DE PRANTOS E CANTOS
Terá lugaro vindeiro 29 de decembro no Museo das Peregrinacións e de Santiago
Para poder asistir hai que anotarse no correo [email protected], antes do 27 de decembro ás 17h., poñendo o nome, os dous apelidos e o nº do DI. As persoas que teñan praza recibirán un email de confirmación.
NOTAS AO PROGRAMA
O programa xira arredor do Pranto da Frouseira. O seu carácter, entre o culto e o tradicional, e a súa métrica de romance serven de escusa ao noso grupo para adaptalo á música dun romance de Juan del Encina, Mi libertad en sosiego. É este un autor que amosou tamén, ao longo da súa obra, grandes dotes para asimilar a poesía de orixe popular. Así, as pezas do concerto de hoxe, escollidas de proxectos aparentemente moi diversos, nos que estivemos a traballar este ano que remata, mesturan tamén, sen solución de continuidade, o culto e o popular. Amosamos así como o carácter modal de moitas das nosas músicas se fusiona con naturalidade con pezas que as precederon en varias centurias.
O texto do pranto, que figura no centro do programa, relata a traizón e posterior axustizamento do mariscal Pardo de Cela. Aparece recollido no Memorial de la Casa de Saavedra, impreso en Granada en 1674 e cuxo autor resulta ser Fernando de Saavedra Rivadeneyra. Hai consenso entre os principais estudosos do asunto (José Antonio Souto Cabo, Xohán Xabier Baldomir Cabanas ou Xosé Ramón Pena, entre outros) en que o romance é unha falsificación no tocante á súa cronoloxía. É dicir, non data de comezos do século XVI, como pretende o seu autor, senón que sería composto a propósito en 1674, co obxectivo de xustificar diante do rei Carlos II, os ascendentes nobiliarios do autor, entre os que figuraba Pardo de Cela. Sexa como for, desde a súa divulgación no século XIX, que iniciou Benito Vicetto ao incluílo na súa novela Los hidalgos de Monforte (1851), o romance ten cobrada xusta fama pola transcendencia, para a historia de Galiza, dos feitos que nel se relatan.
O Pranto da Frouseira ven acompañado no concerto, por outros dous prantos medievais directamente vinculados co Reino de Galiza. Estes dous prantos son unha pequena escolma das pezas que formaron parte, recentemente, dun concerto incluído no proxecto Laudatio Funebris, de a Central Folque, merecedor dun primeiro premio no certame “Fondos de proxectos culturais Reino de Galiza” da Deputación da Coruña.
O primeiro dos prantos é o planh máis antigo conservado en occitano, composto polo trobador Cercamon en memoria de Guillerme X de Aquitania († 1137), falecido durante unha peregrinación a Compostela ou, segundo indica o propio pranto, quizais na mesma cidade. O propio Cercamon é un dos primeiros troubadours occitanos coñecidos, só precedido no tempo polo pai de Guillerme X, isto é, Guillerme IX (1071-1126). O segundo é un dos dous prantos que Pero da Ponte dedica á morte dos pais de Afonso IX “O Sabio”, Fernando III e Beatriz de Suabia. Están escritos en pleno século XIII, o período de máximo esplendor da literatura trobadoresca galego-portuguesa, da que Pero da Ponte, con 53 textos conservados, é un dos máis prolíficos representantes. Escoitaremos no concerto o que lamenta o pasamento de Fernando III († 1252), fillo de Afonso VIII de Galiza e León.
Entreverando estas pezas de carácter fúnebre, atopamos diversas pezas de música tradicional galega que formaron parte do programa que tivemos ocasión de interpretar no pasado mes de setembro, dentro do “Segundo serán galego en Viena”, un espazo que pretende propiciar o encontro entre as culturas galega e austríaca, organizado conxuntamente polos festivais ViertelBarock (Viena) e Espazos Sonoros (Galicia). Se o ano pasado conmemorouse a obra da poeta coruñesa Luísa Villalta, desta volta púxose o foco na música e na lingua galegas, para celebrar e recoñecer os valores da poesía popular transmitida a través da oralidade de xeración en xeración.
Daquela, incluímos en primeiro lugar unha “muiñeira”, neste caso interpretada con violín, reproducindo así a versión que tocaba o famoso Florencio López, o chamado “cego dos Vilares”, en referencia ao seu lugar de orixe, na montaña galega. Florencio foi un dos últimos violinistas cegos itinerantes de Galicia, e del se conservan diversas gravacións fonográficas, e tamén en vídeo (xa nos últimos anos da súa vida). Despois desta introdución instrumental, poderemos escoitar un romance, recollido nunha das primeiras compilacións de música tradicional galega, o cancioneiro de Casto Sampedro. Non resulta sinxelo trazar a orixe destes romances, mais podemos supoñer que o pobo se inspirou, recolleu e transformou romances coñecidos das máis diversas procedencias, ademais de crear os seus propios. O precedente do Romance de Bernaldino e Sabeliña é un lai bretón medieval. Máis adiante no programa, escoitaremos tamén outro romance o do Cego Andante ou tamén chamado Romance do Conde Alberto, con temática de carácter cabaleiresco. Mais antes, interpretaremos instrumentalmente unha Cantiga de Santa María, do rei Alfonso IX “O Sabio”, proba, como xa dixemos, do ben que combinan repertorios aparentemente tan distantes no tempo.
Cara o final do programa escoitaremos a versión á gaita dunha fermosa cantiga popular, que preludia unha peza tradicional, que goza na actualidade de merecida fama: O ferreiro vai fóra. Consérvanse varias letras recollidas en diversos puntos de Galicia e, como sucede con tantas outras pezas do repertorio, aínda que as letras e as rimas coinciden, as músicas non sempre o fan. Neste caso xuntamos textos recollidos en dous puntos bastante distantes da xeografía galega como son Xove, na costa norte de Lugo, e Baleira, na montaña desa mesma provincia. A melodía neste caso, será a que se interpretaba en Xove, e non a de Florencio. E remata o programa cun canto de carácter comunal, Lévoche no corazónhe, con carácter alegre e de festa, como corresponde á celebración do encontro e amizade entre veciños que enxalza a peza, e que aquí queremos tamén celebrar.
Grupo de Música Antiga 1500
Feed RSS
