Facendo Cultura en Compostela desde 1961
O Galo
  • Novas
  • Actividades
    • Servizos
  • Arquivo
    • Fotográfico
    • Documental
  • Faite soci@

un ollo de vidro

25/10/2025

0 Comentários

 
Fotografia
       UN OLLO DE VIDRO. MEMORIAS DUN ESQUELETE
Desde 2023, Galiza Cultura promove a celebración do Samaín popularizando a obra de Castelao, Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (Ed. Céltiga, 1922). O esqueleto protagonista relátanos as súas memorias, que recollen as peripecias dunha existencia máis alá da morte, sobre o mundo dos vivos.
O vindeiro 3 de novembro, ás 20:00 h, o Teatro Principal será o escenario onde esta historia cobre vida. A montaxe conta coa participación de membros da Coral de Solfa de Santiago e da Agrupación Cultural O Galo, baixo a adaptación e dirección de Lucho Penabade. O acceso é libre até encher o aforo.
A través da mirada dese esqueleto, “soterrado nun cemiterio de cidade pero moi atento ao que acontece fóra”, o público poderá rir, reflexionar e recoñecerse nas situacións que Castelao retrata: as loitas labregas, o drama da emigración, o caciquismo ou a defensa do idioma galego… Temas que, máis dun século despois, continúan plenamente vixentes.
Como sinala Manuel Rei Romeu, en Desta terra e deste tempo, “Castelao anímanos a desentrañar as chaves e leitmotivs dun universo simbólico que conduce a unha toma de conciencia e a unhas conclusións sobre o mundo dos vivos.”
Esta representación ofrece ao público a oportunidade de achegarse á obra e ao pensamento de Castelao desde unha perspectiva viva e simbólica, perfecta para celebrar o Samaín cunha reflexión cultural e histórica.
Agrademos ao Concello de Santiago todo o seu apoio e a súa disposición para que esta obra se represente en Compostela.
0 Comentários

SANTA MARÍA DE SAR.TÁBOA REDONDA

24/10/2025

0 Comentários

 
Fotografia
                                   SANTA MARÍA DE SAR 
O venres, 31 de outubro de 2025, ás 20.00h., no Claustro da igrexa de Sar organizamos unha táboa redonda sobre este monumento. Entrada libre até completar aforo.
Participan:
Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago.
Míriam Louzao,  concelleira de cultura de Santiago.
Daniel Lorenzo,  director da Fundación Catedral de Santiago. 
Victoriano Nodar, profesor de Arte Medieval na Universidade de Vigo. 
Ramón Yzquierdo, director técnico–conservador do Museo Catedral de Santiago.
 
O pasado 11 de outubro, a AC. O Galo publicou en NÓS Diario, coa axuda do noso concello, un caderno especial sobre a colexiata de Sar. Nesta táboa redonda, presentaremos este caderno, escoitaremos as breves palabras das autoridades implicadas na realización deste traballo, Ramón Yzquierdo Peiró e Victoriano Nodar, farán unha achega á súa investigación sobre a colexiata de Sar, veremos un interesantísimo audiovisual no que se recrea como era esta igrexa na idade media e entregaremos ás persoas asistentes un exemplar de dito caderno.

Victoriano Nodar é profesor de Historia da Arte Medieval na Universidade de Vigo. A  súa investigación, centrada na arte románica de Galicia, materializouse en múltiples publicacións e conferencias. A súa actividade centrouse tamén na xestión cultural sobre todo no campo das exposicións temporais e na asesoría histórica de diversas obras de restauración do noso patrimonio monumental. 
Ramón Yzquierdo Peiró é Director técnico – Conservador do Museo Catedral de Santiago e tamén dirixe o MuSar-Museo Colexiata de Sar a través do programa Compostela Sacra. Doutor en Historia da Arte, especializouse en museoloxía, xestión cultural e conservación de bens culturais. A súa actividade investigadora e divulgadora céntrase nas coleccións catedralicias e en aspectos museolóxicos e museográficos, ao tempo que ten sido comisario de múltiples exposicións temporais. 

0 Comentários

urraca de galiza

18/10/2025

0 Comentários

 
Fotografia
A AC. O Galo organiza a palestra  URRACA DE GALIZA , que impartirá Diana Pelaz o vindeiro martes, 28 de outubro de 2025, ás 19.30h., na Libraría Couceiro. A entrada é libre até encher o aforo.

Diana Pelaz Flores é profesora titular de Historia Medieval na Universidade de Santiago de Compostela, institución á que está vinculada dende finais do ano 2017. Previamente, estivo adscrita ás Universidades de Valladolid e Zaragoza, onde desenvolveu as súas primeiras etapas de investigación. A súa investigación céntrase particularmente no estudo do poder feminino a través do caso das raíñas consortes na Coroa de Castela. A súa tese de doutoramento centrábase no estudo da rexinalidade durante o reinado de Xoán II de Castela, da man das súas esposas, as raíñas María de Aragón e Isabel de Portugal, dende onde continuou abordando ese labor investigador cara outros reinados e cronoloxías. Ten feito estadías de investigación nas Universidades de Bolonia, Lisboa y París I-Sorbonne, ademais de ter participado como relatora en congresos e seminarios en Inglaterra, Francia, Italia, Portugal, Suecia, Dinamarca, Suíza, México ou Arxentina. Conta con diversas publicacións, entre elas catro monografías, centradas no estudo do papel da auga no cerimonial cortesán, a Casa da raíña, o señorío e a vinculación co espazo das mulleres da familia real e o percorrido da figura das raíñas consortes na Coroa de Castela, entre os séculos XI e XV.

O reinado de Urraca de Galiza atopouse nun momento de gran complexidade a nivel político, tanto dentro como fóra da Península Ibérica. A nivel exterior, trátase dun momento especialmente delicado, en tanto que apenas existían precedentes de gobernos femininos, inda que tampouco códigos legais que contradixesen esta posibilidade. A diferencia doutras figuras femininas que tamén puxaron por (ou lograron) facerse co poder que lles correspondía como herdeiras dos dereitos ao trono dos seus país, o exemplo de Urraca é especialmente significativo, por ser a primeira do seu tempo en asumir as responsabilidades do poder político.
A situación do Reino de León na Península Ibérica tamén reviste unha gran singularidade, por tratarse dun conglomerado señorial que integra reinos cunha tradición e identidade propias, como é a do Reino de Galicia, territorio especialmente vinculado con dona Urraca, mesmo antes de que aspirara a facerse co control do conxunto do territorio. Con motivo da súa voda co conde Raimundo de Borgoña, dona Urraca recibiu como dote Galicia, na que se instalou xa como muller casada para coñecer e administrar os seus territorios señoriais, o que lle permitiu tecer redes pero tamén participar en conflitos, como o choque coa súa medio irmá, dona Teresa, quen tiña recibido o condado de Portugal de mans do seu pai, Afonso VI; enfrontarse á poderosa Casa dos Traba, a principal liñaxe galega, receosa das aspiracións do segundo home de Urraca: o rei Afonso I de Aragón; e, finalmente, desafiar á outra das grandes figuras do seu tempo: o arcebispo de Santiago Diego Xelmírez.
Precisamente a relación con este último foi unha das cuestións máis turbulentas do momento, no que se entrecruzaron os intereses que cada un deles representaba, xa fose a Coroa ou os intereses señoriais do arcebispo. A súa influencia e autoridade converteron a Xelmírez nun dos principais conselleiros do que sería despois Afonso VII, aquel coñecido como “imperator totius Hispaniae”, fillo de dona Urraca coa que tamén mantivo unha complicada relación, en boa medida pola capacidade de Xelmírez para atraelo aos seus intereses. Monarquía e Igrexa, pero tamén as súas concepcións do poder facían desta relación un dos enfrontamentos máis interesantes do seu tempo, que amosa algunhas das complicacións ás que a raíña Urraca tivo que facer fronte para manterse no trono e salvagardar a súa visión da autoridade rexinal.
0 Comentários

residencias ou lugares de traballo de persoas relevantes

15/10/2025

0 Comentários

 
Fotografia
A AC. O Galo organiza esta visita guiada  dentro das xornadas de recuperación e visibilización da memoria histórica Santiago 1923/1936.
Título do roteiro: Residencia ou lugar de traballo de persoas relevantes. Santiago 1923-1936.
Data e hora de comezo: Sábado, 18 de outubro de 2025 ás 12h.
Punto de encontro: Rúa Carreira do Conde nº 14.
Explicacións: Antonia Pérez 
Para asistir compre apuntarse en [email protected]  antes do 17.10.2025 ás 24h., poñendo nome, apelidos e n.º do DI.
1º Parada: Rúa Carreira do Conde nº 14.
2ª Parada: Rúa Xeral Pardiñas nº 14.
3ª Parada: Rúa do Horreo nº 53.
4ª Parada: Rúa do Hórreo nº 96.
5ª Parada: Rúa Fonte de S. Antonio nº 6 e nº 8.
6ª Parada: Rúa Virxe da Cerca nº 11 e nº 29
7ª Parada: Casa Reais n.º 13.
8ª Parada: Rúa Acibechería nº 5..
9ª Parada: Rúa Preguntoiro  nº 9 e nº 36,
10ª Parada: Rúa Cardenal Payá nº 18..
11ª Parada: Rúa do Vilar nº 73. 
0 Comentários

xoana de castro versus catalina de fonseca

10/10/2025

0 Comentários

 
Fotografia
O vindeiro martes, 14 de outubro, na libraría Couceiro ás 19:30h., teremos o pracer de escoitar a Miguel García-Fernández na palestra titulada Dona Xoana de Castro versus Dona Catalina de Fonseca: mulleres con poder nos conflitos composteláns do século XV.

Na Compostela do século XV, os intensos conflitos entre a nobreza e a burguesía contra o poder arcebispal permitiron que algunhas mulleres acadasen un notable protagonismo na vida política do reino medieval de Galicia. Entre elas destacaron dona Xoana de Castro e dona Catalina de Fonseca, cuxas traxectorias ilustran dous exemplos do exercicio do poder e da axencia das mulleres nun contexto de tensións, violencias e negociacións, que tamén se documenta noutras cidades galegas, como sucedeu pouco antes na cidade de Ourense co caso de dona Beatriz de Castro. Así, os seus casos, unidos a outros de maior fortuna historiográfica como sucede con María Castaña para a terra lucense no séc. XIV, permiten cuestionar as imaxes que, tanto no ámbito da investigación como da divulgación, continúan a asociarse á vida, papel e protagonismo das mulleres no seo da sociedade medieval e, nomeadamente, en relación á conflitividade do seu tempo.
Dona Xoana e dona Catalina simbolizan dous rostros do poder feminino medieval: a rebelde que desafía a autoridade eclesiástica no marco das reivindicacións e loitas dos intereses propios das liñaxes nobiliarias do seu tempo e a mai episcopal que defende a lexitimidade do señorío do seu fillo, adquirindo un papel capital á cabeza dunha das institucións máis androcéntricas do momento, como era a Catedral de Santiago. Ambas romperon coas marxes tradicionais de xénero, deixando unha pegada apenas perceptible nas crónicas, pero viva nos documentos e memorias que rescatan as súas voces. O seu enfrontamento non só foi político, senón tamén representativo dunha pugna máis ampla entre a rebeldía e a lexitimidade, entre a resistencia urbana e o poder señorial, e entre dúas mulleres que, desde bandos opostos, demostraron que na Galicia do século XV tamén as mulleres podían exercer o poder e a palabra.

​Miguel García-Fernández é licenciado en Historia, coas especialidades de Historia Medieval e Historia Moderna (2011), con grado (2012) e mestrado en Estudos Medievais Europeos (2012) polaUSC. Tras traballar na USC, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e no Instituto da Lingua Galega (2019-2020), incorporouse como parte do persoal técnico de investigación ao Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC-Xunta de Galicia) no 2020. Por outra parte, é membro colaborador do Instituto de Estudos Medievais (FCSH - Universidade Nova de Lisboa), colaborador externo do Instituto da Lingua Galega (Universidade de Santiago de Compostela) e secretario editorial de Murguía. Revista Galega de Historia.
A súa principal liña de investigación é a historia social das mulleres, especialmente en relación coa historia medieval de Galicia, ampliando os seus intereses cara á historia social do poder e o estudo do patrimonio documental galego. Neste último aspecto, actualmente é codirector, xunto a Ricardo Pichel, do Escritorio Galego-Portugués Antigo (EGPA), e de varios proxectos de multiedición dixital.
Ten participado en diferentes congresos nacionais e internacionais, e publicado arredor dun centenar de traballos en diferentes revistas e obras colectivas, apostando tamén polas tarefas de divulgación e transferencia do coñecemento histórico, e proximamente depositará a súa tese de doutoramento sobre “Mulleres e cultura escrita na Galicia medieval (séculos XII ao XVI)”, na USC.
0 Comentários

SANTA MARÍA A REAL DE SAR

8/10/2025

0 Comentários

 
Fotografia
O sábado, 11 de outubro, nun caderno especial de  NÓS DIARIO publicamo SANTA MARÍA A REAL DE SAR. Do medievo ao século XXI a través da museoloxía e a tecnoloxía dixital, obra de Victoriano Nodar e Ramón Yzquierdo Peiró.
0 Comentários

    Arquivos

    Outubro 2025
    Setembro 2025
    Julho 2025
    Junho 2025
    Maio 2025
    Abril 2025
    Março 2025
    Fevereiro 2025
    Janeiro 2025
    Dezembro 2024
    Novembro 2024
    Outubro 2024
    Setembro 2024
    Julho 2024
    Junho 2024
    Maio 2024
    Abril 2024
    Março 2024
    Fevereiro 2024
    Janeiro 2024
    Dezembro 2023
    Novembro 2023
    Outubro 2023
    Setembro 2023
    Julho 2023
    Junho 2023
    Maio 2023
    Abril 2023
    Março 2023
    Fevereiro 2023
    Janeiro 2023
    Dezembro 2022
    Novembro 2022
    Outubro 2022
    Setembro 2022
    Julho 2022
    Junho 2022
    Maio 2022
    Abril 2022
    Março 2022
    Fevereiro 2022
    Janeiro 2022
    Dezembro 2021
    Novembro 2021
    Outubro 2021
    Setembro 2021
    Julho 2021
    Junho 2021
    Maio 2021
    Abril 2021
    Março 2021
    Fevereiro 2021
    Outubro 2020
    Maio 2020
    Março 2020
    Fevereiro 2020
    Janeiro 2020
    Dezembro 2019
    Novembro 2019
    Outubro 2019
    Setembro 2019
    Julho 2019
    Junho 2019
    Maio 2019
    Abril 2019
    Março 2019
    Fevereiro 2019
    Janeiro 2019
    Dezembro 2018
    Novembro 2018
    Outubro 2018
    Setembro 2018
    Julho 2018
    Junho 2018
    Maio 2018
    Abril 2018
    Março 2018
    Fevereiro 2018

    RSS Feed

    Imagen
    Imagem
    A Deputación da Coruña colabora coa concesión de subvencións, para que sexa posíbel a organización dalgunha destas actividades.

Com tecnologia Crie um website único com modelos personalizáveis.