ATILA NO GROVE. ANTÓN MASCATO. EDICIÓNS POSITIVAS
Sinopse da obra : "Atila no Grove. Crónica política e Memoria da masacre (1923-1948)" é a historia política do período máis convulso da vila do Grove, aínda que trascende a memoria local para converterse nunha crónica extrapolable a calquera outra comunidade.
O Grove, un lugar onde encontramos todas as tipoloxías do que aconteceu arredor de 1936: perseguidos, inmoladados con nocturnidade e á luz do día; sobrevivintes do seu propio asasinato; sacas colectivas, requisas e roubos; listas negras; consellos de guerra; cadeas perpetuas; fusilamentos; resistencia armada; guerrilleiros no monte; presos en campos de concentración; torturas, desafiuzamentos; rapina en sede xudicial; fuxidas colectivas en barco; agochos no monte e no mar; redadas; abatementos en aplicación da “lei de fugas”; desercións; exiliados, abusos físicos e sexuais… toda a maldade posible .
Atila no Grove é tamén unha homenaxe ao vitimario do fascismo neste porto da Arousa e unha denuncia das maneiras violentas que empregaron os perpetradores, que se completa cunha relación das vítimas e a referencia dos seus verdugos.
Referencia ao conflito xurídico polos traballos arredor da memoria do Grove.
Como xa acontecera no caso do historiador Dionisio Pereira e a familia dun falanxista de Cerdedo-Forcarei, a resultas da publicación de traballos de investigación da memoria do Grove en medios de comunicación, Antón Mascato recibiu intentos de censura de prensa e as ameazas dos fillos dun dos responsables de persecución, sinalado como tal por diversas fontes, e ao que define como o “alcalde das ditaduras”, xa que tivo ese cargo durante toda a ditadura de Primo de Rivera, no Bienio negro, e nos anos de 1940 e 1941. A mesma familia dese "alcalde" denunciou un blog no que se recollían as memorias dun militante comunista, Ramón Garrido Vidal, exiliado en Francia. Como resultas da denuncia, un xuíz ordenou a retirada do mesmo sen escoitar a outra parte a pesar de ser un dominio francés sobre o que non tiña competencias.
Vén isto a conta das enormes dificultades cando se trata de botar luz con investigacións e divulgación de obras relacionadas coa memoria local, considerando que son veciñas e veciños, os fillos e as netas, as fillas e os netos dos represores, e que moitas veces nada teñen que ver nas súas asuncións ideolóxicas cos asasinos ou represores da súa familia. Non semella ser este o caso, cando menos dos fillos e a filla do “alcalde das ditaduras” do Grove que practica a censura de prensa, a ameaza como xeito de intimidación, ou directamente a demanda xudicial para “defender o honor” de quen semella que non o tivo en vida. En todo caso, unha das cousas a destacar na obra de Antón Mascato ten que ver coa valentía para dar non só os nomes e circunstancias políticas das vítimas, senón en incluír as referencias directas aos verdugos.
Carlos Méixome Quinteiro: Naceu en Lalín e recastou no Carballiño. Estudou Filosofía e Ciencias da Educación na USC. Desenvolveu o seu labor profesional como profesor de historia contemporánea no ensino medio. Traballou en asuntos internacionais con varias obras publicadas como O conflito dos Balcáns; Rusia, das orixes á crise dun modelo; ou Cuba, independencia e revolución. Na súa especialidade de historia do mundo de hoxe ten publicadas obras de referencia como Textos e documentos para a Historia contemporánea de Galicia; ou Castelao, unha historia do nacionalismo galego.
Traballa na investigación e no estudo da represión franquista no sur da provincia de Pontevedra, onde reside, publicado numerosos artigos, ademais dunha obra editada co título Daquí e dacolá, follas voandeiras, na que recolle artigos e textos de temática diversa. Militou e milita en diversas organizacións do nacionalismo que van de Erga, ao BNG e de Anova a Cerna. Foi tamén o director do Instituto de Estudos Miñoráns dende a súa fundación ata hai uns poucos anos.
Lourenzo Fernández Prieto: Naceu en Ribadeo, estudou historia, sendo actualmente catedrático de Historia contemporánea da USC e investigador do grupo Histagra, especialista en historia social da violencia e principal responsable do Proxecto Nomes e Voces, que tanto labor de divulgación ten feito arredor da represión política do franquismo. Colaborador de prensa en varios medios de comunicación, como o grupo Voz, a Cadena Ser, ou o xornal Nós, entre outros, ten unha longa bibliografía como autor, entre as que destacan os ensaios Labregos con ciencia; Facendo historia con memoria ou Informe de resultados, vítimas Galicia. En coautoría ten publicadas varias obras, entre as que mencionaremos dúas entre as últimas: Historia de la guerra civil contada por dos hermanas e Golpistas e verdugos de 1936. Historia dun pasado incómodo.
Antón Mascato: Naceu no Grove. Editor, escritor, colaborador de prensa. Estudou Filoloxía galega na USC e desenvolveu o seu oficio no mundo da edición, sendo director de Edicións do Cumio, e na Editora NovaGaliza. Foi membro do Arquivo sonoro do Consello da Cultura; concelleiro de cultura no Grove e presidente da Asociación pola Memoria. É autor de varias obras como Paco del Riego. Unha historia da restauración cultural de Galicia; A ruta do mar de Arousa (Premio Centola de ouro, 2005); Anduriña. Cen anos de paixón; Conde Corbal. Obra gráfica (Premio Asociación Galega de Editores, 2012); As colareiras do Grove con Patricia Arias, ou As nosas chatas. Dicionario dos alcumes do Grove, en coautoría. Na actualidade redacta o Informe do Patrimonio marítimo referido á península do Grove. Despois de moitos anos de investigacións, entrevistas, visitas a hemerotecas e arquivos publica este Atila no Grove. Crónica política e Memoria da masacre (1923-1948).