Día, hora e duración: Mércores, 25 de marzo, ás 19:15h. Aprox. 95 minutos.
Lugar: No oratorio S. Felipe Neri (edifico de S. Martiño Pinario. Éntrase pola porta do museo, situada entre a praza da Inmaculada e a rúa da Moeda Vella.
DAVID CHAO CASTRO (O Carballiño, 1974) é Doutor en Historia da Arte pola USC, coa tese "Iconografía regia en la Castilla de los Trastámara" no ano 2005. Bolseiro FPU entre 1999 e 2001. Realizou estadías de investigación no Arquivo Histórico Nacional e no Instituto de Historia do CSIC en Madrid, na Universidade Bordeaux III, no CNRS de París e na Universidade de Lisboa. Desde 2001 é profesor do Departamento de Historia da Arte da USC, sendo na actualidade profesor Contratado Doutor. As súas liñas de investigación oriéntanse á Historia da Arte Medieval, con especial interese pola iconografía rexia baixomedieval, e o románico e gótico de Galicia, atendendo a cuestións de lexitimación, devoción, liturxia e promoción. Autor de numerosas publicacións entre libros, capítulos, artigos en diversas revistas, fichas catalográficas e publicacións breves; tamén de conferencias, relatorios e comunicacións en congresos e simposios, estatais e internacionais. Participou en varios proxectos de investigación. Participa en grupos de traballo de carácter patrimonial polos estudos previos e seguimento dos proxectos de conservación e restauración de obras, varios deles relacionados coa Catedral de Santiago nos últimos anos.
A ARQUITECTURA ROMÁNICA DA CATEDRAL DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
Comezada cara 1075, a catedral románica de Santiago de Compostela foi concibida para substituír á vella basílica prerrománica de Afonso III na custodia do vello mausoleo cos restos do apóstolo e os seus dous discípulos, Teodoro e Atanasio. A súa monumentalidade foi prevista desde a súa primeira fase construtiva, desenvolvida polos mestres Bernardo o vello e Roberto baixo o episcopado de Diego Peláez. A partires de 1092 as obras xa continuarían baixo a dirección do mestre Esteban (ata 1100), alongándose polas décadas seguintes, cando ocupou a cátedra o bispo-arcebispo Diego Xelmírez (1100-1140). E desde 1168 o proxecto do remate occidental sería modificado e dirixido polo mestre Mateo, responsable da magnificencia do Pórtico da Gloria. Deste xeito, en 1211 puido levarse a cabo a solemne consagración daquela catedral iniciada algo máis de 135 anos atrás, celebrando a terminación dun monumental "relicario" pétreo co que sublimar a meta sagrada; ao fin e ao cabo tratábase do santuario de peregrinación máis importante do Medievo europeo.
Nesta ocasión fixaremos unha detida atención na propia fábrica catedralicia, de maneira complementaria á documentación conservada. Porque o propio edificio é quen de transmitirnos a súa esencia compositiva, o seu valor iconográfico e a súa finalidade espiritual, Ao tempo, nesta análise levaremos a cabo as pertinentes comparacións con outras igrexas tradicionalmente consideradas modélicas, como Sainte-Foy de Conques ou Saint-Sernin de Toulouse, entre outras.
En calquera caso, por riba de cuestións formais e estruturais, interesaranos abordar o espazo arquitectónico desde a óptica funcional, cerimonial e litúrxica, e en cuxa configuración se detecta unha profunda carga simbólica. De tal maneira que poida ser entendida a catedral románica de Santiago como a resposta material a unhas necesidades cultuais e devocionais. Pero tamén coma o sublime artefacto pétreo chamado a suscitar a admiración duns fieis e peregrinos que, tras un longo e dificultoso camiño, achaban os anhelados restos do apóstolo Santiago custodiados por semellante marco edilicio. Como ben sinalou cara a 1130 o anónimo autor do Libro V do Codex Calixtinus:
"Nesta igrexa, en fin, non se atopa ningunha greta nin defecto; está admirablemente construída, é grande, espazosa, clara, de convinte tamaño, proporcionada en anchura, lonxitude e altura, de admirable e inefable fábrica, e está edificada dobremente, como un pazo real. Quen por arriba vai a través das naves da tribuna, aínda que suba triste anímase e alégrase ao ver a espléndida beleza deste templo".
Feed RSS
