O conferenciante,Eliseo Fernández, é Licenciado en Documentación pola Univeresidade da Coruña. Ten traballado como bibliotecario e na actualidade é técnico no Archivo Intermedio Militar Noroeste. Investigador especializado na historia do movemento obreiro e do anarquismo en Galicia.
Sobre a historia do movemento obreiro e do anarquismo ten publicados os libros “José López Bouza: do anarquismo ao republicanismo”, “Obreirismo ferrolán”, “Psiquiatría, corrupción e loita de clases: a folga do manicomio de Conxo en 1933”. Ademáis ten publicado tamén en colaboración con Dionísio Pereira as obras “O anarquismo na Galiza: apuntes para unha enciclopedia”, “O movemento libertario en Galicia (1936-1976)”, “Nacionalismo e anarquismo na Galiza (1840-1940)”, “A primeira resistencia armada ao golpe militar na Galiza (1936-1940)” e “Mulleres libertarias na Galiza: 1891-1976)”.
Foi membro do Comité Científico do Congreso da Memoria (Narón, 2003) e do Congreso da Guerrilla (A Coruña, 2009), integrante do Consello Asesor do Proxecto de Investigación Interuniversitario “As vítimas, os nomes, as voces, os lugares” e foi presidente do Ateneo Ferrolán entre 2014 e 2016.
Sinopse
Desde finais do século XIX a clase traballadora compostelá emprendera un proceso de organización sindical e actividade reivindicativa. Ese roteiro consolidouse a partir da década de 1910 e tivo certo protagonismo na denuncia da represión nos sucesos de Nebra-Porto do Son en 1916 e na folga xeral unitaria de agosto de 1917. O sindicalismo de clase foi así conformándose como o sector popular numericamente máis potente e mellor organizado de Compostela a súa bisbarra.
O sindicalismo compostelán estaba na década de 1920 plenamente consolidado e as sociedades obreiras agrupaban aos traballadores e traballadoras de cada oficio, en que convivían militantes de diversas ideoloxías (anarquistas, socialistas, comunistas, republicanos ou galeguistas). Aos poucos o anarcosindicalismo foi converténdose na tendencia maioritaria do sindicalismo compostelán, até o ponto de que as organizacións obreiras da cidade agrupando a máis dun milleiro de traballadores e traballadoras participaron no artellamento da Confederación Regional Galaica da CNT en 1922.
A represión que seguiu ao golpe militar de Primo de Rivera minguou a forza sindical, aínda que a súa consistencia fixo que durante os anos 1925 e 1926 asumira unha posición central no anarcosindicalismo galego, como sede do Comité da CRG e lugar de publicación do seu voceiro “Solidaridad Obrera”. A ditadura rematou por impedir a publicación do xornal, suspender a actividade das sociedades de canteiros e peóns, e levou ao cárcere aos militantes máis destacados.
O presitxio acadado polos sindicatos anarcosindicalistas na oposición á ditadura facilitou o seu renacemento a partir de 1930. E a reactivación da súa actividade repercutiu na vitoria electoral das esquerdas nas eleccións municipais. Nun novo período de maiores liberdades o sindicalismo compostelán creceu numericamente e liderou algúns dos acontecementos máis relevantes da época. Foi o caso da folga xeral pola paralización das obras do ferrocarril Zamora-Ourense no verán de 1931, coa efémera proclamación da República Galega o 27 de xuño de 1931.
En 1932 os sindicatos da CNT chegaron a ter 1500 persoas afiliadas e a súa influencia estendeuse a localidades próximas como Negreira, Padrón ou Pontecesures. En paralelo producíase un incremento de conflitividade, con paros xerais dun día en xaneiro de 1932, catro en marzo de 1932 pola paralización das obras do ferrocarril, e tres en xuño en solidariedade cos traballadores do naval de Ferrol. Tamén en 1933 a cidade ficou paralizada dous días en maio de 1933 protestando pola lei de orde pública, sete días en outubro en solidariedade cos traballadores e traballadoras do manicomio de Conxo e cinco días en decembro pola folga insurrecional da CNT.
O paréntese do Bienio Negro significou unha alteración total do panorama, mais aínda así o sindicalismo local foi quen secundar o movemento de outubro de 1934. Unha e outra vez os sindicatos demostraran a súa capacidade para intervir na vida local e promover melloras para as clases populares, tendo como ferramenta destacada a folga xeral. Mais tamén o día a día da organización sindical conseguía melloras salariais, redución de xornada, maior seguridade laboral, dignificación do papel da mulleres e máis capacidade de decisión das clases populares. Foi por iso que as forzas da dereita conspiraron para rematar co incremento do poder popular, dando un golpe de estado e mantendo unha ditadura por máis de 40 anos, coa finalidade de borrar calquera rastro de todo aquilo.
Feed RSS
