Data: Mércores, 9 de xuño, ás 19.30 h.
Lugar: Museo das Peregrinacións. Praza das Praterías. Santiago de Compostela.
Participan: Bieito Iglesias, profesor e escritor,
Antón Mascato, editor e historiador,
Prudencio Viveiro, historiador,
Carlos Méixome, autor e historiador.
CATAS NA MEMORIA. A PERSECUCIÓN FRANQUISTA NO VAL MIÑOR
"Durante anos a memoria, como un fío de Ariadna, andou a turrar de min. Xurdindo en intranscendentes conversas de boa veciñanza, nas lecturas de libros de amigos ou entre saloucos agoniados polo fogar ausente, profundando a sensación de inxustiza que comete un estado autoproclamado democrático coa cidadanía perseguida por un réxime que concentrou e expandiu todas as perversións do século pasado.
Agora, co pouso do tempo, refago, reelaboro escritos sobre a persecución franquista no Val de Miñor esbozados en momentos de intensa actividade memorialista, consciente de que o labor non só non está esgotado, senón que a memoria aínda non virou en historia" (Por Carlos Méixome)
CARLOS MÉIXOME
Aínda que dezán de nacenza (Lalín, 1954), sendo un cativo levárono para O Carballiño. O oficio profesoral, impartindo Xeografía e Historia, levouno a asentarse en Vigo e despois no Val de Miñor. Estudou Filosofía e Ciencias de Educación en Compostela. Participou, dende novo, no activismo político e cultural nacionalista. Foi colaborador do Instituto Galego de Estudos Internacionais (IGADI) publicando traballos sobre a ex Iugoeslavia, Cuba, ou Rusia... En 1999 participou na fundación do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) do que foi o seu director ata 2015. Ten publicado sobre cuestións de historia contemporánea. Dende 2014 mantén o blog Pé do Galiñeiro.
Dende 2005 ten desenvolvido unha ampla actividade memorialista arredor da persecución franquista no Val de Miñor e desenvolvido unha serie de investigacións sobre a mesma en toda a área sur da provincia de Pontevedra. É autor de varias obras entre as que destacan: "Textos e documentos para a Historia contemporánea de Galicia"; "Castelao. Unha historia do nacionalismo galego" ou "Daquí ou dacolá" .