Intevirán os autores, Damián Porto e Francisco Azurmendi, xunto co apicultor Xesús Asorey, membro do colectivo “máisquemel”. Esta publicación está editada pola Asociación Cultural “Vagalumes” de Tabeirós-Terra de Montes.
No acto faremos tamén unha lembranza da importancia e das características históricas da produción de mel, e por iso quixemos contar coa intervención dun histórico da apicultura galega, coñecedor do pasado, presente e futuro deste sector, como é Xesús Asorey.
Pola tarde, ás 18:15 h. presentarase tamén no auditorio de Soutelo, coa intervención dos autores. Nun acto organizado pola Asociación O Can de San Roque, Alarma de Terra de Montes e A.C.I.B.A.L.
O tema da publicación é o estudo das alvarizas da zona norte da provincia de Pontevedra, abranguendo desde os Concellos de Forcarei até Vila de Cruces e Dozón, pasando por Lalín e Silleda e centrándose fundamentalmente na serra do Candán e no val do río Deza.
A nosa intención para a promoción e difusión da publicación é levar a cabo actividades de presentación e roteiros para visitar esta creación da arte vernácula que debemos coñecer non só pola súa beleza, senón tamén por constituír un vestixio do pasado que cómpre coñecer e comprender. De feito, ese mesmo día terá lugar un roteiro para visitar unha das alvarizas que se mencionan no texto. A saída será desde a aldea da Graña, en Trasdomonte, Forcarei, ás 16:00 h.