Facendo Cultura en Compostela desde 1961
O Galo
  • Novas
  • Actividades
    • Servizos
  • Arquivo
    • Fotográfico
    • Documental
  • Faite soci@

INEQUIVOCAMENTE

29/6/2026

0 Comentários

 
Fotografia
Unha vez máis a nosa asociación colabora co festival Atlántica, que este ano inclúe o espectáculo INEQUIVOCAMENTE no que actúan os contacontos Antonio Fontinha, e Amaia Elizagoieu. Para poder asistir compre anotarse en  comunicacion@ogalo.gal antes do 29.06.2026 ás 18h.
Lugar: Xardíns do CSC Maruxa e Coralia.
data e hora: mércores 1 de xullo, ás 21h.
0 Comentários

Scórpio: compostela e Carvalho Calero

23/6/2026

0 Comentários

 
Fotografia
O vindeiro  martes, 30 de xuño de 2026 ás 19:30h, comezando na Praza de San Martiño Pinario, faremos o roteiro  SCÓRPIO: COMPOSTELA E CARVALHO CALERO. Guiarao X.R. Lopéz Boullón, un dos estudosos da obra de Ricardo Carvalho Calero.  O percorrido, con catro paradas, seguirá a narración de Scórpio relacionándoa coa actividade de Carballo cando estudaba na USC.
O obxectivo é achegarnos a unha historia colectiva nun período comprendido entre dous golpes de estado (1923-1936), coincidentes coa fundación e a desaparición do Seminario de Estudos Galegos. Supón, adentrarnos na vida das e dos escolares, nas súas relacións,  sentirmos os seus devezos, as súas emocións, o seu soño, nun tempo de sementeira nos eidos cultural, social e político.

Compre anotarse en comunicacion@ogalo.gal antes do 29.06.2026 ás 18h.


Scórpio: Compostela e Carvalho Calero
Scórpio foi, e non dubido que aínda é, unha proposta poliédrica e polifónica pois velaí como, desde a rica multiplicidade de voces narrativas abeirada á estrutura de saga, nela conflúen elementos de diversa filiación transformándose nun artefacto que se converte, no fondo, nunha novidosa mestura aquilatada de novela histórica e memorial -pioneira dalgún xeito de tantas pezas que viñeron despois pois remite ao período que vai de 1910 a 1938-, autobiográfica, heterobiográfica e nalgunha medida realista e xeracional tamén.
                         Arturo Casas, Ex umbra in solem, Fugas, La Voz de Galicia, 2 de novembro de 2020.
 
Pasear Compostela, un século despois do ingreso de Ricardo Carvalho Calero na Universidade, a un ano de celebrar o corenta aniversario da edición de Scórpio é rememorar a súa figura, o seu compromiso universitario, intelectual e político. Revivir a crónica daqueles anos, o relato da súa propia vida, a súa mocidade, caracterizada polo seu signo zodiacal, “nos aspectos positivos do seu carácter, pola afouteza, a tenacidade, a forza de vontade, a actitude reservada pero cortés, o sentido crítico e a sensibilidade” (Villanueva, 2020).
O obxectivo é achegarnos a unha historia colectiva nun período comprendido entre dous golpes de estado (1923-1936), coincidentes coa fundación e a desaparición do Seminario de Estudos Galegos. Supón, adentrarnos na vida das e dos escolares, nas súas relacións,  sentirmos os seus devezos, as súas emocións, o seu soño, nun tempo de sementeira nos eidos cultural, social e político.
Con tan só catro paradas o tránsito pola Compostela de Scórpio, serao tamén polo espello da xeografía vital de Carvalho; partindo do primeiro lugar que o acolle cando ingresa na Universidade, no barrio de San Martiño, un espazo afectivo, gravado na súa memoria; onde coñeceremos como era a cidade, na altura.
A segunda paraxe, a Praza da Universidade é o lugar capital da acción, na acrópole da cultura, o espazo referencial, eixe sobre o que pivota a trama, onde Ricardo atopou unha ampla formación académica, vital e intelectual, mais o compromiso coa sociedade e coa propia institución; aspirando a que esta fose moderna e galega.
Logo faremos un alto nas Praterías, no contexto do galeguismo  e do advento da República, tras fitar a ollada na sé do SEG, á Ferradura e a Rúa do Vilar, espazos recorrentes e transcendentes no devir daquela época.  As Praterías e A Quintana son dúas prazas simbólicas que nos convidan a facer unha pausa poética.
E o ramo poñerémolo na Praza do Obradoiro, espazo que concitou a ilusión e a esperanza ao ser proclamada a II República. O traxecto pola democracia e o soño roto. O drama desta xeración e as lembranzas da vida en Santiago na nostalxia dos estudantes, combatentes, na Guerra Civil, onde o principal protagonista atopa a morte.
                                                                                                                      Xosé Ramón López Boullón


​XOSÉ RAMÓN LÓPEZ BOULLÓN
Profesor de Lingua galega e literatura galega no ensino secundario, en Santiago de Compostela.
Docente de cursos de lingua galega, linguaxe administrativa, xurídica e especialización para Mestres en diferentes institucións: DXPL, EGAP, Escola de Práctica Xurídica, USC, Concello de Santiago (1992-2002).
Asesor, corrector e supervisor lingúístico: responsable do Gabinete de Normalización Lingüística da Federación de Empresarios do Barbanza, TVG, Editorial Compostela S.A. no Grupo Correo Gallego, técnico lingüísta no Parlamento de Galicia) e, linguista no xornal Galicia Hoxe. (1993-2002).
Tradutor, nos citados xornais, na Sociedade de Desenvolvemneto Comarcal, CRTVG e outras entidades (1999-2000).
Formador de Formación continua na TVG (1999-2000).
Bolseiro e técnico do Proxecto Toponimia de Galicia (2002-2007).
Relatorios e publicacións salientables: Retallos dunha época ( artigo semanal no Galicia Hoxe); A conservación da toponimia (Galicia Hoxe, 2000); Toponimia en Santiago, un núcleo urbano no mundo rural (I Congreo Frei Martin Sarmiento, 2002); elaboración do xogo didáctico aTOPando Compostela (2010); os paseos “de que falam as rúas de Compostela” (Gentalha do Pichel, 2013);  Didáctica da toponimia ( Xornadas de toponimia no ensino, 2019); A toponimia de Ames ( RaG, Colección Terra Nomeada, 2019); A  Compostela de Scórpio, a Compostela de Ricardo Carvalho Calero (2019).
Actividade socio-cultural: secretario da Asociación de Veciños Casco Antigo (1993-1994); vogal da Coordinadora de Traballadoras/es de Normalización linigua galega (CTNL) (1999-2004),(2023-2025); membro da Asociación Galega de Onomástica (AGon), desde o ano 2000; socio da Asociación Cultural O Galo. 

0 Comentários

cambedo 1946

21/6/2026

0 Comentários

 
Fotografia
A AC. O Galo, como membro da Rede Cultural da Lusofonía, convídavos á representación da peza teatral CAMBEDO 1946, que corre a cargo do grupo portugués Teatro de Balugas. Nela escenifícase a acollida de guerrilleiros galegos pol@s habitantes desa aldea e o bombardeo que a aviación franquista efectuou sobre ela, malia a oficialmente ser territorio luso. Entrada libre até encher.
Lugar: Centro Sociocultural de Santa Marta.
Data e hora:  sábado, 27 de xuño, ás 19h. 
0 Comentários

o gótico na catedral de santiago

11/6/2026

0 Comentários

 
Fotografia
O vindeiro xoves, 18 de xuño, ás 19:15h., no oratorio S. Felipe Neri (edifico de S. Martiño Pinario. Éntrase pola porta do museo), para clausurar o ciclo Iconografía e Arquitectura na Catedral de Santiago de Compostela, s. XI-XV,  a Catedrática de Historia da Arte na USC Marta Cendón impartirá a palestra “O gótico na catedral de Santiago”. O Acto rematará cunha visita guiada por esta profesora ao interior da catedral. Deste xeito completaremos o que antes nos explicou e amosou en imaxes durante a súa palestra.  A entrada é libre até encher o local.

O GÓTICO NA CATEDRAL DE SANTIAGO
Con frecuencia, os estudos sobre a catedral compostelá centráronse na fábrica románica, ou ben, no Barroco, omitindo os aspectos referentes ás realizacións durante o Gótico. Iso vén motivado, alén de por a brillantez das obras dos devanditos períodos, pola perda que sufriron as construcións realizadas na parte final do medievo, enmascaradas, en boa parte, tras as transformacións posteriores.
Hai una serie de obras xa góticas, que continúan os presupostos dos talleres mateinos, como reflicten os restos do panteón rexio ou a imaxe do apóstolo que preside o altar maior. Xunto a elas comeza a desenvolverse un gótico próximo ao que desde Francia calara nas catedrais máis relevantes de Castela, como Burgos, Toledo e sobre todo León, e que cronoloxicamente coincide co arcebispado de D. Xoán Arias (1238-1266).  Tamén cabe destacar as obras realizadas  en relación con outros arcebispos como o dominico francés D. Berenguel de Landoira (1317-1330), D. Lope de Mendoza (1400-1445), membro dunha das liñaxes mais destacadas na Castela da época, pechando o gótico a actividade desenvolvida polo dous primeiros Fonseca, en especial D. Afonso de Fonseca e Acevedo (1464-1507).
Realmente o que se levou a cabo durante o Gótico, foron remodelacións de certas zonas, como a cabeceira, o pazo episcopal, o claustro, diversas fortificacións e, sobre todo, capelas privadas vinculadas ao mecenado de arcebispos, nobres ou burgueses que trataban de ser lembrados polas súas contribucións á catedral.

MARTA CENDÓN FERNÁNDEZ é Catedrática de Historia da Arte na USC. Realizou a tese de doutoramento sobre Iconografía funeraria do bispo na Castela dos Trastámara.
Entre os seus libros destaca A catedral de Tui en época medieval. Así mesmo, publicou diversos artigos e capítulos de libros sobre a catedral de Tui, a imaxe da nobreza na Idade Media galega, a escultura funeraria de bispos, e outros temas enmarcados sempre no medievo: a idea da morte, e aspectos iconográficos vinculados coa natureza, a vida cotiá, a muller, peregrinación, haxiografía, e devocións.
articipou en múltiples congresos, cursos e simposios en España, Portugal, Francia, Marrocos, Brasil, Uruguai e Arxentina.
Por outra banda, foi membro de diversos proxectos de investigación sobre temas tan variados como as catedrais galegas na Idade Media ou “Lexitimación do poder, correntes relixiosas e prácticas de piedade na coroa de Castela, séculos XII-XV”. En 2021 coordinou o proxecto titulado “Santiago taumaturgo: textos e imaxes”, dentro dos “Proxectos de investigación, difusión e didáctica sobre ou camiño de Santiago e as peregrinacións”.
É membro de diferentes  grupos de investigación e comisións: IACOBUS,  CISPAC, Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia.
É Presidenta do “Instituto de estudos tudenses”, membro da Real e Pontificia Academia Auriense Mindoniense de San Rosendo, así como da Société Nationale des Antiquaires de France como «correspondant étranger ».

0 Comentários

Portais historiados da catedral de santiago

1/6/2026

0 Comentários

 
Fotografia
 “Portais historiados da catedral de Santiago”  é a seguinte palestra do ciclo Iconografía e Arquitectura na Catedral de Santiago de Compostela, s. XI-XV, organizado pola nosa asociación. A entrada é libre até encher o local.
Esta palestra será impartida por Manuel Antonio Castiñeiras González, catedrático de Historia da Arte Medieval na Universitat Autònoma de Barcelona O Acto rematará cunha visita de 15 minutos, guiada por este profesor ao interior da catedral compostelá. Deste xeito completaremos o que antes nos explicou e amosou en imaxes durante a súa palestra.  
Día, hora e duración: martes, 9 de xuño, ás 19:15h. Aprox. 95 minutos. 
Lugar:  No Salón de Actos do Museo do Pobo Galego

Manuel Castiñeiras é actualmente catedrático de Historia da Arte Medieval na Universitat Autònoma de Barcelona, onde traballa como docente e investigador desde 2010, e presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago desde 2022. Anteriormente foi conservador e xefe da Colección de Arte Románica do Museu Nacional d’Art de Catalunya (Barcelona) (2005-2010), así como profesor titular de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela (1997-2005).
Entre os seu méritos internacionais, cómpre salientar que foi Visiting Professor no Department of History of Art da University of Pennsylvania (EE. UU) (2012) e na Pontificia Universidade Católica de Goiás (Brasil) (PUC Goiás, 2024, 2026), Foi tamén Fellow da Japan Society for the Promotion of Science (JSPS) na Nagasaki Junshin Catholic University (Xapón) (2012), e Samuel H. Kress Senior Fellow no Center for Advanced Study in the Visual Arts (CASVA) na National Gallery de Washington (EE. UU), durante o ano académico 2017-2018.
É un recoñecido estudoso da arte románica, tanto no ámbito peninsular como en Europa, con importantes traballos sobre monumentos senlleiros como a catedral de Santiago, Ripoll, Conques, Cremona, etc. Nos últimos anos expandiu o seu campo de estudo a temas do Mediterráneo Medieval, a peregrinación a Terra Santa e os contactos con Bizancio, con importantes estudos sobre os códices iluminados bizantinos conservados en España. Entre as súas publicacións destaca: El calendario medieval hispano, 1996; El Pórtico de la Gloria, 1999; A vieira en Compostela, a insignia da peregrinación xacobea, Santiago, 2007; Galicia e os Camiños de Santiago, Xunta de Galicia, 2016, reed. 2025). Foi comisario de grandes exposicións internacionais como: O románico e o Mediterráneo. Cataluña, Toulouse e Pisa, 1120-1180, MNAC, 2008;  Compostela e Europa. A historia de Diego Xelmírez, París, Roma, Santiago, 2010, e Sant Pere de Rodes i el Mestre de Cabestany. La creació d’un mite, MNAC, 2026.
 
​​Os portais historiados da catedral de Santiago -a desparecida Porta Francíxena e a Porta das Praterías-, que foron levados a cabo entre 1101 e 1111/1112, constitúen a máxima expresión da que ten sido chamada “arte xelmiriana”. Estas fachadas esculturadas compostelás supuxeron un gran salto cara a diante con respecto ás experiencias previas dos obradoiros activos no Camiño de Santiago a finais do século XI e constitúen un punto de referencia ineludible da arte europe daqueles tempos. 
Tanto a Porta Francíxena como Praterías son froito do obradoiro internacional que entón traballaba en Compostela grazas, en parte, ás viaxes emprendidas polo bispo Diego Xelmírez en 1100 e 1105 por terras galas e italianas, que facilitaron tanto a contratación de artistas como o acceso privilexiado a modelos. Compostela converteuse así nun centro creativo e internacional do románico pleno, no que se coñecían as novidades que se estaban a levar a cabo na Porta Miègeville de Tolosa (1100-1105), no Portal Occidental de Conques (ca. 1100), en  Cluny III, na catedral de Módena (1099-1106) e mesmo na Roma papal do renacemento paleocristián. 
De feito, moitas das peculiaridades tipolóxicas (porta bífora con relevos), temáticas (apostolados, teofanías, repertorios profanos) e programáticas (exaltación da vita apostolica, condena dos vicios) das fachadas compostelás derivan de monumentos galos. Do mesmo modo, a experiencia italiana de Xelmírez e os seus acompañantes está na base do uso das imaxes como “escritura para iletrados”, o gusto pola narración e a cita á tradición paleocristià romana. 
Como resultado, as fachadas compostelás desenvolveron uns programas figurativos e iconográficos de tipo orixinal e vangardista, nos que se sintetizaban as diversas experiencias derivadas da arte dos camiños de peregrinación e se facía explícita a adherencia de Compostela á emerxente arte da reforma greogriana. 
0 Comentários

    Arquivos

    Julho 2026
    Junho 2026
    Maio 2026
    Abril 2026
    Março 2026
    Fevereiro 2026
    Janeiro 2026
    Dezembro 2025
    Novembro 2025
    Outubro 2025
    Setembro 2025
    Julho 2025
    Junho 2025
    Maio 2025
    Abril 2025
    Março 2025
    Fevereiro 2025
    Janeiro 2025
    Dezembro 2024
    Novembro 2024
    Outubro 2024
    Setembro 2024
    Julho 2024
    Junho 2024
    Maio 2024
    Abril 2024
    Março 2024
    Fevereiro 2024
    Janeiro 2024
    Dezembro 2023
    Novembro 2023
    Outubro 2023
    Setembro 2023
    Julho 2023
    Junho 2023
    Maio 2023
    Abril 2023
    Março 2023
    Fevereiro 2023
    Janeiro 2023
    Dezembro 2022
    Novembro 2022
    Outubro 2022
    Setembro 2022
    Julho 2022
    Junho 2022
    Maio 2022
    Abril 2022
    Março 2022
    Fevereiro 2022
    Janeiro 2022
    Dezembro 2021
    Novembro 2021
    Outubro 2021
    Setembro 2021
    Julho 2021
    Junho 2021
    Maio 2021
    Abril 2021
    Março 2021
    Fevereiro 2021
    Outubro 2020
    Maio 2020
    Março 2020
    Fevereiro 2020
    Janeiro 2020
    Dezembro 2019
    Novembro 2019
    Outubro 2019
    Setembro 2019
    Julho 2019
    Junho 2019
    Maio 2019
    Abril 2019
    Março 2019
    Fevereiro 2019
    Janeiro 2019
    Dezembro 2018
    Novembro 2018
    Outubro 2018
    Setembro 2018
    Julho 2018
    Junho 2018
    Maio 2018
    Abril 2018
    Março 2018
    Fevereiro 2018

    Feed RSS

    Imagen
    Imagem
    A Deputación da Coruña colabora coa concesión de subvencións, para que sexa posíbel a organización dalgunha destas actividades.

Com tecnologia Crie um website único com modelos personalizáveis.