Miguel García-Fernández
é licenciado en Historia, coas especialidades de Historia Medieval e Historia Moderna, con grado e mestrado en Estudos Medievais Europeos pola USC. Tras ser bolseiro e contratado predoutoral na Área de Historia Medieval da USC, bolseiro do Corpus Documentale Latinum Gallaeciae no Centro Ramón Piñeiro e contratado como Técnico Superior de Apoio á Investigación no Instituto da Lingua Galega, incorporouse como parte do persoal técnico de investigación ao Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento no 2020.
A súa principal liña de investigación é a historia social das mulleres, especialmente en relación coa historia medieval de Galicia, ampliando os seus intereses cara á historia social do poder e o estudo do patrimonio documental galego.
Respecto das súas investigacións sobre a historia das mulleres medievais galegas, ademais de realizar a súa tese de licenciatura sobre “As mulleres nos testamentos galegos da Idade Media”, actualmente está a piques de depositar a súa tese de doutoramento sobre “Mulleres e cultura escrita na Galicia medieval (séculos XII ao XVI)”.
Por outra parte, é membro colaborador do Instituto de Estudos Medievais (FCSH - Universidade Nova de Lisboa), colaborador externo do Instituto da Lingua Galega (Universidade de Santiago de Compostela) e secretario editorial de Murguía. Revista Galega de Historia.
Ten participado en diferentes congresos nacionais e internacionais, e publicado arredor dun centenar de traballos en diferentes revistas e obras colectivas, apostando tamén polas tarefas de divulgación e transferencia do coñecemento histórico.
Entre as súas publicacións máis recentes podemos citar: “A pegada documental da Balteira histórica: unha revisión crítica” (2025), “Fontes documentais da Galicia medieval para o profesorado en formación: materiais para a inclusión da perspectiva de xénero na Educación Secundaria a partir do EGPA” (2025), “Os pergamiños de Manuel Murguía (I). Documentación medieval de Santa María de Sobrado” (2024-2025) ou “Tres «novos» pergamiños de Afonso VII referidos a Galiza” (2024) ou “O final do casal Limia-Seixas: a sentenza de anulación matrimonial de dona Xoana Vázquez das Seixas e Fernan Eanes de Limia (1398)” (2023), xunto a Ricardo Pichel; ou “Realidades señoriales en el ámbito doméstico: objetos cotidianos de mujeres con poder en el Noroeste peninsular (siglo XV)” (2024), xunto a Pablo S. Otero Piñeyro Maseda.
A elas súmanse outras publicacións como a coautoría da monografía Mulleres medievais. Textos e imaxes na lírica galego-portuguesa (USC, 2023) ou a coordinación do monográfico de Murguía. Revista Galega de Historia “As mulleres na Galiza medieval” (2023).
A nivel divulgativo tamén publicou recentemente os capítulos “Dona Beatriz de Castro” e “Dona Xoana de Castro” en Personaxes da Galiza medieval III, Santiago de Compostela, A. C. O Galo, 2024, así como as guías didácticas para público infantoxuvenil: Frei Martín Sarmiento (2023) e O Seminario de Estudos Galegos (2024), xunto a Jeniffer Fernández González e María Rivo e publicadas pola Editorial CSIC.
Por outra parte, foi asesor histórico da Historia da Galicia pequeniña, de César Cequeliños e Jorge Campos, colaborou coa Radio Galega desenvolvendo unha sección sobre Historia das mulleres (https://www.agalegaaudio.gal/videos/category/19857-miguel-garcia-fernandez-mulleres-da-historia), asesorou xunto a Ricardo Pichel o proxecto “A letra do Reino: A tipografía histórica do Reino medieval” (https://aletradoreino.gal/), participou en proxectos audiovisuais como “Falemos do Reino de Galicia” (https://www.youtube.com/@falemosdoreinodegalicia) e actualmente tamén colabora co proxecto de GCiencia “Raíñas de Galicia” (https://www.gciencia.com/rainas/).
Alén da súa faceta como historiador, desenvolve tarefas de mediación cultural desde o seu “Bookstagram” (@lectureo) especializado en literatura galega, fundamentalmente en literatura infantil e xuvenil e é vogal de Bibliotecas e Redes sociais de Gálix. Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil.
A exposición
Organizada polo Consorcio de Santiago, propón unha revisión do papel desempeñado polas mulleres da liñaxe Moscoso na sociedade compostelá entre os séculos XIII e XV, integrando investigación, documentación histórica e recursos gráficos contemporáneos.
A visita comezará cunha contextualización xeral do tema, levándonos a unha Compostela baixomedieval que destacou como cidade episcopal, burguesa e nobiliaria, mais tamén como un espazo habitado, percorrido e gobernado por mulleres, afastándose dunha visión exclusivamente masculina do poder urbano. A partir deste marco e de animar a unha revisión global do período medieval, afastándoo dos tópicos e prexuízos aínda existentes e moitas veces divulgados, explicarase a consolidación da liñaxe Moscoso e das súas redes de parentesco, subliñando a relevancia das alianzas familiares, matrimoniais e institucionais na construción do poder señorial e urbano.
Ao longo do percorrido, o comisario fará fincapé especialmente no papel das Moscoso como axentes activas, capaces de posuír, administrar e transmitir os seus propios patrimonios, de actuar en diversos negocios xurídicos, de exercer titorías, outorgar testamentos ou de participar en conflitos políticos e señoriais. A análise dos patrimonios femininos, tanto urbanos como rurais, tamén permite comprender a dimensión económica e social do poder feminino na Idade Media, alén dos estereotipos tradicionais.
Un dos eixos centrais da visita será a presentación de figuras concretas, entre as que destacaron dona Xoana de Castro, protagonista de diversos conflitos señoriais a mediados do século XV; a súa filla dona Urraca de Moscoso, muller con intensa actividade xurídica e documental, casada cun dos líderes da revolta irmandiña; ou dona Aldonza de Acevedo, a coñecida condesa de Altamira, cuxa traxectoria vital e tráxico final ilustran tamén os límites e tensións do poder feminino. A visita guiada tamén insistirá na importancia das relacións entre estas mulleres e a cultura escrita, a mesma que ofrece testemuño da súa relevancia familiar e pública e na que descubriremos as sinaturas femininas, os libros de contas, os inventarios de bens ou os testamentos como fontes privilexiadas para reconstruír se non as biografías destas mulleres cando menos si as súa plena integración nas redes sociais e económicas do seu tempo.
Outro aspecto a destacar é a importancia da memoria funeraria e pétrea das Moscoso, q atopamos desde a Catedral de Santiago até Santo Domingo de Bonaval, onde se conservan sepulcros e vestixios monumentais que permiten rastrexar a construción simbólica da súa memoria persoal e familiar no espazo urbano compostelán.
Por outra parte, a visita guiada deterase tamén nos materiais gráficos da exposición, salientando o conxunto de ilustracións de Héitor Picallo, xunto ás doutras creadoras como Laura Romero, María Montes ou Nuria Díaz, que cooperan a subliñar o patrimonio pétreo, heráldico e monumental vencellado ás Moscoso e ao conxunto das mulleres medievais galegas, contribuíndo a facer máis accesíbel e visual o discurso histórico que reintegra ás mulleres no seu seo.
O percorrido concluirá cunha reflexión final sobre a memoria, o legado historiográfico e a necesidade de darlle visibilidade a referentes femininos historicamente silenciados, subliñando como a investigación histórica, a divulgación, entre as que incluímos as mostras públicas, poden colaborar á reconstrución dun imaxinario medieval máis plural, complexo e rigoroso, incluso afrontando novos desafíos como os da IA. A visita aspira a converterse así nun exercicio de diálogo entre fontes, espazo urbano e público, reforzando o valor social da historia das mulleres na Galicia medieval.
Feed RSS
