Composta por 50 obras , Humor para mudar o mundo. Que graza! é un título que recolle moi ben o que pretende o artista, coa súa forza creativa nas súas dúas sentencias: unha primeira, frase en serio e pretensiosa (Humor para mudar o mundo), que logo, na segunda, cunha contestación burleira (Que graza!) rebaixa as ínfulas da primeira parte e lle dá un baño de realidade.
Pepe Carreiro é un dos debuxantes de banda deseñada máis importantes dos últimos 40 anos. Fundador das publicacións Can sen Dono e Xo!, colaborou en xornais como Faro de Vigo, Diario de Galicia, La Voz de Galicia, El Mundo (Galicia) e Xornal de Galicia, e en semanarios e revistas como A Nosa Terra. Está considerado un mestre da síntese expresiva, tanto desde o punto de vista do debuxo como do texto. Neste sentido, encádrase de cheo na tradición do humor gráfico galego inaugurada por Castelao.