No actual contexto de aumento da pobreza laboral e social, ter un traballo non significa acadar os ingresos precisos para atender as necesidades básicas para unha vida digna, como alimentación, enerxía ou vivenda. E esta situación padécena dun xeito máis directo e máis profundo as mulleres. Sobre todo porque partían xa dunha base na que a norma era a precariedade máis absoluta: maiores taxas de temporalidade e parcialidade, menores salarios, peores condicións... Algo que empeora con cada reforma laboral que entra en vigor.
As mulleres incorporáronse ao mercado laboral en traballos que xa viñan facendo de xeito constante no fogar: coidados, limpeza, administración... Eses sectores continúan a estar ocupados maioritariamente por mulleres e son, aínda a día de hoxe, os máis precarios. Porque esas tarefas “de mulleres” nunca foron valoradas e seguen sen estalo na actualidade.
Por iso, en pleno século XXI a precariedade e a pobreza teñen cara de muller.
Susana Méndez (Punxín, 1975). Enfermeira de profesión, desde moi nova comezou a traballar sindicalmente na Confederación Intersindical Galega. Foi delegada e Presidenta da Xunta de Persoal do Hospital Comarcal Valdeorras, posteriormente Secretaria de Organización da Federación de Saúde da CIG. Actualmente é Secretaria Confederal de Organización da central sindical nacionalista.
Activista en defensa da lingua, foi Vicepresidenta e Secretaria Xeral da Mesa pola Normalización Lingüística.
É Licenciada en Antropoloxía Social e Cultural e Especialista Universitaria en Relacións Laborais.
Participa desde hai anos no movemento feminista galego, formando parte da Marcha Mundial das Mulleres e de Galegas8M no seu momento.