos institutos de Vilagarcía de Arousa e Cambados e no ano 1990 trasládase ao IES Monte das Moas na Coruña, cidade en que, xa xubilada, segue a residir.
Escritora desde a súa infancia, publica en 2018 o libro de poemas Tardes de domingo, con ilustracións de Luz Arufe, cunha poesía de temática intimista, con elementos paisaxísticos que ocupan un segundo plano, ambientando o desamor e a melancolía, e con matices de saudade e desacougo.
En 2021 publica a colección de relatos As fotos da retina, ilustrado por Tania Arufe. As fotos están conformadas por un limiar e 59 relatos de anécdotas acontecidas nas súas viaxes por todo o mundo. Relatos que narran esas experiencias de viaxes que nunca aparecen nas fotos. Imaxes que, por inesperadas, cóllennos desprevidos e non chegan a materializarse nun retrato pero que, co tempo, pasan a ser inesquecibles.
A ilustradora TANIA ARUFE desde moi nena estivo interesada polas artes plásticas. Xa de pequena, cando cursaba a EXB, gañou o 1º premio nun concurso de debuxos da TVG e varios accesits noutros diversos concursos. Asistiu a academias e talleres de pintura para perfeccionar a súa técnica autodidacta. Ademais de ilustrar As fotos da retina, participou con infografías no libro La educación por escenarios e actualmente segue inmersa en novos proxectos de ilustración.
O músico cantautor, escritor e profesor reformado, de orixes bercianas e mindonienses, adicouse á música, poesía, filoloxía e docencia. Fundou o grupo Agra e traballou como músico con Troula mentres formaba parte da primeira promoción de Filoloxía Galego-Portuguesa. A súa obra musical está formada polos traballos Río de son e vento (que inclúe unha excelente antoloxía da poesía galega), Haberá primavera (sobre poemas de Cunqueiro) e a súa intervención en O pobo da noite e A desaparición da neve de Manolo Rivas. Traballou como músico en Daquel abrente, encheu de beleza moitos escenarios, e musicou entre outros moitos poetas a Leiras Pulpeiro e as súas Roseiras de rosas roxas. Xa xubilado, dedícase especialmente á música.