A illa de San Simón foi campo de concentración entre 1936 e 1943, en realidade foi un campo de exterminio onde os presos políticos eran asasinados. Alí estiveron máis de 6.000 persoas confinadas nunhas condicións extremadamente duras de fame, frío, enfermidade, tortura e terror, onde se producían a miúdo fusilamentos masivos. A comezos da Guerra Civil os presos viñan maioritariamente das zonas próximas coma Vigo, Pontevedra, Ourense e Vilagarcía de Arousa, posteriormente chegaban de Asturias, León ou do País Vasco.
É todo un símbolo tanto do que supuxo a represión franquista como da resistencia que, pese ao que se acostuma pensar, opuxo o pobo galego ao golpe, así como da solidariedade que, cos presos amosaron moitas persoas da contorna e moi especialmente as mulleres, que lles levaban comida, roupa limpa e consolo.