
Logo desta longa tempada de "ausencia e de confinamentos", retomamos a nosa habitual actividade propoñendo un PERCORRIDO: Á DESCUBERTA DO RÍO SARELA para o mércores 30 de setembro de 2020, guiado pola bióloga Elvira Cienfuegos.
O roteiro consiste nun paseo explicativo pola beira do río desde a Ponte do Romaño até a Ponte Sarela. Son menos de 5 km de camiñada a carón do tramo medio do río, un río vivo e cambiante, que conserva memoria do pasado recente (muíños, curtidurías, pontes...) e con valores ambientais e sociais que cómpre coñecer e recoñecer.
Hora de inicio: 17.45 horas
Punto de encontro e de inicio da ruta: Ponte do Romaño (até alí hai bus urbano: L4).
Paradas de descanso e explicacións na contorna dos principais lugares polos que pasa o percorrido: A Pontepedriña de Arriba (Ponte dos Tres Ollos), Casal de Horta, Lermo, a ponte do Asén, a ponte do Carme de Abaixo.
Punto de fin da ruta: Ponte Sarela ou Carballeira de San Lourenzo.
Hora prevista de remate: Sobre as 19,30 h
Aínda que a dificultade da rota é baixa, convén levar roupa axeitada para camiñar sobre terra e para o tempo meteorolóxico.