Diana Pelaz Flores é profesora titular de Historia Medieval na Universidade de Santiago de Compostela, institución á que está vinculada dende finais do ano 2017. Previamente, estivo adscrita ás Universidades de Valladolid e Zaragoza, onde desenvolveu as súas primeiras etapas de investigación. A súa investigación céntrase particularmente no estudo do poder feminino a través do caso das raíñas consortes na Coroa de Castela. A súa tese de doutoramento centrábase no estudo da rexinalidade durante o reinado de Xoán II de Castela, da man das súas esposas, as raíñas María de Aragón e Isabel de Portugal, dende onde continuou abordando ese labor investigador cara outros reinados e cronoloxías. Ten feito estadías de investigación nas Universidades de Bolonia, Lisboa y París I-Sorbonne, ademais de ter participado como relatora en congresos e seminarios en Inglaterra, Francia, Italia, Portugal, Suecia, Dinamarca, Suíza, México ou Arxentina. Conta con diversas publicacións, entre elas catro monografías, centradas no estudo do papel da auga no cerimonial cortesán, a Casa da raíña, o señorío e a vinculación co espazo das mulleres da familia real e o percorrido da figura das raíñas consortes na Coroa de Castela, entre os séculos XI e XV.
O reinado de Urraca de Galiza atopouse nun momento de gran complexidade a nivel político, tanto dentro como fóra da Península Ibérica. A nivel exterior, trátase dun momento especialmente delicado, en tanto que apenas existían precedentes de gobernos femininos, inda que tampouco códigos legais que contradixesen esta posibilidade. A diferencia doutras figuras femininas que tamén puxaron por (ou lograron) facerse co poder que lles correspondía como herdeiras dos dereitos ao trono dos seus país, o exemplo de Urraca é especialmente significativo, por ser a primeira do seu tempo en asumir as responsabilidades do poder político.
A situación do Reino de León na Península Ibérica tamén reviste unha gran singularidade, por tratarse dun conglomerado señorial que integra reinos cunha tradición e identidade propias, como é a do Reino de Galicia, territorio especialmente vinculado con dona Urraca, mesmo antes de que aspirara a facerse co control do conxunto do territorio. Con motivo da súa voda co conde Raimundo de Borgoña, dona Urraca recibiu como dote Galicia, na que se instalou xa como muller casada para coñecer e administrar os seus territorios señoriais, o que lle permitiu tecer redes pero tamén participar en conflitos, como o choque coa súa medio irmá, dona Teresa, quen tiña recibido o condado de Portugal de mans do seu pai, Afonso VI; enfrontarse á poderosa Casa dos Traba, a principal liñaxe galega, receosa das aspiracións do segundo home de Urraca: o rei Afonso I de Aragón; e, finalmente, desafiar á outra das grandes figuras do seu tempo: o arcebispo de Santiago Diego Xelmírez.
Precisamente a relación con este último foi unha das cuestións máis turbulentas do momento, no que se entrecruzaron os intereses que cada un deles representaba, xa fose a Coroa ou os intereses señoriais do arcebispo. A súa influencia e autoridade converteron a Xelmírez nun dos principais conselleiros do que sería despois Afonso VII, aquel coñecido como “imperator totius Hispaniae”, fillo de dona Urraca coa que tamén mantivo unha complicada relación, en boa medida pola capacidade de Xelmírez para atraelo aos seus intereses. Monarquía e Igrexa, pero tamén as súas concepcións do poder facían desta relación un dos enfrontamentos máis interesantes do seu tempo, que amosa algunhas das complicacións ás que a raíña Urraca tivo que facer fronte para manterse no trono e salvagardar a súa visión da autoridade rexinal.
RSS Feed
