O mércores 10 de setembro, ás 18:30h., na libraría Couceiro podereres asistir á palestra-roteiro PLÁSTICA EN SANTIAGO. Mercedes Rozas, historiadora da arte, comisaria de exposicións e crítica de arte, vainos falar do ambiente da vila naqueles intres, nos que bulía con exposicións, conferencias, certames, faladoiros, publicacións... Nese fervedoiro cultural distintas institucións e obradoiros de artistas serven para dinamizar a vida compostelá, espazos onde se exercía a docencia artística e musical, impartíanse conferencias e facíanse exposicións.
Rematada a palestra, ruaremos guiados por ela para coñecer mellor: a Sociedade de Amigos da Arte de Santiago, saber onde estaba o obradoiro de Mariano Tito Vázquez, a casa do estudante Luís Seoane, a imprenta Ánxel Casal, o Gran Café Español….
Como contamos con prazas limitadas, quen desexe asistir debe anotarse en: [email protected] , antes do 9 de setembro ás 12h., indicando nome, apelidos e DI.
Esta actividade forma parte das xornadas SANTIAGO DE COMPOSTELA 1923/1936 que estamos a realizar coa colaboración do Concello de Santiago. O seu programa abrangue historia, cultura, o coñecemento de relevantes personalidades e de espazos e edificios nos que se celebraron ou ocorreron feitos importantes na década elixida. Nos seus contidos prestarase especial atención a evidenciar: como na práctica, Santiago actuaba cal capital de Galiza desde mediados de 1920; os recursos e modos de vida da xente do común; á dinamización por parte de determinados grupos; os cambios na USC; o rol desempeñado pola prensa; como a denominada “historia oral” e as aportacións de escritores e artistas adquire un grande relevo para a recuperación da memoria histórica deste período.
Feed RSS
