Facendo Cultura en Compostela desde 1961
O Galo
  • Novas
  • Actividades
    • Servizos
  • Arquivo
    • Fotográfico
    • Documental
  • Faite soci@

Palestra “1846, sementes con futuro” por Xusto Beramendi

15/4/2023

0 Comentários

 
Fotografia
Resumo
A longa evolución, de máis de 180 anos, do movemento ideolóxico e político que ten a súa última manifestación no nacionalismo galego actual iníciase en 1840-1846 en forma de provincialismo, en paralelo co seu homónimo catalán e co fuerismo vasco. Formado inicialmente por un reducido número (entre 70 e 80) de universitarios, profesionais e algún militar, maioritariamente de clases medias e moi concentrado en Santiago, politicamente case todos eles apoiaban ao partido progresista español en cuxo seo empezan a formar unha tendencia ideoloxicamente diferenciada.
Os principais carácteres específicos desta primeira manifestación do galeguismo político son: facer de Galicia o centro do seu ideario sen por iso renunciar de momento a asumir a nación española na política estatal; establecer os primeiros fundamentos do futuro concepto de nación galega, para o que introducen o historicismo como vía de demostración da súa existencia, asumen a tese da orixe celta dos galegos, empezan a defender a lingua, a cultura e etnicidade autóctonas e dan os primeiros pasos do rexurdimento literario que se consolidará despois; promover unha prensa provincialista tan numerosa como inestable coa que difunden as súas posturas; e reivindicar un maior peso político de Galicia no concerto peninsular.
No plano político, non forman organizacións propias senón que actúan sempre encadrados no progresismo español, tanto nas xuntas de 1843 como sobre todo no pronunciamento de abril de 1846. Neste último, mentres o brazo militar é puramente progresista, os provincialistas teñen xa unha importante presenza na súa estrutura civil, presenza que deixa unha clara pegada galeguista nos manifestos da Xunta revolucionaria (“Galicia, colonia da Corte”) da man principalmente de Antolín Faraldo, o seu ideólogo maior. O fracaso do alzamento e o fusilamento de Solís e os seus oficiais en Carral foron convertidos pola xeración seguinte no fito fundacional do que andando o tempo, logo de pasar polas fases provincialista e rexionalista, acabará sendo dende 1918 o nacionalismo galego.
Breve CV Xusto Beramendi
Catedrático emérito de Historia Contemporánea da USC, da que foi vicerreitor (1990-1994). Cofundador do Museo do Pobo Galego, presidiu a súa Xunta Rectora (2000-2011) e o seu Padroado (2011-2022). Participou na creación das revistas Teima (Santiago, 1976), Negaciones (Madrid, 1977), A Trabe de Ouro (Santiago, 1990) e Tempos Novos (Santiago, 1997), así como da Fundación Castelao. Foi director da sección de Pensamento Político da Fundación Vicente Risco e é  membro da Fundación Losada Diéguez. Recibiu o Pedrón de Ouro (2008), os premios Nacional de Ensayo (2008), Losada Diéguez de Investigación (2008), AELG de Ensaio (2008), da Crítica de Galicia en Investigación (2008) e Galiza Mártir (2009) e a Medalla Castelao (2017).
Especializado en historia das ideoloxías e dos nacionalismos, publicou entre outros moitos libros, artigos e capítulos de libros Miseria de la Economía (1974) con E. Fioravanti, Vicente Risco no nacionalismo galego (1981), Galicia e a historiografía (1993), Ethnos versus Polis? On method and nationalism (1994), Manuel Murguía (1998), Alfredo Brañas no rexionalismo galego (1998), La historia política: algunos conceptos básicos (1999), La España de los nacionalismos y las autonomías (2001) con J.L. Granja y P. Anguera, A autonomía de Galicia (2005), A transición en Galicia (2007), A Galicia autónoma (2007), De provincia a nación. Historia do galeguismo político (2007) e Historia mínima de Galicia (2016). Ademais é autor ou coautor das edicións críticas das obras de Antón Losada Diéguez (1985), Ramón Villar Ponte (1990), Lois Peña Novo (1994), Alfonso R. Castelao (2000) e Vicente Risco (2001). Organizou e coeditou as actas dos congresos Nacionalismos y regionalismos en la España de la Restauración (1983), Castelao (1986), Los nacionalismos en la España de la Segunda República (1988), Nationalism in Europe: Past and Present (1993), Memoria e Identidades (2004), Poder y Territorio en la España del siglo XIX. De las Cortes de Cádiz a la Restauración (2012) e Repensar Galicia: as Irmandades da Fala (2017).
0 Comentários



Deixe uma resposta.

    Imagen

    O Galo

    Agrupación Cultural que traballa pola nosa cultura

    Arquivos

    Maio 2023
    Abril 2023
    Março 2023
    Fevereiro 2023
    Janeiro 2023
    Dezembro 2022
    Novembro 2022
    Outubro 2022
    Setembro 2022
    Julho 2022
    Junho 2022
    Maio 2022
    Abril 2022
    Março 2022
    Fevereiro 2022
    Janeiro 2022
    Dezembro 2021
    Novembro 2021
    Outubro 2021
    Setembro 2021
    Julho 2021
    Junho 2021
    Maio 2021
    Abril 2021
    Março 2021
    Fevereiro 2021
    Outubro 2020
    Maio 2020
    Março 2020
    Fevereiro 2020
    Janeiro 2020
    Dezembro 2019
    Novembro 2019
    Outubro 2019
    Setembro 2019
    Julho 2019
    Junho 2019
    Maio 2019
    Abril 2019
    Março 2019
    Fevereiro 2019
    Janeiro 2019
    Dezembro 2018
    Novembro 2018
    Outubro 2018
    Setembro 2018
    Julho 2018
    Junho 2018
    Maio 2018
    Abril 2018
    Março 2018
    Fevereiro 2018

    Feed RSS

    Imagen
    Imagem
    A Deputación da Coruña colabora coa concesión de subvencións, para que sexa posíbel a organización dalgunha destas actividades.

Com tecnologia Crie um website único com modelos personalizáveis.