Facendo Cultura en Compostela desde 1961
O Galo
  • Novas
  • Actividades
    • Servizos
  • Arquivo
    • Fotográfico
    • Documental
  • Faite soci@

pondaliana

8/5/2019

0 Comentários

 
Imagem
Pondaliana, un proxecto que se iniciou no ano 2017, centenario da morte de Eduardo Pondal. Daquela, a Sociedade Cultural Medulio tomou como compromiso articular un espectáculo musical, baseado en poemas do grande poeta galego, para evidenciar o valor, a vixencia e a adecuación para a música do variado xénero e estilo da súa poesía.
Pondaliana, quince poemas de Eduardo Pondal musicados  é un libro disco que editan A Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Ilustrado por Leandro Lamas, é froito da colaboración de máis dunha ducia de músicos coordinados polo profesor Francisco Rodríguez e pola Sociedade Cultural Medulio.
Ás 20.30 horas do mércores 8 de maio de 2019, terá lugar a presentación de Pondaliana,  no Espazo Enocultural Vide, Vide!, Rúa da Fonte de Santo Antonio, nº 10, en Compostela.

Neste acto poético e musical, intervirán:
Marcos Maceira, presidente da MNL e vogal da AC. O Galo
Pilar Reino Lampón, representante da AS-PG
Francisco Rodríguez Sánchez, escritor e investigador
Xoán Padín, músico.

TEXTO DE PILAR REINO LAMPÓN, REPRESENTANTE DA AS-PG, PARA A PRESENTACIÓN DO LIBRO-DISCO "PONDALIANA"

Un dos obxectivos da AS-PG é promover iniciativas culturais de divulgación da cultura
galega. A publicación deste disco visa non só contribuír á divulgación da obra dun poeta
clásico da nosa literatura como tamén ir alargando o acervo musical galego desde unha
perspectiva moderna e actual.
A converxencia entre poesía e música é de longa data. Na antiga Grecia a lírica
denominábase así por tratarse de poesía cantada con acompañamento dunha lira. Na nosa
cultura, desta íntima relación nace a lírica trobadoresca galego portuguesa, un dos
momentos culturais máis esplendorosos, non só na cultura peninsular, como tamén da
Europa. Cos trobadores a poesía encontra na música a súa expresión natural; unida á
música, sómese nas raíces tradicionais e populares da cultura galego-portuguesa para
crear unha corrente cultural cuxo eco se espalla por Europa toda.

Durante séculos, a única poesía galega posíbel, a popular e tradicional, só se
manifesta a través do canto. As palabras non teñen outra vida que a de ser cantares. A súa
riqueza e variedade non son só se mostran na sensibilidade dos textos, tamén na
harmónica beleza das melodías.
No século XIX, e nun contexto socio-político moi diferente, a intelectualidade
galega do Rexurdimento entendeu ben a importancia da música na diferenciación
cultural dun pobo. O Rexurdimento non se limitou ao esforzo da recuperación literaria,
tamén da histórica e musical. O nacionalismo musical europeo procuraba a reafirmación
da identidade dos pobos a través da súa música e os autores procuraban inspiración nas
melodías tradicionais por seren compartidas con orgullo por unha comunidade. O
nacionalismo musical foi moi importante e deu nomes como Grieg, Sibelius, Chopin,
Smetana, Dvorak, Falla... Na Galiza a creación dunha música culta ten nomes como
Xoán Montes, Xosé Castro “Chané”, Pascual Veiga, ... entre outros. Inspirados no rico
patrimonio musical galego, estes autores dotan de música poemas contemporáneos para,
nesta feliz asociación, dotalos dunha nova vida, pintalos con novas cores. Co
Rexurdimento a creación dunha literatura diferenciada, camiña parella coa musicalización
de poemas, coa conversión de poemas en cancións. É longa a nómina de escritores cuxa
poesía foi popularizada e divulgada a través da música; desde o Rexurdimento aos nosos
días, son moitos os poetas que viron os seus poemas iluminados pola música.

Mais este non foi o caso de Pondal pois, coa excepción do poema “Os pinos”, non foron os seus textos adornados con melodías. Ben vindo sexa, pois, este disco que vén para saldar unha débeda cun dos poetas nacionais máis sobranceiros. “Se á vida volvera, certo, eu teño por certo” Pondal sentiríase moi feliz con esta homenaxe póstuma pois en vida lle foi negada.
Alén diso, un poeta tan preocupado pola transmisión e repercusión da súa obra con
certeza que se sentiría agradecido por este afectuoso recoñecimento.
A selección é representativa da poesía do escritor e opta por poemas curtos que
reflecten o seu mundo literario. Mais tamén é unha escolla para un público actual pois
toca temas a que é sensíbel a sociedade contemporánea: o amor, a paisaxe, a emigración, a
reivindicación, ... Móstrase, así, a capacidade dos clásicos para interpelarnos en contextos
socioculturais diversos.
Neste disco Pondal aparece con todas as súas características. Vemos o Pondal
orgulloso da súa vila natal no poema “Ponteceso”, cun apego á terra compatíbel co
patriotismo nacional; igual que, no poema “Eu son da montaña”, sente tamén a mociña
emigrada en Tandil, estraña en terra allea, cunha autoafirmación remarcada polo refrán
“Eu son galeguiña / eu son de Castrís”. Aparece tamén a face auto descritiva do poeta
en poemas como “Que barba non cuidada!” ou “Certo, este é Pondal”. O vínculo coa
natureza refléctese a través de poemas como “Muitas veces nos matos nativos”,
“Carballos de Carballido” e “Fillo cativo da gandra”. Móstrase o compromiso cívico do
poeta en “Non cantes tan tristemente”, “Afiade esas fouces”, “Cando mo referino”, “Os
vermes odiosos e rasteiros”, “O combate de Dumbría”. Neles refléctese o celtismo como
modelo ético de combate pola liberdade, mais tamén recupera o precedente máis
inmediato da revolución de 1846, que desembocou no fusilamento dos “heroes” e “da
patria o oprobio duro e ferroento”. Na reivindicación lingüística condena o poeta a
deserción claudicante que cualifica de “odiosa e rasteira”. Tamén ten cabida a temática
amorosa, tan reiterada na literatura, nuns poemas que, sen ser obras mestras, convertidos
en cancións, gañan en presenza.

Desde a perspectiva sociolingüística, este disco vai contribuír a:
.- Enriquecer o noso rico patrimonio musical continuando e anovando unha tradición
de grande valor pola súa calidade e variedade. É moi apreciábel o sincretismo musical dentro dos ritmos máis contemporáneos pois estas melodías beben de todas as fontes, dos múltiples e variados estilos que o interconectado mundo actual pon ao alcance dos nosos ouvidos. Acádase así unha completa adaptación aos gustos dun público moderno.

.- Presentar a literatura galega como unha empresa de valor incalculábel do ponto
de vista cultural mediante a popularización dos seus textos e autores máis
representativos. Resulta paradoxal que un poeta que foi tan sensíbel á sonoridade
do verso, que creou termos novos para subliñar a eufonía da linguaxe, fose tan
pouco afortunado na musicalización dos seus textos. Este disco vén reparar unha
débeda histórica divulgando a obra dun autor menos popular que outros
contemporáneos. E un poeta que espertou a admiración de F. García Lorca ben
pode acadar a aceptación dun público actual.

.- Nas circunstancias cruciais que atravesa actualmente a nosa lingua, en constante
retroceso, interesa desta obra non só a aproximación a un poeta en galego, o
oferecimento a un público masivo dun puñado de cancións que fagan o galego máis
próximo e íntimo; tamén por utilizar un modelo de lingua ao tempo culta e
dialectal que a fai máis real e auténtica. Tense falado da artificialidade do galego
estandarizado. Pondal transmite tamén unha mensaxe lingüística de depuración de
castelanismos, de renovación do vocabulario, sen renunciar a diversidade oral e
dialectal como marca da viveza e espontaneidade.

Para finalizar só cabe agradecer a dedicación, entusiasmo e entrega xenerosa das
persoas que realizaron este disco: os autores, autoras, instrumentistas e vocalistas destas
melodías; tamén á Sociedade Cultural Medulio, promotora da idea e a Francisco
Rodríguez, tan implicado na súa materialización; felicitar a todos polo orixinal resultado
e facer votos dun grande suceso desta valiosa obra. Para xa, ten no ensino un importante
campo de divulgación pois, sen dúbida, a música vai captar a atención do alumnado e
aproximar os poemas e o mundo literario do autor. Mais tamén chegarán a un grande
público o día que, máis cedo do que tarde, a rtvg estea ao servizo da cultura galega e
deixe de ser canle de difusión da mediocridade, mesmo do mal gusto e, en todo caso, da
dominación cultural. Menos música en inglés e en español, máis música galega e en
galego.

0 Comentários



Deixe uma resposta.

    Imagen

    O Galo

    Agrupación Cultural que traballa pola nosa cultura

    Arquivos

    Março 2023
    Fevereiro 2023
    Janeiro 2023
    Dezembro 2022
    Novembro 2022
    Outubro 2022
    Setembro 2022
    Julho 2022
    Junho 2022
    Maio 2022
    Abril 2022
    Março 2022
    Fevereiro 2022
    Janeiro 2022
    Dezembro 2021
    Novembro 2021
    Outubro 2021
    Setembro 2021
    Julho 2021
    Junho 2021
    Maio 2021
    Abril 2021
    Março 2021
    Fevereiro 2021
    Outubro 2020
    Maio 2020
    Março 2020
    Fevereiro 2020
    Janeiro 2020
    Dezembro 2019
    Novembro 2019
    Outubro 2019
    Setembro 2019
    Julho 2019
    Junho 2019
    Maio 2019
    Abril 2019
    Março 2019
    Fevereiro 2019
    Janeiro 2019
    Dezembro 2018
    Novembro 2018
    Outubro 2018
    Setembro 2018
    Julho 2018
    Junho 2018
    Maio 2018
    Abril 2018
    Março 2018
    Fevereiro 2018

    Feed RSS

    Imagen
    Imagem

Com tecnologia Crie um website único com modelos personalizáveis.