Na conferencia, Antón Santamarina, falaranos dos cancioneiros populares galegos e dos seus compiladores, desde o Padre Sarmiento, quen no s. XVIII xa lles presta atención e atribúe un papel principal ás mulleres tanto na creación das súas letras como das súas melodías. Tamén nos falará de eruditos que posteriormente recolleron milleiros de cantigas, como os galegos Manuel Rico Verea, Xosé Luis Rivas e Baldomero Iglesias, do americano Alan Lomax ou da suíza Dorothé Schubarth, coa que traballou o propio Antón Santamarina.
Na visita guiada ao APOI, Concepción Losada amosaranos este arquivo accesible a toda a cidadanía, que custodia gravacións orais e musicais e datos para situar os nosos cancioneiros tradicionais no seu contexto sociocultural.
Breve historia dos cancioneiros galegos
O interese pola lírica popular vén de vello. A mediados do sé. XVIII o Padre Sarmiento (1695-1772) pon por primeira vez a atención nesta poesía anónima, na que atribúe un papel principal ás mulleres tanto na creación de letras como de melodías. Hai despois de Sarmiento ao longo dos séculos XIX e XX outros eruditos ou afeccionados que recolleron cantigas entre eles o Padre Sobreira (1746-1805), Saco y Arce (1835-1881), Marcial Valladares (1821-1903), José Casal y Lois (1845-1912 e outros. Domingo Blanco reuniu na súa tese A poesía popular en Galicia (1745-1885) (ed. en Xerais) todo o que atopou disperso, publicado ou inédito, ata esa data, que son varios milleiros de cantigas.
En 1886-1887 aparece por primeira vez un cancioneiro que intenta ser xeral de toda Galicia, o de José Pérez Ballesteros Cancionero popular gallego y en particular de la provincia de La Coruña, 3 vols. promovido pola Sociedad del Folklore Gallego, fundada en 1884. Despois foron aparecendo outros cancioneiros, en xeral restrinxidos a territorios pequenos (A Maía, a illa de Ons, a Limia Baixa, a Terra Chá etc.). Aproveitando materiais dalgúns deste cancioneiros fixo Cabanillas unha fermosa antoloxía comentada, Antífona da cantiga (1951), o primeiro libro de Galaxia.
O interese pola música popular apareceu máis tarde, en especial cando comezaron a aparecer orfeóns, a semellanza do que ocorría en Cataluña e noutras partes de Europa pola mesma época. O primeiro foi foi o Orfeón Coruñés (1875) que dirixiu P. Veiga, despois veu Aires da Terra en Pontevedra (1883) fundado por Perfecto Feijoo, e pouco máis tarde o Orfeón lucense (1888) fundado por Juan Montes. Todos recollían melodías e harmonizábanas e ían facendo un arquivo con elas. Con estes coros entraba por primeira vez a música popular galega nos escenarios e pouco despois nos discos.
Un gran paso deuse cando, por iniciativa de Casto Sampedro y Folgar (1848-1937), se iniciou a compilación dun cancioneiro musical xeral de toda Galicia. Sampedro era el mesmo musicólogo e transcribiu moito pero ademais contou coa colaboración de moitos músicos de toda Galicia o ferrolán Ramón Arana (Pizzicato), o pontevedreses V. Said Armesto, o franciscano (madrileño) Luís Fernández Espinosa (radicado en Pontevedra) o estradense M. Valladares, o lugués Xoán Montes e moitos outros. Os interesados na nómina completa (entre eles máis de 30 anónimos) poden vela na tese de Xavier Groba González, Casto Sampedro e a música do cantigueiro galego de tradición oral descargable na internet (https://dialnet.unirioja.es/servlet/tesis?codigo=127129).
Outro paso importante foi dado polos musicólogos Eduardo Martínez Torner (1888-1955), asturiano, e o lugués Jesús Bal y Gay (1905-1993); a obra estaba en curso cando foi interrompida pola Guerra.
Unha mostra das nosas cantigas e melodías xa se incorporara tamén a cancioneiros españois, entre eles o de José Inzenga (1828-1891) Cantos y bailes populares de España (1888) ou ao de Felipe Pedrell (1841-1922) Cancionero musical popular español (1922).
Pasada a Guerra Civil houbo outros colectores de música popular galega. Un deles foi o burgalés Pedro Echevarría Bravo (1905-1990) que, entre os anos 1951-1960 realizou para Instituto Español de Musicología, do CSIC, oito misións folclóricas en Galicia. Estes materiais están aínda inéditos pero dispoñibles no Fondo de Música Tradicional da Institució Milà i Fontals (https://www.imf.csic.es/)
Houbo outros recompiladores de folclore galego, entre eles un americano chamado Alan Lomax (1915-2002). Cunha bolsa de estudo que lle forneceu a BBC no ano 1952 (novembro e decembro) estivo en España e froito daquela viaxe foron ó ano seguinte oito discos (Folksongs of Spain) un deles dedicados a Galicia. O arquivo Lomax é consultable en rede (https://archive.culturalequity.org/).
A partir de 1978 comeza en Galicia o traballo de compilación dun Cancioneiro popular galego (1984-1995) obra da musicóloga suíza Dorothé Schubarth (1944-2023) da que é colaborador o autor destas liñas.
Paralelamente ou posteriormente ao Cancioneiro de Schubarth seguiron aparecendo cancioneiros con partituras en xeral referidos a áreas ou temas concretos; entre eles o de Manuel Rico Verea (1990); Xosé Luis Rivas Cruz & Baldomero Iglesias (1998); Carlos Iglesias Borrajo e Ana Rosa Morán (1997 e 2002); e varias de Xosé Luís Foxo (2003, 2005, 2007, 2016 e 2019.
Antón Luís Santamarina Fernández
San Martín de Suarna, A Fonsagrada, 1942. É lingüista especializado no ámbito da lexicografía e ten realizado tamén numerosas achegas no ámbito da gramática, a sociolingüística, a dialectoloxía e a didáctica. Os seus traballos contribuíron a afondar no coñecemento do estado da lingua e das súas variantes, así como ao establecemento da súa actual forma culta. Catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela, onde desenvolveu toda a súa carreira académica, é membro do Instituto da Lingua Galega (ILG), do que foi director. É membro dos seminarios de Lexicografía e Onomástica da Real Academia Galega e coordina este último desde o ano 2019.
Importancia da dixitalización na culltura. O exemplo do APOI do Nuseo do Pobo Galego
Grazas a dixitalización, indexación e posta a disposición on-line do material orixinal gravado fai décadas podemos seguir escoitando aos maiores, podemos empregar as súas voces e os seus instrumentos como fonte para nos recrear, para continuar creando e manter un patrimonio vivo.
Os cambios do modo de vida producidos neste último século trouxeron consecuencias no facer, no saber facer e mesmo no proceso de aprendizaxe social, de transmisión da cultura. Cando, por exemplo, desapareceron as tarefas artesanais colectivas, seguramente marchou con elas a necesidade de harmonizar o ritmo físico de traballo, e tamén a necesidade de cantar ó traballar.
E cando a xente deixou de cantar e facer música por sí, quedamos tamén sen xente que ensinara a aqueles que están arredor, tal e como se aprendía de vello. Coa chegada da radio, televisión, discos,... apareceu ou incrementouse a produción e distribución de música profesional. A música e o canto pasaron a nacer nas latas e as latas poden ser producidas e distribuídas desde moi lonxe, en calquera sitio do mundo: Industria manda.
Os novos e os vellos seguimos a gozar da música que nos acompaña do berce ao cadaleito. A diferencia mírase en onde está aquela persoa que escoitamos, quen é, de onde ven, onde e como aprendeu a cantar ou a tocar, por que e como chegou a cantar para nos.
Os nosos mozos e mozas corean a artistas de todo o mundo e a globalización ten aspectos moi positivos pero, cando escoitamos falar da riqueza dunha globalización intercultural, teriamos que nos parar a pensar que imos ofrecer (a esa interculturalidade que nos propoñen) se non temos nada de noso que aportar.
Podemos deixar correr a vida e non nos cuestionar a perda dos nosos referentes na música e no canto. Mesmo pode desaparecer a nosa cultura como desapareceron tantas outras na historia da humanidade. Pero non queremos que iso pase.
Dixitalizar os rexistros sonoros de voz e música e as gravacións audiovisuais asegura a permanencia do material gravado mais aló da degradación dos soportes perecedoiros nos que foi almacenada fai décadas. Ademais, ofrece un modo mais axeitado de incorporar o tratamento deses rexistros a bases de datos. Nelas poden establecerse relacións directas das gravacións con gran cantidade de outros datos (ou metadatos) para que poidamos facer buscas do que desexamos con criterios complexos, facer comparacións por áreas xeográficas ou temporais (por exemplo: buscar cantigas de mulleres de Lugo anteriores a 1975...), consultar os sons acompañados das letras, de fotografías, da bibliografía que exista en relación con elas etc.
No Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) gardamos e poñemos a disposición das persoas (presencialmente e no noso sitio web http://apoi.museodopobo.gal/ ) os rexistros sonoros orixinais de música tradicional galega e patrimonio oral de Galicia que alberga o Museo do Pobo Galego. Estes fondos foron recollidos por todo o país (e nas terras de emigración) a centos do informantes, por coleccionistas e compiladores que nolos cederon, e continúan crecendo ata o día de hoxe.
Para cultivar fan falta sementes. O símil da semente do patrimonio herdado, do aprendido dos maiores como base sobre a que asentar o presente e o futuro dunha cultura, está ben establecido na literatura e mais na vida. Se perdemos as sementes, perderemos a posibilidade de cultivar, de producir e de seguir coa cadea de gardar para ter colleita nova, ... e facer país.
Este texto foi escrito por Concha Losada Vázquez, para o boletín electrónico de PuntoGal.