Isaac, intelectual, artista, escritor e empresario galeguista, impúxose o labor de preservar, fortalecer e reconstruír a memoria de Galicia. Nesta tarefa foi empresario cultural, deseñador industrial, escritor, editor, promotor e mecenas de proxectos. Entre outros proxectos, fundou a fábrica de Cerámicas do Castro, a Cerámica de Sargadelos, o Museo Carlos Maside, o Instituto Galego da Información, a editorial Ediciós do Castro e o Grupo Sargadelos.
O "Roteiro compostelán de Isaac Díaz Pardo”, guiado pola profesora e investigadora Esperanza Mariño Davila, percorre espazos relacionados coa vida de Isaac en Compostela.
Data e hora: Sábado 27 de outubro de 2018, ás 10.30h, rematará sobre as 14.00h aproximadamente.
O percorrido farase en autobús e a pé.
Lugar de xuntanza e saída: Dársena de autobuses situada na Rúa Valle Inclán, á beira do CGAC e o Museo do Pobo Galego ás 10.30 horas da mañá.
1.- Visita ao Instituto Galego da Información (IGI), sito en San Marcos, no lugar da Cancela das Penas do Monte do Gozo ou Monxoi, e que acabou por se converter na vivenda de Isaac nos derradeiros anos.
2.- Visita ao Cemiterio de Boisaca, campa de Isaac Díaz Pardo e outros persoeiros alí enterrados, así como o Memorial dos fusilados durante a Guerra Civil.
3.- Voltaremos en autobús ao centro, para continuar co percorrido polos espazos composteláns de Isaac Díaz Pardo (a casa onde nace, os centros onde estuda etc...)
As prazas son limitadas e adxudicaranse por orde de chegada dos correos, tendo preferencia os socios da AC. O Galo, polo que cómpre anotarse antes do 24.10.2018 no correo electrónico [email protected], indicando o nome e apelidos das persoas que acudirán ao roteiro, un teléfono e un correo electrónico de contacto.
Roteiro compostelán de Isaac Díaz Pardo
Esperanza Mariño Davila (profesora e investigadora)
I. Casa natal da Tumbona, número 37, Rúa das Hortas (antes, número 20)
En 1920 a familia chega á cidade para colaborar coa empresa Fraga. A casa natal pertencera a unha “tumbona” ou muller que iniciaba as mozas na prostitución. Neste predio naceu Isaac o 22 de agosto, fillo terceiro do casal tras as irmás Cuca -finada antes de el nacer- e Mercedes (Chita). Aí vive a familia de aluguer durante dous anos até unha estadía en Madrid de ano e medio. Logo voltan todos e alí están até 1927, cando a casa é mercada polo cóengo don Calixto. Anos despois a familia trasládase ao nº 20 da mesma rúa até 1931 para que Casal monte no baixo o seu prelo durante dous anos, converténdose na primitiva sede da editorial Nós.
II. Igrexa de San Froitoso
Por motivos de proximidade foi o lugar escolleito para o bautismo. O nome de pía debeuse ao padriño, Isaac Fraga, dono da empresa de teatro e espectáculos que reproduce o apelido e bo amigo de Camilo Díaz.
III. Costa do Cristo
Non había auga da traída na época, polo tanto cumpría buscala nas fontes.
IV. Casa número 22 da Rúa Carretas (antes, número 16)
En 1931 a familia de Isaac múdase ao terceiro andar dunha casa desta rúa.
V. Rúa de Isaac Díaz Pardo
En época recente o goberno municipal decide nomear unha pequenísima rúa –de tan só 161 m de longo-, co nome do ilustre e universal santiagués. Situada no final da Rúa das Galeras, non lonxe do berce natal.
VI. Domicilio de Ánxel Casal
Antes da Guerra Civil, a rúa chamábase Inferniño de Arriba (número 18); hoxe vén sendo o número 16 da Avenida de Raxoi. Entre 1933 e 1936 morou alí o intelectual e político Ánxel Casal (1895-1936) xunto coa costureira e activista María Miramontes (1895-1964), que morrería no exilio porteño.
VII. Rúa de San Clemente
A comezos do século XX non había sumidoiros en Compostela, senón pozos negros baleirados anualmente. Os esterqueiros achegaban o toxo para mesturalo con residuos tirados dos pozos negros, conservados en tinas e logo postos a secar, deixando as casas cheirentas. Así eran “as Esterqueiras”, daquela terras de labor fertilizadas; a actual Ruela de San Clemente comunica esta rúa coa das Hortas até a casa da Tumbona.
VIII. Rúa do Campo da Estrela (antes, do Campo da Leña), Porta Faxeira e Rúa da Senra
Lugares por onde atravesa o “coche de punto” que leva a esgazada familia desde a Rúa Carretas para A Coruña antes das sete da mañá do dezaseis de agosto de 1936, tras a nova do traslado do pai desde o cárcere de Arzúa a un lugar descoñecido da provincia de Lugo.
IX. Carballeira de Santa Susana
X. Rúa do Vilar, número 15
Segundo predio da Imprenta Nós en Santiago.
XI. Galería Sargadelos (Rúa Nova, número 16)
Foi inaugurada o dezasete de maio de 1978 cunha exposición monográfica sobre o Seminario de Estudos Galegos. Como toda empresa de Isaac, articulouse como unha galería que, ademais da venda da cerámica, servise para a promoción de novos valores das artes e das letras galegas, así como para a realización de exposicións e actos culturais.
XII. Teatro Principal
Casa de Comedias no comezo, en 1802 o Concello merca o predio para reedificarse quince anos despois como pequeno teatro á italiana e finalmente renacer en 1841 como Teatro Principal, modelo do teatro burgués. O padriño de Isaac, o empresario Fraga, en 1915 obtén os dereitos de explotación do Principal e modernízao.
XIII. Colexio de Fonseca
Este Colexio foi a primitiva sede do Seminario de Estudos Galegos (SEG), xa que fora cedido ao SEG polo Decreto do Ministerio de Instrución Pública en 1930.
XIV. Pazo de Raxoi
Desde unha ventá deste pazo Isaac quita unha foto da Praza do Obradoiro, coa propaganda a prol do Estatuto de Autonomía que el mesmo deixara pintada con chapapote nas lousas da entrada e centro da Praza.
XV. Praza do Obradoiro (antes, do Hospital)
As lousas do chan, xusto diante do Obradoiro, servíronlle a Isaac como extensa superficie para a propaganda a prol do Estatuto de Autonomía no plebiscito de 1936: «Si. Autonomía. Si».
XVI. Academia Gelmírez
Primeiro estaba situada na Algalia de Abaixo, na esquina que daba á Rúa dos Truques e preto do Pazo de Amarante; con posterioridade, entre O Rego d´Auga (hoxe, Rúa Xelmírez) e A Conga.
XVII. Praza da Quintana
XVIII. Instituto Xeral e Técnico de Santiago de Compostela
Centro onde estudou Isaac.
XIX. Fundación e Museo Eugenio Granell
Sita na emblemática Praza do Toural, ocupa o Pazo de Bendaña.
XX. Café Derby
Situado na entrada da Rúa das Orfas desde 1929 –así consta aínda nas enormes vidreiras-, xunto a unha das sete vellas portas da Compostela, a da Mámoa.
XXI. Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)
XXII. Museo do Pobo Galego
Isaac Díaz Pardo foi un dos membros fundadores e tamén o Presidente do Padroado do Museo tras o pasamento de Antón Fraguas (desde o 2000 e até o ano 2011).
XXIII. Auditorio de Galiza
Construído polos arquitectos Julio Cano Lasso e Diego Cano Pintos, foi inaugurado en 1989.
XXIV. Instituto Galego da Información (IGI)
Sito na periferia urbana, no lugar da Cancela das Penas do Monte do Gozo ou Monxoi, acabou por se converter na vivenda de Isaac nos derradeiros anos. A idea da creación do IGI pertence ao poeta e xornalista Lorenzo Varela, que formara parte dunha tríade excepcional de exiliados con Luís Seoane e Rafael Dieste.
XXV. Cemiterio de Boisaca