Este exemplar, do que se fai unha edición facsimilar, e que conta con múltiples correccións autógrafas do propio poeta, pertence á biblioteca de Manuel María, foi ilustrado por Reimundo Patiño (1936-1985), pintor e debuxante de banda deseñada, membro dos grupos A Gadaña e Atlántica. A súa personalidade trascende a pintura pois sempre estivo comprometido co nacionalismo galego, formando parte do grupo Brais Pinto, formado en Madrid con intelectuais galegos, ou mesmo no colectivo "Estampa popular galega", que pretendía difundir a arte en medios sociais aos que non lle é fácil chegar habitualmente.
A edición complétase cun estudo introdutorio de Montse Pena Presas, profesora da USC e especialista en literatura infanto-xuvenil.
O acto estará acompañado dunha actuación musical: a compostelana Coral Solfa interpretará poemas da autoría de Manuel María como O carro e O cuco de "Terra Cha" e O galo, O sol, A lúa, A fouce e O meu barco de "Os soños na gaiola".
A Coral Solfa, cuxo primeiro concerto público data do ano 2002, está formada por trinta persoas (sopranos, contraaltos, tenores e baixos). O seu repertorio musical está constituído por obras de diferentes estilos, onde destacan as transcricións de temas populares galegos. Desde a Asociación Solfa promóvense e impúlsanse diversos concertos, intercambios culturais con outras agrupacións, bandas e corais.
Algúns dos poemas máis célebres da literatura galega atópanse nun libro humilde, cuxa primeira edición facturou un fabricante de cartóns para confitarías. Os soños na gaiola, de Manuel María, non só achegou a lingua a centos de cativas e cativos. Tamén inventou un xénero para o galego: a poesía infantil.
A fundación que custodia o legado do poeta vén de editar a obra na versión máis achegada a como a concibira por primeira vez hai medio século.“É un libro moi rompedor. Naquela altura, ninguén lle daba importancia á literatura infantil”, expón Montse Pena Presas, profesora da Universidade de Santiago e autora do amplo estudo que acompaña a reconstrución editorial da Casa Museo de Manuel María. “Só había algunhas traducións de Xohana Torres en Galaxia, e unha obriña da propia Xohana”. O único escritor galego preocupado por achegar as letras á infancia nin sequera residía en Galiza: Xosé Neira Vilas.
Nas cartas que cruzaron, Manuel María explicáballe ao creador de Balbino o seu obxectivo. “Quería lembrar no poemario a súa infancia labrega”, di Pena Presas, “pero foi moito máis alá. Se só se tratase desa cuestión, o libro non se titularía así”. O poeta fala dun mundo entre reixas en que non se pode soñar libremente. E que inclúe Galicia, unha das súas composicións máis emblemáticas, suxeita a usos múltiples e maiormente políticos: “Galicia somos nós: / a xente e mais a fala. / ¡Si buscas a Galicia / en ti tés que atopala!”.
Mais o éxito de audiencia de Os soños na gaiola non foi inmediato. Escrito no outono de 1967, a primeira edición correu a cargo de Cartonaxes ANMI, “unha empresa de cartóns para confitarías” propiedade de Ángel Gómez Camarón, natural de Medina del Campo e asentado en Galiza desde a República. A idea inicial do empresario, relata Montse Pena Presas, “era envíar o libro ás escolas polo Día das Letras [que se celebraba desde 1963], pero foise adiando e acabou como agasallo para os seus clientes”.
A relación de poeta e tan peculiar editor non acabou ben. Manuel María disgustárase pola escasa calidade da edición. A maiores, non incluíra as ilustracións que Reimundo Patiño imaxinara para os poemas, “seguramente por unha cuestión de orzamento”, e que agora recupera a Casa Museo. E, con todo, Gómez Camarón non desistiu do seu apoio á cultura galega naqueles tempos escuros e axudou a difundir Homenaxe a Otero Pedrayo e Retratos en tempos de pouca luz, ambos os dous de 1968, de Arcadio López Casanova, Dous contos, cinco cousas e mais un debuxo inédito (1970) de Castelao ou ¿E decímolo ou non o decimos? (1972), de Ánxel Fole.
Só cando o cantor Suso Vaamonde lle puxo música a 25 dos 49 textos do libro nun duplo elepé, os soños de Manuel María escaparon da gaiola. “O poeta usaba recursos estilísticos que convertía os poemas en doadamente memorizábeis”, considera a profesora Pena Presas, “verso curto, rima fácil... Estaban moi ligados á poesía popular”. A obra entrou nas escolas e alí ficaría para anos. Ducias de cartas remitidas polos estudantes ao poeta así o testemuñan.
Un dos últimos e máis rechamantes froitos da poesía infantil en galego foi o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil que o Ministerio de Cultura outorgou o pasado ano a Antonio García Teijeiro por Poemar o mar. “García Teijeiro sempre se confesa herdeiro de Manuel María”, recorda Montse Pena, tamén crítica especializada en literatura para os máis pequenos, “e aínda que agora a poesía infantil se entenda doutra maneira, Os soños na gaiola marcou un fito, non só pola pegada que deixou noutros escritores, senón tamén no lectorado que, desde finais dos 70, fomos atopándoo no colexio”.
A edición do 50 aniversario é a máis próxima posíbel ao proxecto orixinal. Non se trata exactamente da versión ilustrada que planeara Manuel María, porque esta non chegou a existir. É a reprodución facsimilar da publicada por Cartonaxes ANMI e debuxada a man por Reimundo Patiño como agasallo ao seu amigo poeta. Como quen celebra o que non puido ser.