Na Compostela do século XV, os intensos conflitos entre a nobreza e a burguesía contra o poder arcebispal permitiron que algunhas mulleres acadasen un notable protagonismo na vida política do reino medieval de Galicia. Entre elas destacaron dona Xoana de Castro e dona Catalina de Fonseca, cuxas traxectorias ilustran dous exemplos do exercicio do poder e da axencia das mulleres nun contexto de tensións, violencias e negociacións, que tamén se documenta noutras cidades galegas, como sucedeu pouco antes na cidade de Ourense co caso de dona Beatriz de Castro. Así, os seus casos, unidos a outros de maior fortuna historiográfica como sucede con María Castaña para a terra lucense no séc. XIV, permiten cuestionar as imaxes que, tanto no ámbito da investigación como da divulgación, continúan a asociarse á vida, papel e protagonismo das mulleres no seo da sociedade medieval e, nomeadamente, en relación á conflitividade do seu tempo.
Dona Xoana e dona Catalina simbolizan dous rostros do poder feminino medieval: a rebelde que desafía a autoridade eclesiástica no marco das reivindicacións e loitas dos intereses propios das liñaxes nobiliarias do seu tempo e a mai episcopal que defende a lexitimidade do señorío do seu fillo, adquirindo un papel capital á cabeza dunha das institucións máis androcéntricas do momento, como era a Catedral de Santiago. Ambas romperon coas marxes tradicionais de xénero, deixando unha pegada apenas perceptible nas crónicas, pero viva nos documentos e memorias que rescatan as súas voces. O seu enfrontamento non só foi político, senón tamén representativo dunha pugna máis ampla entre a rebeldía e a lexitimidade, entre a resistencia urbana e o poder señorial, e entre dúas mulleres que, desde bandos opostos, demostraron que na Galicia do século XV tamén as mulleres podían exercer o poder e a palabra.
Miguel García-Fernández é licenciado en Historia, coas especialidades de Historia Medieval e Historia Moderna (2011), con grado (2012) e mestrado en Estudos Medievais Europeos (2012) polaUSC. Tras traballar na USC, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e no Instituto da Lingua Galega (2019-2020), incorporouse como parte do persoal técnico de investigación ao Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC-Xunta de Galicia) no 2020. Por outra parte, é membro colaborador do Instituto de Estudos Medievais (FCSH - Universidade Nova de Lisboa), colaborador externo do Instituto da Lingua Galega (Universidade de Santiago de Compostela) e secretario editorial de Murguía. Revista Galega de Historia.
A súa principal liña de investigación é a historia social das mulleres, especialmente en relación coa historia medieval de Galicia, ampliando os seus intereses cara á historia social do poder e o estudo do patrimonio documental galego. Neste último aspecto, actualmente é codirector, xunto a Ricardo Pichel, do Escritorio Galego-Portugués Antigo (EGPA), e de varios proxectos de multiedición dixital.
Ten participado en diferentes congresos nacionais e internacionais, e publicado arredor dun centenar de traballos en diferentes revistas e obras colectivas, apostando tamén polas tarefas de divulgación e transferencia do coñecemento histórico, e proximamente depositará a súa tese de doutoramento sobre “Mulleres e cultura escrita na Galicia medieval (séculos XII ao XVI)”, na USC.
RSS Feed
