Aurichu era unha muller comprometida coa nosa cultura, boa compañeira e mellor amiga. Persoa moi querida e valorada por todos nós. Xenerosa e entusiasta, a súa casa era un lugar de reunión para a intelectualidade galega durante o franquismo e a chamada transición.
A ela debemos o nome da nosa asociación, pois foi ela quen o propuxo inspirada na lectura don poema homónimo de Luís Amado Carballo. No poema pídeselle ao galo que abra as portas do día co seu cantar e que acenda unha fogueira co lume do seu voo. E alí, nese ano 1961, xa estaba Aurichu Pereira disposta a avivar un lume novo, a botar unha man e con ideas novas facer realidade os proxectos da nosa asociación. O seu traballo foi constante e calado e sempre implicado coa actividade sociocultural do país.
A súa tenda foi un referente para toda Galiza, trouxo un aire fresco, mestura de tradición e contemporaneidade. A través dela, Aurichu, visibilizou e axudou a revalorizar a artesanía tradicional galega . Ademais, nela podías mercar pezas da cultura popular de todo o mundo: da India, Marrocos, México, Portugal, Mongolia ou de Brasil e toda América do Sur. Foi a primeira tenda en vender roupa étnica que traía das súas viaxes a París e Londres, tecidos artesanais de lá e liño procedentes da Galiza interior e o Bierzo, ademais de roupa que ela mesma deseñaba, inspirándose en Matisse , Picasso ou Candinsky ou na arte popular da nosa Terra,
Na súa tenda da rúa Xelmírez, tamén había pezas de xoiaría e decoración tanto de estética tradicional como realizadas polas novas xeracións de artistas. Nela nunca faltaban mantas das nosas teceláns e pezas de Niñodagia, Gundivós, Buño, Bonxe e Mondoñedo, xunto a outras de madeira, folla de lata, oso, corda ou cunchas, tanto de Galiza como doutras partes do mundo.
Ela popularizou aquí ceramistas como Mistério ou Rosa Ramalho, figuras emblemáticas da olaría tradicional portuguesa. Tamén gustaba de pintar, formouse con Carlos Maside e fixo con éxito numerosas exposicións.