O venres, 31 de outubro de 2025, ás 20.00h., no Claustro da igrexa de Sar organizamos unha táboa redonda sobre este monumento. Entrada libre até completar aforo.
Participan:
Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago.
Míriam Louzao, concelleira de cultura de Santiago.
Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral de Santiago.
Victoriano Nodar, profesor de Arte Medieval na Universidade de Vigo.
Ramón Yzquierdo, director técnico–conservador do Museo Catedral de Santiago.
O pasado 11 de outubro, a AC. O Galo publicou en NÓS Diario, coa axuda do noso concello, un caderno especial sobre a colexiata de Sar. Nesta táboa redonda, presentaremos este caderno, escoitaremos as breves palabras das autoridades implicadas na realización deste traballo, Ramón Yzquierdo Peiró e Victoriano Nodar, farán unha achega á súa investigación sobre a colexiata de Sar, veremos un interesantísimo audiovisual no que se recrea como era esta igrexa na idade media e entregaremos ás persoas asistentes un exemplar de dito caderno.
Victoriano Nodar é profesor de Historia da Arte Medieval na Universidade de Vigo. A súa investigación, centrada na arte románica de Galicia, materializouse en múltiples publicacións e conferencias. A súa actividade centrouse tamén na xestión cultural sobre todo no campo das exposicións temporais e na asesoría histórica de diversas obras de restauración do noso patrimonio monumental.
Ramón Yzquierdo Peiró é Director técnico – Conservador do Museo Catedral de Santiago e tamén dirixe o MuSar-Museo Colexiata de Sar a través do programa Compostela Sacra. Doutor en Historia da Arte, especializouse en museoloxía, xestión cultural e conservación de bens culturais. A súa actividade investigadora e divulgadora céntrase nas coleccións catedralicias e en aspectos museolóxicos e museográficos, ao tempo que ten sido comisario de múltiples exposicións temporais.
RSS Feed
