VÉNME AO BICO UN CONTO
Todos temos necesidade de escoitar e contar historias, pois é con elas que damos forma á complexidade da vida, restauramos a orde coa imaxinación, compartindo experiencias, escoitando ao outro, criando empatía e recuperando a esperanza no individuo e na comunidade.
O feito de contar e oír historias é, así, unha experiencia única, renovada constantemente pola complicidade entre quen conta e quen escoita.
Miguel Gouveia chega da Figueira da Foz, e trae “no bico un contar”. Un contar que mana da súa boca tan fresco, coa palabra tan viva, como chega a auga á bica da fonte. “Veume á bica un conto” como di Miguel, neste dito portugués é iso mesmo: un momento compartido en que teceremos a medias unha trama feita de palabras e silencios, que fai dos contos unha poderosa ferramenta do pensamento e da imaxinación.
Miguel GouveiaNace tirsense, cun par de costelas durienses, e conta e le en voz alta desde que, en 2001, pequenas criaturas o apelidaran de profesor. En 2008, a medias coa súa cara-metade, crea Bruaá Editora e abandona o ensino para tornarse mestre de obras, dedicándose a tempo enteiro á edición, tradución, lectura en voz alta e narración oral. Como lector sonoro, preséntase en bibliotecas, escolas, librarías, asociacións e festivais cos “Concertos de lectura”, designación prestada do escritor brasileiro Rubem Alves. Mentres, o contador de historias traballa cun repertorio construído en grande parte a partir da tradición oral portuguesa e de recollas persoais. Actualmente é tamén libreiro na Bruaá / Libraría do Convento, en Coimbra, onde ocasionalmente presenta os “Concertos de Lectura” para adultos e sesións de contos para os máis novos. Vive na Figueira da Foz, municipio no que organiza o encontro “Tintim por Tchim-Tchim”, onde os contos se xuntan ao viño. E ben ou mal contado, este conto está acabado.