No cerne do que hoxe presentamos está unha obra absolutamente singular da lirica galega, o ciclo das sete cantigas de amigo de Martin Codax. A singularidade destes poemas reside, sobre todo, en dous feitos. O primeiro deles nace de seu, no mesmo proceso creativo, e ten que ver coa súa extraordinaria calidade literaria. O segundo é un feito sobrevindo, causado polo paso do tempo, amais doutras infelices circunstancias, que fixeron que, durante moito tempo, fosen as únicas cantigas profanas en galego medieval, dun corpus de máis de mil catrocentas, que conservarían tamén a súa música orixinal, música que non chegou aos nosos días. Só ao seren atopadas, no ano 1990, sete cantigas de amor con notación musical do rei Don Dinis, en estado moi fragmentario, reduciuse levemente esta severa carencia da nosa lírica. O feliz e xa célebre descubrimento de Pedro Vindel, no ano 1914, nas gardas dun libro de Cicerón, do pergamiño que leva agora o seu nome, permítenos gozar destas preciosas miniaturas. A nosa interpretación, como se explicará, contempla os sete poemas coma un ciclo que constrúe un metarelato, no cal os sete poemas deben ser interpretados de seguido, segundo a hipótese do profesor Giuseppe Tavani. Tras anos facendoo deste xeito, experimentado ao vivo o transitar polas emocións concentradas que a letra e a música destas sete pequenas marabillas transmiten en tan perfecta simbiose, podemos acreditar certamente na verosimilitude da proposta de Tavani.
Grupo de Música Antiga 1500